Gran interés dos gandeiros no polígono agroforestal de 3200 hectáreas que a Xunta está a crear en Curtis

Gran interés dos gandeiros no polígono agroforestal de 3200 hectáreas que a Xunta está a crear en Curtis

Reunión da Xunta con gandeiros de Curtis

Máis de 20 gandeiros do concello coruñés de Curtis asistiron á reunión informativa organizada pola Consellería do Medio Rural e o Concello desta localidade coruñesa para dar conta dos traballos do polígono piloto agroforestal que se vai desenvolver nas parroquias de Santaia e Foxado.

No encontro, que tivo lugar no recinto multiusos de Teixeiro, participaron o propio alcalde, Javier Caínzos, e persoal do Banco de Terras da Xunta, encargado dos traballos. O seu subdirector, Alejandro Sánchez de Dios, deu conta dos detalles desta iniciativa, que ten como obxecto a mellora da superficie e a estrutura das explotacións de vacún, fundamentalmente leiteiro, e abrangue unha superficie aproximada de 3.200 hectáreas. Na xuntanza emprazouse aos gandeiros participantes e a quen se queira incorporar a un novo encontro de traballo no vindeiro mes de setembro, co fin de avaliar os primeiros avances do proxecto.

Este polígono piloto agroforestal de Santaia-Foxado ten unha clara vocación leiteira para pastoreo e no seu perímetro existen un total de 53 explotacións. As actuacións que se están a levar a cabo arestora son as referidas á identificación de titulares e explotacións, accións de dinamización e ordenación de usos e charlas informativas como esta celebrada en Teixeiro.

Recuperación da terra

A través da figura voluntaria dos polígonos, que recibirá un maior pulo coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, a Consellería de Medio Rural asegura que “preténdese recuperar extensións grandes de terreo abandonado e impulsar neles actividade agrogandeira ou forestal, ao tempo que se traballa tamén na anticipación aos lumes forestais”.

Nesta liña, o departamento que dirixe José González destaca que “estase a traballar xa en cinco polígonos piloto, situados neste concello coruñés de Curtis e nos ourensáns de Cualedro, O Carballiño, Oímbra, así como en terreos das denominacións vitícolas galegas”. “Trátase, polo tanto, de actuar nunha superficie de máis de 4000 hectáreas ao longo do ano 2020”, engaden.

A Xunta estima que se poderán recuperar cada ano unhas 10.000 hectáreas entre as actuacións a executar nestes proxectos piloto, xunto cos das aldeas modelo. Ambas son as principais figuras de mobilización concibidas e deseñadas polo Goberno galego para poñer en valor terras agrarias en desuso ou abandonadas. O obxectivo último é xerar actividade agrogandeira no rural e, ao tempo, anticiparse aos incendios forestais.

200729_poligono_agroforestal_Curtis_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información