As ganderías galegas facturaron en 2024 un total de 1394 millóns pola venda de leite, case un 9% menos

OS LOUREIROS SL (Vimianzo) sala muxido muller relevo xeracionalAs arredor de 5400 ganderías galegas de vacún de leite facturaron no 2024 un total de 1394 millóns de euros por venda de leite, un 8,92% menos que no ano anterior, segundo estimacións realizadas pola Fundación Juana de Vega a partir dos datos de prezos e entregas de leite publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

Esta baixada respecto aos datos de 2023, onde as explotacións galegas facturaron 1531 millóns de euros pola venda de leite, explícase pola caída do prezo medio: En 2024 o prezo medio ponderado pagado pola industria láctea ás ganderías galegas foi de 0,467 euros por litro de leite, por debaixo dos 0,525 de 2023, case un 12 % menos.

A caída da facturación por venda de leite viuse moderada polo incremento da producción láctea, que medrou en Galicia nunhas 70.000 toneladas, un 2,34% máis, ata os 3,071 millóns de toneladas.

Se lle sumamos á venda de leite os outros ingresos dunha explotación, o volume de facturación superaría os 1629 millóns de euros o pasado ano. En 2023 estimáronse uns ingresos globais para as ganderías de vacún de leite de Galicia duns 1763 millóns de euros, co que a baixada da facturación do sector situaríase nun 7,57%, ou o que é o mesmo, 133 millóns de euros menos.

En desglose, e partindo como base das estimacións realizadas pola Fundación Juana de Vega a partir dos datos do FEGA, os ingresos por venda de leite representarían o pasado ano un 85,59 % do total; un 5,88 % -case 96 millóns de euros- correspondería á venda de animais (becerros, vacas de desvelle e xovencas, que incrementaron o prezo notablemente a partir do verán); as subvencións da PAC representaron arredor do 7 %, uns 113 millóns de euros e outros ingresos e variacións de inventario un 1,60%, o que suporía 26 millóns de euros máis.

Por último, compre lembrar que as ganderías galegas de vacún de leite, concentradas na súa maior parte no interior das provincias da Coruña e de Lugo, dispoñen de pouco máis que 200.000 hectáreas de base territorial, só o 8% do territorio galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información