Godeval: 30 anos mostrando as potencialidades do Godello

A SAT Godeval acaba de cumprir o seu trinta aniversario consolidándose como unha adega referente na variedade Godello. Cofundada por Horacio Fernández Presa, impulsor da recuperación dos viñedos de Valdeorras, a adega encara o futuro apostando pola calidade e pola exportación

Publicidade
Godeval: 30 anos mostrando as potencialidades do Godello

Viñedos de Godeval coa adega ao fondo

A adega SAT Godeval acaba de celebrar os seus 30 anos manténdose como un referente da recuperación da variedade Godello, emblema diferenciador dos viños da Denominación de Orixe Valdeorras.

A orixe desta adega remóntase ao ano 1974 cando o xefe da Oficina de Extensión Agraria do Barco de Valdeorras, Horarcio Fernández Presa, logrou implicar a todos os axentes do sector no plan Revitalización dos Viñedos de Valdeorras (REVIVAL), a primeira iniciativa en Galicia de recuperación das variedades autóctonas de vide.

“O Ministerio de Agricultura quería impulsar a viticultura profesional e Horario viu claramente que en Valdeorras nunca poderiamos competir en cantidade e en custos, pero si podiamos competir se apostabamos por recuperar o que nos diferenciaba: as nosas variedades propias e a calidade dos seus viños”, explica Araceli Fernández, filla de Horacio e xerente de Godeval.

A tarefa non foi fácil, xa que por aquel entón en Valdeorras, do mesmo xeito que no resto de comarcas vitícolas de Galicia, dominaban as variedades foráneas, máis produtivas, mentres que as autóctonas estaban en perigo de desaparición.

O primeiro paso foi coñecer a opinión dos viticultores. “Antes de poñer en marcha o plan, Horacio realizou unha enquisa entre os viticultores para ver que variedade consideraban que tiña máis potencial e a máis votada foi a Godello, que naquel entón representaba menos do 1% do viñedo de Valdeorras”, explica Araceli Fernández.

O seguinte paso foi poñer un programa de reestruturación do viñedo e de recuperación desta variedade que vía cun gran potencial. De aí naceu o programa Revival, que non só definía todos os parámetros técnicos dos que debía ser unha viña de Godello, senón que tamén mobilizou a todo o sector, coa implicación dos viveiristas para a produción de clons, cursos de formación para os viticultores ou viaxes a outras zonas vitícolas de España máis desenvolvidas.

Godeval: unha adega nada para demostrar as potencialidades do Godello

“Foi un plan integral que primeiro tentaba convencer aos viticultores de recuperar a variedade Godello e de modernizar os viñedos e despois actuar”, resume Araceli Fernández.

E para demostrar ao sector o potencial e a viabilidade comercial desta variedade, Horacio Fernández Presa e outros catro socios decidiron fundar en 1986 unha adega que apostase polo Godello.

É así como nace Godeval, coa adega no Mosteiro de Xagoaza e plantación de viñedos propios, seguindo as recomendacións técnicas do plan Revival, para controlar todo o proceso e seguir a máxima de que “o viño faie na viña”.

A primeira anada foron 15.000 botellas de Godeval, un monovarietal de Godello que expresaba a riqueza de matices desta variedade e o terroir das fincas, situadas nun chan de lousa e cun clima continental que potencia a concentración de aromas e azucres.

“Buscamos novas expresións da variedade Godello”

A día de hoxe a SAT Godeval elabora unha media de 150.000 botellas de viño procedentes das súas 21 hectáreas e exporta o 20% da súa produción. “O crecemento foi respectando a filosofía de Horacio: unha boa elaboración en adega que respecte a uva e un bo cultivo, con toda a uva procedente de parcelas propias, nas que podamos programar o momento óptimo da vendima”, asegura Araceli Fernández. Tamén en aras de mellorar a calidade, a produción media rolda os 6.700 quilos por hectárea, por baixo dos 10.000 quilos de rendemento máximo que marca o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Godeval Revival elaborado mediante criomaceración

A fidelidade ás súas orixes foi evolucionando para buscar novas expresións da variedade Godello. É así como a adega comezou a vinificar Godeval Cepas Vellas, elaborado a partir de uvas seleccionadas dos viñedos máis antigos, os primeiros que se plantaron hai 37 anos co plan Revival. Este viño sométese posteriormente a unha maceración sobre lías e del saen ao mercado unhas 30.000 botellas.

Froito tamén da busca de novas manifestacións do Godello é o Godeval Revival, un viño elaborado mediante criomaceración e posterior tratamento sobre lías. É o resultado dun proxecto de investigación conxunto coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) para determinar cales son os parámetros de criomaceración óptimos para a variedade Godello. Deste viño, que rende homenaxe aos impulsores do Plan Revival, saíron o pasado ano ao ao mercado as primeiras botellas: unha serie exclusiva de 6.600 unidades numeradas.

O futuro: seguir buscando novas expresións do Godello

Desde o ano 2009 SAT Godeval conta cunha nova adega con potencial para elaborar 500.000 botellas. Trátase dunha moderna instalación que aproveita o desnivel do terreo para mover os fluídos por gravidade, reducindo o gasto de electricidade, e dispón de mesas de selección da uva, prensas neumáticas, cámara frigorífica para realizar o proceso de criomaceración…etc.

“Queremos seguir medrando, pero respectando a filosofía da adega e compasando a produción á demanda do mercado”, afirma Araceli Fernández. Así, ademais das 21 hectáreas de viñedo con que conta Godeval -a maior parte situadas en Xagoaza, -pero tamén noutras localidades como Portela e Vilamartín de Valdeorras- teñen previsto sumar nun futuro as plantacións noutras fincas da comarca que xa adquiriron.

“Godeval foi a primeira adega que exportou Godello aos Estados Unidos”

O incremento das exportacións é outro dos eixos estratéxicos desta adega. No últimos cinco anos melloraron a súa loxística de vendas en Galicia e en España e a súa intención é aumentar tamén a súa cota de exportación, situada neste momento no 20% da produción. Godeval xa está presente en Estados Unidos, onde foron a primeira adega en exportar viño Godello, así como en Holanda, Reino Unido, Xapón, Porto Rico ou en Escandinavia. A potenciación do enoturismo é tamén outra das liñas de futuro de Godeval.

“Queremos seguir a filosofía de Horacio Fernández Presa: apostar por valorar o noso produto con viños diferentes e de calidade, a partir dunha variedade autóctona como a Godello, que ten un enorme potencial”, conclúe a xerente de Godeval.

Godeval from Bodegas Godeval on Vimeo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información