Ganderías de Mazaricos implícanse na loita contra o cambio climático protexendo as ribeiras dos ríos

Varias ganderías do concello coruñés de Mazaricos implícanse na conservación dos bosques de ribeira e da vexetación das marxes dos ríos como forma de loitar contra o cambio climático. Cóntannos a súa experiencia nesta iniciativa na que tamén participan Augas de Galicia e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

O Concello de Mazaricos é dos poucos onde se dan perfectamente as condicións óptimas para compaxinar turismo e natureza, sen perder a esencia orixinal da gandeiría como recurso máis elemental, contando con máis de 800 granxas repartidas polo territorio, e que lle dan un posto de relevancia autonómica.

Técnicos de Augas de Galicia e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), personal de campo e a motivación cada vez máis participativa de gandeirías comprometidas uníronse para preservar os bosques de ribeira que se atopan nas marxes dos ríos, coma un aliado principal contra o cambio climático e figura esencial e representativa da paisaxe rural.

Recuperación das marxes de xeito natural: Antes da actuación

mazaricos ciam 1

Recuperación das marxes de xeito natural: Despois da actuación

mazaricos ciam 2

Velaquí o testemuño de 3 ganderías de vacún de leite que participan nesta iniciativa:

SAT Busto Corzón (Mazaricos) : “Manter a vexetación das marxes dos regatos e ríos é beneficioso para o medioambiente e tamén para a nosa granxa”

“Somos una explotación gandeira nacida no ano 2005 e froito da fusión de tres pequenas explotacións familiares. Está situada na parroquia de Corzón, no concello de Mazaricos e dedícase á producción de leite.

Neste momento contamos cunha cabana gandeira de más dun millar de cabezas, 450 das cales son vacas en muxidura que nos permiten un volume de producción anual de algo máis de cinco millóns de litros de leite.

Somos unha explotación moderna, sustentable e eficiente que fai unha aposta decidida por aspectos tan importantes coma a seguridade alimentaria, o benestar animal ou o coidado ambiental. Neste sentido, fomos das primeiras explotacións de Europa en obter a certificación de calidade ISO 22000.

Para Busto-Corzón o respecto e o coidado do entorno resulta fundamental e tentamos adiantarnos ás políticas ambientais máis esixentes implementando prácticas agronómicas e de manexo de xurros compatibles co coidado máximo do entorno ou da paisaxe.

Por citar dous exemplos: dende fai un par de anos dispoñemos dunha fosa de xurro con capacidade para máis de 13 millóns de litros, o que nos permite aplicar este abono orgánico só dúas veces ao ano, co que isto supón á hora de controlar as potenciais filtracións ou contaminacións das augas por nitratos.

José Manuel, Socio cooperativista de Busto Corzón, nunha das novas franxas fluviais que se promoven como barreira de protección.

José Manuel, Socio cooperativista de Busto Corzón, nunha das novas franxas fluviais que se promoven como barreira de protección.

Nesta mesma liña, levamos anos respectando as distancias de seguridade mínimas de cinco metros a cauces de auga, tanto á hora de realizar tratamentos como de facer sementeira de millo ou implantacións de praderías.

Consideramos que estas franxas de seguridade son fundamentais para manter un ecosistema limpo e equilibrado e que tamén son beneficiosas para a nósa granxa. Así é que temos un plan a curto prazo para prantar nestas zonas especies autóctonas que aínda consoliden máis estas áreas de especial interés ecolóxico”.

Sat CIVES (Mazaricos) : “Deixamos sen laborear 5 metros nas marxes dos cauces porque é unha actuación beneficiosa para preservar os ríos”

“Son Antonio París, socio de Sat Cives, que nacíu da fusión de 4 explotacións pequenas de Colúns, no ano 2007. Manexamos máis de 500 cabezas e en muxidura 270 para entrar así, nun sector lácteo cada vez más competitivo, considerándonos unha referencia no benestar animal.

Sobre actuacións ambientais contamos cunha foxa cuberta de ata 3 millóns de litros, que nos permite secuenciar as aplicacións de abonado e reducir así os riscos de filtracións ou de escorregas.

Na actualidade estamos aumentando as nosas políticas ambientais deixando sen laborear os cinco metros das marxes dos cauces. Cremos que é unha actuación beneficiosa e xusta para preservar os ríos, a pesar de que o factor limitante para desenvolver correctamente estas melloras ambientais, sexa o alto prezo dos alugueres das terras.

Sat Fernández (Mazaricos): “Queremos recompoñer as zonas de protección das marxes de ríos e regatos”

Zona de protección sen laborear, que promove a gandeiría Sat Fernández.

Zona de protección sen laborear, que promove a gandeiría Sat Fernández.

“Son José Antonio, socio de Sat Fernández, en Busto, Mazaricos, composta por 3 socios desde o ano 2009. A nosa cabana é de 220 cabezas en muxido e contamos cunha fosa de xurro de 3 millóns de litros. Esta capacidade permítenos regular os abonados e dosificar as aplicacións, en función dun mellor modelo sostible de producción.

Para incrementar e mellorar as medidas de produción sustentable e respetuosa co medioambiente, estamos promovendo progresivamente distancias de 5 metros ó borde dos cauces, evitando os laboreos, para recompoñer novamente esas zonas de protección”.

Eloi Rodríguez, garda fluvial de Augas de Galicia: “Distanciar as actividades agrícolas das ribeiras dos ríos favorece a calidade das augas”

Eloi Rodríguez. Garda Fluvial de Augas de Galicia nunha das zonas de dinamización dos bosques de ribeira.

Eloi Rodríguez. Garda Fluvial de Augas de Galicia nunha das zonas de dinamización dos bosques de ribeira.

“O bosque de ribeira é un grande aliado na actividade agrícola, ao ofrecer un posto relevante sobre climatoloxías locais favorables. Na actualidade, a dispersión territorial da agricultura, exerce unha presión importante sobre eles, e existe a necesidade de conservalos.

Distanciar as labores agrícolas para dinamizar novamente esas zonas de servidume dos cinco metros, favorece a conexión territorial, a biodiversidade e constitúe unha aposta segura pola calidade das augas. Non nos esquecemos do reporte climatolóxico que tamén nos ofrecen os lindes e sebes naturais e zonas húmidas. Coa innegable participación das actividades agrarias que se desenvolven neste concello de Mazaricos, son as principais ferramentas que se promoven como encontro participativo.

Buscamos hoxe, unha aposta; a da economía de compromiso, a de valorar e protexer o patrimonio natural, e que as denominacións de orixe de productos agrarios sostibles, sexan mostras propias da identidade e o corazón de Mazaricos”.

Boas e malas prácticas agrarias nas marxes dos cauces de auga

a) Exemplos de malas prácticas agrarias

mazaricos ciam malas practicas 7

Infografía: Ánxeles Román e Juan Castro (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo)

b) Exemplos de boas prácticas agrarias:

mazaricos ciam boas practicas 8

Infografía: Ánxeles Román e Juan Castro (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo)

¿Que beneficios aporta a vexetación de ribeira e as marxes sen cultivar preto dos ríos?

Juan Castro, do centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) explica os servizos ecosistémicos que proporciona a vexetación de ribeira e as marxes sen cultivar preto dos ríos:

1) Evitan a contaminación dos ríos:

Son unhas das mellores prácticas agrarias que existen para protexer os ríos e regatos da contaminación, a vexetación de ribeira, tanto herbácea como arbustiva ou arbórea, serven para evitar a erosión das marxes do río, para evitar que as terras e os sedimentos entren no río e colmaten o leito, e para filtrar ou absorber gran parte dos nutrintes arrastrados pola erosión ou infiltrados no subsolo, nunha proporción que pode chegar ata o 80% dos mesmos.

Por outra banda a vexetación arbórea protexe da chegada de aerosoles que se forman ao botar o xurro con prato de choque.

2) Fixan o carbono atmosférico axudando a combater o cambio climático:

Tanto as sebes entre fincas, como a vexetación de ribeira, características da paisaxe tradicional galega en mosaico, deberían ser valorados porque limpan a atmósfera e fixan CO2, como xa se fai cas plantacións forestais e os bosques galegos. Si se contabilizara no balance de emisión das granxas a fixación de carbono por estas sebes e vexetación de ribeira, serviría para compensar significativamente a pegada do metano entérico das granxas galegas de leite e carne de vacún.

3) Forman hábitats moi importante para a biodiversidade, e son parte da Rede Natura galega:

Galicia, xunto co Occidente de Asturias, son as CCAA que mellor representados e coidados teñen os bosques de ribeira Atlanticos, que pertecen a Rede Natura. En gran parte de Galicia, como por exemplo na Terra Cha, o Deza etc, estes bosques son recintos no“SIXPAC” que están en parcelas de granxas de vacún e son os gandeiros e agricultores os que custodian uns corredores ecolóxicos para a fauna (aves, anfibios etc.) e flora autóctona, que son fundamentais para manter conectada a biodiversidade.

Tamén son vitais para especies galegas ameazadas, como por exemplo o mexillón e a toupa de río, ao protexer os leitos dos ríos da acumulación de sedimentos procedentes da erosión.

4) Favorecen a riqueza piscícola: 

A vexetación de ribeira mellora o hábitat para os macroinvertebrados que serven de alimento para os peixes. As follas das árbores autóctonas, caducifolias, son moi importantes para a cadea trófica dos ríos, sendo as follas de eucaliptos mais difíciles de descompoñer e menos nutritivas, polo que son menos valiosas para a riqueza piscícola.

As árbores de ribeira, ca súa sombra no verán, rebaixan a temperatura das augas, e permiten que a auga teña máis calidade por ter máis osíxeno disolto. Por outra banda, o fósforo dos sedimentos do leito do río faise máis soluble canto máis alta é a temperatura da auga, o que xunto coa luminosidade, son os dous factores chave para a proliferación de algas, podendo orixinar a eutrofización, sendo de extrema gravidade en zonas sensibles a eutrofización, como son os encoros.

A vexetación de ribeira é un hábitat moi rico en insectos, que poden servir de alimento dás troitas e outras especies piscícolas, tanto no estado de larvas acuáticas, como na súa fase adulta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información