Gandería Pose e García SL, buscando máis rendibilidade coa produción de forraxes propias

Sonia Pose González e José Manuel García Gil uniron no ano 2005 as súas pequenas explotacións familiares buscando medrar de xeito máis eficiente. Na actualidade moxen uns 180 animais e apostan por unha xestión profesionalizada con visión empresarial

José Manuel, xunto ao seu fillo Sergio, na última ampliación da nave de produción

José Manuel, xunto ao seu fillo Sergio, na última ampliación da nave de produción

Ubicada no concello de Ponteceso, en Santa Cruz de Cores, Gandería Pose e García SL conta neste momento con 310 cabezas de gando, 192 delas vacas adultas e o resto recría. Moxen na actualidade 179 animais e entregan o leite a Leyma Natura, cun contrato de dous anos. Buscan estabilidade en aspectos como o prezo do leite ou o persoal contratado e tratan de reducir custos aumentando a produción de forraxes.

A historia desta granxa non dista moito da de outras que apostaron por medrar e aumentar o número de cabezas en Galicia nos últimos anos, agás nun aspecto: a decisión de facelo de maneira conxunta mediante a colaboración e a unión. José Manuel incorporouse no ano 1998 á gandería que rexentaba o seu tío José, unha explotación con 16 vacas atadas. “Cando me incorporei sacamos o amarre e fixemos os cubículos e a sala de muxido, porque ata ese momento muxíase en cántara. Ese foi o primeiro proceso”, conta.

Pola súa banda, a súa curmá Sonia tamén decidira quedar coa explotación que tiña na casa, onde os seus pais contaban con 25 vacas en produción. Pero no canto de continuar cada un o seu camiño, facendo investimentos por separado, optaron por xuntarse. “No ano 2005 decidimos fusionarnos porque xa faciamos os traballos en común e os silos en conxunto, a mecha da unión xa estaba prendida”, din.

Faciamos os traballos en común e os silos en conxunto, a mecha da unión xa estaba prendida

Como a explotación de José Manuel era máis moderna, debido ás obras que estivera facendo desde a súa incorporación (no ano 2000 fixera xa unha primeira ampliación), decidiron xuntar alí os animais en produción, ampliando a sala de muxido, e deixando a gandería de Sonia, ubicada na mesma parroquia, a menos dun quilómetro de distancia, para as xovencas. O 24 de xuño do 2008 estrearon a sala nova e no ano 2012 acometeron unha segunda ampliación das instalacións “para poder traer a recría e ter todos os animais máis controlados, que era o que queriamos, sobre todo para mellorar a detección de celos nas xovencas, que do outro xeito era máis difícil porque ao estar sempre centrados aquí aló botabas menos tempo”, explica José Manuel.

Absorción dunha gandería veciña

Sala de muxido construída no ano 2008 tras fusionar as explotacións

Sala de muxido construída no ano 2008 tras fusionar as explotacións

O proceso de medre continuou con esa mesma filosofía de que a unión fai a forza. No ano 2017 deron entrada na explotación a Estrella e Manolo, un matrimonio veciño de 55 e 58 anos a día de hoxe que non contaban con relevo na súa explotación. Comezaron a traballar como asalariados en Gandería Pose e García, que tamén lles alugou o establo e as fincas das que dispoñían. “Foi unha boa solución para eles e mellor aínda para nós”, defende José Manuel, que é unha persoa convencida de que o futuro do sector pasa pola colaboración entre ganderías, algo que leva practicando desde que comezou a súa andaina fai máis de 20 anos.

Na gandería de Estrella e Manolo, ubicada no mesmo núcleo de casas onde está a nave de produción, teñen agora parte da recría. “Foi un alivio para nós para poder desconxestionar un pouco o establo, porque tiñamos moito potencial de animais pero o espazo que había para eles era reducido”, recoñece José Manuel. O último proceso para o redimensionamento das instalacións foi crear dúas naves modulares, tipo invernadoiro, para as vacas secas.

Teñen un empregado ruso, Vitali, que estivo á fronte dunha granxa de 2.000 vacas en Siberia e as fins de semana contan co reforzo de dous mozos, Sarai e Luciano

Ademais de José Manuel, Sonia, Estrella e Manolo, na gandería traballa tamén desde fai medio ano Vitali, un rapaz ruso que antes de vir a Galicia estivera á fronte dunha granxa de 2.000 vacas en Siberia. As fins de semana contan tamén co reforzo de outras dúas persoas, Sarai, que está a facer Enxeñería Agrónoma en Lugo e combina os estudos co traballo na explotación, e Luciano, que dispón doutro traballo e tamén lles vén a facer os turnos de reforzo para que eles poidan coller días. “Temos organizado para que os que estamos aquí pola semana poidamos ter un pouco de tempo libre e a explotación non quede desatendida ou con menos persoal, porque eu penso que ese é un dos problemas hoxe das ganderías”, argumenta.

Filosofía de empresa

Malia o trato familiar entre os socios, así como co persoal contratado, José Manuel considera a gandería da que forma parte “unha empresa que trata de facer unha xestión o máis profesional posible”. De feito, a forma xurídica inicial mudou co paso dos anos de SAT (Sociedade Agraria de Transformación) a SL (Sociedade Limitada), unha fórmula pensada expresamente para iniciativas de carácter empresarial pero que é aínda hoxe moi minoritaria dentro do sector agrogandeiro en Galicia.

Falta moita formación e cultura empresarial no sector, penso que é unha das eivas máis importantes nas explotacións

Con esa visión empresarial, Gandería Pose e García SL decidiu entrar hai dous anos no servizo técnico-económico de Seragro. “Queremos autoevaluarnos, analizar en que estamos fallando ou en que podemos mellorar”, argumenta José Manuel, que considera que “falta moita formación e cultura empresarial no sector” e que esta é unha das eivas máis importantes en moitas explotacións a medida que van medrando e aumentando de tamaño. “A nosa é unha explotación saneada e rendible pero queremos saber en que podemos ser máis eficientes”, razoa.

Fixarse nos detalles e buscar estabilidade

Zona de recría en cama quente

Zona de recría en cama quente, onde están as xatas antes de seren inseminadas

Antes de incorporarse á explotación do seu tío, José Manuel foi metre de sala nunha marisquería da zona e iso, di, axudoulle despois á hora de ser gandeiro. “Valeume para fixarme nos detalles e iso sérveme no día a día para cuestións como detectar celos ou enfermidades”, asegura. Levan moitos anos traballando a mellora xenética. “A base desta explotación son touros americanos e canadenses, foino sempre e a día de hoxe seguimos traballando con esa xenética”, di.

Gandería Pose e García chegou ao tope de animais que pode albergar sen facer novas ampliacións polo que xa non recría o 100% das becerras. “Agora estamos seleccionando un pouco máis as nais e empregando seme sexado. Nós necesitamos arredor dunhas 45 ou 50 xovencas ao ano para reposición. A un 35% do gando estámoslle poñendo xa cruce industrial neste momento e iso tamén che deixa unha remuneración maior con respecto ao frisón”, asegura.

Empregan touros canadenses e norteamericanos para mellorar a xenética e o resto insemínano con cruce industrial, que poñen xa ao 35% das vacas

Teñen varios lotes de recría. O primeiro é o de neonatos. Destetan as becerras arredor dos 70 días (entre os 65 e os 73 normalmente), baixándolles ao leite de xeito progresivo e moi suave. Despois os animais pasan a outro lote desde os dous meses e medio aos cinco, con penso a discreción. De cinco a oito meses e de oito a dez meses están xa en grupos alimentados con mestura para recría. A partir desa idade xa se comezan a preparar para inseminar e desde que as xatas están preñadas pasan a facer o seu periodo de crecemento fóra, nunha finca que teñen destinada para elas, suplementando cunha ración a base de silo de millo, silo de herba, herba seca e penso.

Entregan o leite a Leyma Natura

Lote de postparto, onde teñen as vacas durante o primeiro mes da lactación

Lote de postparto, onde teñen as vacas durante o primeiro mes da lactación, primando o seu benestar

Logo de tomar a decisión de incorporarse, para coñecer outras realidades, José Manuel visitou Francia nun intercambio organizado pola EFA Fonteboa. Alí, di con envexa, “os gandeiros defenden o que producen” mentres aquí “estamos nas mans das empresas que nos recollen o leite e dos intereses das casas comerciais”. É esta inestabilidade a que non quere na súa granxa. “É necesario marcar obxectivos, un gandeiro debe ter claro o rumbo da súa explotación para non dar bandazos”, afirma.

A produción media do ano pasado foi de 12.300 litros con un 3,70% de graxa e un 3,40% de proteína

Na actualidade Gandería Pose e García entrega o leite ao Grupo Lence, que destina a produción desta granxa á súa planta de Leyma en Arteixo. Contan con todas as certificacións de benestar animal para formar parte de Leyma Natura e asinaron contrato por dous anos. “A nosa explotación o que busca é estabilidade. Eu penso que nós, como empresa, temos que buscar iso e se temos un prezo de mercado que é razonable interésanos pechar por cantos máis anos mellor. A nosa intención era incluso ir a máis tempo no contrato. A partir de aí ti traballas, tes un prezo fixado e a redución dos custos para que sexa un prezo mellor témolo nós na man”, asegura.

Asinamos contrato por dous anos. Tes un prezo fixado e a partir de aí ti traballas. A redución dos custos para que sexa un prezo mellor témola nós na man

Aspectos como “a eficacia no traballo, a xenética que temos no establo e como nos desenvolvemos na produción de forraxes” son, ao seu xuízo, factores determinantes para incrementar a rendibilidade dunha explotación. “A produción das terras é algo moi importante, porque non somos só gandeiros, somos tamén agricultores, para poder deste xeito reducir custos e que o negocio sexa viable, sen iso mal imos”, engade.

Dispoñen dunhas 100 hectáreas de terreo

Vista da explotación desde unha das fincas que unificaron

Vista da explotación desde unha das parcelas que unificaron, con fincas de cinco propietarios diferentes

A explotación manexa unhas 105 hectáreas de terreo, repartidas entre millo e herba. Labran a millo 70 hectáreas e fan rotación con raigrás só nunha ducia delas. A maiores teñen unhas 22 hectáreas en pradeira artificial permanente e 10 en pradeira natural, polo que en total sumarían unhas 36 hectáreas a herba no conxunto do ano.

Movemos moitísima terra e preparamos fincas para que fose equilibrado o aumento de cabezas de gando e número de hectáreas de superficie

Á superficie propia das explotacións de Sonia, José Manuel e Estrella e Manolo foron sumando pezas de monte que roturaron para aumentar a superficie dispoñible. “Empezamos no ano 2016 cunha finca de 5 hectáreas de monte que alugamos e descepamos. Despois fixemos outra compra de monte de 3 hectáreas e media e logo alugamos outro monte de 10 hectáreas. Así foi como logramos ter un pouco máis de terra e ao mesmo tempo ter fincas un pouco máis grandes”, recoñecen.

Coa mellora da superficie agraria da granxa buscan maior comodidade á hora de traballar as terras e incrementar tamén a súa produtividade sen estar tan condicionados por rotacións anuais millo-herba

A súa estratexia foi converter o monte en pradeiras permanentes para poder deixar as terras de labradío para cultivar millo. “Levabamos moito tempo facendo rotación e cambio de cultivo nas mesmas fincas e fomos vendo que nos é máis rendible ter un 80 ou 85% da pradeira en permanente e reservar a terra para o millo e logo ir rotando as fincas ao cabo duns anos, pero non ter que arar o 100% das fincas todos os anos, porque mover tanta terra ten uns gastos e ás veces iso deriva en que as colleitas sofren por sementeiras tardías e ensilados feitos tamén a destempo”, asegura José Manuel.

Fincas máis grandes e produtivas

Dispoñen dunha capacidade limitada no pozo do purín

Dispoñen dunha capacidade limitada no pozo do purín. As bacterias de Bioprana evitan a formación de costra

O aumento da superficie permitiulles gañar en autosuficiencia. “O 80% do que comen os nosos animais é producido na explotación”, destacan. “A nosa tendencia foi sempre esa e seguiremos por ese camiño porque esa é a maneira de ser máis competitivos e poder estar no mercado como empresa que somos, xa que o que sexamos capaces de producir nós sempre será máis barato que o que teñamos que mercar, ademais de non estar na tesitura de se o mercado sobe ou baixa, como aconteceu este ano con moitas materias primas, tanto a proteína, o que é sobre todo a soia e colza, que se dispararon, como a enerxía, o millo. Se nós o temos na casa está claro que o sacamos máis barato”, defende.

O 80% do que comen os nosos animais é producido na explotación

Nos últimos anos, a medida que ían incrementando a súa superficie, tamén foron investindo na mellora e redimensionamento das parcelas. “Entramos na parcelaria e fomos xuntando fincas para que fose un pouco máis doado traballalas”, defenden. “A nosa situación cambiou moito nese sentido nos últimos tres anos, grazas á concentración e grazas a que, pola nosa conta, logramos tamén facer fincas máis unificadas e máis grandes”, explica José Manuel.

Mantivemos as fontes todas no mesmo sitio pero canalizámolas subterráneas cara os regatos máis próximos en moitas fincas para poder traballalas

A carón da nave de produción, por exemplo, reuniron 7 hectáreas pertencentes a 5 propietarios diferentes. “Non é esa soa, temos moitas fincas feitas así”, di. Ademais de xuntar terras tamén investiron en canalización de augas. “Drenamos moitas fincas. Temos por exemplo outra parcela de 7 hectáreas que é de 11 donos na que tamén canalizamos as fontes con tubaxes subterráneas cara aos regos onde ían desembocar. Estas fincas eran prados naturais e fixemos iso para poder traballalas. Hoxe o tema dos carros, as vacas e os bois acabouse e a agricultura modernizouse con máquinas máis pesadas”, evidencia José Manuel. Foi un investimento importante pero “a día de hoxe xa está dando os seus froitos”, asegura.

Esterco para as terras pesadas

Remolque para o estercado, destinado sobre todo a fincas pesadas para mellorar o laboreo

Remolque para o estercado, usado para mellorar o laboreo en terras con solo de arxila

Tratan de sacar o máximo rendemento á súa superficie agraria, ben na produción de forraxes para alimentación, ben na redución de custos nas camas. “O prado natural prodúcenos sobre todo herba seca para encamar, porque temos bastante cama quente. Temos, por exemplo, en cama quente o lote de postparto, desde que as vacas paren ata que pasan 30 días, que é cando pasan para os cubículos; tamén as secas e a recría ata os 11 meses”, detalla José Manuel. “Tomamos esa decisión de apostar pola cama quente debido á nosa capacidade limitada na fosa de xurro e as limitacións medioambientais que se están poñendo ao purín”, engade.

Tomamos a decisión de apostar pola cama quente debido á nosa capacidade limitada na fosa de xurro e as limitacións medioambientais que se están poñendo ao purín

“O esterco usámolo despois en determinadas terras onde botamos millo, porque temos unha zona, dunhas 20 hectáreas, que son terras moi pesadas, con solo moi arxiloso, moi barresco, e a ese tipo de terras venlles moi ben o esterco. Os nosos antepasados ían ao toxo ao monte e abonaban desa maneira. Así eran máis doadas de traballar, porque as amolecían con esa materia orgánica. Nós aplicamos esas ensinanzas e é aí onde botamos sobre todo o esterco, e iso axúdanos a que esa terra sexa máis levadeira á hora de laborear”, explica.

Ás fincas que quedan para millo dun ano para outro fanlles tres aportes de purín: no outono tras sacar a colleita, no mes de febreiro se a meteoroloxía o permite, e en abril antes de facer a sementeira

No resto de fincas aportan xurro. “De purín botamos unhas 60 toneladas por hectárea e tratamos de enterralo arando ou ben pasándolle unha grade de discos. Nas fincas que quedan só para millo botamos purín varias veces durante o ano, por tema de capacidade da fosa: a final de ano, unha vez que sacamos o millo; en febreiro, se a meteoroloxía nos permite entrar nas fincas, facemos outro abonado; e no momento da sementeira, antes de arar, botamos outra vez”, detalla.

Animais de produción en tres lotes con area, carbonato e palla

Lote de baixa producción, con cama de area

Lote de baixa produción, con cama de area, na nave inicial construída no ano 2000

Os animais en produción, arredor duns 180, están divididos en tres lotes diferenciados. O primeiro dos grupos, que alberga uns 22 animais, está destinado a vacas recén paridas até cumpriren o primeiro mes de postparto. “Pasámolas entón aos patios, onde contamos cun lote de alta produción e un lote de baixa, o de alta está cunha mestura de carbonato cálcico e serrín ao 50% nas camas e o de baixa conta con area como material de recheo dos cubículos. O principal motivo para ter esa diferenza de cama non é outro que os problemas que temos no canal. A area é un material moi pesado que é difícil de manexar”, di.

Empregan as bacterias de Bioprana para acelerar a descomposición do purín e evitar atascos

Para resolver estes problemas de atascos botaron man dun remedio natural, as bacterias de Bioprana, unha empresa galega especialista en acelerar a descomposición da materia orgánica, tanto en granxas de vacún de leite como de porcino. “Fomos un dos primeiros clientes deles desde que se fundou a empresa, chamámolos por desesperación e vimos que nos empezaba a dar moi bos resultados, sobre todo no tema do canal”, recoñece José Manuel. Á larga, resultou ser unha solución con múltiples vantaxes engadidas: redución de olores, atascos e de costra na fosa, minimización da perda do poder fertilizante do xurro vía emisións, mellora do axitado, facilidade de aplicación en campo, aumento da nutrición dos solos e recuperación da fertilidade do chan, etc.

Contan cun sistema automatizado de dispensación mediante pulverizadores programados situados nos patios e subministrados desde un tanque de 1.000 litros, para que deste xeito sexan as vacas as que ao movérense polas instalacións distribúan as bacterias levándoas nas patas. “Cando quedamos sen o produto no depósito nótase moitísimo que non o hai, porque fai o purín moito máis líquido e esponxoso”, asegura José Manuel.

CUMA con outras 6 ganderías da zona

A gandería conta cun parque propio de maquinaria usada para facer os distintos traballos

A gandería conta cun parque propio de maquinaria usada para facer os distintos traballos

O traballo agrario fano todo eles, agás as campañas de recollida de forraxes, tanto do millo como da herba, para o que botan man dunha empresa de servizos contratada. Outras tarefas como botar o purín ou o laboreo das terras fano directamente. “Temos un parque de maquinaria propio, está en bo estado pero é usado, nunca mercamos maquinaria nova”, conta.

Nunca mercamos maquinaria nova

Para facer a ración diaria crearon unha pequena CUMA a nivel local con outras 6 ganderías. “Hai explotacións de distinto tamaño pero conxugamos todos, é un servizo moi bo de levar porque ten un percorrido moi pequeno, de arredor duns 5 quilómetros, e non houbo ningún problema polo de agora, estamos moi contentos”, asegura José Manuel.

CUMA A Lamela está formada de fai ano e medio e préstalles o servizo de carro mesturador a todos os socios

Eles fan dúas racións para as vacas en muxido, unha para o lote de alta produción e outra para o lote de baixa. “Temos pouca diferenza entre os dous, no de baixa usamos 10 quilos de concentrado e no de alta estamos en 11 e medio. O resto de compoñentes son os mesmos: 39 quilos de silo de millo e 12 de silo de herba nos dous casos”, detallan.

“O rural é un potencial que temos para as novas xeracións”

José Manuel xunto ao seu fillo Sergio arrimando a comida ás vacas

José Manuel xunto ao seu fillo Sergio arrimando a comida ás vacas

José Manuel está orgulloso de ser gandeiro e trata de inculcarlles aos seus dous fillos, Sergio, de 7 anos, e Alejandro, de 10, o valor do rural e a importancia de producir alimentos. “A pandemia dinos que a aldea e o campo é unha solución, xa o era antes, pero parece que abrimos os ollos agora”, di.

Defende que “o rural é un potencial que temos para as novas xeracións” pero considera que “moitas veces desperdiciámolo porque penso que queremos facer nenos-robots”. “Eu non sei se os meus fillos van seguir con isto ou non, pero o que non poden dicir é que non saben de onde sae o leite, porque ven aquí as vacas, nin de onde sae un ovo, porque hai galiñas e porcos tamén na casa”, destaca.

Eu non sei se os meus fillos van seguir con isto ou non pero a pandemia dinos que a aldea e o campo é unha solución

Bota a vista atrás sobre as melloras que foron facendo na granxa nos últimos 20 anos e conclúe: “No que a min respecta, trato de inculcarlles que o esforzo que fixemos aquí é para ter un prato de comida na mesa, para poder vestirte e mercar eses tenis que che gustan, para poder ter unha bicicleta ou disfrutar xogando á pelota cos amigos, que foi tamén o que me inculcaron a min cando era pequeno. Despois, o mundo é moi grande e moi pequeno ao mesmo tempo”, sentencia.

Estratexia de abonado de millo e pradeira

Un dos tratores da explotación camiño dunha terra de millo para o abonado antes da sementeira

Un dos tractores da explotación camiño dunha terra de millo para o abonado antes da sementeira

Gandería Pose e García SL pon especial énfase no abonado das terras para sacar o máximo rendemento delas en forma de boas colleitas. A maiores dos aportes de materia orgánica xerada na propia granxa, abonan con Entec desde fai unha ducia de anos. Sírvellelo Progando e foron unha das primeiras ganderías de Galicia en usalo. Comezaron utilizándoo no millo e desde fai sete anos emprégano tamén nas pradeiras e tanto nun caso coma no outro aseguran que os resultados son evidentes tanto en cantidade como na calidade das forraxes obtidas.

Para o millo están usando uns 600 quilos por hectárea do abono composto Entec 24-8-7. Iso permítelles obter unhas producións de millo forraxeiro de entre 50 e 60 toneladas de materia verde por hectárea. “Antes de usar Entec xa tiñamos boas producións, porque estamos nunha zona privilexiada, moi perto do mar, e iso axúdanos a que non haxa cambios moi bruscos de temperatura, pero a diferencia que notamos é na calidade do silo, porque actúa no último tramo do ciclo do cultivo, no mantemento do stay green da planta e na maduración da mazorca sobre todo”, asegura José Manuel.

É un abono que se mantén na terra para que o poida absorber a planta en momentos críticos e actúa no último tramo do ciclo do cultivo, no mantemento do ‘stay green’ e na maduración da mazorca

Destaca que se trata dun abono “que se mantén na terra para que o poida absorber o cultivo en momentos críticos, sobre todo no mes de agosto cando aperta o calor”. “Este último ano, por exemplo, cando despois viñeron as chuvias a partir do 15 de agosto, a planta aproveitou moi ben esa auga e o abono fixo a súa labor para que o millo enverdecese e aguantase o verdor até o momento de ensilalo porque cando ves que o millo cambia de cor e reverdece cando caen catro gotas é porque o abono está funcionando, mantendo a planta viva e nun bo estado sanitario até o momento de levalo para o silo. No millo nós miramos a día de hoxe que haxa unha estabilidade cantidade-calidade para obter unhas fibras moi dixestibles na ración para que sexa apetecible para a vaca”, indica.

Mellores ensilados de herba do primeiro corte

Buscan altas dixestibilidades no silo de millo e proteína no de herba

Buscan altas dixestibilidades no silo de millo e proteína no de herba

Na pradeira empregan para o primeiro corte Entec cunha formulación 25-15-0. “Sobre todo no inverno, a temperaturas baixas, mantén a estrutura e bota máis tempo na terra e axúdanos a que as propiedades do abonado non nos marchen na auga en forma de lixiviado para que a pradeira chegue ao momento do ensilado cunha boa textura e haxa unhas boas calidades na herba. Entec permite na herba obter uns niveis de proteína moi considerables, iso é importante sobre todo no primeiro corte, cando aguanta o abonado ese tempo que necesita a pradeira para medrar pola falta de horas de luz e de calor. Estamos en Galicia e xogamos con tempo e por iso temos que ter un produto que nos axude. Antes usabamos un nac pero lavábase moito e vías que a herba se tornaba amarela e que lle faltaba crecemento”, di.

A pradeira é a fonte de proteína que temos nas explotacións, aparte da soia ou a colza que poidamos mercar, e sobre todo na primeira corta o abono ten que axudar a suplir a falta de crecemento polas poucas horas de luz

Acostuman botar o abono entre a primeira e a segunda semana de febreiro, arredor duns 400 quilos por hectárea, para poder ensilar o primeiro corte entre o San Xosé e a última semana de marzo, sempre e cando a climatoloxía lles deixe tanto facer esa aplicación do abonado como despois segar. Para o segundo corte a estratexia cambia e levan dous anos botando man do Entec 27, un nac 27 coa molécula de inhibición da nitrificación de Entec. “É un abono que perdura arredor de 35 días, que é o tempo que nós lle estamos a dar antes de ensilar de novo, uns 40 días como máximo entre o primeiro e o segundo corte para levar ao silo a herba”, di.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información