Gandería Os Bravos, unha granxa de vacún de carne creada desde cero no Baixo Miño

Visitamos Gandería Os Bravos (Estás, Tomiño) para falar cos seus responsables, Hugo e Katelyn Martínez sobre o seu modelo productivo e da comercialización

osBravos3Visitamos Gandería Os Bravos (Estás, Tomiño) para falar cos seus responsables, Hugo e Katelyn Martínez sobre o seu modelo productivo e da comercialización.

Cando e como naceu Gandería Os Bravos? Que vos levou a iniciar este proxecto?
Hugo Martínez: Gandería os Bravos naceu cando eu tiven que retirarme do mar. Non quería quedarme na casa, quería traballar noutra cousa que non estivera relacionada co mar. Gustábame o gando porque xa coñecera ese mundo das ovellas cando estivera en Irlanda e en Montevideo, en Paso de los Toros… Xa tivera o meu primeiro contacto con vacas.

Durante o tempo que estiven de baixa fixen cursos, prepareime, porque non tiñamos moita idea do que era unha gandería profesional, foron dous anos e pico. Despois empezamos desde cero e fixen as cousas máis ou menos como me dicían que había que facelas.

O nome “Os Bravos”, que significa para vós?
H.M.: Antes non se chamaba asi, pero o nome ven pola zona, estamos en Os Bravos, Estás, Tomiño. A xente sempre pregunta cal é o misterio do nome e non é máis que a parroquia na que estamos.

Con que animais e razas traballades e por que decidistes apostar por razas autóctonas?
Katelyn Martínez: Traballamos con vaca Rubia Galega, cabra e Ovella galega e galiñas de Mos. Tamén temos mastíns para xestionar o gando. Gustábanos a cachena moito, pero a rubia era moi coñecida e apreciada e as canles que sacaba eran incribles, a min gustábame moito a carne de rubia e o prezo por comprar unha femia daquela era o mesmo de rubia que de cachena, co cal decanteime pola rubia.

Só arredor do 3% das fincas son nosas, o resto é practicamente todo cedido

Cantas hectáreas e cabezas de gando xestionades hoxe?
H.M.: Aproximadamente unhas 100 hectáreas. Nalgunhas plantamos cereais para alimentación e incluso para vender forraxe, zonas de pastoreo, zonas que estamos recuperando que ainda non serven para anotar na PAC porque están en proceso de recuperación. En UGMs debemos de pasar das 100. Ovellas debemos ter algo máis de 100, temos 20 cabras na Illa Vaqueriza, e despois entre vacas, tenreiros e bois debemos andar sobre 50.

Só arredor do 3% das fincas son nosas, o resto é practicamente todo cedido, temos algunhas por aluguer no banco de terras. A maioría é cedido por veciños que as ceden para que as teñamos limpas, se custo pero sen contrato.

Como é o manexo diario da explotación? 
H.M.: Pois intentamos que sexa todo o que deixe menos pegada de carbono; é dicir, o que poidan pacer elas polo seu propio pé. Logo temos parcelas que ao mellor pode entrar o carro segador. Vamos co tractor e o carro segador e esa mesma herba xa se lle tira no chan en algunha finca que nos interesa que as vacas estean máis tempo nela porque segue tendo malas herbas, pero ao botarlles alí a forraxe estamos incrementando o Banco de Sementes e ademais, por aplastamento, recuperamos as fincas sen necesidade de desbrozalas.

osBravos9

Que papel xoga o benestar animal no voso modelo produtivo?
H.M.: Para nós é o máis importante e facemos todo encamiñado ao benestar animal, porque nós facemos venda directa a clientes que normalmente están preocupados polo que significa o proxecto, de onde ven a carne e como se tratan os animais.

Aquí temos visitas case tódolos días de xente que vén mirar as vacas. O benestar animal pódese confundir desde a cidade. Ao mellor os da cidade pensan que o benestar animal é estar dentro da granxa, pero para as razas autóctonas, o benestar animal é estar fóra e non depender do gran que ven de Mercosur, senón da herba que se produce aquí e de todo o que pode dar a nosa propia terra, estar no seu hábitat e coa menor posible inxerencia.

O que conseguimos é que non haxa nin enfermidades nin os problemas que trae cando se meten dentro. Si que é verdade que cando hai chuvia ou cando hai neve fai que o pasen un pouco máis apretado, pero é o que pasarían elas mesmas na naturaleza se nós non interviñéramos.

Esta é a zona máis produtiva de Galicia, pero igual que produce o bo, se a deixas abandonada tamén produce o malo

Traballades con algún tipo de certificación?
H.M.: Temos varias certificacións. Temos a de ACRUGA para rubia galega, porque como nós facemos becerros que non se sacrifican antes do ano, pois non podemos marcar por ternera suprema.  En ovella galega temos a marca “100% Autóctona” e tamén temos por Ovica “Pastores de Galicia”. Son esas as certificacións que usamos.

Que impacto ten o voso traballo na paisaxe?
H.M.: O impacto é moi positivo. Non o digo eu senón os veciños. O cambio a nivel contraincendios é abismal. Temos un cinturón verde todo arredor de Estás. Agora estamos empezando en Forcadela tamén e todo iso antes era unha zona que estaba solo chea de maleza e bosques abandonados.

É a zona de cultivo que quitou a fame de Galicia durante moito tempo, porque é a zona máis produtiva de Galicia e igual que produce o bo, se o deixas abandonado tamén produce o malo. O que intentamos é recuperala da maneira máis sostible posible que é mediante o gando.

Estamos cambiando zonas que tiñan un grave risco de incendio arredor das vivendas por zonas onde poden saír a pasear cos cativos, cos cans.

A gandería extensiva axuda a previr incendios e manter o rural vivo?
H.M.: Eu penso que é a que máis se nota. Levamos 100 hectáreas traballadas e nesas 100 hectáreas nas que estamos empezando a recuperar ao mellor si pode haber un incendio, pero nas que levamos tempo traballando non hai maneira de que arda porque non hai nada, o único que hai son brotes verdes.

Estamos cambiando zonas que tiñan un grave risco de incendio arredor das vivendas por zonas onde poden saír a pasear cos cativos, cos cans… De feito, xa lle chaman ruta do colesterol porque ven moita xente a pasear.

Sentides que a sociedade entende o valor deste modelo produtivo e deste producto?
H.M.: Gracias a Deus cada vez máis. Pero si que hai moito descoñecemento todavía, hai moita xente que cre que maltratamos aos animais porque non teñan unha corte. Hai moita xente que cre que por facer pastoreo rexenerativo os matamos de fame. Cando o que facemos é simplemente seguir uns estudos que xa están feitos e que é máis ecolóxico tanto por terra como por animais.

E si que fai falla, a nivel didáctico, moita ensinanza, sobre todo no principio, miña filla pode contalo… E isto está pasando en tódolos colexios de Galicia. Iso é reglado e póñenlles ese vídeo e lle din que as vacas son as que contaminan e que o quecemento global é por culpa das vacas e por comer carne… Sae Leonardo DiCaprio con slots de cen mil vacas que non ten nada que ver co que temos en Galicia.
K.M.: En historia nos puxeron un documental de tres horas explicando que o gando e que a agricultura estaban matando o planeta… E concienciando á xuventude que este sistema é erróneo e que nos perxudica….

Cales son as principais dificultades que afronta hoxe unha gandería deste tipo?
H.M.: Pois o principal dificultade que temos é a falta de veterinarios porque estamos nunha zona que non é gandeira. A falta de comprensión da xente que está ao teu redor que valora que lle tes todo limpio, pero non acaba de entender ás veces os cheiros, os ruídos fóra de horas…

E logo, o máis grave que temos son as incongruencias que ten a Administración con nós. Non podes poñer que as ovellas foron pastorear ás viñas porque non o permiten e incongruencias moi grandes dese estilo. Aquí hai cantidade de tarefas que non se están poñendo na PAC e Galicia está perdendo moitísimos cartos da PAC porque non se están poñendo cando realmente se están usando viñas e outros cultivos que hai aquí no Baixo Miño.

Eles non os poñen porque non é rendible para as cousas que lle piden e nós non as podemos pór porque non nolo permiten. Levamos dous anos esperando unha reunión coa Consellería ao respecto pero non nos queren atender.

Estamos pastoreando viñas, pero é un servizo que non se recoñece na PAC

É viable economicamente un modelo como o voso?
H.M.: Con venda directa, si, sen venta directa no. Sen venda directa e téndolle que vender os animais directamente ao matadeiro, o matadoiro non me vai valorar máis o coidado de benestar animal que levo e inda por riba pagaría  menos por ser animais de máis idade, cando dá máis traballo, e nós, por ética e por pasión querémolo facer así.

Despois, como non estamos nunha zona gandeira é máis caro producir, pero tamén é moito máis sostible, porque o estamos facendo dunha maneira que mestura as últimas tecnoloxías coa maneira de toda a vida de facelo que facían os nosos avós, que non sabían o que era o pastoreo rexenerativo pero xa o facían e ían cambiando as vacas de parceliña en parceliña polo minifundio.

É o mesmo que o estamos facendo nós. Usamos o mínimo gasoil posible. Procuramos que o animal estea sempre en boas condicións e non hai moitos máis segredos. A xenética, se acaso, a coidamos moito, do resto, non hai máis secretos.

osBravos6

Hai relevo xeracional asegurado?
K.M.: Desde pequena sempre me gustou esta vida porque me criei aquí, e xa con cinco anos xa estaba no John Deere e xa plantara algo de millo. Si que me gustaría seguir. De feito, vou empezar un ciclo medio e logo superior relacionado coa gandería. Si que me gustaría seguir coa empresa porque a gandería e a agricultura é o meu mundo.

Que papel xogan as axudas públicas?
H.M.: Ata agora xogaban bastante, non tanto as directas á ganderia como as de proxectos que fixemos de limpeza, como fixemos un proxecto de loita contra  a flora invasiva e eliminamos bambú e Tradescantia nunha zona do río Miño.

Aí si que nós tivemos un forte apoio, pero a PAC cada vez inflúe menos porque sempre nos están poñendo trabas. Non podemos anotar todas as terras que temos e perdemos dereitos xa por non poder cubrir, porque como non temos papeis de nada, pois sempre nos van quitando algunha finca…

Se lle chega unha carta de que cobramos a xente xa se bota as mans a cabeza e pensa que nos estamos facendo ricos e cada vez peor, a PAC dá menos ingresos. Ultimamente nos está axudando máis Medio Ambiente que Medio Rural. Grazas a Medio Ambiente temos unha axuda de contratación dun pastor externo que nos axuda moito.

Por que decidistes apostar pola venda directa? Como é a comercialización?
H.M.: Nós empezamos coa venta directa desde un principio porque tiñamos claro que non podemos producir máis barato que os demais. Sabemos que podemos producir mellor pero non máis barato. Entonces co boca a boca fomos vendendo. Desde o principio empezamos con catro ou cinco vacas e ao principio tiña as femias que viñan e se criaban, polo cal era moi pouca produción. Foise correndo a voz fomos vendendo cada vez máis, pero sempre na nosa contorna.

Nós somos de Cangas e a maioría dos clientes eran de Cangas. Logo tamén vivimos en Vigo, polo cal tiñamos moitos clientes en Vigo e despois veciños da zona de Gondomar, que foi onde empezamos… Logo de aquí de Tomiño, e pouco a pouco se foi multiplicando ata o punto que paramos de medrar e cando paramos de medrar nos encontramos que tiñamos que colocar o dobre do gando porque as que nacían femias tamén as sacrificamos.

En todo caso, aí foi cando nos fomos ao Concello de Tomiño e desde alí nos puxeron en contacto con SMART PEMES, que era un proxecto que tiña a Deputación de Pontevedra, que é un acelerador de empresas e aí nos axudaron a crear a páxina web e nos explicaron como pedir outras axudas e como xestionar as explotacións e todo moi ben, foi unha xestión completa. Foi o mellor que nos puido ter pasado, creamos a páxina, empezamos a vender, empezamos a saír en medios…

Isto foi o que máis nos axudou… Agora mesmo estamos nun momento moi bo nese aspecto. De feito, vimos de gañar o premio da Diputación de Pontevedra de SMART PEMES. Son clientes particulares e a hostalería que nos compra vai todo para fóra. Creo que somos das poucas granxas que hai en Galicia que fai venta directa por Internet, ou a única.

Que diferencia a vosa carne doutras no mercado?
H.M.: Que se fai moi lenta e que temos diferenciada a rubia galega, que na maioría dos casos no mercado se dilúe con outras razas. A nosa se sabe que é rubia galega 100%, que o primeiro ano están mamando nas nais. Outros gandeiros botarán as mans á cabeza e dirán que así teñen menos partos, pero que non me interesa ter cantidade,interésame ter calidade. Van medrando moi pouco a pouco e logo facemos un bo finalizado, sen presas e chegando ás veces ata 500 quilos de canle. Ao final saen unhas pezas moi exclusivas que na maioría das carnicerías non se poden atopar. Iso nos leva a clientes exclusivos.

Que papel xoga a dixitalización na vosa explotación? Incorporades novas tecnoloxías na xestión do gando?
H.M.: Desde que empezamos co proxecto de SMART PEME implementamos moitísimas tecnoloxías como a páxina web e eles mesmos nos aconsellaron gastar o que puideramos no dixital e contactamos con Innogando e estamos traballando man a man e moi ben, está funcionando todo xenial.

Despois fixemos transplantes de embrións que por esta zona non se facía e facemos moita xenética de non poñer calquer semilla, senón ver polos encadres. Temos dous touros e aínda así seguimos facendo algunha inseminación artificial e algún trasplante de embrións e nos preocupamos moito por ese tipo de tecnoloxía.

Temos dous toros, pero facemos tamén transplante de embrións e inseminación artificial, coidamos moito a xenética

Como vedes o futuro da vosa gandería nos próximos anos?
H.M.: A idea que tiñamos era seguir medrando pero non en cantidade senón en calidade e sobre todo en calidade dos clientes. Estamos tendo un perfil de cliente moi bo que sabe o que quere. A maioría deles, cando poden, visitan a granxa e estamos empezando coa hostalería.

Temos uns contactos moi importantes en Mallorca dunha empresa que se dedica á carnicería gourmet e que quere ter a exclusiva para Baleares da nosa carne. Con todo isto teremos que aumentar un pouco a cantidade, pero sempre cos mesmos parámetros de calidade. A idea é que Os Bravos se identifique como a mellor carne que se pode comprar, como a Vega Sicilia cos viños

osBravos10

Que lle dirías a alguén novo que está pensando en dedicarse á gandería?
H.M.: Primeiro que pense moi ben e despois que estudie ben o mercado e o sitio onde se vai a poñer. Eu non digo, como din todos, que non se pode dedicar a isto… Pero non se pode facer “a lo loco” porque primeiro tes que ter as cousas moi claras, saberte aconsellar, formarte…Se non é moi difícil empezar con isto.

Que dificultades ten o minifundio no voso traballo? 


H.M.: O minifundio aquí é moi fácil se fas ben o teu traballo e levas catro ou cinco fincas, a xente empeza a falar e pouco a pouco che van ofrecendo fincas. Nós agora chegamos a un punto que só collemos fincas que nos interesan moito se están ao lado dunha finca que xa temos.

Se se xuntan varios e é unha finca xeitosa, pero non podemos seguir collendo fincas pequenas soltas porque xa temos de máis. De feito, temos excedentes e vendemos herba, silo e cereais. Interesa seguir tendo o máis limpio posible todo.

Estamos no Baixo Miño e nótase moimto porque aquí como teñas sen limpar tres meses unha finca medra moitísimo porque aquí hai parcelas que dan cinco e seis cortas de herba no ano. Aquí crece o bo e crece o malo.  

Como é o proceso de rexenación das fincas cedidas?
H.M.: Se o propietario paga vamos co tractor e se desbroza dun xeito máis intensivo, pero senón, o que
intentamos é facelo dunha maneira máis sostible. Pechamos e desbrozamos o perímetro e o que se fai é meter o gando dentro e xa as vacas ou as ovellas van limpando pouco a pouco .

Se hai un exceso de árbores quitámolas, deixando as máis importantes como son carballos e castiñeiros, que tamén producen sombras e froitas, que as vacas son unhas máquinas coas pezuñas abrindo as castañas. Os amieiros e salgueiros medran eles solos como feixes e nun ano xa tes todo cheo, polo cal, intentamos eliminalos.

Pero por exemplo, as poñemos nos lindes porque usámolas como varillas para o pastor eléctrico e así temos unha cerca viva.

A maioría dos animais sacríficase con 22 ou 23 meses

Como é o proceso de elaboración e maduración da carne?
H.M.: O proceso da carne é o seguinte. Vamos xuntando pedidos e vendemos desde un quilo de filetes solto ata o animal enteiro ou medias canais para compartir entre familias ou amigos ou cuarto de canle ou octavo de canle, incluso ás veces dezaseisavos de canle.

E se manda para toda Europa, principalmente Francia, Portugal e España. Primeiro mándase ao matadeiro e se lle da un tempo de maduración corto, de rotura de fibras. Cada animal é distinto, non temos todo homoxéneo nin o buscamos.

Hai animais que necesitan dez días e animais que necesitan quince porque estamos falando que son animais de entre 16 e 24 meses, a maioría de 22 ou 23 meses e entón hai algúns que chegan a quince días de maduración en seco.

Despois, cando se desfai, alugamos unha sala de despiece en Veigadaña que está moi ben preparada. É unha fábrica de embutidos que ten todos os permisos unha limpieza e unha trazabilidade incrible. Facemos alí o vacío e se envía en frío.

E a venta é a través da páxina web?
H.M.: O 90% vai a través da web. A maioría son clientes reincidentes que ao mellor xa non entran na web a che falan directamente polo Whatsapp ou por Telegram.

Estamos nalgunha tenda e logo temos clientes de toda a vida de cercanía que seguen vindo a comprar. Coa subida de prezos que tivo a carne os pedidos adoitan ser máis pequenos pero seguimos tendo case os mesmos clientes. A parte a rubia cada vez está máis diluída, mézclana, non me refiro aos gandeiros senón cando chega ao consumidor, que xa non sabe se está comendo rubia galega ou cachena ou algunha raza francesa… Aquí teñen a garantía porque non temos outras razas e só vendemos o que nós producimos. Por iso é moi importante que aquí chamas calquera día e podes visitar a granxa. Aquí non hai nada que ocultar. Sempre está todo á vista.

Como é a situación das ovellas?
H.M.: As ovellas para nós son fundamentais. Falamos moi pouco delas, pero si que temos ovella galega moi forte. Empezamos cun rabaño grande dunhas 200, pero en menos dun ano chegamos a comprar 700… Todo o que se ía vendendo aquí no sur de Pontevedra, rebaños enteiros, fomos comprándoos. Pero cando empezas, cos fallos que tes, de que non entendes por que che morren os animais, ao cambialos dunha zona para outra e facer pastoreo de monte, mezclar rebaños…

Tivemos unha desfeita. Esa desfeita foi economicamente fatal ao principio, pero logo conseguiu que os animais que sobreviviron foran moi indemnes a tódolos serotipos que había na zona e arredores de todas as plagas de enfermedades, polo cal, en moitísimos anos non volvemos a ter incidencia de enfermidades e iso nos permitiu volver a crecer e volvera cunha raza e unha calidade de animais xenial e desde aquela só incorporamos ás veces algunhas de añas de recría nas fincas de Deputación como a de Ourense. Tamén traiamos do CIAM de Mabegondo, e logo os machos e sempre a través de Asovega, alí o Pazo de Fontefiz.

E como vai o tema das galiñas?
H.M.: Estamos empezando pero temos moitos problemas aquí coa raposa e tamén había moito miñato e moita moita ave rapaz e foi un desastre. Xa intentamos por tres veces e agora mesmo non sei se hai unha ducia de galiñas… Pero bueno, seguimos aí, seguimos sendo socios e seguimos intentándoo. E a ver se encontramos a maneira…

Esta non é por agora zona de lobo, pero temos moitos problemas coa raposa, a pesar incluso dos mastíns e do control humano

E o lobo aquí non é un problema?
H.M.: O lobo xa ten andado. Agora mesmo temos constancia del xusto ao outro lado do río, os portugueses si o teñen documentado. Nós aquí sospeitamos que pode habelo, pero de momento hai tantas mascotas que de momento a maioría das veces que hai dano é por unha mascota.

O lobo comerá as mascotas que hai por aí. Eu de momento eu non sospeito que me está facendo mal. Tamén é verdade que temos moita defensa contra o lobo porque temos un pastor contratado precisamente como medio de prevención, máis que para o lobo é para raposa. E tamén temos as mallas e pastores eléctricos que nos da Medio Ambiente… Aínda que empece a aparecer, estamos previdos e estamos máis febles na raposa, que a presión que ten a raposa é tal que ás veces se aventura facer calquera cousa, incluso cos mastíns e con todo, arriscan, porque hai tal cantidade que necesitan comer, entón van á desesperada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información