A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou este martes na inauguración da nova planta de ovoelaborado de Granja Campomayor, situada no polígono lucense das Gándaras, onde puxo en valor o traballo desta empresa familiar a favor da potenciación do sector avícola galego a través da innovación e a calidade.
A inauguración, que contou cunha visita polas instalacións, serviu para coñecer como se traballará nela para elaborar o produto con ovo a baixa temperatura, conseguindo cociñalo dentro da súa propia casca e deixándoo listo para consumir.
En principio, esta empresa familiar -con sede en Palas de Rei-ten previsto producir uns 300.000 ovos elaborados ao mes, un produto listo para consumir, dado que só é necesario quentalos ao baño maría ou no forno. As instalacións teñen unha superficie de 1.200 metros cadrados e permitirán aumentar un 380 % a produción actual, centrándose no ovo a baixa temperatura
A nova planta inaugurada este martes en Lugo únese ás instalacións coas que xa conta a Granja Campomayor en varios puntos da xeografía galega: Ximonde e Campomaior, no concello de Palas de Rei, Boimorto (A Coruña) e Vilalba (Lugo).
Granja Campomayor, empresa que iniciou a súa actividade en 1995, aínda que a súa historia comeza en 1942, é o principal produtor de ovos de galiña en gaiola de Galicia con preto de 480.000 prazas de poñedeiras, o que supón máis do 46% do total das prazas coas que se dispón na nosa comunidade. Esta planta únese ás instalacións coas que xa conta por varios puntos da xeografía galega: Ximonde e Campomaior, no concello de Palas de Rei, Boimorto (A Coruña) e Vilalba (Lugo).