Gandería Requeijo Chao, un modelo de Ternera Gallega Suprema

Visita á explotación gandeira de Marina e de Danilo, no concello lucense de Muras. En plena Gañidoira, na Serra do Xistral crían 160 cabezas de gando de Ternera Gallega e Blonda en liberdade e cunha alimentación natural.

Gandería Requeijo Chao, un modelo de Ternera Gallega Suprema

Marina con Eugenia, a súa filla, e Danilo.

“Pucha”, “Pastora”, “Princesa”, “Becky”, “Gallega”, “Zamora”….María Teresa Chao Pernas é unha gandeira que coñece o nome, o carácter e a historia de cada unha das súas 160 cabezas de gando. Porque cada unha destas vacas é única: criadas ao aire libre nos pastos sempre verdes da Gañidoira, na Serra do Xistral, no concello lucense de Muras, estes animais desenvolven todo o seu potencial natural, sen presas, só molestadas de vez en cando polo renxer dalgún dos viraventos que poboan os cumios da serra.

E é que como o vento, o gando de raza Rubia Galega está presente nestas terras do Xistral dende tempos inmemoriais. María Teresa Chao, Marina para os coñecidos, familiarizouse con elas dende pequena. Logo viñeron os estudos e o traslado a Viveiro co seu marido, Danilo Requeijo, ex-traballador de Alcoa. Nos 90 decidiron volver a Muras e Marina empezou a levar a gandería familiar dos pais e dos sogros. Empezou con 16 vacas, pero hoxe o rabaño supera as 160 cabezas de gando repartidas por 88,7 hectáreas de pastos, entre superficie propia e alugada.

Alimentación e manexo do gando

“O sistema de alimentación é totalmente natural: as vacas pacen ao aire libre todo o ano e no inverno recóllense ou ben en galpóns ou, as que están no Alto da Gañidoira, entre os piñeiros”, explica Marina. Cada catro ou cinco días as vacas son cambiadas de prado, para pacer noutro nunha rotación ininterrompida que é un modelo de gandería sustentable.

MURAS_RUBIA_GALEGA_05_standar

Vacas e xatos pacen ao aire libre

Tamén natural é a reprodución, por monta natural con 5 touros na explotación das razas Rubia Galega e, en menor medida, Blonda. Empezaron a introducir esta raza francesa “porque os becerros maman mellor e as canais dan máis quilos, aínda que a Rubia Galega é máis mansa e resistente”, explica Danilo.

Fan recría de xovencas na propia explotación, unhas dez cada ano, que permanecen en lotes separados ata os 18 meses, momento en que se lles bota o boi, de xeito que veñen parindo cunha idade media de 27 meses.

A ausencia de estrés, a xenética, a alimentación natural e a crianza ao aire libre permiten que as vacas de Marina cheguen a unha media de 15 anos de vida, 20 mesmo nalgunha, unha lonxevidade impensable nunha gandería industrial.

Todo o rabaño está inscrito en Ternera Gallega Suprema, a máxima distinción dentro da Indicación Xeográfica Protexida. Deste xeito, os becerros maman nas vacas ao aire libre ata os 7 meses. Logo pasan a un pequeno cebadeiro na propia finca, e durante un mes máis seguen mamando para evitar problemas de mamite na vaca. Dos 7 aos 10 meses aliméntanse a base de silo de herba da propia explotación, palla, penso e herba seca.

Na explotación de Marina e Danilo veñen enviando cada ano uns 60 becerros ao matadoiro, cun idade de 10 meses e cun peso medio de 240 kilos, maior no caso dos de raza Blonda, algún dos cales chegou aos 300 kilos de peso.

“Para nos foi un acerto pasar a venderlle a unha cooperativa”

MURAS_RUBIA_GALEGA_07_standar

Marina cunha vaca que pariu dous xatos

A comercialización a través dunha cooperativa é, para Marina, un das decisións máis acertadas que tomou. “Dende hai 20 anos vendémoslle á cooperativa Os Irmandiños -agora Artesáns Gandeiros-, e estou moi contenta con eles porque son serios no pago e nos prazos de recollida dos becerros. Para min foi unha tranquilidade, porque antes tiña que andar buscando a tratantes e a carniceiros para que mos comprasen, e o trato non era serio e tampouco sentía valorado o meu traballo. Agora si”, afirma Marina.

O prezo medio de venda dos seus xatos está entre os 4,5 e os 5 €/kg. Dende Os Irmandiños os becerros son distribuídos en establecementos comerciais de toda Galicia.

Abono das pradeiras

Outro aspecto no que inciden na gandería de Marina e Danilo é o coidado dos pastos, tanto no abono como na selección das sementes así como no método de plantación.

Así, nesta gandería realizan anualmente un abono natural con esterco, un encalado con cal magnesiana e un abonado mineral 8/24/16 especial pradeiras. En canto ás variedades empregan unha mestura de trevos (branco e vermello), raigrás e festuca.

“Nótase moito no rendemento do pasto e tamén en como pacen as vacas”, asegura Danilo.

En canto á sementeira de pradeiras utilizan a inxección de herba, un método que consideran máis rápido que o de fresar a parcela e que lles permite contar con pasto en moito menos tempo.

Desaconsellan os partos no outono para a gandería en extensivo

Pola contra, a experiencia propia desaconséllalles un dos aspectos nos que se está a incidir dende o sector: a programación dos partos para que unha parte se produza no outono co fin de evitar que toda a oferta de becerros se concentre nos que naceron en primavera, cos problemas de sobreoferta e prezos que iso supón.

Así, no caso da explotación de Marina e de Danilo a experiencia dilles que “para a gandería en extensivo e ao aire libre desaconsellámolo porque o acaban pasando mal tanto a vaca como o becerro”. “É certo que programando os partos para o outono o prezo do becerro é un pouco maior pero non nos compensa porque no inverno os becerros medran menos e tiran moito da vaca”, asegura Danilo.

A nova PAC e as trabas burocráticas, os maiores problemas

Ao igual que case a totalidade dos agricultores e gandeiros un dos grandes atrancos aos que se enfronta esta explotación gandeira é …..a excesiva burocracia administrativa, unha lousa que pon trabas a unha actividade xa de por si difícil, e que no caso da explotación de Marina, ao estar en Rede Natura, aínda lles complica máis a súa actividade.

“Estamos cansos de papeleo: temos que solicitar permisos e pagar taxas por todo, sexa para facer un galpón ou para facer un desbroce”, asegura con cansazo Danilo.

“Estamos cansos da burocracia e do papeleo”

Outras problemáticas ás que se enfrontan son a fauna silvestre, sobre todo os estragos que provoca o xabarín nos pasteiros, e máis recentemente a reforma da PAC que lles recortou de 88,7 a 70 as hectáreas con dereito ás axudas da PAC xa que considera que en vez dun aproveitamento silvopastoril do monte están a facer un aproveitamento unicamente forestal.

Malia as dificultades, Marina e Danilo seguen adiante impulsados pola mesma constancia que o vento que zoa na Serra do Xistral. “Recoñezo que é un traballo duro, no que moitas veces te tes que erguer de noite para ir atender un parto, pero gústame o meu traballo, sobre todo darlle de comer ao gando e coidar dos becerros”, confesa Marina.

O resultado deste cariño é unha das mellores carnes de vacún do mundo e unha paisaxe rural viva que agarda a que a próxima xeración tome o relevo a unha tradición gandeira milenaria.

Marina,Eugenia -a súa filla- e Danilo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información