
Shane Ardern, xunto ao arrimador da sala de espera, para el “a clave” do seu sistema de muxido
Shane Ardern é un gandeiro peculiar, un calificativo que se podería aplicar tamén á súa traxectoria na política. Logo de estudar Agricultura na Universidade de Massey e de empezar poñendo a producir terra pobre aos pés do volcán Taranaki, foi durante 16 anos deputado no Parlamento neozelandés, onde defendeu por enriba de todo os intereses dos produtores.
Agora, con 65 anos recén cumpridos e de volta na granxa desde o 2014, prepara o relevo xunto ao seu fillo Cameron e á súa muller Cathy das dúas granxas con 1.200 vacas en muxidura e 440 hectáreas de terreo que posúe.
Comezou no sector aos 18 anos baixo o sistema de muxido compartido
Comezou no sector aos 18 anos, en 1978, baixo o sistema de muxido compartido (sharemilking), un método singular habitual en Nova Zelandia para o relevo xeracional, no que o propietario da granxa e o gandeiro que a traballa se reparten mensualmente os ingresos que veñen vía cheque do leite, mediante un contrato renovable de tres anos de duración.
Aos pés do volcán Taranaki a terra era mala, con moita pedra e pouca altura de solo
Shane lembra que foi ao banco e pediu un préstamo para mercar 15 hectáreas de terreo e un tractor Massey Ferguson que aínda ten e que suma a día de hoxe 40.000 horas de traballo. Con el amansou aquelas 15 primeiras hectáreas. Eran moi malas –recorda– con moita pedra e pouca altura de solo, situadas na coñecida como a miserable Taranaki, aos pés do volcán do mesmo nome, na zona sur da illa norte de Nova Zelandia. Unha vez traballadas, vendeunas e co que gañou mercou unha peza de 50 hectáreas, ás que lle foi sumando outros bloques de terra posteriores que foi mercando posteriormente até facerse coas 440 hectáreas que ten hoxe en propiedade.
Alto nivel de endebedamento

Zona da leitería e a sala de muxido, xunto coa nave de maquinaria as únicas instalacións a cuberto da explotación
O valor da terra é o principal activo das explotacións leiteiras neozelandesas, pero o prezo de compra é alto e os gandeiros acoden ao banco para financiar a adquisición. Shane aínda lembra o primeiro préstamo que pediu, para mercar as primeiras 15 hectáreas e o Massey Ferguson, cun tipo de xuro ao 10%.
As grandes granxas de Nova Zelandia están moi endebedadas e asumen un risco financieiro elevado
Os intereses para as granxas están agora ao 7% para mercar terra, pero non sempre estiveron neses niveis. “Cheguei a pagar unha taxa do 18% nalgún momento. O traballo máis duro para facerme coa terra non foi co tractor, senón negociar cos bancos”, di, aínda que recoñece que “sempre houbo un compromiso dos bancos en Nova Zelandia co desenvolvemento rural e facilidades e apoios para mercar terra ou modernizar as explotacións”, asegura.
O valor actual das dúas explotacións con 1.200 vacas e 440 hectáreas de terreo da familia Ardern é de 42 millóns de dólares neozelandeses, pero o nivel de endebedamento que teñen co banco neste momento é aínda de 18 millóns de dólares.
Debido ao valor da terra, a granxa convértese no verdadeiro plan de pensión dos gandeiros neozelandeses
Shane cumpriu 65 anos o pasado 20 de xaneiro e prepara xa o relevo nas granxas. Ten dous fillos e cada un vai quedar cunha delas. Pero para pasarllas non vai usar o mesmo sistema de muxido compartido que utilizou el cando empezou, senón que llas van mercar, polo que os seus fillos seguirán fortemente endebedados.
O sistema público de xubilación en Nova Zelandia non garante unha pensión suficiente, polo que moitas veces a granxa convértese no verdadeiro plan de pensións dos gandeiros do país.
A sala de muxido máis rápida do mundo

As dúas salas rotativas de 40 puntos cada unha colocadas en paralelo vistas desde a sala de espera do gando
Shane presume de ter na súa granxa de Te Kiri “a sala de muxido máis rápida de Nova Zelandia e do mundo”, capaz de muxir 600 vacas nunha hora. Deseñouna el mesmo e está formada por dúas salas rotativas de 40 puntos cada unha postas unha a carón da outra, en paralelo, de maneira que os mesmos operarios poden atender as dúas e as vacas que están na sala de espera poden escoller tamén a cal das dúas plataformas xiratorias entrar.
É máis eficiente muxir en dúas salas de 40 puntos que nunha de 80, que tería un radio moi grande e xiraría moi rápido, polo que non daría tempo a colocar as pezoneiras
Investiron en total 1,4 millóns de dólares neozelandeses (uns 700.000 euros) para construíla e poñela en marcha, fai agora 5 anos. “Cando nos propuxemos modernizar a nosa vella sala de muxido, que tiña 27 anos e era de 40 puntos, propúñannos instalar outra sala rotativa pero máis grande, de 60 puntos, pero iso non nos convenceu, porque ocupaba máis espazo, era máis cara (custaba 500.000 máis ca esta) e tamén máis lenta (permitía muxir 400 vacas nunha hora), polo que nos levaría moito máis tempo muxir”, explica.
Un dobre carrusel paralelo de 40 puntos cada un permítelles muxir, só con dúas persoas, 600 vacas nunha hora
Así que logo de visitar grandes explotacións en EEUU, decidiron crear o seu propio sistema, unha innovación da que está orgulloso. Foron tres anos de investigación e de viaxes para estudar alí o funcionamento de granxas con grandes rabaños e tratar de mellorar a eficiencia dos sistemas existentes no mercado. Hoxe, algunhas das súas innovacións, que ten patentadas, son copiadas por explotacións americanas.

Vista dos pasillos de acceso desde as pradeiras á sala de espera
O sistema está composto por dous carruseis xiratorios xemelgos colocados sobre plataformas hidráulicas que permiten axustar o nivel do chan á altura do persoal que está a muxir en cada turno, para facilitarlles así o traballo, facéndoo deste xeito menos físico e máis confortable e levadeiro, reducindo lesións de espalda ou de xeonllos. A capacidade de subir a plataforma móbil do chan da sala permítelles tamén inseminar na sala de muxido, así como aplicar os tratamentos veterinarios ás vacas.
Pasillos a dobre nivel permiten que as vacas que saen da sala non se crucen nin se vexan coas que entran ou están agardando para muxirse, para garantir un fluxo constante
As melloras implementadas, ademáis do dobre carrusel xiratorio, que permite reducir o diámetro de xiro e o espazo necesario para a súa instalación, consisten tamén en pasillos de saída a dobre altura, polo que as vacas que saen de muxirse nunca se cruzan coas que entran ou as que están agardando na sala de espera, o que axiliza o tráfico e permite que os distintos lotes non se mesturen. “Entran por abaixo e saen por arriba, igual que na autoestrada de Los Ángeles”, compara.
Suplementan as vacas que precisan recuperar a condición corporal cun subproduto da industria láctea a base de leite condensado
Na saída hai tamén portas selectoras para devolver ás vacas á pradeira ou para separalas para diferentes currais, por exemplo as que precisan alimentación suplementaria tralo parto ou as que están enfermas e hai que revisar. Os pasillos de saída contan tamén cunha báscula que permite pesar ás vacas para controlar a súa condición corporal.
Coa redución dos tempos de muxido e de espera, lograron aumentar a produción por vaca
A rapidez no muxido permite ao persoal ter que pasar menos horas traballando e ás vacas volver antes ao pasto, o máis importante para Shane. “Se as vacas teñen que andar media hora para vir muxirse e despois agardar hora e media para muxirse e outra media para volver á pradeira, e se iso o fan 2 veces ao día, son 5 horas perdidas que podían destinar a comer ou a descansar”, argumenta.
A sala de espera é circular, para evitar puntos mortos onde poidan quedar as vacas, cun arrimador que as empurra cara a rotativa dobre
Coa diminución dos tempos de espera das vacas para muxirse conseguiron aumentar a produción de leite e reducir a cantidade de xurro xerado nas instalacións. Para tratalo, contan con tres estanques de decantación, que serven para ir separando a parte sólida do xurro e os efluentes do lavado. A auga limpa do final do proceso volve reutilizarse no baldeo de zonas como a sala de espera ou os pasillos da instalación. Empregan en cada muxidura uns 15.000 litros de auga.
Na outra granxa van montar unha sala rotativa robotizada de GEA
Na outra das granxas que posúe a familia Ardern contan cun sistema de muxido máis antigo e moito máis lento, pero agora Cameron quere poñer unha sala rotativa robotizada de GEA. “Non a puxemos até o momento porque era moi cara até agora”, recoñecen. Supón un investimento de 1,5 millóns de dólares neozelandeses.
Decantáronse por instalar unha sala rotativa robotizada fronte a outros sistemas como o de batch milking (muxido robotizado en lotes) pola necesidade de suplementación que requeriría. “Para min, é un sistema que non se adapta ao modelo neozelandés, porque teríamos que dar penso no robot e os custos de alimentación subirían”, din. “Temos 1,7 km desde o pasto até as instalacións de muxido e teríamos que aportar entre un 30 e um 40% da alimentación vía penso no robot para que as vacas viñeran muxirse”, calculan.
Sistema intensivo de pastoreo

Vacas volvendo do pasto para muxírense ás 3 da tarde, a hora habitual da segunda muxidura en Nova Zelandia
Glenartan Farm está baseada nun sistema intensivo de alimentación do gando en base a pasto, o maioritario en Nova Zelandia. “O 95% da alimentación das nosas vacas é herba pacida, pero se é un ano complicado, coma este, debido á seca, pode baixar ao 85%”, recoñece Shane.
Para as 600 vacas en produción dispoñen dun total de 260 hectáreas, das que 196 son de pradeiras permanentes para pastoreo. “A nosa carga gandeira é dunhas 3 vacas por hectárea. Estamos no rango do 15% das granxas coa maior carga gandeira do país”, indican.
O 95% da alimentación das nosas vacas é herba pacida, pero este ano baixou ao 85% debido á seca
Os turnos de rotación do pastoreo nas parcelas van dos 25 días desde comezos da primavera até o Nadal até os 120 días en xuño e xullo, que coinciden cos meses do inverno no hemisferio sur.
Todas as parcelas dispoñen de bebedoiros e a auga procede da zona de montaña e é xestionada por unha asociación de gandeiros. “É auga comunal potable para zonas rurais que pagamos os propios produtores, pero sae cara”, asegura Shane.

Suplementan cun subproduto a base de leite condensado ás vacas que precisan recuperar condición corporal
Moxen habitualmente uns 300 días no ano e os outros 65 estarían as vacas secas, aínda que este ano reducirán o período de lactación a 290 días por mor da falta de pasto. Producen entre 450 e 480 kg de sólidos por vaca e ano, para un total de 282 toneladas de sólidos totais.
Teñen 2 traballadores só para muxir e outros dous a tempo completo para atender o gando e os pastos
Na granxa traballan Shane e o seu fillo Cameron máis outros dous empregados a tempo completo (o responsable do rabaño) e outro empregado que se encarga dos pastos. A maiores, teñen outras dúas persoas que moxen. “Eu e Cameron traballamos unha media de 50 ou 55 horas á semana, mentres que os empregados traballan en quendas de 7 días de traballo e 3 de libranza. Ao meu modo de ver, a clave para que a xente non marche é a flexibilidade, cun sistema que permita adaptarse ás necesidades persoais de cada empregado. Por iso o meu papel é o de compensar os fallos, as baixas e as libranzas dos empregados”, argumenta Shane.
Colares Halter para traer as vacas do pasto
Glenartan Farm aposta por aproveitar as oportunidades que a tecnoloxía ofrece a día de hoxe para facilitar o manexo do gando. Dispón nas súas vacas de colares Halter, de fabricación neozelandesa, que permiten tanto a realización de cercados virtuais como traer o rabaño do pasto conducíndoo cara a sala de muxido.
Os dispositivos acciónanse desde o teléfono móbil e contan cunha placa solar que permite autorrecargar a batería interna dos colares e alimentar o sistema de vibración que fai que as vacas se movan. Veñen en 3 lotes de muxido de 200 vacas cada un. Para que non se mesturen as vacas dos distintos lotes na sala de muxido chegan de xeito escalonado e entran e saen por lugares diferentes.
O custo destes dispositivos é de 10 dólares neozelandeses (uns 5€) de subscrición por vaca ao mes
“Os colares localízanse mediante posicionamento GPS e teñen unha precisión de 2-3 metros, de modo que se a vaca non anda ou se equivoca de camiño aplícalle unha pequena descarga. Cando lles colocamos o colar por primeira vez temos que educar ás vacas, pero é unha aprendizaxe moi rápida e nun par de días as vacas aprenden a responder aos estímulos”, explica Shane.
O número de granxas que están a incorporar estes dispositivos está a aumentar, aínda que o seu custo en rabaños numerosos, como os que as explotacións leiteras teñen en Nova Zelandia, está a ser un factor limitante para a súa universalización.
O deputado que subiu no seu tractor as escaleiras do Parlamento

O vello tractor Massey Ferguson co que Shane empezou, con 40.000 horas de traballo, que aínda conserva
Este gandeiro de 65 anos foi durante 16, de 1998 ao 2014, deputado no Parlamento de Nova Zelandia polo Partido Nacional, de corte conservador e actualmente no Goberno, e boa parte da súa acción política foi en beneficio dos produtores. “Son agricultor e nunca pedín disculpas por selo, por iso na miña época na política representei a un grande electorado rural que aínda hai en Nova Zelandia”, asegura.
Shane lembra as barbacoas que facía na súa casa con Jim Bolger, primeiro ministro do país de 1990 a 1997
Taranaki é un extenso distrito predominantemente rural que se estende ao suroeste da illa norte. Ardern, converteuse nun dos principais impulsores da lexislación que permitiu a creación da cooperativa Fonterra no ano 2001.
Ese ano, trala aprobación da Lei de Reestruturación do Sector Lácteo (DIRA), forzada pola presión da Organización Mundial do Comercio, elimínase o monopolio estatal para a exportación que representaba o NZ Dairy Board (NZDB) e créase Fonterra, froito da unión das principais cooperativas do país (excepto dúas delas, Westland Milk Products na costa oeste da Illa Sur e Tatua na Illa Norte en Waikato).
No ano 2011 Shane Ardern logrou o 70% dos votos na súa xurisdición
Dous anos máis tarde, no 2003, Shane protagonizaría unha chamativa acción de protesta, cando subiu co seu tractor as escaleiras do Parlamento para mostrar o seu rexeitamento ao imposto destinado á investigación das emisións agrícolas, unha proposta fiscal do Goberno Laborista que pretendía recaudar anualmente 8 millóns de dólares nas explotacións gandeiras para financiar con eles investigacións encamiñadas a reducir os gases de efecto invernadoiro das granxas e cumprir así cos límites establecidos no Protocolo de Kyoto.
Nova Zelandia sofre neste momento unha das secas máis importantes do último medio século
Nova Zelandia é un dos principais exportadores de produtos lácteos a nivel mundial. Acapara unha cuarta parte do comercio internacional de lácteos grazas ao enfoque exportador da cooperativa Fonterra e a un sistema de produción baseado no pastoreo intensivo.
A dependencia do mercado internacional aumenta a volatilidade dos prezos do leite que cobran os gandeiros neozelandeses. Neste momento son prezos de récord, o que dispararía a rendibilidade das explotacións se non fora pola importante seca que están a padecer en amplas rexións do país, tanto da illa norte como na sur.
A perda de produción dos pastos augura un descenso das exportacións de lácteos neozelandeses nos vindeiros meses malia que a actual campaña está xa a piques de rematar
En pleno outono e camiño xa do inverno, a época na que a maioría das granxas neozelandesas secan as súas vacas, moitas ganderías están a optar por muxir unha soa vez ao día debido ao descenso de produción que está a acusar o gando por mor da seca e á falta de pasto no final da lactación (a campaña anual láctea remata oficialmente en Nova Zelandia o 1 de xuño). Pero nas actuais condicións, as explotacións están adiantando o secado das vacas de baixo rendemento, eliminando animais para reducir o número de cabezas do rabaño e evitar verse obrigadas a mercar forraxes e suplementos importados.
A zona costeira, a máis afectada
Os episodios de falta de chuvias están a comezar a ser habituais en Nova Zelandia, incentivados polo cambio climático. Houbo seca no 2005 e no 2017, pero nada como o que está a acontecer desde hai máis de medio ano, afirma Shane, que asegura que é a seca máis importante que recorda desde o 1970.
O ministro de Agricultura, Todd McClay, ampliou en febreiro a Taranaki a alerta por seca na que están tamén rexións como Waikato ou Northland
“As taxas de crecemento do pasto son practicamente cero e queda pouco”, recoñece. As súas granxas están na zona de Ōpunake, cerca da costa de Taranaki, e toda a franxa costeira desde Ōkato, ao sur, até Hāwera está afectada. Tan só se salvan da seca as fincas que están ao pé o imponente volcán que se divisa desde toda esta zona do país. “A precipitación media un ano normal nesta área é duns 1.600 litros ao ano, aínda que ás veces 300 deses litros caen dunha soa vez”, detalla.
Habitualmente as secas en Nova Zelandia chegan a Europa con subas no prezo do leite
Taranaki é, xunto con Waikato, unha das principais rexións produtoras de leite de Nova Zelandia, polo que a caída de produción no país maorí é un factor máis do escenario internacional que incide na suba de prezos do leite que se viviu en países exportadores europeos como Irlanda, Países Baixos ou Alemaña e que se está a trasladar a Galicia na actual renovación de contratos.