As ganderías deberán contar cun Plan de Benestar Animal elaborado polo veterinario da explotación

A nova normativa prohibe que as tenreiras de máis de dous meses permanezan en boxes individuais, que non poderán ser opacos, senón de tabiques perforados que permitan un contacto visual e táctil directo entre os animais

CASTEDO SC (LUGO) camas area benestar animalO Boletín Oficial do Estado publicou este mércores o Real Decreto 159/2023, que crea algunhas novas ferramentas co fin de mellorar o benestar animal nas granxas, así como para facilitar os controis oficiais que levan a cabo as autoridades competentes.

En particular, o real decreto publicado modifica varias normas en materia protección dos animais nas granxas, así como de información da cadea alimentaria e sobre o sacrificio de urxencia na explotación.

Esta nova norma forma parte do paquete lexislativo de acompañamento do Plan Estratéxico para a aplicación en España da PAC e supón un reforzo da normativa de benestar animal

Co obxectivo de asegurar a mellora dos procesos internos das granxas, esténdese a obriga de dispoñer dun plan de benestar animal a todas as explotacións a partir de certo tamaño, que queda establecido a partir de 5 UGM para explotacións de gando bovino, equino, ovino e caprino e en 5,1 UGM en caso de explotacións porcinas en extensivo.

Será obrigatorio en 2027

O veterinario da explotación será o encargado de elaborar este plan, adaptado a cada granxa, co que se estende o uso desta ferramenta que xa existe nas granxas de porcino intensivo e de avicultura. Os titulares das granxas dispoñerán de 4 anos para elaborar o devandito plan.

O contido mínimo do Plan de benestar animal deberá incluír unha descrición das condicións estruturais e ambientais da explotación; unha avaliación de factores de risco para o benestar dos animais, incluíndo o risco de desastres naturais (tales como inundacións, terremotos ou incendios) de acordo coas características do lugar onde se atopa a explotación; así como un plan de acción con medidas a adoptar sobre os riscos identificados.

Os reais decretos de ordenación de granxas porcinas e avícolas xa estableceran a obrigatoriedade de que o titular dispoña dun Plan de benestar animal, que agora se estende ao resto de especies

“Xa se estableceu, para as granxas porcinas intensivas e para as granxas avícolas, a obriga de dispoñer dun plan de benestar animal, a partir de certo tamaño de granxa. Considérase necesario estender este precepto a todas as granxas”, explica o Ministerio de Agricultura no Real Decreto publicado este mércores.

Tenreiras en boxes colectivos

Zona de boxes de recría da explotación, onde a totalidade dos animais son cruzados

O novo Real Decreto modifica tamén as condicións de cría de tenreiros e establece que “non se manterá encerrado a ningún tenreiro de máis de oito semanas de idade en recintos individuais, a menos que un veterinario certifique que a súa saúde ou comportamento require que sexa illado para que poida recibir un tratamento”.

O establecemento deste límite temporal obrigará a realizar o destete en grupo e non de forma individual, como se realiza ata o de agora na maioría de granxas, cando a idade de amamantamento sexa superior aos dous meses de vida.

Se a idade ao destete supera os dous meses, non poderá realizarse en boxes individuais

En canto ás dimensións dos aloxamentos, a anchura do recinto individual dun tenreiro deberá ser, polo menos, igual á altura do animal na cruz estando de pé e a súa lonxitude deberá ser, polo menos, igual á lonxitude do tenreiro medida desde a punta do nariz ata o extremo caudal do isquion e multiplicada por 1,1.

Ningún aloxamento individual para tenreiros, con excepción daqueles nos que se ille aos animais enfermos, deberá dispoñer de paredes sólidas, senón de tabiques perforados que permitan un contacto visual e táctil directo entre os animais.

No caso dos tenreiros criados en grupo, o espazo libre de que dispoña cada animal deberá ser igual, polo menos, a 1,5 metros cadrados para cada tenreiro de peso vivo inferior a 150 quilogramos; polo menos, de 1,7 metros cadrados para cada tenreiro dun peso en vivo igual ou superior a 150 quilogramos pero inferior a 220 quilogramos; e, polo menos, de 1,8 metros cadrados para cada tenreiro dun peso en vivo igual ou superior a 220 quilogramos.

Rexistro de baixas

Do mesmo xeito, as explotacións deberán rexistrar todos os falecementos de animais producidos e as súas causas para descartar que estas sexan debidas a malas prácticas ou instalacións inadecuadas. “A mortandade nas granxas é un dato importante xa que unha mortandade anormal pode ser indicador de falta de benestar.

Por tanto, é necesario asegurar que se rexistran as baixas que se producen nas explotacións. A normativa sectorial sobre porcino e aves de curral así o establece e faise necesario estender este requisito a outras producións de animais vertebrados, en particular a aquelas en que non existe un rexistro individualizado dos animais”, argumenta o Ministerio de Agricultura.

Centro Nacional de referencia con sede en Barcelona

No ámbito do control, a normativa prevé a creación formal da mesa de coordinación sobre benestar e protección dos animais e establécese a existencia dun centro nacional de referencia para o ámbito gandeiro e acuícola, para o que foi designado o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Catalunya (IRTA), en consorcio coa Universidade Autónoma de Barcelona, por un período de dous anos.

Normativa europea dentro do paquete lexislativo da nova PAC

Así mesmo, modifícanse todos os reais decretos sobre protección de animais nas granxas (os relativos a condicións xerais e os de cría de tenreiros, galiñas poñedeiras, porcos e pitos de carne), a fin de adecualos á normativa comunitaria en aspectos formais, como os relativos aos informes dos resultados dos controis e outros aspectos técnicos administrativos.

Esta nova norma forma parte do paquete lexislativo de acompañamento do Plan Estratéxico para a aplicación en España da Política Agraria Común (PAC) e supón un reforzo da normativa de benestar animal desde distintos aspectos da coordinación administrativa e da operativa nas propias granxas, de maneira complementaria á recente modificación da normativa de sanidade e protección no transporte (Real Decreto 990/2022, do 29 de novembro).

Requisitos de instalacións e condicións de manexo máis esixentes para as granxas porcinas

Granxa-porcino-SAT-O-Chope-_Porcos-

Aínda que os reais decretos de ordenación de granxas porcinas e avícolas xa establecían a obrigatoriedade de contar con plans de benestar animal, que agora se estenden ao resto de especies, a normativa incide nalgúns dos aspectos esixidos ás explotacións para incrementar a protección dos porcos.

Co fin de mellorar as condicións das granxas e o manexo dos animais, establécense requisitos máis específicos que os actuais, adaptados ao actual coñecemento científico.

As granxas xa existentes dispoñerán de dous anos para realizar as adaptacións necesarias á nova normativa

A norma establece, por exemplo, novos valores no relativo á densidade máxima de animais nas granxas e novas condicións respecto da súa alimentación, auga, comedoiros ou condicións ambientais. As granxas xa existentes dispoñerán de dous anos para realizar as adaptacións necesarias.

Densidade máxima de animais

A superficie de chan libre da que deberá dispoñer cada leitón destetado ou porco de produción criado en grupo, excluídas as porcas e as porcas novas despois da cubrición, será como mínimo:

normativa granxas porcino metros cadrados por porco

Os animais deberán ter acceso a unha área de repouso confortable desde o punto de vista físico e térmico e adecuadamente drenada e limpa, que permita que todos os animais se tumben ao mesmo tempo.

Cando se utilicen chans de formigón emparrillados para porcos criados en grupos:

  • A anchura das aberturas será dun máximo de 11 mm para leitóns; 14 para leitóns destetados; 18 para porcos de produción; e 20 para porcas e porcas novas despois da cubrición.
  • A anchura das viguetas será dun mínimo de 50 mm para leitóns e leitóns destetados e 80 mm para porcos de produción, porcas e porcas novas despois da cubrición.

Climatización e alimentación

Os recintos nos que se aloxen os animais deben dispoñer dos sistemas adecuados para previr o estrés térmico para os porcos. Os porcos deberán estar expostos a unha luz dunha intensidade mínima de 40 lux ou equivalente se se facilita luz en led, durante un período mínimo de 8 horas ao día.

Alimentarase a todos os porcos, polo menos, unha vez ao día. Cando os porcos sexan alimentados a vontade dispoñerán de polo menos un punto de alimentación por cada vinte animais, ou por cada cinco animais se son leitóns destetados de ata 25 kg de peso vivo. Cando se alimenten en comedoiros lineais debe dispoñerse de 18 cm por porco destetado de ata 25 kg de peso vivo, de 25 cm por porco de ata 50 kg de peso vivo, e de 30 cm por porco de máis de 50 kg de peso vivo.

Niveis máximos de ruído e gases contaminantes

Na parte do edificio na que se atopen os porcos evitaranse:

  • Niveis de ruído continúo superiores a 85 dB, así como ruídos duradeiros ou repentinos.
  • Concentracións de gases medidos á altura das cabezas dos animais superiores a 20 ppm de amoníaco e 3.000 ppm de dióxido de carbono. O titular da explotación deberá dispoñer de rexistros de control mensual que constaten que non se exceden os valores especificados.

En 2018 púxose en marcha un Plan de acción para a prevención do raboteo sistemático en granxas de porcos

Tamén se regula sobre a dispoñibilidade de material manipulable para os animais, co fin último de diminuír a necesidade de practicar o raboteo. Desde 1991 a normativa establecía a prohibición do corte rutineiro das colas dos animais, e desde 2003 é obrigatorio, antes de realizar esta práctica, adoptar medidas para previr a caudofagia tendo en conta as condicións ambientais e a carga gandeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información