As ganderías de leite incrementan as súas necesidades de contratar man de obra nesta época do ano

A dificultade para atopar empregados é un dos maiores problemas aos que se enfrontan as explotacións agrogandeiras. As campañas de ensilado da herba e de sementeira do millo acrecentan as demandas de persoal. Estas son algunhas ganderías que ofrecen postos de traballo

Gandería Gayoso, de Castro de Rei, unha das que busca persoal

Gandería Gayoso, de Castro de Rei, unha das que busca persoal

Facer fronte a investimentos en modernización e ampliación das instalacións, aumentar a base territorial e contratar persoal externo son as tres principais necesidades das explotacións galegas para poder medrar. O prezo do leite non axuda á hora de pagar as inversións, pero as dificultades para atopar man de obra estable e cualificada é seguramente o maior atranco co que se atopan as ganderías familiares no camiño da súa profesionalización empresarial. 

Segundo os datos da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, presentada a finais do ano pasado pola Xunta, o 13% das 7.000 explotacións que quedan entregando leite en Galicia son ganderías de tamaño medio con 75 vacas en produción e 40 hectáreas de superficie e outro 7% explotacións grandes de máis de 160 vacas en muxido e 68 ha de SAU.

Son fundamentalmente estas dúas tipoloxías de ganderías as que demandan persoal, nuns casos para aliviar a carga de traballo familiar e poder dispoñer de algo de tempo libre e unha mellor calidade de vida, e noutros para manter a estrutura laboral das granxas, sobre todo nas de maior dimensión, que xa dependen maioritariamente de persoal externo para o seu funcionamento diario.

A falta de man de obra súplese en moitos casos cun sobreesforzo por parte dos titulares das explotacións

A falta de man de obra, e de continuidade e estabilidade cando se atopan traballadores, está a supoñer un freo na capacidade de crecemento das ganderías de leite galegas e na profesionalización do sector no seu conxunto e levando a moitas explotacións a decantarse por sistemas robotizados de muxido, que reducen as necesidades de man de obra pero supoñen fortes investimentos e condicionan o medre das granxas, que deixa de ser continuo e pasa a ser escalonado, con saltos 60 en 60 vacas en produción.

Fonte: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego (Fundación Juana de Vega)

Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego (Fundación Juana de Vega) a partir de datos do FOGGA

 

Man de obra inmigrante

Cun rural despoboado e carente de xente moza, a man de obra inmigrante está a cubrir maioritariamente os postos de traballo que se ofertan. Persoas procedentes de África, América latina ou o leste de Europa traballan man a man nas granxas cos titulares e socios das explotacións, pero en moitos casos hai dificultades de comunicación por mor do idioma, diferenzas culturais e mesmo descoñecemento do que é o trato e o manexo do gando.

A primeira opción case sempre é contratar a unha persoa da zona que xa tivese gando na casa

A primeira opción, en caso de poder escoller, case sempre é contratar a unha persoa da zona que xa tivese contacto cos animais por ter gando na casa. “Nesta zona había moitas ganaderías pequenas que foron pechando e algunhas desas persoas están agora traballando con nós. É xente que xa sabe o que é o sector e coñece o traballo, e é máis doado que mentalizar a persoas que veñen doutros sectores como a construción ou a hostalaría ou que nunca tiveron contacto con animais”, recoñece Manuel, da SAT O Chope de Silleda.

“Nesta época non se dá feito”

Aínda que as necesidades de persoal son constantes ao longo de todo o ano, é nestes meses da primavera e o verán, cando coinciden as campañas de ensilado da herba e sementeira do millo e tamén se achegan as quendas de vacacións do persoal fixo, cando as ofertas de emprego nas granxas se multiplican.

Aínda que existe algunha oferta para ganderías de vacún de carne, granxas de porcos ou de polos, a maioría das demandas proceden de explotacións leiteiras 

“Nesta época non se dá feito”, recoñece José, da Gandería Del Río Deus, de Ordes. “Agora temos moito traballo pero a nosa idea é para continuar despois tamén”, indica pola súa banda Álex, de Argerey SC, unha explotación familiar do concello de Friol. “Nós é a primeira vez que buscamos un empregado”, aclara. 

Álex e os seus pais moxen 34 vacas de leite, que manteñen en pastoreo, o que aumenta o volume de traballo, e contan a maiores cunha explotación avícola, cunha nave nova de polos construída hai dous anos. Buscan unha axuda tanto na explotación de polos como na de vacún de leite para poder ter un pouco máis de calidade de vida.

Cara ao verán sempre hai máis traballo noutros sectores, por exemplo na hostalaría, que até agora estivo parada pola pandemia

Co aumento da demanda, as dificultades nestes meses para atopar traballadores tamén se incrementan, segundo recoñece Manuel, da SAT O Chope de Silleda. Esta explotación conta con 8 empregados e a demanda de xente para traballar é habitual. A semana pasaba buscaban un traballador a tempo completo pola marcha dun dos traballadores, e a comezos de abril precisaron outro. “Desta vez non foi tan doado coma noutras ocasións, cara ao verán sempre hai máis traballo noutros sectores, por exemplo na hostalaría, que até agora estivo parada”, razoa. 

Empregados de apoio polivalentes

Na maioría dos casos o perfil que se busca é o dun peón de apoio para o manexo diario do gando en traballos como muxir, facer camas, dar o leite ás becerras ou labores de limpeza do establo e acondicionamento do frente dos silos. Pero se o que se busca é persoal cunha maior cualificación, capaz de quedar só á fronte da explotación ou de traballar coa maquinaria, as dificultades para atopar empregados aumentan.

As explotacións demandan plans de formación por parte da Administración para que os traballadores adquiran unha base mínima de coñecementos

Na meirande parte das ganderías valórase a experiencia no sector (polo esforzo e gasto de tempo que implica formar de cero ao persoal) pero tense en conta tamén case tanto como o currículum o interese e as gañas de aprender, así como a seriedade no traballo. “Valórase que teñan experiencia, pero sobre todo que sexa xente responsable”, afirma José, da Gandería Del Río Deus, de Ordes. 

Unha queixa habitual é que a formación corre sempre a cargo das ganderías, que consideran que debería darse unha base mínima de formación por parte da Administración para facilitar a inserción laboral no sector e a reciclaxe de traballadores procedentes doutros ámbitos para que deste xeito a súa labor como empresas demandantes de man de obra se limitase a unha adaptación posterior dese empregado ao xeito de traballar e ás peculiaridades concretas de cada granxa.  

Concellos con máis demanda

Fonte: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego (Fundación Juana de Vega) a partir de datos do FOGGA

Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego (Fundación Juana de Vega) a partir de datos do FOGGA

As ofertas de emprego sucédense por toda Galicia, pero concéntranse sobre todo nas zonas con máis produción, nos 20 concellos que moxen o 50% do leite galego. O persoal con experiencia non abunda e as ganderías compiten entre elas por eses traballadores, o que incrementa a mobilidade laboral e a inestabilidade da man de obra nas explotacións. 

“Nesta zona somos moitas granxas e todas buscamos. Moitos traballadores botan 5 ou 6 meses nunha explotación e xa se aburren e van probar a outra porque pensan que van estar mellor pero o traballo é parecido en todos os lados”, asegura Dulce, da Gandería Novío, de Mazaricos, que leva 4 anos contratando persoal externo e constata as dificultades para atopar man de obra que teñen as explotacións da comarca.

O persoal con experiencia non abunda e as ganderías compiten entre elas por eses traballadores

Os horarios de muxido condicionan, na maioría dos casos, a xornada laboral, con xornadas partidas que abundan sobre as xornadas continuas. Iso, sumado á dispersión xeográfica das explotacións e á carencia de vehículo propio de moitos dos inmigrantes que demandan emprego no sector, fai que o feito de dispoñer de vivenda para o persoal contratado e mesmo para as súas familias sexa un elemento diferencial nas ganderías e que xoga a favor á hora de atopar empregados.

O concello da Pastoriza é, xunto cos de Santa Comba e Mazaricos, un dos que máis leite produce de Galicia. Alí os postos de traballo nas ganderías son tamén o principal motor económico e laboral do municipio e están a servir tamén para asentar poboación. Nos últimos anos foron varias as familias inmigrantes que se viñeron vivir á Pastoriza e nos principais núcleos de poboación a dispoñibilidade de vivendas baleiras que alugar prácticamente está esgotada, o que levou ao Concello a arranxar as antigas escolas das parroquias para poñer estes inmobles no mercado de aluguer, complementando coa oferta pública a oferta privada de casas.  

Estas son algunhas das ganderías que precisan persoal neste momento: 

Ganderia José María Eirís Ponte (Carballo)Gandería situada en Carballo 
Explotación de vacún de leite da Milagrosa con 150 vacas en produción.
Traballos a realizar: Muxir, facer camas, coidado dos becerros e axudar noutras labores. 
Búscase persoa responsable e con experiencia en ganderías de vacún de leite para cubrir unha baixa prolongada.
Ofrécese contrato a xornada completa, en horario partido, e libranzas tanto pola semana como en fins de semana a acordar dentro da organización do traballo da explotación, que conta con outros dous empregados.
Contacto: 626903070 (Diego)

Gandería del Río Deus (Ordes) 
Explotación familiar con algo máis de 100 vacas en produción.
Traballos a realizar: muxir, axudar a facer camas e outras labores.
Búscase persoal responsable e valórase experiencia.
Contacto: 660940407 (José) ou 634710952 (Miguel)

SAT Aricicos (Cospeito)
Explotación familiar ubicada en Arcillá que conta con 2 robots de muxido.
Traballos a realizar: Limpeza, atención aos becerros e outras labores.
Xornada partida.
Non é necesario ter experiencia.
Contacto: José Manuel 682804542

Ganadería Novío (Mazaricos) 
Explotación familiar ubicada en Vioxo dun cento de vacas en produción.
Traballos a realizar: Muxir, facer camas, limpeza de silos e outras labores. 
Xornada partida.
Imprescindible carnet de conducir.
Contacto: 630855756 (Dulce) ou 630855756 (Beatriz)

Arguerey SC (Friol) 
Explotación avícola de cría de polos e de produción de leite en pastoreo con 34 vacas en produción situada en Lamas.
Traballos a realizar: Muxir, andar coa maquinaria e outras labores.
Xornada partida.
Non se require experiencia.
Contacto: 608540546 (Álex)

“Queremos contratar a unha persoa nova á que lle poidamos deixar a granxa dentro duns anos”

Nave de produción da gandería Gayoso, de Preversos, no concello de Castro de Rei

Nave de produción da gandería Gayoso, de Prevesos, no concello de Castro de Rei

Na actualidade, 4 de cada 10 explotacións galegas teñen como titular a unha persoa de máis de 55 anos. Moitas delas non contan cun relevo claro, o que supón, de non garantir a sucesión á fronte da granxa no prazo de 10 anos, unha perda dos investimentos produtivos realizados. 

É precisamente o dilema no que se atopan Bautista e Clara, o matrimonio á fronte da Gandería Gayoso, ubicada en Prevesos, no Concello de Castro de Rei. É unha desas explotacións familiares que foron medrando a base de esforzo dos seus propietarios e agora, ás portas da xubilación, non contan cun relevo garantido. 

Buscamos unha persoa nova, con experiencia ou con gañas de aprender, coa posibilidade de que lle poidamos deixar a gandería a un prezo moi asequible dentro de 3 ou 4 anos cando nós nos xubilemos

Bautista e Clara teñen unha filla, pero non ten pensado incorporarse, polo que a continuidade da granxa depende dunha achega externa. Por iso os actuais propietarios levan un tempo buscando contratar “a unha persoa nova con experiencia ou con gañas de aprender, coa posibilidade de que lle poidamos deixar a gandería a un prezo moi asequible dentro de tres ou catro anos cando nós nos xubilemos”, din. 

A gandería está ben montada e dame moita pena que quede sen relevo

A Clara é a quen lle falta máis tempo e conta xa coa axuda de dous empregados neste momento, pero non cumpren co perfil para unha posible sucesión á fronte da explotación. “A gandería está ben montada e dame moita pena que quede sen relevo”, di Bautista, consciente de que “se a granxa se pecha despois xa é moito máis difícil que alguén a poña a andar de novo”.

Instalacións para 70 vacas e 40 hectáreas moi produtivas

Vista das fincas que rodean a explotación

Vista das fincas que rodean a explotación, que contan con peches para facer pastoreo

Gandería Gayoso conta neste momento con 70 vacas en produción e unhas 40 hectáreas de superficie agraria para forraxes, onde sacan dous cortes de herba e un de millo. “O bo desta zona é que as terras son moi produtivas”, destaca Bautista. A maiores, dispoñen de fincas a carón da nave onde fan pastoreo tanto coas vacas en produción como coa recría.

Dispoñen de fincas a carón do establo nas que fan pastoreo tanto coas vacas en produción como coa recría

Malia ter xa dous empregados, Clara e Bautista estarían dispostos a coller a unha persoa que dera o perfil de continuidade que están a buscar. Durante os anos que eles se mantivesen á fronte da gandería cobraría un salario e ese tempo serviríalle para poñerse ao día nos distintos aspectos da granxa para que unha vez que eles se apartasen puidese seguir levando a explotación de maneira rendible e xerando ingresos desde o primeiro día.

Para as persoas interesadas, os teléfonos de contacto de Gandería Gayoso son: 606369740 (Bautista) e 678369169 (Clara). 

Sala de muxido da gandería, onde a persoa contratada tería que facer labores de apoio

Sala de muxido da gandería, onde a persoa contratada tería que facer labores de apoio

Cubículos da Gandería Gayoso, que emprega palla nas camas

Zona de cubículos da nave de produción, onde empregan palla nas camas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información