O mercado da madeira, igual que o contexto económico, continúa nun escenario de gran imprevisibilidade, pero coa perspectiva dunha primavera tranquila, sen sobresaltos. Tanto o eucalipto como o piñeiro mantéñense cunha elevada demanda, o que fai que os prezos sigan en máximos desde o 2008.
Actualización 19-9-2023
A demanda de piñeiro desplómase, en tanto o eucalipto arrastra prezos e compras á baixa
No norte galego, nas principais comarcas de eucalipto, madeiristas e propietarios forestais constatan que demanda “continúa medrando” e chégana a calificar de “demasiada”. O mercado benefíciase alí dunha competencia polo eucalipto entre Ence, as pasteiras portuguesas, BSL -que está exportando ó norte de Europa desde os portos de Cariño e Burela- e os envíos por tren para as papeleiras do noreste peninsular.
“O prezo mantén unha tendencia á alza. Nestes momentos, o eucalipto globulus en lotes grandes, en cotos de 300-400 toneladas, estase pagando ata a 50 euros por tonelada, falando de madeira pelada con Ive e descontado o Irpf”, explica o presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira, Julio Aneiros.
“Chegamos a 50 euros por tonelada en madeira de eucalipto globulus pelada e con Ive” (Julio Aneiros, Proma Cedeira)
Se se pasan eses números a madeira en pé, con casca e sen Ive, o prezo situaríase nuns 38-39 euros, e no caso de partidas de madeira máis pequenas, o valor rondaría uns 35 euros por tonelada, dependendo da dimensión da parcela e da súa accesibilidade.
No eucalipto nitens, o prezo estaría arredor de 6 euros por baixo do globulus nas compras de Ence, se ben outras industrias compradoras están subindo lixeiramente o prezo pola súa necesidade de madeira
A situación actual de Ence é distinta, pois logo de ter durante meses parada a planta de Ence Pontevedra pola seca, chegou a finais de ano cos parques de madeira a tope. Esa circunstancia, segundo se interpreta desde o sector, levou a que en decembro baixara 2 euros o prezo por tonelada da madeira pelada, pero foi un movemento que non secundaron o resto de industrias, polo que tivo que dar unha certa marcha atrás na medida nalgunhas zonas.
“É certo que houbo unha baixada de Ence, pero no global do mercado non a notamos” -explica o madeirista de Ortigueira Óscar Piñón-. “As cortas máis próximas a Ferrol enviámolas a porto, con destino a Portugal, xa que saen mellor de prezo, e as que están máis lonxe e que non compensa mandar a Ferrol, van para Navia, co cal o prezo no global podemos dicir que se mantén”, valora.
Envíos de eucalipto para chapa a Exipto
A empresa da Mariña lucense Forestal Díaz Casariego está complementando as cortas de eucalipto para pasta cunha experiencia de envíos de eucalipto globulus para chapa. O destino da madeira é Exipto, onde unha industria probou a desenrolar o eucalipto galego para chapa, con bos resultados. “Estaban traballando con madeira de chopo, pero semella que tiveron nalgún intre escasez de chopo e decidíronse a probar o desenrolo de eucalipto”, explican desde Díaz Casariego.
O resultado da experiencia foi positivo, polo que a empresa da Mariña lucense consolidou un envío periódico de 10 contedores cada tres meses. “Mandámolos por tren ata Valencia e dalí saen en barco para Exipto. Piden eucalipto recto, que teña en couce un diámetro de 27-35 centímetros e en punta non menos de 20 centímetros, con longos de 11,5 metros, que logo alí dividen”, explican.
Polo de agora é un mercado pequeno, pero interesante, con prezos máis elevados que os da madeira destinada para pasta de papel.
Diferenzas norte e sur
En monte, constátase unha certa diferenza no mercado do norte e do sur da comunidade, pois no sur o comprador único é Ence. Se no norte, o eucalipto globulus pode chegar ós 35 – 38 euros tonelada, con casca e sen Ive, no sur, dependendo da parcela, pode chegar a baixar dos 30 euros / tonelada.
É o caso do Morrazo, unha comarca ademais moi lastrada polo minifundio e a falta de investimento no monte. “Na nosa comarca, os aproveitamentos adoitan ser en pequenas parcelas de 1.000 – 2.000 metros cadrados, polo que o rendemento que se obtén é escaso” -explica o madeirista de Bueu Manuel Crespo-. “En prezos, estamos pagándolle ó propietario arredor de 30-32 euros por tonelada, prezo total”, apunta Manuel, que é un gran defensor da necesidade de agrupar a xestión do monte para obter maior rendabilidade.
Infraestruturas e persoal
No norte galego, cunha serie de comarcas que manteñen un asociacionismo forte e que impulsan cortas e plantacións en cotos redondos, os problemas son outros. Julio Aneiros, de Proma Cedeira, sitúaos na necesidade de cargadoiros e máis pistas forestais de saca. “Necesitamos máis infraestruturas, levamos moitos anos dicíndoo. No seu día, en Proma Cedeira, en colaboración co Concello, habilitamos dous cargadoiros, pero son necesarios máis, así como investimentos por parte do Distrito Forestal en apertura de pistas e en infraestruturas de prevención de incendios, como puntos de auga”, expón.
Outro atranco que se atopa o sector é a falta de man de obra para traballos forestais, un escenario que Óscar Piñón califica como “grave”.
Perspectivas da pasta de papel
O bo momento de prezos do eucalipto en monte correspóndese con altas cotizacións da pasta de papel, que chegou ao final do 2022 en cotizacións de 1.380 dólares por tonelada de pasta BHKP (1.308 euros, no cambio actual).
Malia que estes primeiros meses de ano, a pasta comezou a baixar, a previsión é que ese descenso non chegue a ter impacto no mercado da madeira, pois as primas de Ence ligadas ó prezo da pasta de papel só comezarían a baixar a partir dos 900 euros / tonelada, segundo a súa tarifa oficial.
A pasteira portuguesa Navigator, que presentou resultados recentemente, fala dun escenario de gran imprevisibilidade. Logo dun segundo semestre do 2022 marcado polo descenso da demanda, debidos ós altos stocks acumulados, Navigator estima que no primeiro trimestre do 2023 continuará co proceso de liberación dos stocks almacenados.
Con todo, o 2022 pode calificarse como un bo ano para a pasta de papel. No caso da pasta de eucalipto, a súa demanda mundial aumentou un 7,8%. Se se analiza o mercado global de pasta de fibra curta (elaborada a partir de eucalipto e doutras especies, como o bidueiro), a procura global medrou por riba do 2%, coa perspectiva de que o aumento da demanda continúe estable ó longo de toda a década.
Queda por ver agora como afectan este ano ó mercado a entrada en produción de novas liñas de pasta de papel en Uruguai e Chile, así como factores loxísticos, de custos e posibles paradas imprevistas de liñas de produción.
Aumenta a oferta de madeira de coníferas no mercado e baixa a presión polo piñeiro galego
A alta demanda internacional de madeira de coníferas derivou no 2022 en situacións límite, con prezos disparados e unha alta presión en Galicia pola madeira, cun importante desembarco de compradores de Castela e de Portugal. Ese escenario xa se relaxou, principalmente polo aumento da oferta europea de coníferas (madeira de ‘pino rojo’ -piñeiro silvestre- e de abeto), pero a boa noticia é que o piñeiro mantén en Galicia prezos e demanda en monte.
O piñeiro estabilizouse en prezos altos, que a Asociación Forestal de Galicia sitúa para a rolla no arco de 35 a 60 euros/metro cúbico (madeira en pé sen IVE), con prezos máis altos no sur de Galicia, en tanto a rolla selecta, con diámetros superiores a 40 centímetros, móvese nos 66-71 euros e o puntal para trituración ronda os 20 euros ata os 25 €.
Desde as industrias do sector falan tamén dun escenario de estabilidade de prezos e demanda nos últimos meses, “con algunha lixeira baixada puntual nalgúns sectores”. Unha das liñas de produto que tirara á alza dos prezos no 2022 fora o de elaboración de palés, que agora atravesa por un momento de menor consumo e con maior oferta de madeira, polo que pódense aplicar puntuais baixadas de prezo nas súas compras.
Outros sectores, sen embargo, mantéñense fortes, o que terma do prezo do piñeiro en monte. As perspectivas en liñas como carpintería, bricolaxe, construción en madeira ou envases son positivas, cunha demanda que se presenta estable e sostida, logo do carrusel vivido nos últimos dous anos.
Incluso o taboleiro, un sector que ao final do verán presentaba un panorama incerto, cun posible Erte en Finsa, mantén agora unha alta actividade.
En conclusión, o temor que existía no outono en Galicia a unha certa caída de prezos e de mercado das coníferas está xa a desaparecer. A iso axuda ademais un bo escenario internacional, pois logo de que no segundo semestre do 2022 caesen a nivel mundial os prezos dos produtos finais en madeira, o primeiro semestre do 2023 presenta unha certa recuperación desas cotizacións.