A colaboración institucional entre o Goberno central e a Xunta permitirá investir preto de 32 millóns de euros na potenciación do sector agrario da comarca da Limia. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo este mércores unha xuntanza telemática co secretario general de Agricultura y Alimentación do Goberno central, Fernando Miranda.
No encontro, o conselleiro agradeceu a implicación do executivo do Estado para facer posible a limpeza de canles e a modernización do regadío da Limia, mentres a Xunta se encargará de completar a rede de pozos. Foi nunha xuntanza na que tamén estiveron de xeito virtual representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; o comisario de Aguas, Xoán Novoa; e os alcaldes da comarca da Limia.
As actuacións teñen como finalidade reducir a contaminación das augas por nitratos e puríns
José González explicou que destes preto de 32 millóns de euros, un presuposto inicial estimado de 12 millóns irán destinados a sufragar a limpeza das canles da Limia e dos camiños paralelos, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas. O conselleiro agradeceu o compromiso manifestado ao respecto polo propio ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, en Conferencia Sectorial, para evitar e reducir a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá.
Mellora da eficiencia e rede de pozos
Así mesmo, investiranse outros 15,9 millóns de euros nun proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation. Unha cantidade da que o Goberno central achegará máis de 12,7 millóns, mentres a comunidade de regantes da Limia aportará os restantes preto de 3,2 millóns de euros.
O sector primario da Limia achega case o 30% do PIB da bisbarra
A maiores, o titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento destinará outros catro millóns de euros a completar este ano a rede de pozos do regadío da zona. Deste xeito, destacou, contribuirase ao impulso do sector primario da Limia, que achega case o 30% do PIB da bisbarra.
Problemas de xurros nunha das comarcas galegas con máis produción agrícola e gandeira
A Limia é unha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas (pataca e millo fundamentalmente), como en gandeiros (sobre todo porcino, avícola e vacún), pero arrastra un problema de contaminación debido ao seu modelo altamente intensivo. “É necesario actuar a través da mellora da xestión das dexeccións gandeiras para así garantir a viabilidade do sector agrario e a calidade de vida e o benestar da poboación nese ámbito territorial”, asegura a Xunta.
A Xunta promoveu, xunto cos diferentes axentes da comarca, o Plan estratéxico do sector agrario da comarca, co fin de lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos, reducir a concentración de nutrintes nas augas, xerar emprego e fixar poboación no rural, combatendo así o cambio climático á par que o fai Europa a través de ferramentas como a PAC ou a Estratexia Da Granxa ao Garfo.
O borrador do Plan Estratéxico do sector agrario na comarca da Limia está xa moi avanzado e prevese que estea rematado este ano
“O borrador deste plan para a comarca está moi avanzado”, avanza a Xunta. Está a ser elaborado en colaboración coa Fundación Juana de Vega e co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, prevéndose rematalo neste 2021.
Ademais, o pasado mes de xuño quedaba constituída a comisión interdepartamental para mellorar a sustentabilidade do agro na Limia, conformada por representantes do Goberno central e da Xunta. A través desta comisión, estanse a procurar solucións que minimicen o impacto ambiental que xera a gandería intensiva na Limia cun compromiso de execución a curto, medio e longo prazo.
Ampliación da base territorial
Ademais da mellora dos sistemas de regadío, outro dos campos de actuación céntrase no aumento da base territorial das explotacións para reducir o seu grao de intensificación. A aposta da Xunta neste eido concrétase a través da nova Lei de recuperación da terra agraria, que vai permitir o aumento da base territorial das explotacións, o que redundará nunha extensificación da produción e, polo tanto, nunha mellor xestión. Tamén está o Plan de pastos de Galicia, que tamén incide nese incremento da base territorial e, polo tanto, nunha optimización e aproveitamento dos puríns, para o que a Administración galega promove tamén o Centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios.