Granxa Ameixeira, paso de intensivo a ecolóxico e proxecto para comercialización directa do leite

Eva Rodríguez está á fronte desta gandería familiar de Dordaño, en Cesuras, que decidiu cambiar por completo o seu modelo produtivo e busca agora chegar co seu produto ao consumidor

AMEIXEIRAS (Cesuras) Eva2Malia aos avances producidos no réxime de cotitularidade, as explotacións galegas nas que está á fronte unha muller son aínda minoría. A de Eva Rodríguez é unha delas. Ubicada na parroquia de Dordaño, en Cesuras (hoxe Oza-Cesuras trala fusión municipal), Granxa Ameixeira mudou nos últimos anos a súa filosofía cara a un proxecto máis sustentable vinculado á terra e que agora queren facer chegar ao consumidor.

A gandería sufriu desde o ano 2015 unha transformación desde o modelo intensivo ao extensivo, reducindo o número de animais e incrementando a superficie de pasto, e buscando na certificación ecolóxica unha diferenciación para o seu leite no mercado.

Eva fixo Relacións Laborais pero cando acabou de estudar decidiu dar continuidade á gandería do seu pai

Até o momento venden a súa produción á industria, pero a intención é envasar e comercializar directamente unha parte do seu leite para chegar con el á cidade da Coruña e o seu entorno metropolitano. Sería o xeito de culminar a transformación emprendida e de valorizar o seu produto, que vén de ser recoñecido cun dos premios Exceleite pola súa calidade hixiénico-sanitaria.  

De intensivo a extensivo

“Eu incorporeime á actividade agraria no ano 2000 prexubilando ao meu pai e despois de pasar por unha fase pro-intensivo no ano 2013 empecei a cuestionarme ese modelo, ata que no 2015 solicitei a certificación do Craega para dar o paso a ecolóxico”, conta Eva, que explica o proceso que levou de redución do número de cabezas. 

No ano 2000, cando Eva colleu o relevo do seu pai, muxía 25 vacas. No 2008 xuntouse cuns veciños e pasaron a 85 animais en produción. Agora pretende estabilizarse en 40

“As instalacións, tanto a nave como a sala de muxido, que ten 12 puntos, están sobredimensionadas, porque eu veño dunha SC con outros tres veciños na que chegamos a muxir aquí 85 vacas. Pero cando eu me quedei coa granxa, decidín cambiar a maneira de producir. É a terceira vez que cambio de tanque, pero para baixo, por un de menos litros, ao contrario do que fan todas as explotacións”, explica.

As macrogranxas e a PAC

“Estou indignada con toda esta polémica que se montou polas declaracións de Garzón, pero non polo que dixo Garzón, porque eu estou de acordo. E en Francia e noutros países europeos están opinando o mesmo. Pero eu penso que está habendo un problema de conceptos, xa que non están quedando claros. Por exemplo, habería que definir ben o que é unha macrogranxa, de que tamaño falamos, porque en Galicia non hai ningunha. Desde ese punto de vista non sei por que nos pareceu mal o que dixo porque en Galicia hai granxas intensivas pero non se poden chamar macrogranxas, xa que detrás delas normalmente están familias e non empresarios alleos ao sector que saben moi pouco ou nada da nosa actividade”, asegura.

Eva o que critica é a falta de coherencia entre as declaracións e as actuacións do Goberno. “Ademais de falar Garzón debería tamén facer, porque como ministro de Consumo podería facer moito se quixese, xa para empezar diferenciando o produto no mercado, o producido en intensivo do producido doutro xeito. Falta moita información ao consumidor e moitas veces temos que ser os produtores os que nos vemos obrigados a facer esa labor”, di.

É a terceira vez que cambio de tanque, pero non para mercar un máis grande, que é o que fai todo o mundo, senón para reducir o tamaño

Outro tanto ocorre, di, coa percepción da agricultura e a gandería como un sector subvencionado por parte da sociedade. “Equivocámonos na maneira de explicar a PAC. A denominación da PAC como axudas ou subvencións é errada, porque realmente é unha compensación polo traballo que estamos facendo de coidado do medio ambiente, do rural e do sector primario, e somos nós os primeiros que lle chamamos mal. Europa realmente danos eses cartos porque lle estamos facendo un traballo que doutro xeito lle custaría moito máis diñeiro. Entre outras coudas, sen a nosa actividade apagar os lumes custaría moitísimo máis, así que realmente estámoslle aforrando cartos a Europa”, argumenta.

O paso a ecolóxico

AMEIXEIRAS (Cesuras) pastoreoGranxa Ameixeira fixo no ano 2017 a conversión a ecolóxico logo do período de 2 anos de transición. Parte da culpa da transformación da explotación tívoa o nacemento de Xiana, a filla de Eva, que agora ten 7 anos. “Foi o detonante para dicir: hai que darlle un cambio a isto, porque o planeta que quero deixarlle é outro distinto”, lembra.

Con ese convencemento, Eva e o seu home, Germán, comezaron o proceso de cambio. “Había moito mito de que a nivel burocrático era un lío pasarse a ecolóxico e que había que cumprir moitos requisitos, pero non foi para tanto, para nós foi doado, tan só tiveramos que empezar a estrar con palla unha zona na que teño as becerras, na que hai parrillas. Non foi problema ningún, ao contrario, agora están moito mellor alí as xatas do que estaban antes, porque non saquei as parrillas, así que o líquido marcha por elas para o pozo e están sempre moi enxoitas e ao mesmo tempo fago esterco para abonar as fincas”, explica. “E o cambio a pastoreo foi moi sinxelo, despois de facer os oportunos peches nas parcelas, porque os propios animais saían encantados e felices”, engade.

Germán, o home de Eva, faleceu no 2016 como consecuencia dun golpe dunha xata

Germán, o home de Eva, traballaba na Casa Grande de Xanceda, polo que xa tiña experiencia no manexo do gando en ecolóxico. O seu soño era montar unha granxa ecolóxica familiar, pero parte desas expectativas víronse truncadas en febreiro de 2016 cando Germán faleceu logo de recibir un golpe dunha xata un día que estaba axudando a Eva na explotación. Aquel golpe foi un verdadeiro pau. Mais Eva decidiu continuar co proxecto sen o apoio e a axuda de Germán pero coa determinación de seguir co camiño emprendido, coma unha homenaxe cara el e tamén por facelo unha realidade para a súa filla. 

Cruzamentos en busca de máis graxa e proteína

Fan cruzamentos con parda alpina, roja sueca, jersei, montbeliard e fleckvieh

Inseminan con parda alpina, roja sueca, jersei, montbeliard e fleckvieh

Partindo dunha cabana 100% frisona Eva comezou a facer cruzamentos buscando por un lado animais máis rústicos capaces de aproveitar mellor o pasto e, ao mesmo tempo, mellorar as porcentaxes de graxa e proteína do leite. “Estou experimentando, teño feito cruces con parda alpina, con jersei, con rojo sueco, con fleckvieh e ultimamente con montbeliard. Polo de agora estou facendo só F1, logo non volvo cruzar”, indica.

“O cambio de modelo produtivo, tanto no relativo a alimentación como a manexo diario e tamén na estratexia de inseminación, noteino moito a nivel sanitario. Os veterinarios veñen a inseminar e pouco máis, problemas clínicos case non temos”, asegura.

Están por baixo das 150.000 células e 10.000 bacterias nas análises do Ligal

Esa mellora do estado do rabaño tivo tamén o seu reflexo na calidade hixiénico-sanitaria do leite. Granxa Ameixeira vén de ser recoñecida cun dos premios Exceleite, un galardón que distingue a aquelas explotacións galegas que destacan polos baixos niveis de células somáticas e bacterias do seu leite nas medias dos análises que realiza o Ligal. “Fun finalista nos dous anos anteriores e neste recibimos o premio de prata. En bacterioloxía estamos sempre por baixo dos 10.000 xermes e en células non chegamos ás 150.000”, explica Eva.

“Eu achaco estes bos resultados á regularidade, é dicir, a non facer cambios no manexo nin na alimentación. As vacas están cómodas, tanto no pasto como aquí na nave, porque non están apretadas e están ben alimentadas. Logo á hora de muxir non facemos nada especial ou distinto, só usamos un selador que é puro iodo e procuramos que a sala estea ben, con todos os mantementos e coidados necesarios”, indica.

Alimentación a base de herba

A maiores do pasto, suplementan con herba fresca no pesebre

A maiores do pasto, suplementan con herba fresca no pesebre

A alimentación das vacas está baseada na herba fresca, tanto a que pacen elas mesmas na pradeira como a que lles traen das fincas máis alonxadas para suplementar no pesebre. No inverno empregan tamén silo de herba pero a idea que teñen é ir reducíndoo tamén no posible. “Traballamos moito máis a herba seca que o silo de herba, niso si que facemos moito fincapé, en lograr unha herba seca de moi boa calidade, para combinala coa herba en verde”, conta.

“O meu obxectivo é tratar de prescindir o máximo posible de insumos externos. O que lles estou dando de penso non chega aos 200 gramos por vaca e día e a idea aínda é baixar máis”, detalla. Empregan penso ecolóxico Ecofeed, que lles sirve Campoastur.

De maio a setembro as vacas en produción están día e noite fóra e as fincas máis alonxadas que pacen están a 1,2 km do establo

Na primavera e o verán as vacas en produción están día e noite fóra, xa que á tardiña, unha vez muxidas, volven para o prado. No inverno, dormen habitualmente no establo, máis por non machacar tanto as pradeiras que polo feito en si de que durman fóra. “Máis que a climatoloxía, condicióname sobre todo o feito de non estropear as pradeiras porque iso supón retrasar a produción de herba da primavera”, asegura Eva.

Coñecer os gastos, esencial para unha boa xestión económica

Zona de recría da gandería

Zona de recría da gandería, que lles está a permitir medrar sen ter que mercar animais

Eva está asesorada por Xan Pouliquén e pon o énfase na importancia de entender a actividade gandeira hoxe en día como calquera outra actividade económica, tendo información detallada sobre os custos como único xeito de levar un control efectivo da granxa.

“Eu a cada nutrólogo que viña sempre lles dicía: a min tédesme que dicir cal é a relación exacta entre o penso que lles dou ás vacas e o beneficio que obteño”, di. O mesmo para a adquisición de maquinaria: “Hai que botar ben os cálculos da amortización da maquinaria e moitos gandeiros deberían preguntarse se realmente necesitan un tractor de 150 cabalos para a súa explotación ou se o que realmente precisan é un tractor máis pequeno e versátil que ademais non compacta tanto as terras porque pesa menos”, argumenta.

Traballamos moitísimo en saber para onde se vai cada céntimo que cobramos polo leite

Baixo esa mesma óptica de xestión empresarial pretende acadar o tamaño xusto para aproveitar mellor os recursos dispoñibles e maximizar os ingresos sen necesidade de máis man de obra ou outros gastos. “Teño bastante recría, unhas 20 becerras neste momento, que me sobran para repoñer baixas porque agora preciso moitísimas menos que cando estaba en intensivo, e vanme permitir medrar un pouquiño, pero sempre en base á superficie que teña”, insiste.

O obxectivo que Eva persegue co aumento da cabana é lograr un pequeno incremento de ingresos para que tanto o seu salario como o de Antonio, un veciño que ten contratado, se poidan ver mellorados. “Queremos estabilizarnos nunhas 40 vacas en muxido todo o ano, o que significaría ter unhas 50 reprodutoras máis ou menos”, detalla.   

Baixada de 2 céntimos e medio no prezo do leite

Sala de muxido da explotación, de 12 puntos

Sala de muxido, de 12 puntos, ampliada no 2008, cando a explotación producía en intensivo

Granxa Ameixeira entrega o leite a Lactalis, a quen llo vendía xa antes de pasarse a ecolóxico no 2017. Está a cobrar o leite a 46 céntimos, logo de que no último contrato (renovou no mes de agosto) lle baixaran 2,5 céntimos, algo que Eva considera un sensentido, dado que a demanda de leite ecolóxico aumentou a raíz da pandemia.

O meu pai vendía a Pascual e logo pasaramos a Río antes de comezar con Lactalis

A produción media é duns 400 litros diarios e acabou o ano 2021 cun volume total de 185.000 litros producidos. Ao longo do ano móvese nunhas porcentaxes de graxa que oscilan entre o 3,85 e o 3,90 e con niveis do 3,10% de proteína. “Non estou cunhas calidades moi altas, é un deber pendente”, recoñece.

“Estame costando un pouco instaurar ben o raigrás nas fincas nas que están pacendo as vacas e lograr unha boa combinación de variedades nas pradeiras. Teño que mellorar iso para poder subir as calidades. Tamén o podería facer co penso, pero non é o que quero”, explica.

Venda directa sen intermediarios

Entrada á granxa, onde un letreiro deixa claro o carácter loitador de Eva

Entrada á granxa, onde un letreiro deixa claro o carácter loitador e optimista de Eva

O proxecto que agora Eva quere emprender, o seu novo soño, é o de comercializar o seu propio leite ecolóxico pasteurizado. Foi seleccionada pola Fundación Juana de Vega para participar no seu programa de Emprendemento Rural, o que lle está a axudar no proceso de deseño e posta en marcha do plan de empresa.

“Estou aínda moi en pañais, aínda que era unha idea que tiña xa desde fai anos, de feito xa me presentara no ano 2015 pero naquela ocasión non pasara da primeira fase. Logo a idea quedou un pouco en stand by por todo o que aconteceu e porque sempre o vas deixando por centrarte en atender a granxa, ademais de pola cuestión económica e de man de obra que require”, recoñece.

A única maneira de que se valore en condicións o noso produto é levándoo ás casas e explicando a calidade que realmente ten

Pretende repartir nun radio de 25 quilómetros desde a granxa, o que lle permitiría chegar á cidade da Coruña e á súa área metropolitana, que coincide tamén coa zona da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo e Mariñas Coruñesas, onde Granxa Ameixeiras xa consta como marca de calidade. “A comercialización é algo que realmente quero facer eu para non depender de outros, igual que no tema dos pensos, tratando de ser o máis autosuficiente posible en todo, tanto na alimentación do gando como na venda do leite, porque estou vendo que a única maneira para que se valore en condicións o noso produto é vendéndoo nós directamente, eliminando intermediarios, levándoo ás casas e explicando o valor que realmente ten”, asegura.  

“As axudas deberían dirixirse cara a base territorial das explotacións e non cara a maquinaria e as naves”

Veñen de mercar un tractor e un autocargador a través dun Plan de Mellora

Veñen de mercar un autocargador a través dun Plan de Mellora para traer herba das fincas alonxadas

Granxa Ameixeira está centrando os seus esforzos nos últimos anos en aumentar a súa base territorial facéndose con fincas a carón da explotación nas que poder pastorear co gando. “É un proceso que se leva a cabo pouco a pouco, porque como son parcelas de monte poñelas a producir non é algo inmediato”, explica.

“Non está habendo axudas para a compra de base territorial, cando penso que tería que ser o primordial. É un absurdo que se subvencione a compra de maquinaria ou facer naves e non a compra de terras, porque estase subvencionando un sobredimensionamento das explotacións sen vinculación de ningún tipo á superficie agraria dispoñible, facendo, polo tanto, cada vez máis dependentes ás ganderías da compra de insumos externos. Iso está afogando cada vez máis ás explotacións”, razoa.

Por que non se subvenciona a adquisición de terras en vez das naves e a maquinaria? A propia Administración coas súas políticas está fomentando as granxas intensivas e forzando un sobredimensionamento das explotacións cara a un modelo moi industrial

“Eu solicitei un Plan de Mellora para mercar un autocargador para traer herba en verde das fincas de máis lonxe, ás que non levo as vacas a pacer, e se quixese mercar fincas só me dan o 10% do total que gaste en maquinaria. É dicir, se metes 20.000 euros no autocargador só che dan 2.000 euros para mercar fincas, que non é nada. Así que podes atoparte con que che financian a compra do autocargador sen ter fincas ás que ir buscar a herba, realmente é un despropósito. Éncheselles a boca de falar de gandería extensiva pero realmente non hai axudas para facerse con base territorial”, asegura. 

Cambiar eucaliptos por pradeiras

Desde o 2018 mercaron 12 hectáreas de monte que rodeaban o establo, que roturaron para facer pradeira

Nos últimos 4 anos mercaron 12 hectáreas de monte que rodeaban o establo, que roturaron para facer pastos

Traballan neste momento unhas 45 hectáreas, das que 25 son en propiedade. “Desde o 2018 empecei a mercar superficie practicamente sen axudas e iso obrigoume a empeñarme para poder facerme con base territorial. Logrei facerme con 12 hectáreas a base dun gran desembolso e de pedir préstamos. Era terreo forestal que rodeaba a granxa, os eucaliptos chegaban case á porta. Isto estaba tan abandonado todo que eu tiña medo a que chegara o lume ata aquí se prendía no monte”, conta.  

“Eu non son pro-eucaliptos, pero entendo que hai sitio para todos. Son consciente de que a cada propietario lle tes que ofrecer unha saída e entendo que as plantacións de eucaliptos deixan cartos e son unha fonte de ingresos importante para moita xente, pero cada cousa debe estar no seu lugar e o problema máis grande que temos é a falta de ordenación territorial”, opina.

A base de compras e permutas Eva logrou facerse con 12 hectáreas de superficie

A experiencia de Eva exemplifica as dificultades de moitas ganderías para facerse con terras e incrementar a súa base territorial. “Isto era do lugar de Emilia Pardo Bazán e despois quedara para a filla, Blanca Quiroga. Pero logo de sucesivos repartos, no tramo que estaba pegado á granxa, que podían ser 5 hectáreas, había 8 ou 9 fincas de varios donos distintos, o que fai moi complicado o proceso, porque aínda que un che venda no medio se os outros non o fan non resolves nada. Foi un proceso laborioso a base de cambios e permutas, porque eu sabía que aínda perdendo, gañaba”, di.  

A Xunta se de verdade quixese frear o avance do eucalipto tería que primar a adquisición de base territorial por parte das ganderías

E móstrase escéptica coa efectividade das modificacións normativas levadas a cabo pola Administración autonómica. “A Xunta sacou agora o da moratoria do eucalipto, pero se de verdade quixese frear a eucaliptización tería que primar a adquisición de base territorial por parte das ganderías, que é a mellor maneira de frear o avance do eucalipto. Eu fun a unha charla do conselleiro en Curtis sobre a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria e o que plantexan é que os gandeiros lles cambiemos aos propietarios de monte unha hectárea nosa por unha hectárea deles e a maiores a Xunta compensa despois aos propietarios forestais con media hectárea máis. É dicir, a propia Consellería está dando máis valor ao monte que ás terras, cando debería ser ao revés”, conclúe.

“Case todas as miñas fincas quedan dentro da poligonal do parque eólico do monte Legre”

AMEIXEIRAS (Cesuras) Eva1Eva Rodríguez é unha muller vital e loitadora, que foi quen de facer fronte ás dificultades que se lle presentaron e que se implica en todas aquelas causas que considera xustas. Desde o pasado mes de xuño forma parte da dirección do Leite do SLG e participa activamente na plataforma A-Legre, a asociación veciñal creada contra o parque eólico do monte Legre, que xunto a outros dous proxectados na comarca terían unha notable afectación sobre as ganderías da zona de Curtis, Mesía, Ordes e Cesuras, unha importante zona de produción agrogandeira de Galicia.

Green Capital Power proxecta un parque eólico con 5 muíños no monte Legre, dentro do macroconxunto Ordes-Mesía-Curtis-Cesuras. “A estratexia das empresas é dividir estes megaparques en pequenos proxectos para facilitar as autorizacións pero toda a zona quedaría afectada. Os outros dous parques do conxunto serían o Gasalla, que prexudica moitísimo a Casa Grande de Xanceda, e o Solpor, que afecta á zona de Vilamaior. Todos eles instalaríanse nunha zona moi aproveitada desde o punto de vista agrícola e gandeiro”, argumenta Eva.

A estratexia das empresas é dividir estes megaparques en pequenos proxectos para facilitar as autorizacións pero toda a zona quedaría afectada

A Xunta flexibilizou as condicións para a instalación de parques eólicos en solos agrogandeiros, de maneira que calquera solo rústico sen protección ambiental é susceptible de acoller muíños de vento. “O proxecto de instalación de muíños máis próximo coincide a pouco máis dun quilómetro de aquí, xusto por enriba das parcelas máis alonxadas da granxa ás que levo as vacas a pacer, e o resto das nosas fincas, a grande maioría, quedaría dentro da poligonal do parque. Para un parque con 5 muíños delimitan unha poligonal de 400 hectáreas. Está claro que están preparando os terreos para despois ampliar sen ter que solicitar permisos, porque o perímetro xa quedaría delimitado agora para usos enerxéticos. Así que o seguinte paso é que poden chantar os muíños nas fincas tranquilamente”, teme Eva.

As vacas de Granxa Ameixeira pacendo en Dordeda. Ao fondo, o monte Legre, onde irían os aeroxeradores

As vacas de Granxa Ameixeira pacendo en Dordaño. Ao fondo, o monte Legre, onde irían os aeroxeradores

Ademais dos desmontes e movementos de terra necesarios para facer os accesos e instalar os muíños, estarían os ruídos que xeran os parques e dos inconvintes provocados polas liñas de evacuación. “En Cesuras, como somos zona de paso para a subestación de Mesón do Vento, en menos dun quilómetro están proxectados 4 tendidos de evacuación procedentes de lugares como Monfero ou Xermade, o que vai converter isto nunha tea de araña de liñas de alta tensión e eu son moi consciente de que esa condutividade eléctrica vainos afectar tanto ás persoas como aos animais, pero seguramente máis aínda ás vacas, que son máis sensibles ca nós, por iso notan máis o pastor eléctrico”, razoa Eva.

As vacas son moi sensibles á condutividade eléctrica que van provocar as liñas de evacuación; iso é contraditorio co benestar animal do que tanto se fala agora

O funcionamento dos aeroxeradores provocaría tamén afecións sobre o gando que está en pastoreo. “En relación ao ruído, os estudos de impacto ambiental só teñen en conta o ruído do motor, pero non o das aspas co vento, que non o calculan porque non se pode saber ata que están funcionando. E mesmo a nivel lumínico esa sombra constante pasando é incómoda para as vacas, e tanto que se está a falar do benestar animal agora, pois parece que non se ten en conta en proxectos coma estes”, argumenta.

Pero confía que as Administracións, no seu deber de protexer e defender aos administrados, escoiten o rexeitamento existente por parte dos veciños que non queren ver sacrificadas as súas vidas polo beneficio das todopoderosas empresas enerxéticas e sen que estes proxectos eólicos revirtan en nada nas aldeas afectadas. “Se todos estes proxectos eólicos van para diante teremos que marchar do rural, e todos sabemos que se o rural non produce as cidades non comen. É un problema que nos incumbe a todos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información