As ganderías de vacún de leite de Galicia foron responsables do 70% do incremento das entregas o pasado ano en España. Así se reflicte no último informe da Asociación Galega Terra e Leite, elaborado partindo da información publicada na páxina web do MAPA (Vacuno lechero. Declaraciones de entregas ) e do Milk Market Observatory (Historical EU Prices of raw milk).
En concreto, o incremento da produción en España con respecto ao ano 2023 foi de 86 mil toneladas. Galicia destaca como a rexión cun maior crecemento absoluto, rexistrando un incremento nas entregas de leite de 61,77 mil toneladas, sendo responsable de preto do 71,26% do crecemento total en España. É dicir, de cada 10 litros que aumentan as entregas en España, 7 proceden das gandarías de Galicia.
Diferenza de 3,1 céntimos por litro entre Galicia e España e de 7 céntimos con respecto á media da UE
O prezo medio do leite en Galicia no mes de decembro foi de 49,50 c/L, mantendo a estabilidade rexistrada nos últimos meses, aínda que supuxo unha baixada do 5,28 % en comparación co mes de decembro do ano anterior. A nivel estatal, o prezo medio situouse en 52,20 c/L, cunha diminución interanual do 5,75 %.
Porén, prezo medio estandarizado do leite en España, considerando un contido de 4,0 % de graxa e 3,3 % de proteína, foi de 52,30 c/L, mentres que en Galicia foi de 49,20 c/L, reflectindo un diferencial de 3,1 c/L entre a comunidade galega e a media nacional.
En decembro de 2024, o prezo medio do leite na Unión Europea (UE-27) alcanzou os 52,33 c/kg. Galicia presentou un prezo medio de 45,24 c/kg, o que supón unha diferenza negativa do 13,54 % con respecto á media europea, mentres que España rexistrou un prezo de 47,77 c/kg, un 8,82 % inferior ao da UE.