A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Granbazán comeza con Bayer un proxecto para conservar a biodiversidade dos seus viñedos

A adega de Rías Baixas traballa de man do programa Baydiversity en accións para mellorar a flora e fauna das proximidades das súas cepas. Estas actuacións permiten beneficios directos sobre os seus viñedos e aforro de custos. Coñecemos a súa experiencia e os pormenores deste servizo de Bayer

Publicidade
Granbazán comeza con Bayer un proxecto para conservar a biodiversidade dos seus viñedos

Técnicos de Bayer entregaron en días pasados a documentación e os carteis informativos na adega Granbazán.

Coñecer a flora e fauna presente na parcela e os arredores pode contribuír a mellorar a xestión dos viñedos, aforrar custos e axudar, mesmo, a previr a incidencia de enfermidades determinantes para a produción de viño, por iso, cada vez máis vitivinicultores están a iniciarse no estudo da biodiversidade que rodea ás súas plantacións. Unha das últimas en interesarse nos organismos que conviven nos seus viñedos foi a adega Granbazán, situada en pleno corazón do Salnés, na Denominación de Orixe Rías Baixas.

“Este foi o primeiro paso de man de profesionais para seguir mellorando a biodiversidade que temos nas zonas próximas aos viñedos da adega”

A adega, que xa comezara a traballar por mellorar a biodiversidade dos seus viñedos con pequenas accións, deu un paso máis e contou co asesoramento profesionalizado da multinacional Bayer para levar a cabo o programa Baydiversity, un estudo pormenorizado da flora e fauna que habita nas proximidades das súas cepas. De feito, foi a primeira bodega da DO Rias Baixas, na subzona de Salnés en realizar un proxecto de biodiversidade certificado por Bayer. “Temos un gran interese en mellorar e conservar a biodiversidade que existe xunto aos nosos viñedos. Este foi o primeiro paso de man de profesionais para seguir mellorando”, explican desde a adega.

O programa Baydiversity

Bayer puxo en marcha o programa Baydiversity, no que proporciona asesoramento profesional para mellorar e conservar a biodiversidade das zonas non produtivas. “Este tipo de accións están a realizarse nas zonas de vexetación próximas, sen interferir no manexo que se realiza nos propios viñedos”, explican os técnicos especializados. Trátase de ter en conta tamén estes espazos e a súa biodiversidade, xa que a xestión que se faga deles pode repercutir directamente nos viñedos.

“En Bayer estamos comprometidos co apoio activo á protección da biodiversidade na contorna agrícola, demostrando a compatibilidade entre produtividade agrícola e conservación da natureza”, indican. O programa Baydiversity ofrece un Plan de Acción de Conservación co que valorizar estes espazos á vez que se coida e protexe a súa biodiversidade.

Realizan censos detallados e cualitativos de aves, morcegos, invertebrados e flora das zonas non produtivas das adegas e viñedos

O Plan de Acción de Conservación inclúe un estudo pormenorizado da fauna e flora, elaborados en base á información obtida durante as visitas ás parcelas en distintas épocas do ano e a diferentes horas do día. Así, levan a cabo mostraxes tanto polo día como a primeira hora da noite para ter tamén rexistros da fauna con hábitos nocturnos, como os morcegos ou distintos tipos de aves.

Estes recontos sobre o terreo permiten realizar censos das especies animais e vexetais que hai. En concreto levan a cabo un censo detallado de aves e morcegos, así como un censo cualitativo de invertebrados e flora.

Xunto ao inventario da biodiversidade da zona, o Plan de Acción de Conservación do programa Baydiversity inclúe propostas e recomendacións coas que mellorar tanto a biodiversidade como conservar as especies que xa habitan nestes espazos.

Por que coidar a biodiversidade?

Ter presente a biodiversidade das zonas non produtivas pode traer parellas consecuencias directas sobre os viñedos. Un dos principais beneficios asociados procede das achegas que a fauna pode ofrecer. Por unha banda, estes seres vivos poden contribuír a controlar determinadas pragas do viñedo, xa que en moitos casos son depredadores naturais.

Estas zonas, aparentemente non produtivas tanto da parcela como dos espazos naturais próximos á adega poden converterse nun refuxio atractivo para aves ou nunha fonte de alimento para polinizadores, que logo tamén actúen no viñedo.

A variedade de especies nestas zonas non produtivas pode axudar a combater determinadas pragas do viñedo e reducir os custos en tratamentos

Levar a cabo estratexias que teñan presente tanto a fauna e a flora da zona pode traducirse nun aforro considerable de custos e reducir os riscos para a produción. Os servizos ecosistémicos que ofrecen tanto paxaros como insectos nos viñedos poden permitir un aforro de custos do 20% en insecticidas. “Estas accións proporcionan unha maior resiliencia ás pragas ao contar con aves e morcegos que exercen un control sobre determinadas especies”, concretan.

Coñecer a fauna que habita nas zonas non produtivas é o primeiro paso para logo tomar tamén medidas coas que conservar ou incrementar a presenza destas especies que poden repercutir positivamente na colleita. Moitas veces estes espazos non produtivos, como entradas, peches da parcela ou zonas axardinadas están desaproveitadas cando poden ofrecer unha colaboración directa na xestión do viñedo. Contar con sebes nas áreas de acceso ou ter determinada vexetación nos lindes son medidas que poden resultar de utilidade.

O programa Baydiversity abre a porta a outros mercados e clientes que esixen provedores concienciados co respecto ao medio ambiente

Para lograr unha optimización destas accións é fundamental contar co asesoramento profesional. “A diferenza márcana moitas veces os pequenos detalles. Colocar determinadas caixas niños cunha abertura concreta pode atraer a unhas especies ou outras de paxaros e a diferenza resulta clave”, explica o persoal especializado encargado de desenvolver o programa Baydiversity.

Ademais dos beneficios directos que proporciona coidar a biodiversidade, estas accións tamén abren a porta a outros mercados e clientes que esixen provedores concienciados co respecto ao medio ambiente. O programa Baydiversity de Bayer pode converterse no primeiro paso para poder acceder a outro tipo de selos de recoñecemento mundial. Este tipo de iniciativas de conservación tamén ten cada vez maior importancia á hora de obter subvencións como a PAC, onde este tipo de criterios terán máis peso nos próximos anos.

Vista de la bodega Granbazan _setos

Un dos puntos que analizaron na adega Granbazán foron as sebes que bordean a parcela.

A experiencia de Granbazán

Granbazán é unha das primeiras adegas en dar un paso máis en materia de conservación e respecto ao medio ambiente ao ter presente espazos non produtivos de man do programa Baydiversity de Bayer. No seu caso, a adega atópase situada  nunha contorna moi modificada e case urbana, polo que o estudo centrouse en aproveitar todos os espazos verdes das súas propiedades. En concreto, os traballos realizáronse na zona do xardín botánico que ocupa preto dunha hectárea da parcela principal. Tamén analizaron os sebes situados na entrada principal á adega, así como a vexetación da cuneta que bordea a parcela.

As visitas realizadas á leira permitíronlles elaborar un censo inicial no que identificaron case unhas 300 especies vexetais, así como unhas 148 especies de fauna, entre elas unhas 80 especies protexidas. Aínda que, os técnicos apuntan a que este número se incrementará nas próximas visitas, xa que as primeiras realizáronse a finais do ano, en pleno inverno, cando é máis difícil localizar boa parte de insectos, invertebrados, aves ou morcegos.

O estudo na adega realizouse en tres zonas non produtivas e elaboráronse censos que inclúen case 500 especies de flora e fauna, entre os que se atopan especies protexidas

Este primeiro estudo de Baydiversity xa lle permitiu ofrecer recomendacións á adega para controlar e incrementar a presenza tanto de aves como de invertebrados, insectos ou plantas que poden ser beneficiosas para o desenvolvemento dos seus viñedos. “Agardamos que estas recomendacións de expertos nos permitan lograr bos resultados”, valoran desde a adega.

Personal de la bodega Granbazan con el cartel del proyecto Wildlife

Unha vez realizados os censos elabóranse paneis informativos coa flora e fauna destacada para colocar na parcela.

Outra das claves para o éxito deste tipo de iniciativas é a concienciación e a implicación do persoal da adega. “É preciso que os traballadores estean ao tanto dos esforzos que a adega está a realizar para que contribúan a lograr estes obxectivos”, inciden os técnicos. Este foi tamén un dos aspectos nos que estiveron traballando xa en Granbazán. “Estamos a crear conciencia entre o noso persoal sobre a importancia das prácticas sustentables non só no viñedo senón noutros espazos da adega”, sinalan.

Para garantir resultados exitosos neste tipo de accións pola biodiversidade é fundamental realizar un seguimento e control da evolución e a eficacia das medidas implantadas. Así, desde Bayer recomendan unha continuidade do programa na que polo menos se realice unha visita anual na que se poida avaliar a efectividade das recomendacións expostas, o seu desenvolvemento, así como alternativas para seguir apostando por conservar a biodiversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información