“A gran fortaleza de Cooperativa Xallas é a igualdade de todos os socios”

Entrevista a José Guardado Sande, presidente da Cooperativa Xallas, creada no 1973 e un dos referentes no cooperativismo do sector vacún de Galicia

“A gran fortaleza de Cooperativa Xallas é a igualdade de todos os socios”

José Guardado Sande, presidente da Cooperativa Xallas, na sede en Santa Comba

A Cooperativa Xallas, cuxa actividade se concentra principalmente nas comarcas coruñesas do Xallas e A Barcala (Santa Comba, Mazaricos, A Baña e Negreira), é un dos referentes do cooperativismo gandeiro en Galicia. Fundada en 1973, foi unha das primeiras en negociar en conxunto o prezo do leite dos seus socios, como faría unha organización de produtores de leite (OPL).

Tras rexeitar a súa asemblea de socios a integración en Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), a cooperativa xalleira segue a súa propia estratexia apostando por ampliar a súa actividade de venda de pensos a toda Galicia e primando a satisfacción dos socios.

Falamos do presente e do futuro desta cooperativa co seu presidente, José Guardado Sande, gandeiro dunha explotación de vacún de leite na parroquia de Ser, en Santa Comba.

Cal é a radiografía actual da Cooperativa Xallas?
Somos unha cooperativa con 1300 socios, dos que 400 son socios en activo, fundamentalmente dos concellos e Santa Comba e de Mazaricos, pero nos últimos anos tamén fomos ampliando o noso radio de actividade e de sectores. Así, hoxe temos socios e distribuímos penso en toda Galicia, chegando ás provincias de Lugo e de Ourense.

En canto a sectores, prestamos servizos e vendemos penso non só a ganderias de vacún de leite, senón tamén a un importante número de explotacións de vacún de carne.

En volume de negocio, Cooperativa Xallas rematará o 2020 cun volume de facturación que roldará os 20 millóns de euros, correspondendo a maior parte á nosa fábrica de pensos.

Hai tres anos decidiches presentarte á dirección da cooperativa. Cales son os principais compromisos que asumiches?
Decidín presentarme á presidencia hai 3 anos e dende esta nova Xunta Reitora queremos facer grande e forte a Cooperativa Xallas, logrando unha cooperativa competitiva, que lle dea solucións aos socios, tanto en servizos como en prezos.

O que si incidimos dende a fundación da cooperativa é na igualdade dos socios: cando se ofrece un servicio ou penso sempre se ofrece o mesmo prezo a todos os socios, independentemente do tamaño da súa explotación. Ao final de ano o que sí facemos é premiar os consumos na cooperativa dos propios socios.

A cooperativa ten que ser o noso referente porque é a arma coa que contamos os socios para que nos axude a ser rendibles nas nosas explotacións.

Ao igual que noutras cooperativas, non supón un problema que teñen o mesmo poder de decisión os socios inactivos que os activos, cando os primeiros son maioría?
Creo que tanto os socios activos como os que xa non o están creo que o único que queren é o ben da cooperativa. Paréceme que a igualdade dos socios é básica para unha cooperativa porque é o mellor que se lle pode ofrecer.

Cal é a evolución da fábrica de pensos, o motor de actividade da cooperativa?
Elaboramos arredor de 60.000 toneladas ao ano e todos os anos a nosa fábrica de pensos está medrando. Grazas a ser socios da cooperativa de segundo grao DELAGRO, entre outras vantaxes, pechamos o subministro de materias primas para o penso para todo o ano, e iso axúdanos tanto a evitar subas bruscas dos pensos como a a estar en prezos de mercado.

Cooperativa Xallas fostes unha das primeiras en comercializar en conxunto o leite dos vosos socios, actuando como unha Organización de Produtores de Leite (OPL). Cal é o balance que facedes?
A valoración é positiva. Levamos algo máis de 20 anos con Leite Celta e iso aporta moita estabilidade á cooperativa, non só para os socios que lle venden a Celta, senón tamén porque axuda a regular o prezo do leite nesta comarca, porque é o referente. Nesta especie de OPL, na que a cooperativa negocia prezo e volumes por todos os socios que voluntariamente se queren apuntar e se encarga da recollida do leite, participan arredor de 100 ganderías socias, cun volume duns 200.000 litros de leite diarios.

Que outros servizos lle ofrecedes aos socios?
Maquinaria para esparexido de abono, para a sementeira, non para o ensilado porque nesta comarca hai varias empresas de servizos que realizan xa eses traballos a prezos moi competitivos. Temos tamén servizos de substitución para os socios.

Quen vai definir o servizo da cooperativa Xallas son os socios, nós como Xunta Reitora podemos propor pero quen decide son os socios en asemblea .

Hai tres anos a asemblea de socios decidiu por ampla maioría non integrarse en CLUN. Barallades outros proxectos de integración?
Os socios votaron e decidiron que non e ese debate xa está superado. Toca presentar novos proxectos e que os socios decidan se lle dan o seu apoio ou non.

Cal é o principal atractivo que ofrece Cooperativa Xallas para quen queira ser socio?
O que caracteriza á Cooperativa Xallas é a igualdade para todos os socios, de forma que todos van ter sempre o mellor prezo e servizo que pode ofrecer a cooperativa, sen ningún tipo de diferenzas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información