
Foto da rolda de prensa. FOTO: El Progreso/ Xesús Ponte
As ganderías da provincia de Lugo deixarán de cobrar este ano uns 57 millóns de euros pola diferenza de prezo en relación á media española.
Así o denunciou hoxe en rolda de prensa na capital luguesa o sindicato Unións Agrarias, dentro da súa campaña “Prezos Xustos Xá!” na que advirte do que considera discriminación inxustificada por parte da industria láctea cara os productores galegos, aos que lles paga de media 4 céntimos menos que a media española.
Na comparecencia de prensa interviron Miguel Tomé, coordinador provincial de Unións Agrarias en Lugo; Óscar Pose, responsable do sector lácteo neste sindicato, así como por Félix Porto, secretario de coordinación sectorial.
En concreto, Óscar Pose, advertiu de que “mentres un gandeiro galego cobrará de media uns 0,47 euros o litro, a media española é de 0,51, a pesar de que o valor que lle saca a industria ao leite galego é maior, pois contén máis materia graxa”.
“A única excusa para esta discriminación que emprega a industria é que os custos de produción son menores en Galicia debido á súa climatoloxía, que permite producir cunha maior cantidade de forraxes de produción propia na alimentación das vacas. É dicir, eles queren establecernos a marxe de beneficio que podemos ter”, criticou.
Outra das reivindicacións da campaña “Prezos Xustos Xá!” é o punto crioscópico do leite, reclamando que este factor “non debe ser considerado para controlar a calidade do produto, ao estar influído por factores que o gandeiro non pode controlar (….) polo que a industria non debe seguir empregando este parámetro como ferramenta de desconto inxustificado”.
Por último, dende Unións Agrarias reclaman á Consellería do Medio Rural a posta en marcha de forma urxente dun observatorio de coste de producción, como ferramenta na negociación de prezos dos contratos, así como a “decidida posta en marcha” da Axencia de Información e Control Alimentario (Aica) Galega.