Gandería Rivera Otero, a aposta dun mozo de 25 anos polo sector ovino

Fai un ano que Luis Miguel se incorporou á actividade agrogandeira. Desde entón construíu unha nave nova e mercou en Castela un rabaño de 200 ovellas da raza Inra 401 para producir carne de cordeiro. Xa pensa en ampliar para chegar ás 500 reprodutoras

Luis Miguel coas súas ovellas na nave que construíu este ano

Luis Miguel coas súas ovellas na nave que construíu este ano

A carón mesmo da Lagoa de Cospeito, en plena Rede Natura, un mozo de 25 anos pastorea o seu rabaño de ovellas. Son elas as que coidan duns prados que doutro xeito seguramente estarían abandonados. Son fincas pequenas e húmidas nas que é difícil entrar con maquinaria no inverno. Os seus animais contribúen deste xeito a coidar a paisaxe e manter a biodiversidade nun espazo declarado Reserva da Biosfera e Zona de Especial Conservación (ZEC).

Luis Miguel Rivera Otero estudou Frío Industrial pero decidiu enfocar o seu futuro cara ao sector agrogandeiro. “Acabei de estudar e estiven traballando algo pero informeime e animeime a seguir coas ovellas e estou contento. Optei polas ovellas porque xa as había na casa, así que andiven polo medio delas desde pequeno e sempre me gustaron”, conta.

Na súa casa, no lugar de Fontarrega, pertencente á parroquia de Feira do Monte, había unha pequena gandería ovina con 30 cabezas que coidaba a súa nai. Fai un ano que se incorporou el e desde entón apostou por profesionalizar a explotación. Solicitou un plan de mellora e desfixo a vella corte onde a súa nai gardaba os animais para construir no seu sitio unha nave nova de 270 metros cadrados con capacidade para 200 cabezas.

Non podes estar atendendo partos todos os días. É mellor agrupalos. Así sabes que os vas ter todos xuntos en 15 días

É unha instalación cómoda, onde o rabaño está dividido en dous lotes separados polo pasillo de alimentación. Ter as ovellas en lotes facilita as labores de alimentación ou o encamado e permite programar os partos. “Non podes estar atendendo partos todos os días, hai que organizarse e agrupalos, senón non hai maneira. Así sabes que os vas ter todos xuntos en 15 días”, explica Luis Miguel.

Rabaño mercado en Salamanca

O rabaño é de raza Inra 401

As ovellas e os machos son de raza Inra 401

Este mozo gandeiro aproveitou as 30 ovellas que tiña a súa nai, de raza mestiza, e completou a nova nave con outros 170 animais da raza Inra 401 que mercou en Salamanca á Gandería Lorenzo Pascual, especializada nesta raza, con 4.000 ovellas e que vende tanto recría como sementais.

“Trouxen 167 ovellas e 3 machos puros. A Inra 401 é un cruze de Berrinchón, que é unha raza cárnica, con Romanov, que é unha raza moi prolífica. Quería que fosen desta raza porque ten moi boas aptitudes para a produción de carne. Son animais que poden sacar adiante dous ou tres cordeiros por parto sen problema”, explica.

As ovellas que mercou, todas primeirizas, chegaron o 27 de abril do ano pasado a Cospeito con 6 meses de vida e están a piques de comezar a parir agora. “Dentro dun mes van empezar a parir as primeiras”, conta Luis Miguel. Cando nacen os cordeiros teñen que mamar costro en tomas de entre 60 e 70 centilitros cada 2-3 horas. “Sempre teño costro conxelado para non ter problemas”, indica.

Gastou 23.000 euros en mercar 167 ovellas e tres machos da raza Inra 401 e outros 35.000 euros no establo novo

As dúas primeiras semanas aliméntanse exclusivamente co leite da nai, que logo se complementa con concentrado. “Aos 15 días xa se lles pode meter algo de penso”, explica Luis Miguel. “Esta raza dá bastante leite, polo que os cordeiros saen rápido para diante. A outra raza que había na casa, a mestiza, dá menos leite e se traía tres crías unha xa a apartaba a propia ovella porque vía que non as daba mantido a todas. Daban bastante a lata niso porque había bastantes casos de rexeitamento, pero con esta raza, a Inra 401, penso que vou ter menos problemas deste tipo porque son ovellas que dan máis leite”, razoa. De todos xeitos, xa mercou unha amamantadora. “O custo non era moito e sácache traballo porque se hai casos de rexeitamento tes que andar cos biberóns”, explica.

Entre 65 e 70 euros por un año de 20 quilos

Un dos tres sementais da explotación

Un dos tres sementais da explotación

Cando cumpren entre dous e dous meses e medio de vida os cordeiros chegan xa aos 20 quilos de peso e están listos para seren vendidos, pasar polo matadoiro e sairen ao mercado. O obxectivo de Luis Miguel é sacar unha produción de 100 años cada tres meses.

Mentras unha metade das reprodutoras está en lactación criando aos cordeiros, a outra metade está preñada e así sucesivamente. “Tentarei sacar 1,5 partos ao ano por ovella, os dous partos non llos das sacado, é moi difícil, porque son 5 meses de xestación, 2 meses coas crías e logo un mes de espera para que sequen e se recuperen un pouco antes de volvelas cubrir, así que entre cubrición e cubrición pasan 8 meses”, explica.

Entre parto e parto pasan 8 meses: 5 de xestación, 2 coas crías e un de espera e recuperación antes da cubrición

Este mozo é membro da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e forma parte tamén da cooperativa Vélaro, polo que dá saída á súa produción a través da marca Pastores de Galicia, que distingue a carne de cordeiro galega.

Un cordeiro de dous meses e medio, con 20 quilos de peso (quedaría sobre uns 10 en canal, xa que perde a metade) ten un prezo de venda que oscila entre os 65 e os 70 euros. “Os 70 euros é un prezo aceptable que está ben. Eu a particulares case non vendo, moi pouco, non me compensa, porque teño que levar eu ao matadoiro”, explica.

Esta é unha época mala para as vendas. “O primeiro trimestre do ano é sempre frouxo, a partir de marzo empeza a haber máis demanda, que se incrementa moito no verán polas festas e tamén en Nadal. O problema é que para ter produción para o Nadal é complicado, porque terían que parir en setembro e para iso tes que cubrilas na primavera, que é a época peor para iso”, conta.

Dobrar o número de cabezas no prazo de 3 ou 4 anos

A nave xa quedou prevista para ser ampliada

A nave xa quedou prevista para ser ampliada

Luis Miguel conta con tres machos puros da mesma raza Inra 401 que están no medio do rabaño unha vez que as ovellas pasan ao lote de secas trala venda dos cordeiros. “Os tres carneiros son novos, chegaron con 9 meses, pero cada 2-3 anos teño que cambiar de machos para non ter problemas de consanguinidade”, indica. “Quixen apostar por unha raza pura para poder sacar algo de recría, primeiro para medrar eu e despois para poder vender tamén animais para vida e ter algúns ingresos por esta vía ademais dos da venda para sacrificio”, explica.

Sen embargo, o obxectivo a curto prazo desta explotación é o de medrar até dobrar o número de reprodutoras nos vindeiros 3 ou 4 anos. “O número de animais que teño hoxe é o mínimo para vivir, porque hai a PAC e vas tirando, pero quero seguir aumentando, quería chegar ás 500 nais”, avanza.

Para empezar tiven que comprar, porque das 30 ovellas que tiña de miña nai ás 200 tardaba 4 ou 5 anos e perdía moito tempo, pero agora poido dobrar sen problema coas miñas en pouco tempo con recría propia

Pretende facelo a través de recría propia, sen mercar máis animais. “Para empezar tiven que comprar, porque das 30 ovellas que tiña de miña nai ás 200 tardaba 4 ou 5 anos e perdía moito tempo, pero agora poido dobrar sen problema coas miñas en pouco tempo con recría propia”, di.

Deste xeito o aforro é considerable. Os 170 animais que mercou en Salamanca custáronlle 23.000 euros, case tanto como facer a nave (35.000 euros lista, contando a estrutura, o peche, o chan, os comedeiros e os bebedeiros), que xa deixou preparada para a ampliación. Non conta con moito espazo, xa que dentro de Rede Natura non pode ampliar e a finca na que fixo a nave está no límite co espazo natural protexido. “Só poido obrar onde teño a nave, todo o resto é Rede Natura e non poido construír”, indica.

Alimentación diferenciada para cada lote

As ovellas xestantes pasan 5 horas pola mañá no pasto

As ovellas xestantes pasan 5 horas pola mañá no pasto; as que están en lactación non saen.

Co rabaño dividido en dous lotes en función de se as ovellas se atopan en xestación ou en lactación, a alimentación tamén é diferente. “Durante os dous meses que están cos cordeiros non saen e voulles dar silo de herba e silo de millo, que penso que é mellor que o concentrado e sae tamén algo máis barato”, explica Luis Miguel.

El non bota millo pero atópase nunha zona onde abundan as explotacións de vacún de leite e ten pensado mercar uns 50.000 quilos de millo, que é o que calcula que precisará para todo o ano, tendo en conta que cada ovella en lactación come uns 2 quilos diarios de silo de millo. “Teño pensado facer o silo de millo tamén en rolos, porque ensilando en pila nunha explotación pequena coma esta é difícil manter unha boa conservación porque non consumes moito e pérdese”, considera.

Con 200 ovellas é o mínimo para vivir, grazas a que hai a PAC , pero eu quero seguir aumentando e chegar ás 500 cabezas

Os animais que estarían comendo silo de millo serían sempre a metade do rabaño, xa que o resto das ovellas (as xestantes) sairían todos os días ao pasto, complementado logo con herba seca de volta á casa. “Sácoas pacer de 10 da mañá a 3 da tarde, con 5 horas chégalles se teñen bo pasto, veñen cheas”, di.

Tres fíos de pastor e dous mastíns

pastor electricoLuis Miguel aproveita esas horas nas que a metade das ovellas están fóra para preparar a cama e a ración no establo. Conta cunha encamadora que emprega tanto para estrar como para botar a comida no pesebre. “Agora estou usando a encamadora para a alimentación, vai ben, pero teño que dar moitas voltas, porque dou primeiro a herba seca e logo o silo. Quero mercar un carro de segunda man para facer con el a ración, porque ao ir mesturada comen todo moito mellor e aproveitan máis a comida, así que tes menos desperdicio que sacar e tamén acabas antes”, xustifica.

Para a cama está a usar herba seca para aproveitala, porque este ano sobroulle moita, aínda que recoñece que “as ovellas non están tan secas como se estiveran en palla”. “O esterco que saco bótollo despois aos pastizais por enriba no inverno, que é a época na que non saen a pacer e aproveito para abonar. Contrato un esparexedor de esterco que desfaga ben, tamén teño gañas de mercar un, pero todo de golpe non se pode”, razoa.

Se non tivera o pastor posto sempre, tanto se están as ovellas como se non, tería as pradeiras todas levantadas, aquí hai moito xabarín

“Atendo eu só a explotación sen problema e cando as boto ao pasto e eu veño facer os traballos á casa teño dous mastíns con elas. Son un cruce de mastín con border coli, prefiro cruce que mastín puro, porque penso que os cruces son máis vivos. Lévoas á pradeira, déixoas cos cans e veño amañar todo na explotación e estou tranquilo”, di.

Ten as fincas pechadas con varillas de 90 centímetros de alto e tres fíos de pastor eléctrico, un cada 30 centímetros. Pero máis que para que non se boten as ovellas a súa finalidade principal é a de impedir que entre o xabarín. “Se non tivera o pastor posto sempre, tanto se están as ovellas como se non, tería as pradeiras todas levantadas, aquí hai moito xabarín”, quéixase. “O lobo non me afectou de momento porque eu métoas todos os días durmir ao establo e as que están paridas e teñen as crías non saen”, engade.

Control de enfermidades como a fasciola ou a basquilla

Manga pola que pasan as ovellas ao voltar do pasto para realizar o baño de pés

Manga pola que pasan as ovellas ao voltar do pasto para realizar o baño de pés

Ao estar nunha zona húmida Luis Miguel ten que ter especial coidado con determinadas enfermidades, como a fasciola hepática. “Estou nunha ADS e en marzo fanme analítica de feces para ver os parásitos que puidera haber. Hai máis problemas de fasciola ao ser unha zona húmida e estoulles dando unha mestura para desparasitar dúas veces ao ano, na primavera e no outono. E cando desparasito tamén aproveito para vacinar para a basquilla e para a neumonía”, conta.

Todos os días ao volver do pasto as ovellas fan un baño de pés antes de entrar no establo en auga con sulfato de cobre para previr as coxeiras

Para facilitar a aplicación dos distintos tratamentos e poder separar de xeito máis doado os animais instalou unha manga permanente nun dos laterais da nave, que emprega tamén para facer o baño de pezuñas. “Fágolles pasar pola manga todos os días ao vir do pasto para desinfectar os pés cun baño de auga e sulfato de cobre antes de entrar ao establo”, explica. Deste xeito deixou de ter problemas de coxeiras.

Na primavera fai a rapa a través do persoal contratado por Ovica e aproveitará para amañar os cascos a todos os animais. “Aforras moito traballo porque se o tes que facer ti, con 200 ovellas son moitos pés que amañar”, evidencia.

30 hectáreas para pastos e forraxes ao redor dun dos humidais máis importantes de Galicia

Pradeira feita con semente apañada noutra das fincas da explotación

Pradeira renovada o ano pasado con semente apañada noutra das fincas da explotación

A Lagoa de Cospeito e as terras que a rodean forman parte da Rede Natura 2000, o conxunto de espazos naturais da Unión Europa. O estar pegada á Rede Natura condiciona o medre da explotación de Luis Miguel, aínda que polo tipo de actividade que realiza, baseada no pastoreo, non supón ningún problema no día a día máis que á hora de facer ampliacións ou outro tipo de obras. “Quero facer este ano un estercoleiro e un almacén para a herba seca e en 3 ou 4 anos ampliar a nave das ovellas se me dan licenza”, indica.

Polo demais, a lagoa mantén hoxe unha simbiose beneficiosa coa explotación Rivera Otero, un equilibrio favorable para ambas partes por tratarse dun aproveitamento tradicional do solo. Luis Miguel bota as ovellas a pacer nas fincas que rodean a lagoa e abónaas co esterco que xeran os propios animais no establo. A lagoa aporta humidade que mantén verde o pasto todo o ano.

“Teño máis problemas no inverno ca no verán con iso de que son fincas moi molladas. Aquí é húmido e teño pasto todo o verán, non teño problemas coa seca”, indica. Tamén axuda a manter a pradeira a mestura de variedades coas que Luis Miguel sementou todas as pradeiras no ano 2018, xusto antes de incorporarse. “Botei unha mestura de raigrás inglés, italiano e híbrido con distintos trevos, como por exemplo o branco e o violeta, a razón de tres quilos de trevo por hectárea, iso nótase no verán, aguántase mellor a pradeira”, asegura.

Semente propia

Silo de herba, cunha moi baixa porcentaxe de humidade

Silo de herba cunha baixa porcentaxe de humidade

Nas fincas que renovou o ano pasado a semente procedía da que el mesmo apañou nas fincas que renovara un ano antes. “Deixei espigar dúas hectáreas e recollinas cunha colleitadora do trigo, saquei moitos quilos, teño para varios anos e penso que ademais de coller moita cantidade é de mellor calidade que a comprada e sae e arraiga mellor na pradeira”, afirma.

Para o control das malas herbas emprega diferentes métodos, en función da pranta da que se trate. “Cando collín as fincas ao principio tiven problemas de malas herbas nos pastos, sobre todo de caraveis, que fun eliminando a base de sulfatar; fentos non teño e aos cardos cando hai tírolles sal e desaparecen”, conta.

Tamén procura ter coidado á hora de ensilar ou de enrolar a herba seca para non traer a semente das malas herbas para a casa e esparexela despois polo resto de fincas a través do esterco.

O silo de herba das vacas non vale para as ovellas, ten que ser moito máis enxoito, con dous días de presecado cando menos

Luis Miguel dispón en total de 30 hectáreas de terreo. A metade son fincas que destina a pastoreo, das que só 2,5 hectáreas son propias, o resto alugadas, e das outras 15 hectáreas recolle a forraxe para todo o ano en forma de herba seca e silo de herba.

As fincas que ensila teñen raigrás puro e fai un presecado moi longo, de dous días, antes de enrolar a herba. “Para as ovellas o silo de herba ten que ser moi enxoito, non vale o silo das vacas, porque dalles tos e aféctalles ao fígado e acaba matándoas. Por iso eu antes de maio non poido ensilar, porque non vale o tempo para iso, porque eu teño que segar, extender e voltear durante os dous días de presecado e logo acordoar e facer os rolos”, indica Luis Miguel. Fai el todo o traballo agás enrolar e encintar.

Desecación e recuperación

A lagoa de Cospeito foi a máis extensa da Terra Chá (ocupaba máis de 70 hectáreas), foi desecada na década de 1960 para o aproveitamento agrícola do territorio e recuperada parcialmente na década de 1980 e con posterioridade ao ano 2000 polo seu valor ecolóxico e ambiental. Na actualidade ten unhas 17 hectáreas, das que só arredor de 7 son de augas permanentes, dentro dun espazo total dunhas 45 hectáreas delimitado por un camiño perimetral duns tres quilómetros de lonxitude.

A actual consideración e protección legal da que hoxe gozan os humidais viviu outrora períodos totalmente diferentes nos que se fomentou a súa desecación e destrución. Esta clase de actuacións supuxeron a perda, a mediados do pasado século XX, de dous dos máis importantes humidais interiores de Galicia, as Lagoas de Antela e de Cospeito. Pero este proceso deuse a nivel de toda Europa, onde a superficie que actualmente ocupan os humidais na Unión Europea representa o 25% da que posuían a principios da época industrial.

A superficie que actualmente ocupan os humidais na UE equivale ao 25% da que tiñan antes de seren desecados para gañar terras de cultivo

O modelo tradicional de aproveitamento dos humidais sufrirá un importante cambio en España coa promulgación, o 24 de xuño de 1918, da denominada Lei Cambó, á cal se sumará un extenso articulado lexislativo que, coa escusa de erradicar as pragas de mosquitos, posibles vectores de infeccións humanas, e obter novo terreo agrícola, favoreceu a sangradura, desecación e saneamento dun número cuantioso de marismas e lagoas galegas.

Seguindo estas consideracións, anos máis tarde o Instituto Nacional de Colonización Agraria (INCA), dependente do Ministerio de Agricultura, declara no ano 1956 de alto interese nacional as obras de saneamento e colonización de dous dos humidais máis singulares de Galicia, o da lagoa de Cospeito na provincia de Lugo e o da lagoa de Antela, na de Ourense.

Os proxectos promovidos polo INCA buscaban a creación de zonas de colonización agraria que servisen para dar acubillo a agricultores foráneos, cuxas terras serían anegadas pola creación de grandes encoros. Os novos asentamentos e as novas terras de labor obtíñanse trala desecación de humidais e o britado de amplos espazos que ata o momento non foran cultivados.

O Instituto Nacional de Colonización Agraria expropiou entre 1950 e 1980 na Terra Chá case 3.000 hectáreas de montes comunais e terreos gañados ás lagoas de Cospeito, Caque e Pumar

Na Terra Chá, o INCA procederá á expropiación dunha superficie de 2.889 hectáreas, constituída por montes comunais de varias parroquias dos municipios de Cospeito e Castro de Rei, incluíndo na mesma a totalidade do humidal da lagoa de Cospeito. Terreos que serán desecados coa apertura de canles de drenaxe, a ruptura de represas, a cavadura do terreo e o seu aireado, etc., para ser transformados, con maior ou menor éxito, en terras de cultivo. As actuacións promovidas polo INCA e, posteriormente, polo Instituto para a Reforma e o desenvolvemento Agrario (IRYDA), entre 1950 e 1980, implicarán unha perda significativa dos humidais de Cospeito, Caque e Pumar.

Con todo, a Lagoa de Cospeito logrou recuperar parte do seu antigo esplendor logo de ser declarada Refuxio de caza en 1986, Reserva da Biosfera pola Unesco no ano 2002 e Rede Natura dentro do LIC Parga-Ladra-Támoga no ano 2004. Agora, as ovellas de Luis Miguel contribúen a coidala.

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información