Gandería Penín Puente SC, aposta pola mellora xenética e as novas tecnoloxías

O alto nivel xenético acadado por esta gandería de rubia galega permítelle vender a maioría dos seus animais, tanto machos como femias, para vida, o que fai que non estean tan condicionados polos prezos do mercado da carne

GANDERÍA PENÍN PUENTE SC (Friol) Ruben2

No lugar da Portela, pertencente á parroquia de Narla, no concello de Friol, atópase a gandería Penín Puente SC, xestionada por Rubén e Ángela, unha parella nova que viu nas vacas de carne o seu futuro e nas novas tecnoloxías unha oportunidade para mellorar o manexo do seu gando.

Rubén colleu o relevo hai 12 anos da explotación familiar dos seus pais, Víctor e Alicia. “Incorporeime con 16 anos e medio, tiven que facelo como axudante porque a miña nai xubilárase pero eu non tiña aínda a idade para poder ser titular de explotación e tiven que agardar dese xeito a cumprir os 18 anos”, conta.

Era unha gandería mixta na que había unhas 12 vacas de leite e outras tantas cruzadas de carne. A súa primeira decisión foi deixar as vacas de leite para enfocarse ao vacún de carne e ir cambiando todo o gando que había na casa a raza rubia galega pura.

Deixei as vacas de leite que tiñan os meus pais para centrarme na produción de carne

Para iso foi mercando vacas e xovencas tanto a outras ganderías e tamén en subastas como as que organiza Acruga, tratando de facerse deste xeito con animais procedentes dalgunhas das mellores explotacións de rubia galega da provincia de Lugo.

Gando de alto valor xenético

GANDERÍA PENÍN PUENTE SC (Friol) Rubia Galega SupremaRubén atende a explotación coa axuda de Ángela, a súa muller. Teñen arredor dunhas 50 reprodutoras de raza rubia galega pura cun alto valor xenético, o que lles permite rendibilizar os xatos e xatas que producen sen depender tanto dos prezos do mercado da carne.

Cebamos moi pouco, porque a maioría do gando, tanto machos como femias, vendémolos para vida

“A maioría do gando, tanto machos como femias, vendémolos para vida. Normalmente saen con 8 meses da explotación e un par de semanas antes destetámolos para que non noten o cambio ao chegar á gandería de destino”, conta Rubén. Venden a granxas de toda Galicia e mesmo teñen mandado tamén animais para fóra da comunidade.

Ao vender directamente a outras explotacións non se viron tan prexudicados polas marxes negativas que sufriron os produtores de Ternera Gallega Suprema durante boa parte deste ano, aínda que tamén notaron a suba dos custos de produción.

O penso pasou de 314 euros a tonelada a 560 no último ano

“Este ano foi un desastre. A tonelada de penso está a 560 euros a tonelada, cando hai un ano estaba a 314 euros. Nós ás vacas non lles damos penso, pero os becerros téñeno a discreción ata que se van”, di.

Por iso, tratan de abaratar o máis posible a alimentación das vacas. “A única maneira que temos de aforrar é que as vacas teñan sempre pasto”, recoñece. Os meses máis problemáticos nesta zona son setembro e outubro e para aguantalos fan uns 300 rolos de silo de herba ao ano.

Levan 5 anos traballando con embrións

Venden para vida, tanto os machos como as femias, a explotacións de toda Galicia

Venden para vida, tanto os machos como as femias, a explotacións de toda Galicia

Penín Puente SC ten dous touros para ir movendo e evitar deste xeito problemas de consanguinidade. Ás veces na primavera fan tamén un lote específico coas xovencas para evitar que llelas colla o touro do que proceden.

O mesmo fan con determinadas vacas, nas que lles interesa una liña xenética específica, algo que conseguen mediante inseminación artificial ou mediante transferencia embrionaria. “Á hora de inseminar sempre poño os mellores touros e busco aqueles que funcionaron ben historicamente, na maioría dos casos non empregamos touros recentes”, conta.

O uso de embrións permítenos seguir aproveitando vacas que non teñen as características morfolóxicas que nós buscamos nunha reprodutora

Tamén sacan embrións das mellores vacas, tanto para vender a outras ganderías como para implantar na propia explotación. “Iso permítenos aproveitar vacas de rexistro auxiliar ou aquelas que non teñen as características morfolóxicas que nós buscamos nunha reprodutora”, explica.

“Tratamos de que os animais sexan equilibrados, buscando un conxunto de características tanto de tipo morfolóxico como de produción de leite, facilidade de parto e fertilidade. Para min é esencial que as vacas empreñen nun curto prazo de tempo para que volvan estar paridas dentro do ano”, detalla Rubén.

Sistema semiextensivo de manexo

Adaptaron o antigo establo de leite para gando de carne

Adaptaron o antigo establo de leite para gando de carne

Seguen mantendo o sistema tradicional de manexo do gando en semiextensivo que sempre se levou a cabo no interior da provincia de Lugo, aínda que adaptado ao número actual de cabezas que ten a explotación, para non ter que mover diariamente todo o gando. Así, as vacas que están paridas veñen todos os días á casa para dar de mamar aos becerros, mentres que as secas e xovencas están sempre fóra.

En canto a instalacións, Rubén aproveitou o establo que empregaban os seus pais para as vacas de leite pero reformouno por completo. “Arrinquei a trabadiza e puxen cintos; todo o mundo me dicía que ía cara atrás pero para o noso sistema de manexo é o máis cómodo”, di.

En total, teñen 42 prazas fixas, ás que entran as vacas pola tardiña para dar de mamar aos becerros. As vacas pasan a noite no establo, onde lles suplementan a alimentación nos meses nos que hai pouco pasto e, unha vez dan de mamar de novo aos xatos pola mañá, saen novamente ao prado, onde pasan todo o día.

Estamos rodeados de monte e tivemos problemas co lobo, por iso non botamos os xatos fóra

Os becerros están sempre dentro, distribuídos por lotes segundo as idades. “Aquí sería imposible telos fóra cando nacen por culpa do lobo. De feito, cando empecei botábaos fóra coas nais e tiven que deixar de facelo porque tiña moitas baixas. Se non fora por iso teríaos fóra, polo menos as xatas destinadas a recría propia, porque aforraría moito traballo. Nas vacas nunca tiven problemas, pero as xovencas sempre procuro telas en fincas onde hai menos probabilidades de que ataque o lobo”, conta.  

Non usamos fertilizantes químicos nas pradeiras, usamos o purín que fan as vacas e o esterco dos xatos e de granxas de pitos

Para o abonado das pradeiras non empregan fertilizantes químicos. O feito de que as vacas pasen a noite no establo permítelles contar con purín. A maiores, empregan o esterco da cama quente de palla na que están os becerros, así como esterco procedente de granxas de polos. “Normalmente botámolo a final do verán para que as fincas aguanten todo o inverno con pasto”, explica Rubén.

50 hectáreas de superficie

GANDERÍA PENÍN PUENTE SC (Friol) Rumi1Penín Puente SC manexa a día de hoxe unhas 50 hectáreas de superficie. “Teño unha parte aquí cerca do establo e outra a uns 4 quilómetros”, explica Rubén. Na Portela, a súa gandería de carne convive con varias explotacións de leite e granxas de polos e porcos, polo que non hai superficie dispoñible para seguir incrementando a base territorial. Por iso tivo que ampliar o terreo de pastos a base de roturar unha zona de monte. “Unhas 6 hectáreas eran herdanza do meu pai, logo fun mercando ao redor e hai uns anos aluguei 22 hectáreas de monte, que roturei e fixen pastizal”.

O traballo agrario de sementeira e ensilado, tanto do millo como da herba, subcontratámolo

As 15 hectáreas que ten preto do establo son as que dedica a pastorear coas vacas paridas, para facilitar que poidan vir á casa todos os días, mentres que na zona de monte que está a 4 km están as vacas secas e as xovencas.

Reservan unhas 8 hectáreas de superficie para botar millo. Destinan para iso as mellores terras, normalmente fincas húmidas e con pouca pedra, que van rotando para ir renovando de paso as pradeiras.

Suplementamos o pasto con silo de millo na primavera e con silo de herba no verán

“O silo de millo usámolo para darlles ás vacas sobre todo no inverno e na primavera. Ao principio dabámolo nos meses do verán, que era cando non había pasto, pero tiñamos o problema de que secaban moito e tanto baixaban ao leite como tamén andaban duras. Experimentando vimos que na primavera, que era cando as vacas andaban máis brandas, era cando necesitaban o millo, mentres que no verán era mellor darlles silo de herba”, explica.

Mamite da mosca en verán

O obxectivo principal da gandería Penín Puente SC é seguir mellorando a súa cabana desde o punto de vista da xenética e, de cara ao futuro, incrementar o número de cabezas, pero sempre en función do terreo que sexan capaces de lograr.

En canto ao sistema de pastoreo que seguen, busca aforrar man de obra. “Os peches son sempre perimetrais, as fincas nunca as reparto e as vacas botan máis ou menos días nela en función do seu tamaño. Temos parcelas moi dispares, tanto hai fincas de 12 hectáreas como outras de 2 ferrados”, explica Rubén.

As vacas teñen que dar un parto cada ano; a que non o dá vaise

“Para min é fundamental que as vacas empreñen rápido porque como teño moito máis terreo na zona de monte que ao lado da casa, tento secar as vacas rápido para poder sacalas canto antes das fincas nas que está o lote de leite e levalas para o lote de secas e xovencas. A vaca que non dá un parto ao ano non é rendible”, razoa.

As vacas desta gandería destacan pola súa lonxevidade, con animais de 15 e 18 anos. “Tiñamos un problema coa mamite da mosca nos meses do verán e houbo liñas xenéticas que eliminamos por culpa diso, porque vimos que viña moito por caracteres hereditarios”, afirma.

“Hai que aproveitar as posibilidades que proporciona a tecnoloxía para o manexo do gando”

As novas tecnoloxías son hoxe en día unha ferramenta útil que está a axudar aos gandeiros no manexo dos animais e a toma de datos. Rubén a Ángela decidiron incorporar á súa granxa as posibilidades que permiten os colares intelixentes Rumi. “Hai ano e medio que os temos instalados e estamos moi contentos”, indica Rubén. Aproveitaron unha liña de subvencións para poñelos, coma a que está aberta até finais deste mes de novembro para que as explotacións incorporen este tipo de dispositivos.

“Suponnos unha comodidade no noso día a día, sobre todo o feito de ter o gando controlado en todo momento. A través da xeolocalización se unha vaca se che bota sábelo xa ao momento, porque che envía unha alerta ao móbil. Iso danos moita tranquilidade á hora de xestionar o rabaño”, asegura.

Ter o gando controlado en todo momento suponnos moita comodidade no noso día a día e danos moita tranquilidade

A toma de datos e monitorización continua de cada un dos animais da explotación permítelles ademais adiantarse aos problemas de tipo sanitario porque, segundo explica Rubén, a través das pautas de comportamento do gando detectamos situacións anómalas, como por exemplo que unha vaca non está pacendo ou rumiando con normalidade, o que pode ser un síntoma dalgunha enfermidade e ao detectalas antes tamén podemos atallalas antes”, indica.

Detección de celos e partos

GANDERÍA PENÍN ROUCO SC (Friol) Rumi2Outro aspecto positivo que Rubén lle ve aos colares Rumi é a detección de celos e partos. “Antes cando unha vaca estaba próxima tiña que levantarme varias veces na noite para vixiala; agora ese seguimento fágoo a través do móbil con moita máis precisión e sei en que momento xusto se vai producir o parto para poder actuar en caso de partos difíciles ou con complicacións”, di.

Teño vacas que me interesa inseminar e grazas aos colares vexo os celos antes de que ma cubra o touro

O mesmo acontece coa detección de celos. “Para min é algo moi importante, porque hai vacas ás que me interesa inseminar e deste xeito, a través dos colares, detecto os celos antes de que se poidan ver a simple vista, o que me permite separar esa vaca para que non ma colla o touro e poder inseminala eu”, explica.

Rubén considera imprescindible seguir avanzando no camiño da dixitalización das explotacións e a toma de datos do rabaño. “Eu antes tiña unha ficha en papel de cada unha das vacas. Agora todos eses datos téñoos á man en todo momento a través da aplicación, porque o teléfono móbil todos o levamos sempre enriba”, argumenta.   

Esta información foi elaborada coa colaboración comercial de INNOGANDO SL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información