Granja Campomayor é galardoada nos premios BIOGA pola súa aposta pola biotecnoloxía

Granja Campomayor é galardoada nos premios BIOGA pola súa aposta pola biotecnoloxía

Galardoados nas X Premios BIOAGA

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), co respaldo da Xunta, a través da Vicepresidencia Primeira e a Axencia Galega de Innovación, entregou este venres na cidade de Vigo os X Premios Bioga a CanTher, con sede en A Coruña, como BioIdea Empresarial; a BFlow, de Santiago de Compostela, como BioEmpresa Xove; a Granxa Campomayor, situada en Palas de Rei (Lugo), como BioEmpresa Innovadora; e SunRock Biopharma, con sede en Santiago de Compostela, como BioEmpresa Competitiva.

A Gala dos X Premios Bioga, xa sen restricións, tivo lugar no Círculo de Empresarios de Galicia, na cidade de Vigo. Os Premios Bioga, na súa décima edición, “seguen mantendo o espírito de incentivar o impulso e desenvolvemento de iniciativas biotecnolóxicas e recoñecer ás empresas máis competitivas e innovadoras”, segundo destacou o vicepresidente de Bioga, José Manuel López Vilariño. O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, na clausura, felicitou ao ecosistema pola entrega e o esforzo e animouno a seguir discorrendo pola senda da innovación e o talento.

A benvida aos X Premios Bioga chegou da man de José Manuel López Vilariño, vicepresidente de Bioga, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación. Tamén participou Cristina Fernández, directora de Innovación de CEAMSA, a empresa que en 2021 gañou o Premio á BioEmpresa Competitiva. Tras a intervención de Juan Fernández, CEO de KeyBiological, BioEmpresa Innovadora 2021, comezou a entrega de premios.

O xurado elixiu como BioIdea Empresarial a CanTher, a firma coruñesa que desenvolve unha innovadora estratexia de deseño de moléculas contra a diana Hakai, que promove a progresión tumoral e a metástase. Recibiu o galardón Angélica Figueroa, investigadora principal deste proxecto. A firma, segundo o xurado, mereceu o galardón “pola traxectoria científica do seu equipo promotor” e polo desenvolvemento dunha tecnoloxía “con resultados experimentais moi prometedores”. Tamén valora “o gran potencial terapéutico fronte a unha das enfermidades de maior incidencia en países desenvolvidos”.

BFlow é unha spin-off do IDIS e a USC con sede en Santiago que utiliza a microfluídica para acelerar investigacións preclínicas de moléculas e fármacos de aplicación en sectores como a biomedicina, biotecnoloxía, medioambiente e industria. Logrou o galardón de BioEmpresa Xove, que recolleu o seu CEO, María Seoane. Por que foi a elixida? “Polo gran tamaño do mercado ao que se dirixe, polo destacable número de clientes obtidos desde a súa creación” e por desenvolver “unha tecnoloxía con aplicación en múltiples sectores, que permite acelerar e abaratar procesos moi longos e custosos”.

Granja Campomayor: Clara aposta pola I+D+i 

Pola súa banda, Granxa Campomayor, unha compañía con sede en Palas de Rei (Lugo) dedicada a a produción de ovos e que destaca pola súa aposta na I+D a través dunhas instalacións no rural galego, gañou o premio BioEmpresa Innovadora “pola destacada porcentaxe de facturación e recursos humanos dedicados a actividades de I+D+i e pola súa intensa participación en procesos de transferencia tecnolóxica, desde a licenza de tecnoloxía até a súa comercialización”. O xurado tamén valorou a súa aposta pola “hibridación coa biotecnoloxía, incluíndoa nos procesos produtivos e xerando, a través dela, produto de alto valor engadido”. A encargada de recoller o galardón foi María García Busto, CEO de Granja Campomayor.

A compañía SunRock Biopharma, con sede en Santiago de Compostela e dedicada ao desenvolvemento de anticorpos para o tratamento de tumores altamente invasivos con necesidades urxentes de terapias oncolóxicas, venceu na categoría de BioEmpresa Competitiva. Juan Buela, xerente da compañía, recolleu o premio. Esta biotecnológica fora gañadora do Premio BioEmpresa Innovadora na edición de 2019. Por primeira vez unha empresa galega é merecedora de dous premios Bioga en diferentes categorías. Os motivos para entregarlle o premio son: “Experiencia e traxectoria do equipo humano da compañía; desenvolvemento de múltiples tratamentos fronte ao cancro a través de procesos de innovación aberta e a consecución dun acordo de licenza para unha das súas moléculas cunha multinacional farmacéutica”.

O vicepresidente de Bioga, José Manuel López Vilariño, interveu no acto para destacar a “consolidación” do sector biotech de Galicia. Agradeceu á Administración autonómica a súa colaboración. E estableceu uns “ambiciosos” retos para o sector biotecnológico de Galicia até 2025: “Fomentar a comercialización de produtos e servizos innovadores deseñados e producidos polas nosas empresas e centros de coñecemento; achegar a biotecnoloxía a potenciais investidores; ser punto de referencia para grandes corporacións internacionais que queiran xerar negocio e abrir novas liñas en Galicia e, sobre todo, visibilizar o talento en ciencia e innovación, caracterizado por unha forte cultura innovadora”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información