Gandería Vence, a granxa dun dos promotores do cooperativismo gandeiro en Galicia

José Vence ten sido político, é cooperativista e ante todo recoñécese gandeiro. Coñecemos a gandería ecolóxica de vacún de leite do que foi durante máis de 20 anos presidente da cooperativa O Rodo, en Rodeiro

Gandería Vence, a granxa dun dos promotores do cooperativismo gandeiro en Galicia

José Vence, un dos promotores do cooperativismo en Rodeiro, ten hoxe unha gandería familiar de vacún de leite en ecolóxico.

José Vence Deza, coñecido entre os seus veciños de Rodeiro por Pepe ou directamente polo seu apelido, é un dos nomes vinculados ó cooperativismo agrario neste concello pontevedrés. El foi un dos promotores da cooperativa O Rodo, fundada a comezos dos 80, e que hoxe é unha das entidades agrarias destacadas do centro de Galicia cuns 360 socios e preto de 200 ganderías de leite asociadas.

Tras estar emigrado en Suíza de mozo, Pepe regresou a Rodeiro e implicouse tanto na gandería familiar de vacún de leite coma no cooperativismo. Na gandería centrouse nunha produción en convencional durante anos, pero hai xa preto de 7 que decidiu dar o paso a ecolóxico. “Nós realmente xa pastoreabamos e estabamos facendo case un manexo en ecolóxico, polo que nos decidimos a dar o paso”, explica Vence.

“Vimos que xa había uns prezos competitivos para o leite ecolóxico e como xa estabamos levando as nosas vacas ó pasto, decidímonos a dar o paso”

Foi unha charla informativa organizada pola cadea Lidl e Leche Celta na localidade veciña de Lalín o que o acabou de convencer. “Vimos que xa había uns prezos máis competitivos para o leite en ecolóxico, xa que nos primeiros anos case te empeñabas producindo en ecolóxico”, comenta. Hoxe síntese conforme de ter dado o paso, aínda que iso supuxo algúns cambios, sobre todo na produción de forraxes.

frisonas-prado-Vence-Rodeiro-

As vacas en produción pasan no pasto bona parte do día e tanto a recría como as secas mesmo dormen fóra case todo o ano.

O Carballo, unha aldea propicia para o pastoreo

Vence ten un rabaño dunhas 43 vacas en muxido, ás que se suman outras 25 entre xovencas, recría e vacas secas. A maior parte son de raza frisoa aínda que tamén ten algún cruce de Pasiega e Jersey, sobre todo polas calidades do leite que ofrece esta raza. Dende que está en ecolóxico a súa produción sitúase arredor dos 900 litros ó día, cunhas calidades de 4% de graxa e un 3,28% de proteína. “Co cambio tivemos unha baixada na produción de leite, ó reducir o número de animais para axustarnos ás esixencias pola superficie de terra que traballamos. Ademais baixaron os litros de leite por vaca”, recoñece.

Con todo, ve positivo estar en ecolóxico e afirma que é un sistema para o que a súa granxa e terras se prestan. “Noutras ganderías é máis complicado producir en ecolóxico, pero no noso caso boa parte das fincas están preto da granxa e ademais non temos que cruzar estradas con tráfico cando levamos as vacas dunha leira para outra”, comenta. Así, as vacas en produción pasan boa parte do día fóra, logo de ser muxidas, e tanto a recría como as vacas secas adoitan mesmo durmir no prado boa parte do ano, aínda que tamén teñen unha parcela adaptada e cun cuberto onde poden estar nos días máis duros do inverno.

Boa parte da base territorial que manexa a gandería atópase nas inmediacións da granxa, sen ter que trasladar o gando por estradas con tráfico

Nesta aldea da parroquia de Álceme, deron os primeiros pasos para ter a terra concentrada xa nos anos 60. “Unha das tres familias da aldea decidiu marchar e vender a terra, as outras dúas mercámoslla xa vendo as que mellor se prestaban para xuntar coas nosas leiras”, recorda Vence. Con todo, a comezos dos anos 80 na aldea do Carballo volveuse afrontar unha reordenación coa que abriron novos camiños e tamén transformaron en labradío boa parte das leiras. Hoxe, a gandería manexa unhas 37 hectáreas de terreo, só 2 delas alugadas.

Cambios no manexo da terra

Ó comezar a producir baixo o selo ecolóxico tiveron que introducir tamén un manexo diferente da terra. “Nos primeiros anos de transición a ecolóxico aínda seguimos a botar millo, pero coa limitación dos herbicidas tradicionais non conseguimos facerlle fronte a outras herbas como os farnelos, que terminaban por cubrir a parcela e non deixar saír adiante o millo, polo que decidimos deixar de meter silo de millo. Non creo que o volvamos botar máis, a experiencia foi moi mala”, detalla.

Agora os esforzos céntranse en ter as pradeiras nas mellores condicións todo o ano e en dispoñer dun bo forraxe de herba e en cantidade suficiente. “Temos pradeiras nas que é máis difícil traballar con maquinaria pesada, pola orografía do terreo e esas tentamos que as pazan as vacas no canto de segalas”, explica. No resto, adoitamos sacar 3 cortes, dous de silo e un para seca.

“Como mellor conseguimos regular as variacións que produce o pasto na produción de leite é coa fariña de millo”

Xunto co pasto, o silo, e a herba seca, a ración das vacas en produción compleméntase con entre 7 e 8 quilos de fariña e penso. “Como mellor conseguimos regular as variacións que produce o pasto na produción de leite é coa fariña de millo. Imos vendo as condicións da pradeira e váiselle variando tamén a ración de fariña”, explica.

O coidado da pradeira xa tiña moita importancia nesta gandería polo pastoreo que facían mesmo cunha produción en intensivo. Co cambio a ecolóxico, ó deixar de producir silo, esméranse por facer un óptimo aproveitamento e mantemento das pradeiras durante todo o ano. Optan por mesturas de Ray grass italiana e inglesa xunto con gramíneas como o Dáctilo e trevo. “Desde que estamos en ecolóxico o trevo rexenérase el só”, apunta Vence.

Boa parte das pradeiras atópanse en zonas húmidas, a carón do río Arnego. Estas parcelas acostuman a ser propicias para obter a sementeira da herba, que logo empregan para resementar o resto de pradeiras. “Sementamos todo coa nosa propia semente e só renovamos a pradeira cando realmente o precisa”, apunta o gandeiro.

Vence-pradeira-

Nas parcelas situadas a carón do río Arnego adoitan obter a sementeira co que resementar as pradeiras.

Os traballos no día a día da granxa repártenos entre Pepe, a súa muller Marisol e Marcos Vázquez, un empregado que leva xa varios anos coa familia. “Nós sempre tivemos a sorte de contar con traballadores moi implicados, que coidan moi ben dos animais e que case rematan por ser como un máis da familia”, comenta Vence. O reparto das tarefas vaia variando en función das necesidades, porén en rutinas como o muxido sempre acostuman estar dúas persoas.

“Rodeiro non sería o que é hoxe sen a cooperativa O Rodo”

-Na túa gandería, segues a traballar coa cooperativa O Rodo?
-Si, por suposto. Nós tódolos traballos que requiren de maquinaria, agás o abonado, facémolos coa cooperativa. O esforzo que se veu facendo no Rodo por contar cun parque de maquinaria dos máis grandes da provincia de Pontevedra permite que os socios poidamos ter uns bos servizos.

-Estiveches nos primeiros pasos para fundar a cooperativa en Rodeiro, a principios dos 80, coa Asociación A Camba, precursora de O Rodo, como recordas aqueles comezos?
-Os comezos foron bastante complicados, aínda que tivemos bastante sorte ó contar co apoio da empresa que daquela nos mercaba o leite (Danone), coa que seguimos traballando ata que tivemos un desacordo anos despois a raíz da compra de cota, na que os socios fixeran un esforzo moi grande por adquirir e que nos levou a deixar de traballar con eles. Naqueles anos, cando se creou a cooperativa chegouse a triplicar a produción de leite. A cooperativa foi medrando moi rápido e en pouco máis de 3 anos case o 70% das ganderías do concello de Rodeiro eran socios do Rodo. Dende a cooperativa fixéronse multitude de iniciativas como cursos de incorporación para xente nova e formación que axudaron a que o sector gandeiro continuara a medrar na zona. Rodeiro non sería o que é hoxe sen a cooperativa O Rodo.

-Anos despois participas tamén na fusión Carboar, daquela presidías tanto O Rodo como a cooperativa de segundo grao Xuncoga, cal foi o segredo para lograr o éxito deste proceso?
-Comezouse a valorar que no concello de Rodeiro houbera só unha cooperativa e houbo o apoio tanto dos socios do Rodo como de Carboar para levalo a cabo. Sempre tiveramos unha boa relación entre as dúas cooperativas e iso axudou moito no proceso de fusión. Houbo unha moi boa vontade por parte de ambas entidades para realizar a fusión, pese á diferenza de tamaño, xa que O Rodo contaba daquela xa cuns 300 socios e Carboar tenía arredor duns 70. Tamén foi fundamental o traballo de dúas persoas da cooperativa Carboar: Natalio García, o seu presidente; e Manuel Carral.

-Que vos moveu a asociarvos? Tivestes contacto con algún outro proxecto que vos inspirara?
– Cando nós comezamos a traballar para fundar a cooperativa foi un pouco motivados por cooperativas que viamos que estaban a funcionar ben ó noso arredor, como Aprodeza, en Lalín, ou Sila, xa desaparecida, en Silleda. Tamén veu un pouco motivado polo descontento que viamos nos gandeiros por prácticas das industrias lácteas. A cooperativa tamén permitiu a compra centralizada, que foi unha importante mellora para os gandeiros ó lograr prezos máis competitivos.

“A cooperativa ten que seguir apegada e próxima ó socio e ó campo, para que o socio se sinta partícipe dela”

-Como ves a evolución do cooperativismo galego? Que opinión tes das grandes cooperativas de segundo grao que están operando agora en Galicia como Aira ou Clun?
-As grandes cooperativas están a poder ofrecer importantes vantaxes ós seus socios, sobre todo á hora de negociar os prezos tanto dos seus produtos como para a compra de insumos, pero eu son dos que penso que a cooperativa ten que seguir apegada e próxima ó campo e ó socio, para que se sinta partícipe da cooperativa. Nós no Rodo temos socios que xa non teñen gandería, pero que queren seguir sendo socios da cooperativa, do proxecto, e seguen indo ás asembleas e sendo partícipes dela. Coas cooperativas de maior tamaño o socio xa non ten esa vinculación directa, xa votan as decisións as directivas das cooperativas, non o propio socio. Eu creo que as cooperativas de gran tamaño poden ser interesantes pero deben manterse a carón do socio.

-Despois dos anos que se leva comentado tamén dun proxecto así no Deza, cunha asociación de cooperativas, cres que se levará a cabo?
-Lalín é un exemplo claro do que non se debe facer. Non pode ser que nun só concello haxa tal número de cooperativas. Téñense dado varios intentos, pero aínda segue sen verse esa fusión.

-Tamén se falara xa a fusión ou adhesión da Cooperativa de Gandeiros do Deza (Castro de Cabras –Lalín) á cooperativa do Rodo. Está encamiñada?
-Aínda que está noutro concello, pola proximidade e colaboración que hai xa co Rodo, creo que terminará por levarse a cabo.

-A túa labor á fronte de O Rodo rematou no 2009, cando asumiches o cargo de alcalde. Viviches en primeira persoa a relación entre o agro e a política, como valoras esta relación?
-Eu creo que é unha relación boa e necesaria. O agro necesita da política, precisa de políticos comprometidos co campo e que busquen oportunidades para el. Hoxe seguimos a precisar xente que estea comprometida con eses aspectos máis sociais do agro, cos servizos para evitar que a xente nova marche e procurar un futuro tanto para os que viven xa no agro como para que haxa futuro no agro e con calidade de vida.

-Que balance fas da túa experiencia no cooperativismo?
-Só podo facer un balance moi positivo da experiencia. Os anos na cooperativa permitíronme aprender moito, foi un aprendizaxe permanente sobre o agro, ó estar en contacto directo coa xente. Eu téñolles un gran cariño ós socios do Rodo e á cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información