Gandería Sar SL: cando a unión fai a forza

Visitamos esta gandería de Touro (A Coruña), de 346 vacas en muxido, froito da unión de tres mozos gandeiros, aos que en breve se incorporará un cuarto. A mellora da calidade de vida dos socios, a redución dos custos de produción e máis benestar animal son as principais vantaxes desta aposta polo traballo en común.

Gandería Sar SL: cando a unión fai a forza

De esquerda á dereita: Fernando, Carlos e Pedro, os tres socios administradores de Gandería Sar SL

Xuntar as terras e as vacas para traballar en común, ser máis competitivos e gañar en calidade de vida. O que hai décadas era a excepción comeza a ser hoxe en día unha realidade cada vez máis frecuente entre as ganderías de vacún de leite de Galicia.

Este é o caso de Gandería Sar SL, unha explotación de Touro (A Coruña), cun rabaño de 800 cabezas, da que 346 son vacas en muxido, e que é froito da aposta pola colaboración de tres mozos gandeiros: Carlos Fernández Ares, Pedro Souto Santos e Fernando Tarrío Martínez.

O proxecto comezaron a xestalo no ano 2007. Os tres partían de ganderías familiares con entre 50 e 60 vacas en muxido, traballando toda a familia na explotación e cunha base territorial de arredor de 30 hectáreas por gandería. “Sen embargo, as cortes eran vellas, con pouca ventilación e escuras, polo que era preciso construír unhas novas se nos queríamos incorporar, sobre todo Pedro e máis eu, que viñamos de rematar o ciclo medio de Gandería Extensiva”, explica Fernando.

“En breve incorporarán a unha cuarta gandería á sociedade”

E a solución de futuro que acordaron foi a de apostar pola unión. “Os tres, e incluídas as nosas familias, tiñámolo bastante claro e decidimos apostar por xuntarnos e traballar en común”, asegura. O proceso viuse atrasado case dous anos pola demora na aprobación dos seus plans de incorporación por parte da Consellería do Medio Rural. Finalmente as obras do novo establo comezaron no ano 2010 e agosto de 2011 mudáronse ás novas instalacións 173 vacas en muxido.

Hoxe Gandería Sar SL conta cun rabaño de preto de 800 vacas, das que 346 están en muxido, e manexan arredor de 210 hectáreas de base territorial, das que 100 son terreos en propiedade dos socios.

“A sociedade é como un matrimonio: hai que ceder todos e buscar as mellores decisións”

Case cinco anos despois de iniciar este camiño en común, os socios desta gandería valoran a experiencia como moi positiva. “A sociedade é como un matrimonio: hai que ceder todos e buscar consensos e tomar sempre as mellores decisións”, afirma Fernando. O proceso de unión viuse favorecido polo feito de que “os tres xa nos coñecíamos dende cativos e tiñamos experiencia de facer traballos en común”, recoñece Carlos, outro dos socios de Gandería Sar.

En canto aos obstáculos, dende o seu punto de vista o maior foi a burocracia da Administración e a espera para que lles aprobasen os plans de mellora. Sobre os aspectos positivos da aposta pola colaboración, a lista que fan os socios é longa: “Baixamos os custos de produción, mellorou notablemente a nosa calidade de vida e a das nosas familias”, asegura Fernando. “Agora podemos coller días libres durante a semana, vacacións e podémonos permitir xubilar realmente aos nosos pais e nais, para que desfruten da súa xubilación e non teñan que seguir traballando na explotación”, engade Pedro. Unha visión que é compartida por Carlos: “Tes toda a tranquilidade de marchar un días e saber que a explotación vai estar ben atendida”.

Proba do bo resultado desta experiencia de traballo en común, é que Gandería Sar SL ten previsto incorporar en breve a un cuarto socio: Gandería Sandá, tamén de Touro, e que aportará á sociedade o seu traballo, as súas 40 vacas en muxido e 40 hectáreas de base territorial. A incorporación está pendente de que a Consellería do Medio Rural aprobe o seu plan de mellora.

Organización do traballo e reparto dos días de libranza

¿E como organizan o traballo en Gandería Sar? En canto ao tempo libre, os 8 traballadores da explotación (5 socios máis 3 empregados) libran oito días ao mes, repartidos en dous fins de semana alternos e un día de cada semana. Tamén desfrutan de 15 días de vacacións no verán e a súa intención é poder coller tamén 15 días no inverno.

No almorzo aproveitan para organizar o traballo do día e as principais tarefas téñenas asignadas a unha persoa. Deste xeito, Fernando ocúpase das vacas e do muxido; das labores agrícolas e da maquinaria o encargado é Pedro e de levar as altas e baixas e realizar trámites burocráticos o responsable é Carlos.

Repártense o traballo diario en dúas quendas de mañá e de tarde con 4 persoas en cada unha delas, e cunha especialización nas tarefas. Así, Fernando e Pedro máis unha empregada ocúpanse do muxido; outro traballador é o responsable de atender os cuxos; de facer as camas e atender as xovencas está encargado outro empregado, e outra persoa encárgase de facer o carro.

“O novo establo foi clave para mellorar o benestar animal”

Unha peza clave para mellorar o rendemento e o benestar animal foi o novo establo, unha moderna estrutura de aceiro, deseñada para 350 vacas en muxido. “Queríamos un establo ventilado e con moita luminosidade, que fora todo o contrario dos que tiñamos”, recoñece Fernando. Para elo, e despois de visitar distintas instalacións en España, decidiron decantarse por unha estrutura metálica. “Gustounos a súa sinxeleza, a súa luminosidade e ventilación e o prezo era parecido a construílo en formigón”, asegura.

Como cuberta utilizaron chapa sandwich (chapa metálica, illante de 3 cm e fibra de vidro por baixo) para evitar que as vacas pasen calor no verán. En total, o investimento roldou o millón de euros.

As primeiras en notar o cambio foron as vacas. “As vacas funcionan moito mellor, aínda que son as mesmas e baixou tanto a incidencia de mamites como das Células Somáticas”, salienta Fernando. Cubículos suficientes e ben dimensionados, camas de area, pasillos anchos, cama quente de palla para as vacas en preparto e en postparto, ventiladores ou colchoneta no chan da sala de espera, son algunhas das medidas de “cow confort” que incorporaron.

Cultivos e alimentación do gando

En canto á alimentación, en Gandería Sar cultivan unhas 210 hectáreas, das que en 160 sementan millo e no resto fan silo de herba de raigrás. Probaron a sementar leguminosas, en concreto trevo, pero aseguran que “ao botar xurro ás leiras non se implanta ben, polo que deixamos de utilizalo”.

A ración diaria componse de 6 kilos de silo de herba, 36 kilos de silo de millo, 1 kg de alfalfa, 5,3 kg de fariña de millo, 4 kg de colza e 1,8 kilogramos de núcleo.

Fan o carro pola tarde e arriman a comida unha vez antes de marchar pola noite e pola mañá unha vez cada hora. “Decidimos facer o carro pola tarde xa que a vaca ten comida a disposición toda a noite e deste xeito notamos un pequeno incremento da produción, sobre todo no verán”, explica Fernando.

Rendemento: unha media de 10.951 litros por lactación

En 2015 Gandería Sar tivo unha media de 10.951 litros por lactación, a 305 días e con 336 lactacións finalizadas. En canto ás calidades, lograron unha media de 3,7% de graxa e 3,39 % proteína, cunha produción anual de 4,5 millóns de litros.

Venden o leite a Corporación Alimentaria Peñasanta, con contratos a 3 meses, e unha media de 0,28 euros por litro máis calidades, aínda que con tendencia á baixa para este mes de xuño. Recoñecen que aumentaron a produción arredor dun 4% dende o final das cotas, “pero non máis porque non nos compensa entregalo á industria a 20 céntimos”, aseguran.

“Queremos baixar os custos producindo máis forraxes e de mellor calidade”

Están adaptándose a un escenario sen cotas que, recoñecen que non cumpriu as súas expectativas. Como tantas outras ganderías, a súa previsión era aumentar a produción, para o que se prepararon criando un elevado número de xovencas. “A situación cambiou pero vemos que a cota agora quen a impón é a industria, que na súa maioría están en máns foráneas”, asegura Fernando. Isto obrigounos a non aumentar as vacas en muxido, polo que se ven obrigados a vender xovencas e as vacas menos produtivas.

Futuro e investimentos

En canto aos aspectos a mellorar de cara ao futuro, en Gandería Sar recoñecen que, en canto á xenética, cada vez lle dan máis peso os caracteres funcionais (lonxevidade, células baixas, proteína e graxa) e quitándolle algo de peso á morfoloxía, aínda que sen descoidar patas e ubres.

Queren tamén seguir abaratando os custos de produción, fundamentalmente a alimentación. “E para iso temos que aumentar a base territorial, para ter máis forraxes propias e de mellor calidade”, subliñan.

Como investimentos máis inmediatos van cubrir a fosa de purín, cunha capacidade de 4 millóns de litros, para evitar que recolla a auga de choiva e mellora a calidade fertilizante do xurro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información