As ganderías pequenas cobran ata 15 céntimos menos por litro de leite que as grandes

As ganderías pequenas cobran ata 15 céntimos menos por litro de leite que as grandes

O mesmo leite, a mesma bacterioloxía, as mesmas calidades de graxa e proteína, e vendido á mesma industria láctea, pero unha granxa cobrouno o pasado mes de outubro a 44 céntimos o litro e outra gandería veciña a 59. Ata 15 céntimos de diferencia en litro que non teñen máis xustificación para a industria láctea que o tamaño da granxa.

Esta é a realidade que se vive no sector lácteo de Galicia, e tamén de España, dende o mes de xuño, cando ante a baixada da produción de leite as industrias comezaron unha carreira de prezos para garantir o aprovisionamento de materia prima, pero realizando as mellores ofertas ás ganderías de maior tamaño.

PREZOS LEITE FOGGA OUTUBRO 2022

Así o reflicte o último informe do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): Se en xaneiro deste ano a diferenza de prezo entre as ganderías máis pequenas, as do estrato 1 -de menos de 100.000 litros anuais de produción- e as de maior tamaño, as do estrato 6 -con máis de 700.000 litros- era de algo menos de 5 céntimos en litro -31,48 € por litro fronte a 36,63- no mes de outubro disparouse a 10 céntimos -44,17 euros por litro para as máis pequenas, fronte a 54,69 para as de maior tamaño- Unha diferencia que segundo Óscar Pose, responsable de Unións Agrarias para o sector lácteo, “chega ata os 15 céntimos nas ganderías de máis de 1 millón de litros, ás que as industrias lácteas lle están a pagar ata preto de 60 céntimos o litro”.

Deste xeito, se ben é certo que o prezo medio do leite aumentou para todas as granxas, houbo importantes diferencias segundo o tamaño. Así, e tal como reflicten os datos do FOGGA, dende xaneiro a outubro o prezo ao que cobran o leite as ganderías máis pequenas, as dos estratos 1 e 2, incrementouse nun 40,17 e nun 42,62% respectivamente. Porén, as dos estratos 5 e 6 viron incrementados os seus prezos nun 45,88 e nun 49,30%, respectivamente. En porcentaxe non parece moito -a diferencia porcentual entre as que máis cobran e as que menos pasou dun 16% en xaneiro a un 20% en outubro- pero cuantitativamente a diferenza é moi significativa.

“É unha diferenza de prezos que non se xustifica”

“Até o de agora había unha diferencia de 3 a 4 céntimos en litro entre as granxas máis grandes e as máis pequneas, polos maiores costes de recollida para as ganderías de menor tamaño, pero o diferencial que hai neste momento non se xustifica. Así, dáse o contrasentido de que hai industrias lácteas que compránlle o leite ás ganderías que máis están cobrando por litro en Galicia e ás que menos o están cobrando, por esa carreira por asegurarse o subministro”, esegura Óscar Pose.

Unha carreira na que as industrias lácteas premian ás granxas de maior tamaño, algo que pode ser entendido do punto de vista empresarial pero non socialmente, xa que penaliza o mantemento do maior número posible de ganderías, e polo tanto de poboación e de paisaxe coidada, no rural.

Neste sentido, o representante de Unións Agrarias lembra que “hai que ter en conta que as ganderías dos estratos 5 e 6 concentran case o 70% da produción de leite en Galicia e o estrato 6, aínda que representa só o 15% das ganderías, supón xa o 53% da nosa produción de leite”.

No mes de xaneiro as industrias empezarán a presentar as novas ofertas de contratos lácteos para o 2023 e veremos se esta tendencia se corrixe ou se mantén.

Medio Rural destaca que as ganderías cobran un 51% máis polo leite que en outubro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidirá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria. foto xoán crespo

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidirá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria.
foto xoán crespo

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria. Alí, debullou o último informe do sector lácteo e destacou que os prezos pagados a produtores de leite da comunidade incrementáronse en case un 55% desde outubro de 2021, situándose nos 53 céntimos/litro.

Neste senso, Balseiros sinalou que a evolución do prezo medio do leite “é moi boa” e agarda que “o incremento siga nos vindeiros meses”. Ademais, concretou que desde decembro de 2021, o incremento deste prezo medio foi de 17,4 cts/litro de leite, é dicir, preto dun 50% máis. No tocante á produción, o director xeral sinalou que Galicia segue sendo a maior produtora de leite con 2,4 millóns de toneladas de leite entregada no 2022, o que representa o 40,75% das entregas de toda España.

En canto ao impacto do prezo da enerxía e das materias primas desde decembro de 2021 supuxo unha suba dos custos dun 11,76%.

Transformación industrial

Durante a súa intervención, o director xeral lembrou que a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego fixa como obxectivo para 2025 transformar en Galicia o 75% do leite producido.

“A realidade -destacou Balseiros- indica que no ano 2021 industrializouse na nosa comunidade o 63,23% deste produto. Así, a transformación de leite na nosa comunidade incrementouse nun 50,32% entre os anos 2016 e 2021, o que supuxo un incremento na transformación de máis de 630.000 toneladas”.

Galicia vai camiño de converterse na oitava rexión produtora de leite da Unión Europea

O director xeral subliñou que, dentro do contexto europeo, Galicia foi a décima rexión produtora de leite no ano 2021, con cifras moi próximas a outras rexións relevantes de Alemaña, Francia e Polonia.

Neste senso, José Balseiros destacou que “a nosa comunidade mantén un crecemento constante ano tras ano na súa produción de leite, polo que de manterse esta tendencia podería chegar a situarse -a medio prazo- como a oitava rexión produtora da Unión Europea”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información