As grandes adegas de España lánzanse a investir en Galicia: Luces e sombras

O prestixio e a gran demanda acadada polos viños galegos, especialmente os brancos, están a favorecer o desembarco de grandes adegas foráneas en Galicia, que están mercando tanto adegas como viñedos e realizando novas plantacións. Analizamos con 4 expertos as luces e as sombras deste proceso

Publicidade
As grandes adegas de España lánzanse a investir en Galicia: Luces e sombras

Nova adega que o grupo Vega Sicilia ten previsto contruír no concello pontevedrés de Crecente

O viño galego, especialmente o branco, ten un crecente prestixio e demanda no mercado, o que se traduce tamén nuns prezos históricamente altos tanto para os viticultores que venden a uva como para a venda do viño elaborado polas adegas. É a colleita de décadas de esforzos de todo o sector vitivinícola galego e dunha aposta clara, impulsada no seu momento dende a Xunta de Galicia, pola diferenciación e pola calidade (recuperación de castes autóctonas de Galicia, modernización das adegas e dos viñedos e unha forte campaña de promoción). Pero non sempre foi así: Atrás quedan os anos 70 e 80 do século pasado onde primaba a cantidade e tanto a uva como o viño de Galicia estaban entre os máis baratos de España.

Este éxito do viño galego está a atraer nos últimos anos a grandes adegas de fóra de Galicia que se están a lanzar á compra de viñedos e de adegas e a realizar novas plantacións. As últimas compras que transcenderon foi a venda da adega Crego e Monaguillo, un buque insignia da Denominación de Orixe Monterrei, ao fondo Sherpa Capital, e a adquisición de adegas La Val, unha das impulsoras da Denominación de Orixe Rías Baixas, pola rioxana Compañía Vinícola del Norte de España (CVNE).

Pero o recente desembarco de capital de fóra de Galicia no sector do viño galego é extenso: Compra da adega Valdamor, en Meaño, polo Grupo Torres; nova adega e e viñedos de Vega Sicilia en Rías Baixas; nova adega e viñedos da familia Palacios en Valdeorras; compra da adega Virxen de Galir, tamén da mesma DO, por parte de CVNE, ou a adquisición de Bodega San Clodio, no Ribeiro, polo grupo Matarromera, que tamén creou unha nova adega en Rías Baixas, Viña Caeira. E sen dúbida as operacións de entrada de grandes adegas do resto de España no sector vitivinícola galego seguirán nos próximos anos.

Analizamos as luces e as sombras deste proceso con Alfonso Losada Quiroga, experto en viticultura e enoloxía; Roberto Ribas, viticultor e adegueiro da DO. Rias Baixas e presidente da Asociación Galega de Viticultura; Luis Paadín, catador e alma mater da “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia”, e Carlos Basalo, responsable do sector do viño en Unións Agrarias.

Alfonso Losada: “Sobra viño tinto no mercado e as grandes adegas veñen a Galicia para diversificar, pois os nosos brancos teñen gran demanda”

Alfonso Losada explica este proceso polo contexto xeral no que “hai un exceso de produción de viño tinto a nivel mundial”. “Na Rioxa están falando de reducir a produción e en Burdeos van arrancar case 10.000 hectáreas de viñedo para combater a crise de vendas. E estamos a falar de que mais do 90% da produción de viño en España e de tintos, mentres que os brancos se concentran sobre todo en Galicia, e en menor medida en Canarias, Rueda e na Rioxa”, explica.

“Viños brancos de calidade hai poucos a nivel mundial e está aumentando o seu consumo. Iso leva ás grandes adegas a diversificar e a poñer o seu foco en Galicia, onde por clima, solo e variedades autóctonas producimos uns viños brancos de calidade, que representan case o 90% da produción galega de viño”, engade Alfonso Losada.

Roberto Ribas: “Vai provocar a desaparición de pequenas adegas galegas e será un golpe para a produción de viño tinto en Galicia”

O presidente da Asociación Galega de Viticultura considera que “todo o que está pasando evidencia que o fixemos ben até o de agora, pero a partir de aquí teño dúbidas”.

“Os nosos viños van poder soportar o incremento da oferta coas plantacións masivas que se están a facer? Como vai repercutir tanto no prezo da uva como no de venda do viño? Van traer estes novos operadores os vicios adquiridos nas súas zonas de orixe? Que pasará cos pequenos produtores de uva cando as novas plantacións destas adegas entren en plena produción?”, pregúntase Roberto Ribas.

No curto prazo recoñece que “para os viticultores é bo porque os prezos de venda da uva están a ser moi elevados, de ata mais de 3 euros por kilo en Rías Baixas na última campaña”. A medio prazo o que si ten claro é que “vai desaparecer unha bo parte das pequenas adegas galegas que compraban uva porque non aguantarán estes prezos”.

Ademáis, o presidente da Asociación Galega de Viticultura considera que o desembarco destes grandes grupos foráneos “vai ser outro golpe á nosa produción de tintos porque a eles non lles vai interesar, que xa os teñen nos seus lugares de orixe”.

Ante esta situación a Asociación Galega de Viticultura ten previsto manter unha reunión a finais de abril cos seus socios para debater a situación actual na que se atopa o sector.

Luis Paadín: “A Xunta debe manter a súa labor de supervisión e control para que non haxa tropelías”

Luis Paadín considera que este proceso de entrada de grandes adegas foráneas “á larga vai beneficiar a todo o sector”. “Entendo que nalgunhas partes do sector xera inquietude, pero facendo unha análise do que aconteceu noutras zonas non estariá preocupado, aínda que poda perxudicar a alguén nun momento determinado”, engade.

“Estas grandes adegas teñen capacidade de chegar a grandes mercados, como os asiáticos, abrindo o camiño tamén para as pequenas e medianas adegas, situando a Galicia como un país produtor de viños de calidade. Son grandes adegas que saben o que fan, non especuladores alleos ao sector, e o prezo medio dos viños galegos non vai baixar”, pronostica Luis Paadín.

Por outra parte, considera que unha das eivas do sector do viño galego é que non se produce suficiente uva para atender a demanda. “Estas adegas están plantando viñedo en zonas boas para producir viños de calidade, algo que os galegos non fixemos e non podemos reprocharlles nada. É algo do que imos beneficiarnos todos”, subliña.

Non obstante, Luis Paadín incide en que “é fundamental que este proceso teña un control da administración e que non haxa tropelías”. “Se se deixa que as adegas dispoñan o que queiran plantarán variedades foráneas, aumentarán os rendementos máximos admitidos…etc. Debe haber un control e tutela da Xunta”, advirte.

Carlos Basalo: “É un cambio de modelo da viticultura familiar, debería haber máis control”

Carlos Basalo, representante do sector do viño no sindicato Unións Agrarias recoñece que “a curto prazo, a entrada de capital de fóra no sector, é positivo para os viticutores pois hai maior competencia pola uva e os prezos suben”. Asimesmo, destaca que “vaise vender máis viño amparado polas Denominacións de Orixe galegas pois estas grandes adegas están presentes en máis mercados”.

Porén, advirte de que “estes inversores teñen menos apego á terra, ao territorio, polo que igual que veñen agora marcharán cando lles interese”. Igualmente, chama a atención sobre o risco de “crear monopolios que acaben facéndose co mercado, obrigando a pechar as pequenas e medianas adegas, e logo acaben baixando o prezo da uva”.

Neste sentido, o representante de Unións Agrarias reclama que “debería haber máis control por parte da Xunta, porque o que está habendo é un cambio de modelo, dunha viticultura e dunhas adegas familiares apegadas ao territorio, a grandes adegas foráneas que veñen aquí a acaparar viñedos e facer grandes plantacións, metendo traballadores en condicións laborais non sempre dignas”.

“A curto prazo é positivo, pero a longo prazo este proceso vémolo problemático, polo que a Xunta debería ter maior control sobre os investimentos que se fan aquí”, conclúe Carlos Basalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información