
Pablo Rodríguez Fernández , propietario de Gandería Xuiz
A incorporación de dous robots de muxidura Lely Astronaut A5 supuxo un antes e un despois para esta explotación de Bóveda (Lugo), que incrementou a produción en máis de sete litros por vaca e día sen aumentar apenas o consumo de concentrado. Detrás deses resultados non hai unha decisión improvisada, senón un proxecto que comezou a xestarse hai anos e que hoxe converte á eficiencia e ao benestar animal nos piares da granxa.
Os dous robots de muxido que comezaron a funcionar a finais de 2025 en Gandería Xuíz non só cambiaron a forma de muxir as vacas. Tamén transformaron a organización do traballo, melloraron o confort do rabaño e permitiron que a produción dese un salto difícil de imaxinar apenas uns meses antes. Hoxe a explotación supera os 46 quilos de leite por vaca e día cunha media de 3,5 muxidos diarias e máis de 110 animais en produción, uns resultados que Pablo Rodríguez Fernández atribúe a unha combinación de planificación, manexo e tecnoloxía. “O que quería era poñer robots e estar tranquilo, sacar moitos litros de leite e facer moitas muxiduras sen problemas”, resume.
Con todo, a historia de Gandería Xuíz comezou moito antes de que os robots chegasen á nave. A explotación ten a súa orixe na pequena granxa que levantaron os seus avós, unha explotación familiar orientada a unha economía de subsistencia que Pablo decidiu continuar unha vez finalizados os seus estudos. “Tiña claro o que me gustaba e cal era a miña paixón, que son as vacas. Por iso decidín virme para aquí, modernizar as instalacións, investir en gando e medrar aos poucos ata chegar onde estamos hoxe”, explica.

Aquela decisión marcou o inicio dunha profunda transformación que, en apenas uns anos, cambiou por completo a dimensión da explotación. O crecemento non foi froito dun único investimento, senón dunha estratexia moi definida. Pablo tiña claro que antes de pensar en producir máis había que construír unha base sólida sobre a que desenvolver o proxecto. Por iso unha das primeiras decisións foi investir en animais de calidade. “Non nos importou gastar diñeiro porque sabiamos que ter boas vacas era a base de todo. Iso foi o que fixo evolucionar a granxa e permitiunos medrar con garantías”.
Paralelamente comezou a modernización das instalacións. En 2018 construíu unha nave deseñada inicialmente para unhas cincuenta ou cincuenta e cinco vacas, aínda que desde o primeiro momento o edificio xa estaba pensado para que algún día puidese albergar robots de muxidura. Dous anos despois chegou unha ampliación que practicamente duplicou a capacidade da granxa e confirmou que o proxecto seguía avanzando na dirección prevista.
Durante eses mesmos anos tamén cambiou a filosofía de traballo. Cando a explotación comezou a súa actividade a maior parte dos labores agrícolas estaban externalizadas, pero aos poucos foron incorporando maquinaria propia para gañar autonomía e controlar mellor os custos e o manexo dos cultivos. A compra dun carro mesturador, un tractor equipado con agricultura de precisión e outros equipos permitiu que actualmente a explotación realice practicamente todos os traballos agrícolas, deixando unicamente as ensilaxes en mans de empresas de servizos.

A recría foi outro dos aspectos que evolucionou co tempo. Despois de varios anos enviando as xovencas ao centro de recría de Castro, a decisión foi volver crialas na propia explotación. “Non estabamos descontentos co servizo, pero cremos que facer nós mesmos a recría permítenos tomar outro tipo de decisións e coñecer aínda mellor os nosos animais”, sinala.
Mentres todo isto ocorría, a robotización seguía presente na folla de ruta. Antes mesmo de decidir que modelo instalar, Pablo incorporou os colares de monitorización de MSD Animal Health, compatibles co sistema de xestión dos robots Lely Astronaut. A mellora na detección de celos e no seguimento sanitario foi inmediata, pero aquel investimento tamén tiña un obxectivo a longo prazo: preparar o rebaño para un futuro sistema de muxidura voluntaria. “Os colares xa nos deron unha mellora moi importante tanto na detección de celos como no control da saúde das vacas, e ao mesmo tempo permitíannos chegar moito mellor preparados ao momento de poñer os
robots”.
Cando finalmente chegou o momento de dar o paso, a decisión estaba moi meditada. Durante anos Pablo visitou numerosas explotacións robotizadas, falou con outros gandeiros e analizou diferentes alternativas antes de elixir os dous Lely Astronaut A5. “Tiña claro que tiña que ser Lely. A fiabilidade da máquina é bestial, o box é moi amplo para a vaca, o brazo é moi robusto e, despois de visitar moitas granxas, a decisión estaba clara. Ademais sabía que o servizo técnico era bo, aínda que agora xa podo dicilo por experiencia propia”.

Os primeiros días, como ocorre en calquera proceso de robotización, esixiron moitas horas de traballo. Durante aproximadamente dez días foi necesario ensinar ás vacas as súas novas rutinas e acompañalas na adaptación á muxidura voluntaria. Con todo, unha vez superada esa fase inicial, os resultados comezaron a chegar con rapidez. As vacas pasaron de realizar dous muxidos diarios na sala convencional a unha media de 3,5 muxiduras por día, un incremento que tivo unha repercusión directa sobre a produción. Apenas sete meses despois da posta en marcha dos robots, a explotación gañara entre sete e oito litros de leite por vaca e día.
O máis rechamante, segundo explica Pablo, é que ese incremento non veu acompañado dun aumento importante do concentrado. Mentres que anteriormente as vacas consumían entre catorce e quince quilos diarios dentro da ración da sala de muxidura, actualmente apenas reciben ao redor dun quilo máis entre a ración unifeed e o punteo en robot, situado en pouco máis de sete quilos por vaca e día.
A ración está composta por vinte quilos de silo de millo, catorce quilos e medio de silo de herba, sete quilos e medio de concentrado e oito quilos de bagazo de cervexa. “Subimos máis de sete litros dando practicamente un quilo máis de penso. Ese aumento non vén da alimentación, senón do confort. As vacas pasan máis tempo deitadas, están moito máis tranquilas e móxense moitas máis veces que antes”.

Precisamente o benestar animal foi outro dos aspectos que se tiveron en conta durante o deseño das instalacións. A nave conta cunha distribución pouco habitual, formada por tres ringleiras de camas —unha dobre e outra simple— e tres amplos patios de exercicio que proporcionan unha gran superficie dispoñible para os animais”.
“O deseño foi moi meditado. Grazas a eses patios conseguimos moitos metros cadrados por vaca e iso fai que estean realmente cómodas”, destaca.
Os dous robots instaláronse formando unha L curta, coas entradas enfrontadas cu con cu, unha configuración que favorece o tránsito dos animais e facilita o acceso voluntario á muxidura. Segundo Pablo, resulta sorprendente observar a naturalidade coa que as vacas utilizan os robots. A iso tamén contribúen as camas profundas de serrín con carbonato, un sistema que substituíu hai tempo á area e co que a explotación asegura mellorar notablemente o confort.
A robotización tamén cambiou a forma de traballar das persoas. Aínda que a explotación mantén exactamente o mesmo equipo humano —Pablo e dous empregados organizados en quendas de mañá e tarde—, a desaparición do muxido convencional reduciu considerablemente a carga física do traballo diario. Hoxe o tempo pode dedicarse a tarefas de maior valor engadido, como a atención ás vacas recentemente paridas, o seguimento sanitario ou o control reprodutivo.

De feito, fóra deses labores e do mantemento das camas, unicamente é necesario achegar ao robot dúas ou tres vacas pola mañá e outras tantas pola tarde, unha tarefa que apenas ocupa media hora diaria.
A mellora tamén se reflicte nos índices reprodutivos. Grazas ao traballo conxunto dos colares de actividade e ao manexo da explotación, a detección de celos rolda actualmente o 80%, mentres que a fertilidade se sitúa entre o 35 e o 40% e a taxa de preñez alcanza o 26-27%.
Incluso algunhas vacas que estaban destinadas ao descarte experimentaron unha recuperación inesperada tras a implantación dos robots. “Había cinco ou seis vacas descartadas que hoxe volven estar preñadas porque rexuveneceron con este sistema. Melloraron tanto en benestar como
en produción que decidimos volver inseminalas”.
Cos primeiros meses de funcionamento xa consolidados, o obxectivo de Gandería Xuíz pasa agora por seguir afinando a eficiencia da explotación. A intención é incrementar progresivamente o número de vacas en muxidura ata situarse ao redor das 120, unha cifra que, segundo Pablo, permitirá aproveitar aínda mellor a capacidade dos Astronaut A5 sen comprometer o benestar animal nin a organización do traballo. “Queremos atopar un punto de equilibrio que nos permita producir máis, seguir traballando de forma cómoda e sacar o máximo rendemento posible tanto das vacas como das máquinas”.

A experiencia de Gandería Xuíz demostra que a robotización non empeza o día en que se instalan os robots. Neste caso comezou varios anos antes, cando cada investimento, desde a compra de mellores animais ata a incorporación de colares de monitorización, a ampliación das instalacións ou a adquisición de maquinaria propia, realizouse pensando nun obxectivo común. Os dous Lely Astronaut A5 representan hoxe a culminación dese proceso, pero tamén o inicio dunha nova etapa na que a tecnoloxía se pon ao servizo do benestar das vacas, da eficiencia da explotación e da calidade de vida das persoas que traballan nela.
Galego









Control OJD