Ganderías de vacún de leite, agricultores da Limia ou produtores de castaña…os esquecidos polo Goberno na rebaixa do IPRF

Ganderías de vacún de leite, agricultores da Limia ou produtores de castaña…os esquecidos polo Goberno na rebaixa do IPRF

A organización Unións Agrarias denuncia o que considera “total falta de sensibilidade do Ministerio de Facenda para cos produtores pola non bonificación nos tipos do IRPF respecto do exercicio anterior en sectores moi afectados pola pandemia”, como son os produtores de pataca da Limia, de castaña ou as ganderías de vacún de leite.

Así, segundo aparece nas táboas que hoxe publica o BOE, “os agricultores de Xinzo de Limia tributarán no tipo máximo a pesar de ter tido que saldar toda a produción do ano pasado pola caída das ventas polo peche da canle HORECA”. Porén, o sindicato considera un sinsentido que o Ministerio si bonifique os tipos en concellos nos que non houbo produción pola prohibición de plantar derivada da praga da Couza Guatemalteca.

Ademáis, Unións denuncia que caso da produción de castaña tampouco se bonifica tramos de IRPF nos concellos nos que se perdeu a colleita pola afectación da avispilla do castiñeiro. “O mesmo ocorre coas zonas produtoras de forraxes que perderon a campaña polo efecto da multiplicación das poboacións da rata toupa”, engaden.

O sector lácteo queda fóra a pesar do importante aumento do prezo do penso

A organización agraria denuncia que no sector lácteo as principais zonas produtoras quedan fora dunha redución de impostos, “pese a que o Ministerio de Agricultura recoñece que se está traballar por debaixo de custes, mentres que ese mesmo baremos si se consigna para habilitar unha rebaixa no IRPF para as granxas de gando de carne”.

Unións Agrarias, lembra que moitas destas producións na anualidade anterior si se viron beneficiadas de rebaixas froito de distintas condicionalidades mentres que “neste exercicio non se aplican a pesares de ser o máis desastroso do último século”.

Ante esta situación a organización agraria, pide “unha inmediata corrección nas producións referidas porque resulta de especial cinismo manifestar o carácter estratéxico do sector primario para despois ter este trato a hora de liquidar impostos sobre unhas rendas exiguas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información