Gandería Maire SC, pastoreo día e noite os 365 días do ano

Na parroquia de Bretoña, na Pastoriza, Mariano Samblás e Remedios Bello teñen unha explotación de leite cun cento de vacas en produción pero contan unicamente coas instalacións mínimas imprescindibles para o muxido e a alimentación do gando, pois o resto do tempo os animais están sempre fóra

Mariano e Remedios co seu fillo, incorporado fai ano e medio

Mariano e Remedios co seu fillo, incorporado fai ano e medio

“Empezamos no ano 1995 con 3 ou 4 vacas de leite. Desde entón fixemos todo desde cero e apostamos polo simple”. Mariano Samblás resume deste xeito a filosofía de Gandería Maire SC, ubicada no lugar do Castrillón, na parroquia pastoricense de Bretoña.

Contan neste momento con 178 cabezas (das que 120 son vacas adultas) pero non dispoñen de establo para o gando, que vive permanentemente nas pradeiras. Tan só veñen á casa as vacas que están en produción para muxírense e recibir unha alimentación que complementa o pasto.

Esa é a función das pequenas instalacións coas que contan: unha sala de muxido de 8 puntos, a leitería e uns trabantes a cuberto nos que dar silo e algo de penso. Rematada esa labor tanto pola mañá como pola tarde, as vacas volven ao prado, o mesmo se é verán coma se é inverno.

Non hai establo, os animais viven fóra toda a súa vida

“Das 24 horas do día as nosas vacas pacen 18 ou 19 horas, independentemente das condicións meteorolóxicas. Aquí a calor é tolerable, é raro que haxa unha calor extrema, e agora os invernos veñen tamén suaves. Eu non vexo que a climatoloxía lles afecte especialmente ás vacas”, opina Mariano.

Producións de 25 litros con boas calidades

Dispoñen dunha sala de muxido de tan só 8 puntos

Dispoñen dunha sala de muxido de tan só 8 puntos

A produción sitúase entre 25 e 26 litros de promedio e as calidades varían ao longo do ano en maior medida que no caso dunha gandería intensiva con ración uniforme. As calidades de Gandería Maire no mes de xullo foron de 3,80 de graxa e 3,20 de proteína e en abril en 3,76 e 3,24; pero en febreiro situáronse en 4,21 e 3,21 e en xaneiro en 4,17 e 3,32. “Ao estar vinculada a alimentación ao pasto, os sólidos fluctúan máis ca se fose unha ración única todo o ano”, explica Mariano.

Ao estar vinculada a alimentación ao pasto, os sólidos fluctúan máis ca se fose unha ración única todo o ano

Malia estaren fóra día e noite, chova ou faga sol, as vacas desta explotación non teñen especiais problemas de mamite, por exemplo, e a media de lonxevidade sitúase en 4 ou 5 partos. Desde hai 5 anos entregan os entre 2.300 e 2.400 litros diarios que producen a Reny Picot. Antes facíano a Puleva.

Cisterna con auga para facilitar o manexo diario

As vacas móvense detrás do tractor e a cisterna que lles subministra a auga nas pradeiras

As vacas móvense detrás do tractor coa cisterna que lles subministra a auga nas pradeiras

Dúas veces ao día, pola mañá e pola tarde, nesta explotación van buscar as vacas que están dando leite para muxírense. O lote de produción está formado neste momento por 95 animais. As vacas veñen todas xuntas polas pistas desde as pradeiras detrás do tractor que está enganchado á cisterna que leva a auga e que vén á casa tamén para rechearse mentres as vacas se muxen para voltar logo con elas de novo ao prado. O tractor coa cisterna sérvelles de guía para chegar até a pradeira.

É unha rutina que ten lugar ás 8 e media e ás 11 e media pola mañá e ás sete da tarde e ás 10 da noite para o muxido de pola tarde. “Lévanos moito tempo muxir, unhas 3 horas pola mañá e outro tanto pola tarde, porque temos só 8 puntos, e o sitio que temos para darlles de comer ao lado da sala tamén é pequeno, así que temos que facer dous turnos para muxilas e darlles de comer; mentras unhas se moxen a outra metade comen e logo cambiamos. Cando acaban de muxirse e de comer todas o concentrado e algo de silo volven para o prado. Peor non era traballar con dous lotes, pero habería que ir levalas e buscalas ao prado dúas veces á mañá e outras dúas á noite”, detalla Mariano.

Investimentos fixos, só os imprescindibles

Instalacións para o muxido e a alimentación das vacas en produción. Cementaron o camiño para a saída das vacas ao pasto

Instalacións para o muxido e a alimentación. Cementaron o camiño para facilitar a saída das vacas ao pasto

Opina que investir miles de euros en grandes instalacións non é rendible. “Nós temos 120 vacas adultas, sería o equivalente a dous robots de muxido. Hai quen gasta un millón de euros en facer unha nave nova e nos dous robots, eu gastei en total 60.000 euros entre a zona de comedeiro e a sala de muxido. A miña filosofía é ir ao simple, investimentos fixos, os mínimos necesarios, só os imprescindibles”, compara.

A miña filosofía é ir ao simple, investimentos fixos, os mínimos necesarios, só os imprescindibles

Con todo, as instalacións das que dispoñen en Gandería Maire quedaron pequenas e precisarían un redimensionamento. “Non foron pensadas para tantas vacas, necesitariamos dobrar os puntos da sala de muxido e máis zona de alimentación para traballar de xeito máis cómodo, porque cando fixemos isto fixémolo para a metade de gando que temos hoxe, pero nesta zona van pechando explotacións e vai quedando superficie dispoñible e neste sistema que temos nós a terra é unha oportunidade que che permite medrar”, explica.

90 hectáreas de superficie

ganderia Maire pastoreo3

As fincas máis próximas á instalación de muxido están reservadas para as vacas de leite

Esta explotación dispón de 90 hectáreas de terreo, das que 11 están en Abadín, onde se atopa parte da recría. As fincas máis próximas ás instalacións de muxido e alimentación dedícanse a pastoreo das vacas en produción. No resto das parcelas, que se atopan máis alonxadas, están as secas e a recría. “O máximo que van pacer as que están dando leite é a un quilómetro de distancia. Aínda así, as nosas vacas fan todos os días de media 2 ou 3 quilómetros para vir muxirse dúas veces, entre ir e vir, máis logo o que anden polo prado”, indica.

Neste sistema que temos nós a terra é unha oportunidade que che permite medrar

Das 90 hectáreas, un terzo son propias e o resto arrendadas. “Temos 37 hectáreas nosas, e iso partindo de cero, todas mercadas”, salienta Mariano. Bretoña linda coa parroquia de Álvare, con gran número de explotacións de leite, polo que a súa influencia incrementa os prezos da terra. “Aquí pagamos uns 300 euros por hectárea de aluguer”, conta.

Alimentación en base a herba

Cos excedentes de pasto das fincas fan silo de herba para complementar a alimentación

Cos excedentes de pasto fan silo de herba e só botan 9 hectáreas de millo para complementar a alimentación

Do total das 90 hectáreas, Gandería Maire botou este ano 9 hectáreas a millo, que ensilan para complementar a alimentación a base de herba das vacas de leite. O resto das fincas dedícanse a pastoreo e a facer cortes para silo de herba en primavera. Aproveitan o cultivo do millo para ir renovando as pradeiras cando a pendente o permite. “Renovamos as pradeiras cada 3-4 anos, están todas cunha mestura de raigrás inglés e híbrido tipo inglés e trevo branco e violeta”, explica Mariano. “Do que come a vaca diariamente o 80% é herba, tanto en forma de pasto como en silo, o resto é silo de millo e 5 quilos de concentrado”, detalla.

Na explotación traballan ademais de Mariano e Remedios o seu fillo Mariano, incorporado hai case dous anos. Aténdena entre os tres e non contan con man de obra externa. Fan eles case todos os traballos agás para o cultivo e ensilado do millo e o picado da herba. “Só contratamos o forte das campañas de recollida da forraxe, o resto facémolo nós”, contan.

Gando cruzado e monta natural

A maioría das vacas son cruces de frisona con jersey e parda alpina

A maioría das vacas son cruces de frisona con jersey e parda alpina

Outra das características da cabana desta explotación é o feito de traballar con gando cruzado. “Empecei con normando, logo con jersey e agora a maioría son cruzamentos de frisón con pardo alpina e teño tamén algunha montbeliard e algunha parda puras”, conta. “Co gando cruzado teño menos problemas de todo tipo e a mesma produción. Non volvería ao frisón puro porque a vaca holstein ten unhas necesidades moi altas e se non llas cubres pásao mal e con 5 quilos de penso que lles dou eu a unha holstein non lle chegan”, razoa. “As holstein son para estar de hotel, non serven para o noso sistema de manexo”, engade Remedios.

As holstein son para estar de hotel, non serven para o noso sistema de manexo

O feito de pasaren a maior parte do tempo na pradeira dificulta poder ver os celos, polo que Mariano optou por ter touros para facilitar a reprodución. “Insemino algunha xovenca, pero o 90% é monta natural. Temos 6 touros para distribuir nos distintos lotes, dous están sempre no medio das vacas de leite, van e veñen con elas todos os días e móvense con elas polas pradeiras. Con este sistema é moi difícil ver os quentes, senón fixeramos así sería imposible ou habería que pinchar para sincronizar”, explican.

Dez pastores eléctricos funcionando ao mesmo tempo

A maioría das fincas están pechadas unicamente co fío do pastor

A maioría das fincas están pechadas unicamente co fío do pastor

O sistema de manexo que empregan nesta explotación fai que o peche das fincas cobre vital importancia. Gandería Maire SC ten até 10 pastores eléctricos funcionando ao mesmo tempo en distintas ubicacións e parcelas nas que se reparte o seu gando. Traballan coa marca de pastores galegos ION e escollen os aparellos en función das características e necesidades da finca.

“Temos un pouco de todo, pastores de batería, alimentados con placas solares ou recargables”, explica Mariano. “Agás en Abadín, onde temos peche de malla porque alí temos recría e ao estar máis lonxe imos cada varios días, o resto das fincas están pechadas só co fío do pastor”, conta.

Para minimizar a incidencia de moscas no verán, levan dous anos colocando aos animais os crotais repelentes Flectron. “A nós funciónannos ben, porque a mosca que máis nos daba a lata era a dos ollos, máis que a da mamite do verán. É importante telas controladas porque, ademais das molestias que causa ao gando, son un vector de contaxio de enfermidades”, afirma Mariano.

Abonado directo

Dispoñen dunha sala de muxido de tan só 8 puntos

As 95 vacas do lote que está agora en produción pasan un mínimo de 18 ou 19 horas no pasto

É o propio gando o que abona directamente as parcelas, ás que se engade tamén purín de vez en cando. “Xurro facemos pouco, o de lavar e pouco máis, porque as vacas pasan pouco tempo na casa. Ao abonar elas directamente evitas moito traballo. É certo que non hai distribución uniforme, pero hai mellor aproveitamento da urea, por exemplo, porque penetra directamente no chan e provoca menos emisións de óxido nitroso”, di.

Repasamos as fincas para controlar as malas herbas, se empregas herbicidas o trevo desaparece

Para o control das malas herbas repasan as fincas á man para non ter que empregar herbicidas. “Se sulfatas o trevo desaparece e os cardos e carabeis non son un problema se os tes controlados”, afirma Mariano. Contan tamén con 20 cabras e 12 cabalos que empregan en ocasións para ir detrás das vacas limpando as fincas.

Por circunstancias familiares, de novo Mariano foi pastor de cabras en Xaén, pero con 20 anos trasladouse ao Castrillón, onde os seus pais foron caseiros na casa na que agora vive el coa súa familia. “Ao vir para aquí estiven traballando de albanel e tamén nunha fábrica. Logo no ano 91 casamos e ata o 95 tivemos vacas de carne. Desde entón empezamos coas de leite”, lembra. Hoxe contan cunha explotación con relevo e cun sistema de manexo low cost pouco habitual nas principais zonas leiteiras de Galicia, cada vez máis volcadas na intensificación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información