Gandería San Rian Holstein: aposta pola mellora xenética como estratexia de futuro

Visitamos esta gandería do concello coruñés de Brión que dende o 2005 ven realizando unha aposta estratéxica pola mellora xenética. E iso non só lle permitiu incrementar notablemente a rendibilidade do seu rabaño senón constituír unha crecente fonte de ingresos.

Gandería San Rian Holstein: aposta pola mellora xenética como estratexia de futuro

De esquerda á dereita: Daniel, Merchi e Ramón

San Rian Holstein Sociedade Cooperativa Galega é unha gandería do concello coruñés de Brión, fundada no ano 2005 a partir da unión de dúas explotacións, Gandería Sancho e Gandería Rianxeiro, que viron na asociación a única forma de ser competitivos e de garantir o relevo xeracional.

Na actualidade está integrada por catro socios (os matrimonios formados por Daniel e Merchi e por Ramón e María José) que manexan 150 animais, dos que 62 son vacas en muxido, que están nun sistema de estabulación trabada, 13 secas e 75 recría. A base territorial desta explotación ascende a unhas 40 hectáreas, das que en 32 sementan millo forraxeiro en rotación con herba e nas 8 restantes, as máis afastadas ou as de peores condicións agronómicas, manteñen a pradeira permanente.

Pero se algo distingue a esta gandería é a súa aposta estratéxica pola mellora xenética, un proceso que comezaron no ano 2005 e que hoxe lles está a dar uns beneficios palpables. Exemplo diso é que nas últimas probas de Conafe do mes de novembro San Rian Holstein SCG situouse como a quinta mellor gandería de España por ICO, cun total de 2.552 puntos.

“No ano 2005 visitamos a gandería de Manuel Caneda Raviña e alí foi onde vimos a importancia da mellora xenética. A partir de aí empezamos a comprarlle embrións, a adquirir animais tamén na finca de Bos, e a importar nós directamente de Alemaña, Francia ou de Estados Unidos”, explica Daniel, un dos socios desta gandería.

O criterio que utilizaron para este proceso de selección foi un equilibrio entre produción e calidades, sen descoidar o tipo. “E agora -explica- estamos nun momento onde facemos unha selección á carta do que nos demanden os gandeiros”.

 “Facemos unha selección xenética á carta do que nos demanden os gandeiros”

As familias máis presentes en San Rian Holstein son Noami Storm, Durham Daisy, Durham Jericho, Cosmopolitan, Leadman Mahe ou Venice. “Unha das nosas familias máis destacadas é a de Naomi Storm, procedente dos primeiros embrións de Casa Caneda, unha liña cunha vaca con 15 estrelas. Son as que máis demanda teñen e nelas chegamos a ter a número 1 de Conafe por graxa, a número 1 por proteína e tamén a primeira por ubres”, destaca Daniel.

No 2009 importaron unha vaca da familia Planet, que malia os problemas iniciais, permitiulles sacar unha familia LautorithyxPlanet da que comercializaron con éxito tanto embrións como primeirizas preñadas.

A venda de xenética no caso dos embrións realízana a través da empresa Xénese, fundamentalmente a ganderías de Galicia, e tamén teñen un acordo de entrega de machos cos mellores datos de xenotipado á empresa pública galega Xenética Fontao.

“Dende o ano 2015 a venda de xenética estanos dando beneficios, a pesar de que practicamente non facemos publicidade, e o pasado ano supuxo arredor do 20% da facturación da explotación”, explica Daniel.

Pero o principal beneficio da mellora xenética está nos rendementos, e polo tanto na rendibilidade do propio rabaño, que pasou de ter un ICO de arredor de 1.200 puntos no ano 2005 a máis de 2.500 no 2016. “E isto nas producións supuxo pasar dunha media de algo menos de 9.000 litros por vaca a máis de 12.000 litros por lactación na actualidade”, destaca este gandeiro.

Claves do manexo

Pero como ben recoñece Daniel, “a mellora no manexo tamén foi clave para que as vacas puidesen expresar este mellor potencial xenético”.

E como puntos clave sitúa a calidade das forraxes propias, o benestar animal e non escatimar recursos na alimentación da recría, sobre todo durante o primeiro ano de vida.

“O principal é a calidade das forraxes propias, non só unha vez que as cortas senón tamén mentres que están almacenadas, mantendo unha boa limpeza nos silos, e retirando a comida que está estragada”, subliña.

En canto ao rendemento das forraxes, no caso da herba Daniel destaca que en San Rian Holstein lograron este ano un 20% de proteína bruta, cun 28% de materia seca. E en canto ao millo, os rendementos medios desta explotación oscilan entre as 35 toneladas de materia húmida por hectárea nun mal ano e as 50 toneladas nunha boa colleita.

Un bo mantemento das camas é outro aspecto de manexo ao que prestan especial atención. “Enchémolas unha vez á semana, cunha mestura de 70% de serrín e 30% de carbonato cálcico, un produto adecuado para o sistema de estabulación trabada que temos e que ademais nos permite mellorar o PH das nosas parcelas sen necesidade de encalar”, destaca Daniel.

Un bo sistema de ventiladores encárgase tamén de manter unha temperatura fresca para evitar que as vacas padezan estrés nos días de calor.

Ración e calidades do leite

Coas forraxes propias e compradas elaboran unha ración que para as vacas en lactación consiste en: 1,5 kilogramos de palla, 9,5 kilos de concentrado, 15 de silo de herba, 25 kg de silo de millo e 10 kilogramos de bagazo de cervexa.

Para as secas e as xovencas de máis de 12 meses elaboran unha ración propia consistente en 6 kilos de palla, 5 kg de silo millo e 3 kilogramos de concentrado especial para secas.

“A nosa mezcla é económica, pois está arredor de 232 euros a tonelada”, subliña Daniel.

Con esta ración as vacas en muxido producen unha media de 38 litros, cunhas calidades de 3,70/3,80 de graxa e un 3,30/3,40 de proteína. En total, a produción no ano 2016 de San Rian Holstein SC ascendeu a algo máis de 700.000 litros que lle venden á industria láctea Nestlé.

Recría: “Durante o primeiro ano non se debe escatimar en alimentación”

sanrian_xovencas_becerras_apaisadaOutro aspecto ao que prestan especial atención nesta gandería é a recría das xovencas. “Criar por lotes, unha correcta transición no destete e non escatimar gastos en alimentación durante o primeiro ano son claves”, resume Daniel.

Así, nunha primeira fase, ata os dous meses ou ata que a becerra acade os 75 kilos de peso, reciben leite de vaca da propia explotación. “Foi unha decisión que adoptamos co leite que ía por fóra de contrato, e sobre o que a industria nos estaba aplicando un desconto de 9 céntimos. Non só aforramos en leites maternizados senón que notamos que as becerras medran mellor”, destacan.

“Co leite de vaca notamos que as becerras medran mellor”

O destete realízano de xeito progresivo, “o cal non só é positivo para o becerro, senón tamén para o gandeiro, que non ten que aturar os seus berros”, bromea Daniel. Nesta segunda fase e ata os 4 meses de vida, as becerras reciben un ración en exclusiva a base de penso starter con alta porcentaxe de proteína e algo de palla.

Posteriormente, dende os 4 ata 8 meses comen paquetes de ración e dos 8 as 12 meses cada dúas xovencas comen a ración dunha vaca en muxido. E de 12 meses ata o parto reciben a mesma ración que as secas.

As becerras insemínanse de media con entre 13,5 e 14 meses. Realizan xenotipado unicamente das becerras de familias que destacan e ás mellores insemínanas con seme sexado, “aínda que agora utilizamos un pouco menos porque unha fonte de ingresos é colocar sementais”, matiza Daniel. No resto empregan seme convencional ou empréganas como receptoras de embrións.

Futuro: Unhas novas instalacións e medrar a medida que aumente a base territorial

En canto ao futuro, os socios de San Rian Holstein SCG teñen previsto ampliar as instalacións para que as vacas en muxido estean nun sistema de estabulación libre, pero seguir muxindo en trabado, e destinar as cortes actuais para as xovencas.

“Pero todo depende de que tamén medremos en base territorial, para producir o máximo de forraxes propias, e depender o menos posible das compras de materias primas, que hoxe están baratas pero no futuro non se sabe”, aseguran.

“É precisa unha segunda concentración parcelaria”

En canto á base territorial, ven imprescindible unha segunda concentración parcelaria para poder traballar fincas máis grandes que reduzan os custos de produción. “As fincas que traballamos son dunha concentración que se fixo hai 50 anos e hoxe quedáronse pequenas, o que nos incrementa os custes, con moito gasto de desprazamento”, advirten.

As claves de San Rian Holstein SCG:

-”En tan só doce anos pasamos dun ICO de 1.200 puntos a máis de 2.500”.

-”É clave coidar a calidade das forraxes na finca, pero tamén a limpeza e a calidade do silo. Aforraranos moitos problemas”.

-”Se aumentamos o rabaño será porque incrementamos a base territorial”.

-”Co leite de vaca notamos unha importante mellora nas becerras”.

-”Non hai que escatimar gastos de alimentación no primeiro ano de vida”.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información