A Feira Internacional de Galicia ABANCA ultima a sétima edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebrará do 27 ao 29 de xuño co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria.
Unha cita que está a suscitar gran interese entre os profesionais do sector, como mostra a elevada inscrición previa contabilizada no sistema de rexistro de visitantes da súa páxina web, www.galiforest.com. Un sistema moi sinxelo que envía un código QR ao correo electrónico e permite acceder á feira coa única acción de mostralo ao chegar ao Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), onde terá lugar o certame.
Así, a unha semana para a celebración do monográfico, o número de visitantes rexistrados de forma anticipada é moi superior ao contabilizados tamén sete días antes do comezo da pasada edición da feira, a cal tivo lugar en 2022. Unhas cifras que supoñen boas expectativas en canto á afluencia á feira, aínda que deben tomarse con prudencia, xa que aínda queda unha semana para coñecer todas as preinscricións e ademais unha parte importante dos asistentes rexístrase ao chegar ao certame.
Detrás destes rexistrados atópanse xa profesionais estranxeiros, como italianos ou portugueses e tamén membros de embaixadas como a de Canadá. Ademais, figuran estudantes e participantes en talleres de emprego relacionados co sector forestal, os cales teñen unha magnífica oportunidade para enriquecer a súa formación.
Estes profesionais que solicitaron o seu acceso á feira a través da web representan unha parte do público que acudirá a esta edición, aínda que, como se indicaba, aqueles que non estean rexistrados previamente poderán facelo á súa chegada ao certame. Prerexistrados e rexistrados á entrada da propia feira sumaron en 2022 un total de 7.161 visitantes.
O atractivo dunha feira que volve medrar
Este interese por parte dos profesionais do sector por visitar Galiforest Abanca 2024 é reflexo dunha atractiva proposta que conta con máis de 100 expositores directos confirmados, cando na pasada edición foran 96, e unha superficie neta que superará os 15.000 metros cadrados, cando na anterior convocatoria situábanse nos 13.726. Unhas cifras que non só superan ás da súa última convocatoria, senón que son as mellores ata o momento e que a consolidan como a maior feira forestal de España.
Ademais, esta proposta expositiva sumará actividades que supoñen un importante valor engadido para os visitantes, como o VII Concurso de Innovación Tecnolóxica, demostracións continuadas de máquinas e sistemas ou talleres.