A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Gandería Ramil de Friolfe SC instala os dous primeiros robots Delaval VMS 300 da Península

O novo sistema voluntario de muxido de Delaval mellora a preparación da ubre e acorta os tempos de traballo. O modelo mantén as fortalezas dos robots anteriores da marca, coma o fácil acceso á vaca ou a información completa que aporta de cada animal

Gandería Ramil de Friolfe SC instala os dous primeiros robots Delaval VMS 300 da Península

Gonzalo Liz, da gandería Ramil de Friolfe, ante un dos robots Delaval VMS 300 que instalou.

A gandería Ramil de Friolfe SC, ubicada no concello lucense do Páramo, incorporou con éxito os dous primeiros robots de muxido Delaval VMS 300 da Península. A granxa instalou o primeiro robot hai tres meses e nos últimos días vén de colocar o segundo. Falamos con eles para coñecer como fixeron a transición da sala de muxido a un sistema voluntario de ordeño (VMS), así coma para que nos detallen as vantaxes que lles está aportando o cambio.

A instalación dos robots de muxido foi unha decisión que a explotación tomou en base ó crecemento que estaba experimentando. Nos últimos catro anos, a gandería pasou de 45 animais en muxido a uns 90 e no curto prazo conta de chegar a 120. “Decidímonos a facer unha nave nova porque a outra quedábase pequena, e valoramos se instalar unha sala de muxido ou robots. Finalmente decantámonos polos robots porque así necesitabamos menos espazo construído e tamén valoramos positivamente a información diaria dos animais que nos aporta o sistema” , explica Gonzalo Liz, que xestiona a granxa conxuntamente cos seus pais, Jesús e Maribel.

“O proceso de adaptación ó robot foi sinxelo. Non pasamos na nave nin a primeira noite” (Gonzalo Liz)

Transición
A explotación montou o primeiro robot o 21 de novembro do 2018 e ese día pasou xa a 17 animais a funcionar co novo sistema. Unha vez comprobado que as vacas se adaptaban desde o principio ó robot, a gandería foi aumentando progresivamente ó número de vacas no VMS 300, pasándoas en lotes dunhas cinco, así coma a aquelas que ían parindo. Nos últimos días, logo da instalación dun segundo robot, a explotación xa ten a 68 animais funcionando cos VMS 300, nunha configuración de tráfico libre, e quédanlle 21 vacas na sala de muxido, que en menos dun mes pasarán todas ó robot.

Robots VMS 300 na gandería Ramil de Friolfe.

Robots VMS 300 na gandería Ramil de Friolfe.

“Para abril, contamos de ter uns 100 animais na nova nave e a nave antiga quedaranos para vacas secas e xovencas”, conta Gonzalo. “O proceso de adaptación ó robot foi sinxelo. Non pasamos na nave nin a primeira noite. De todo o rabaño, temos só unhas 5-6 vacas que normalmente se retrasan na entrada ó sistema e tes que arrimalas á mañá e á tarde, pero en xeral as vacas adáptanse ben. Coas xovencas que nunca estiveron na sala de muxido e que poden dar patadas as primeiras veces, tes tamén a posibilidade de colocarlles manualmente as pezoneras, que é unha opción deste robot que nos interesou”, destaca Gonzalo Liz.

Os resultados do funcionamento co VMS 300, logo de tres meses, son valorados como moi positivos pola explotación. “Reducimos o tempo de traballo, aumentamos produción e melloramos moito en sanidade da ubre, pasando de 220.000 células somáticas a unhas 150.000”, explica a granxa, que xa supera os 3 muxidos de media por animal e día, fronte ós dous diarios que facía en sala.

Cepillo rotativo para o benestar das vacas.

Cepillo rotativo para o benestar das vacas.

Xestión de datos
O cambio ó VMS 300 de Delaval permitiulle á gandería unha mellora do manexo do rabaño a partir dos datos prácticos que ofrece o sistema. “Os principais datos que consultamos son a produción e as células somáticas por animal. Se detectamos algún problema, tamén consultamos outros parámetros, como se a vaca comeu a ración de concentrado que lle proporciona o robot, que é de 5,5 quilos ó día” -sinala Gonzalo-. “Sen ver as vacas, como as viamos cando estabamos na sala, tes moita máis información e daste de conta axiña se un animal ten algunha incidencia”.

A mellora da sanidade veu favorecida tamén polo cambio de nave, pois as vacas dispoñen de máis espazo e de camas de goma pasaron a camas de carbonato cálcico, máis favorables para a saúde da ubre.

Melloras no muxido
Outro aspecto do robot VMS 300 que valora a gandería é a eficacia do muxido e o coidado da ubre que practica o sistema. “Se un pezón non dá leite, o sistema retira automaticamente esa pezonera, que era unha opción que non tiñas na sala de muxido” -explica o gandeiro-. “Melloramos tamén no fluxo do muxido, estamos en 4,11 litros por minuto, e o sistema en xeral non deixa vacas incompletas, salvo algún caso puntual dunha vaca en celo, por exemplo”.

Interior da nova nave da gandería Ramil de Friolfe.

Interior da nova nave da gandería Ramil de Friolfe.

A granxa ronda unha produción en ascenso de 33 litros por vaca e día, con calidades que superan o 4,20 de graxa e o 3,30 de proteína. Con esa alta produción, destaca o limitado consumo de concentrado que lle suministra a granxa ás vacas, 9,5 quilos diarios (4 no carro mezclador e 5,5 no robot de muxido). A ración complétase con 27 quilos de silo de herba, 10 de silo de millo e medio de herba seca.

VMS 300 de Delaval, o perfeccionamento do muxido

O novo sistema voluntario de muxido de Delaval, o VMS 300, destaca pola mellora da eficacia e dos tempos de ordeño de cada vaca. O delegado comercial de Delaval para a zona Noroeste, Antonio Lenza, subliña as seguintes innovacións e fortalezas do sistema:

– Incorporación dunha cámara 3D, o que lle permite mellorar a velocidade do brazo e a precisión na colocación das pezoneras.

– DeLaval Pure Flow, sistema de pre-ordeño independente do circuito de muxido, que inxecta aire e auga a presión para limpar o pezón. A continuación, procede á estimulación e extracción dos primeiros chorros, así coma ó secado do pezón por vacío.

– Novo sistema de visión ‘Delaval Insight’, que mellora e axiliza a preparación da ubre, conseguindo unha estimulación que permite acortar o tempo de muxido. A esta característica hai que sumar a pulsación intelixente, que adapta a velocidade de muxido ó fluxo de leite de cada vaca. “O V300 pode chegar a superar os 3.500 Kg. de leche por día”, subliña Antonio Lenza.

O sistema de visión ‘Delaval Insight’ permite ademais que a máquina faga o primeiro muxido de cada animal sen necesidade de sinalar coordenadas nin empregar o joystick.

Mercado en ascenso
O crecemento do mercado de robots de muxido é unha realidade en España que desde Delaval atribúen ás numerosas vantaxes que ofrece o sistema. “Hai gandeiros que priorizan o aumento da cantidade de leite que poden lograr cos VMS; outros a menor dependencia de man de obra adicada ó muxido, e en xeral, tamén se valora a fiabilidade dos datos que aporta o sistema, que informa de todo o que pasa con cada vaca e controla cinco índices claves para a rendibilidade da granxa: muxido, manexo, saúde da ubre, reprodución e alimentación”, explica Antonio Lenza.

“Os robots tenden a instalarse en granxas familiares que, ademais de muxir e alimentar ós animais, traballan as súas propias terras para producir forraxes, co cal o robot proporciónalles máis flexibilidade horaria”, destaca Lenza.

O sistema permite que cada granxa organice o muxido dos animais en función das súas características, xestionando o tráfico e os permisos de muxido de xeito sinxelo. “O caso de cada granxa e cada gandeiro hai que estudialo por separado para ver o xeito de cumprir as súas expectativas, maximizando a produción de leite e axustando os requerimentos de man de obra”, conclúe Antonio Lenza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *