“A gandería pode preservar os valores da paisaxe, ser rendible e crear empregos”

Casa Grande de Xanceda recibe o Premio Aresa reclamando "que se deixen de ver as vacas como un problema" e solicitando das Administracións públicas unha aposta pola produción en ecolóxico

Cristina Fernández-Armesto recibe o galardón de mans do presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras

Cristina Fernández-Armesto recibe o galardón de mans do presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras

O Premio Aresa supón un recoñecemento a “un soño de 50 anos de historia na Galicia rural”, segundo puxo de manifesto Casa Grande de Xanceda este venres na cerimonia de entrega da vixésimo terceira edición do galardón convocado pola empesa de suministros agrarios Aresa e a USC.

No marco dunha cerimonia á que asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o reitor da USC, Antonio López, e o presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, a adxunta á Presidencia da empresa lucense, Carlota López Pardo, trasladou os parabéns á candidatura galardoada, respecto da que sinalou que “Casa Grande de Xanceda é un exemplo de éxito dunha emprendedora que retorna ao campo e converte un negocio familiar nunha empresa exemplar e de referencia”.

Diante dun auditorio de Veterinaria ateigado de público, López Pardo, puxo o foco na transformación experimentada no medio rural desde o nacemento do Premio Aresa fai máis de 20 anos. “O sector agrogandeiro como produtor de alimentos, cunha excelente e merecida reputación, e como creador de riqueza, constitúe un elemento esencial para Galicia, polo que cómpre facer unha aposta como sociedade a prol deste colectivo”.

Defensa da gandería e da produción en ecolóxico

En nome da candidatura premiada, recolleron o galardón a súa socia fundadora, Cristina Fernández-Armesto, e a responsable de Marketing e Responsabilidade Social Corporativa de Casa Grande de Xanceda, Sara Torreiro, que asegurou que “o Premio Aresa supón o recoñecemento a un soño de 50 anos de historia na Galicia rural, o soño dos fundadores da granxa, os xornalistas galegos Felipe e Victoria Armesto. Un recoñecemento tamén á filosofía de que a gandería pode ser ecolóxica e preservar os valores da paisaxe e de que pode ser rendible e crear empregos”, afirmou. 

Onde hai vacas, persoas e traballo non hai incendios nin abandono

Torreiro enumerou algunhas cifras alarmantes sobre perda de biodiversidade constatadas pola Unión Europea para logo reclamar que “se deixen de ver as vacas como un problema, porque son parte da solución”. “Onde hai vacas, persoas e traballo non hai monocultivos nin incendios nin abandonos”, dixo Torreiro, quen tamén demandou a aposta das Administracións pola produción en ecolóxico.

A importancia da muller no rural

Premio Aresa 2023 Casa Grande de Xanceda2A CEO de Leche Río, Carmen Lence, que formou parte do xurado do Premio Aresa deste ano, ofreceu unha lección maxistral baixo o título Unha historia de superación na que repasou a grandes trazos a historia do Grupo Lence, unha empresa láctea creada en 1975 por Jesús Lence, ao tempo que puxo en valor o impacto e a fonda pegada xerada pola súa actividade empresarial a prol do desenvolvemento rural.

Dúas de cada tres persoas que deixan o rural son mulleres en idade fértil e, se elas se van, o rural non ten futuro; así de simple

“O medio rural ten unha importancia capital en cuestións vitais como son a loita contra o cambio climático, o despoboamento ou a subministración de alimentos frescos”. Lence subliñou asemade o valor de manter a muller no campo e de atraer a máis, porque “dúas de cada tres persoas que deixan o rural son mulleres en idade fértil e, se elas se van, o rural non ten futuro; así de simple”, sentenciou.

O reitor da USC, Antonio López, afondou nesta idea e dixo que “é un orgullo e un motivo de felicidade que este ano se lle conceda este galardón a unha empresa liderada por unha muller, en alusión a Cristina Fernández-Armesto, que decidiu vir da cidade ao rural a investir e a promover e dar continuidade a unha iniciativa emprendida no seu día polos seus avós”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información