Na casa de José González, Pepe, no lugar de Castrolanzán, na parroquia de Penarrubia (Baralla), xa había gando no 1709. “Conservo un recibo da contribución que explica que xa existía a casa con traballo gandeiro. Eran catro irmáns; dous marchaban e outro tiña unha xastrería”, conta.
Desde entón cambiaron moitas cousas pero o esmero no coidado dos animais da facenda familiar segue a ser o mesmo. Producen carne de vacún ecolóxica dentro da IXP Ternera Gallega Suprema e van comezar a comercializala directamente para tratar de valorizar un produto premium que non atopa oco nas canles de venda habituais.
“Decidín saír dun mercado que me está asfixiando, que non valora o meu produto e non o paga como é debido”, di José. Vendía até agora a través da cooperativa Aira e desde esta semana pretende facelo a través dunha aplicación propia que xa se pode descargar na páxina web da gandería.
A facenda familiar data do século XVIII e desde entón sempre houbo gando de maneira ininterrompida
“Vou ser o primeiro que comercializa baixo o selo Ternera Gallega Ecolóxica, unha dobre certificación que supón un dobre control por parte da IXP e do Craega, pero o proceso administrativo é moi complicado. Bombardéante con requirimentos e requisitos. Se te saes do sistema que hai establecido todo son problemas”, quéixase.
“O meu obxectivo é vender un becerro á semana. Por iso esperei até agora para comercializar directamente, para chegar a ter un volume de xatos suficiente para facer iso”, explica José, que até agora compatibilizaba o traballo como gandeiro cunha segunda actividade no eido deportivo.
Tras adicarse ao mundo do deporte na cidade de Lugo en equipos como o Azkar ou o Milagrosa, José decidiu centrar o seu futuro na gandería
Agora pensa que iso pode ser unha vantaxe. “O único que me pode diferenciar é a axenda de clientes que podo ter con 2.000 contactos do mundo do deporte, cando un gandeiro normalmente ten 200 contactos e todos do medio rural”, di.
Investimento en instalacións punteiras
Gandería Lanzán dispón dunhas instalacións modernas e totalmente equipadas que aportan confort ao gando e comodidade no manexo dos animais. Son en total 1.000 metros cadrados nunha nave de 48 metros de longo por 22 de ancho con limpeza automática, camas para as vacas e unha zona de parideira de 15×5 metros.
“Son instalacións de leite pero para vacas de carne”, compara José, que colleu o relevo da explotación do meu pai fai xa 16 anos, cando tiña 29. Fixo daquela unha primeira nave de 18×22 metros que deixou xa preparada para ampliar.
O custo da ampliación do establo disparouse pola guerra de Ucraína
A ampliaciíon levouna a cabo no ano 2020, antes de cumprir os 41 anos para aproveitar o Plan de Mellora. Era a decisión definitiva para profesionalizarse como gandeiro, pero veu a pandemia e a guerra de Ucraína e o custo da obra disparouse.
“O Plan de Mellora deume quedoume nun 10 ou un 15% do custo real”, explica. Logo veu a suba do Euríbor por mor da inflación, que disparou os intereses ao 4% dun préstamo de 200.000 euros que José segue pagando aínda e que limita a rendibilidade da súa gandería. “Eu estou aquí grazas á paciencia que os provedores teñen comigo”, recoñece.
A nave ten 1.000 metros cadrados e dispón de limpeza automática, camas de serrín con carbonato para as vacas e parideira de palla de 15×5 metros
“Foi un camiño de obstáculos, porque encadeei todos os problemas un tras outro: a pandemia, a guerra de Ucraína, a falta de fondos para ecolóxico no 2022, a inflación … foron como as 7 pragas bíblicas pero estou aquí aínda, con moitas débedas, pero dándolle a cabeza e seguindo coa ruta marcada”, di.
Sete becerros mortos polos efectos da EHE
Mentres agarda que os intereses do préstamo vaian baixando e a amortización diminuíndo as cotas bancarias que afogan a granxa, José non se arrepinte do investimento realizado nas instalacións. “É un investimento de futuro”, di, porque garante a comodidade e a saúde das vacas.
“As camas de serrín con cal vanme moi ben para as enfermidades, noteino moto no ubre das vacas, case non teño mamites. Ademais, ao mesturarse co purín estou encalando e desinfectando tamén as pradeiras xa de paso. Estou moi contento con iso”, relata.
As vacas que parían tendo a enfermidade pasábanlle as chagas ás crías e acababan morrendo
Sen embargo, este verán non puido librarse da EHE, que bateu con forza na zona dos Ancares a a montaña de Lugo. “As vacas pasárono relativamente ben, estiveron sen comer 2 ou 3 días pero logo con coidados saíron adiante. Pero o problema foron os becerros recén nacidos, morréronme 7 animais pequenos. As vacas que parían tendo a enfermidade, pasábanlle as chagas ás crías e acababan morrendo”, conta.
José teme tamén os efectos da enfermidade a máis longo prazo, como os problemas reprodutivos e na fertilidade do gando que van levar a unha caída na produción. “Para o ano que vén vou ter unhas faltas imposibles de cubrir”, recoñece.
A mellora da xenética, unha conta pendente
As consecuencias da EHE van condicionar tamén o crecemento da granxa, que conta neste momento con arredor de 100 cabezas entre vacas e becerros. “A miña idea é medrar un pouco máis en rubia galega e mellorar a xenética; é unha conta pendente que teño na explotación”, di.
Gandería Lanzán ten en total 56 reprodutora, un terzo rubia galega e o resto cruzadas con blonde e limusin principalmente. “No caso da raza limusín pola facilidade de parto e polo avispados que saen os becerros e a blonde porque os xatos collen algún quilo máis”, explica José.
En cuestións como manexo do gando ou alimentación trata de aprender doutras granxas, polo que recibe de bo grado os consellos que veciños gandeiros como José Antonio ou Amable lle dan. “Son dous modelos de produción totalmente diferentes, un en ecolóxico e o outro un cebadeiro, pero aprendo todos os días deles”, afirma.
Manexo tradicional do gando
Gandería Lanzán fai un manexo tradicional do gando. “Os animais saen pola mañá e volven á noite ao establo todos os días. Ata os 7 meses os xatos van coas vacas ao prado e dos 7 ao 10 meses quedan nas fincas a carón da nave despois de tomar unha ración de leite da nai antes de que as vacas saian a pacer”, explica.
A terminación que fago eu é a máis custosa de todas: os xatos maman até que son sacrificados e comen penso desde o principio
A suplementación dos becerros nos tres meses de cebo final tamén é a que se facía habitualmente nas casas da zona. “Doulles herba seca ou palla, silo e penso. Antes en convencional dáballes tamén patacas, pero en ecolóxico é máis complicado. Ese suplemento de pataca dálle máis engraxamento ao animal”, indica José.
Grazas ao traballo rotacional de pastoreo nas fincas e á suplementación na casa logra machos entre 190 e 220 quilos canal aos 10 meses e becerras entre 150 e 180, cun grao de engraxamento de 2. “En convencional estaba en 2+ pero ao pasar a ecolóxico baixei medio punto, pero o meu obxectivo é chegar a 2+ en ecolóxico tamén”, di.
Estou nun 2 de engraxamento pero o meu obxectivo é chegar a 2+, como cando estaba en convencional
Desde os 7 até os 10 meses os xatos seguen mamando nas nais e saen a pacer tamén na finca ao lado da casa. A maiores, José trae cada ano un tráiler de palla de Castela, metade de avea e metade de cebada. “É un alimento rico en fibra e moi agradecido que comen moi ben”, destaca.
Gandería Lanzán utiliza o concentrado ecolóxico de CampoAstur. Dánllelo aos becerros desde que comezan a comelo, empezando por unha dose diaria de 1,5 kg os primeiros meses e rematando en 2,5 no momento do sacrificio.
O penso non che dá máis cartos, porque a ganancia cómecha o xato, pero aumenta a calidade da carne
“Estiven probando sen penso co mesmo manexo durante 6 meses e baixoume 1 punto o engraxamento e 70 kg menos de media o peso. Foi cando subiu tanto o penso, porque non tiña cartos para pagalo, pero non compensa porque perdes graxa e calidade na canal. O penso non che dá mais cartos, hai pouca diferenza de ganancia final, pero si que aumenta a calidade da carne, non hai comparación niso”, asegura.
Producción en ecolóxico fronte a convencional
Até fai 4 anos José producía en convencional, pero no ano 2020 decidiu empezar o proceso de conversión a ecolóxico. Hoxe bota a vista atrás e asegura que “estar en convencional é máis rendible que estar en ecolóxico, eu teño unha perda de entre 5.000 e 7.000 euros cada ano con respecto a estar en convencional”, di.
“Ao pasar de convencional a ecolóxico perdes 50 kg de media de peso en cada becerro. Nin sequera as axudas compensan iso, porque a axuda do lobo de 75€ non a temos os de ecolóxico, cando non ten sentido ningún. O que debía facer a Administración en Galicia é incentivar a produción ecolóxica, sobre todo nas primeiras hectáreas, pero non se fai”, quéixase.
Gandería Lanzán quedou sen as axudas de ecolóxico no ano 2022
Gandería Lanzán foi das explotacións que se viron prexudicadas pola falta de fondos para produción ecolóxica no 2022. “A perda das axudas do 2022 colleume no segundo ano de conversión, foi un pau grande”, lembra. “Levo 4 anos a perdas, pero véxoo como un investimento para chegar a comercializar”, argumenta.
Ao pasar de convencional a ecolóxico perdes 50 kg de media de peso en cada becerro; nin sequera as axudas compensan iso
Aínda que os pagos da PAC por hectárea son maiores en ecolóxico, a diferenza de rendibilidade económica non é relevante porque os custos de produción en ecolóxico tamén son máis altos. “Cada camión de penso que chega á miña granxa custa 1.300 euros; o penso ecolóxico custa 200 euros máis en tonelada que o convencional”, exemplifica.
Outro tanto pasa cos abonos permitidos. “Os fertilizantes ecolóxicos son o dobre de caros que os convencionais e recolles a metade de herba. Eu estou recollendo moita menos forraxe, uns 380 rolos de silo e 125 de herba seca nas 25 hectáreas que adiquei a recollida de forraxe o ano pasado desde metade de marzo a metade de xuño”, concreta.
Encuadro todos os días a todos os animais, dá máis traballo, pero a cambio tes abono para fertilizar as pradeiras
José leva dous ano botando ás pradeiras só o abono que produce el na casa. “Ter feito o establo e traer as vacas todos os días ten pros e contras. Tes que pagar as instalacións e é máis traballo, pero tes a parte positiva de dispoñer de abono propio co que fertilizar as fincas”, argumenta.
Pastoreo rotacional diario
José gasta no inverno unha bola ao día de silo ou herba seca entre os 100 animais, pero recoñece que “nin a produción das fincas nin a necesidade de suplementación é a mesma na montaña ca no val”. “A miña experiencia na montaña é que necesitas unha hectárea por vaca reprodutora para que estean ben os animais”, di.
Ábrolles pasto novo todos os días e máis ou menos superficie en función da calidade da herba e da época do ano
A súa base de alimentación é a herba que as propias vacas pacen. “Ábrolles pasto novo todos os días e máis ou menos superficie en función da calidade e a época do ano”, explica. Dispón dunhas 100 hectáreas totais, das que 55 son de pastizais e o resto monte.
As fincas nesta zona teñen unha pendente elevada e son difíciles de traballar, polo que a clave está en que o propio gando aproveite o máis posible o pasto. “Eu cada día mudo o pastor dentro da propia finca para que teñan herba nova todos os días. Na primavera pode ser media hectárea por día e logo vou aumentando a unha hectárea ou hectárea e media na época da seca no verán”, detalla.
A miña experiencia na montaña é que necesitas unha hectárea por vaca reprodutora para que estean ben os animais
José está a transformar superficie de monte en pradeiras para aumentar a súa base territorial. O ano pasado roturou 15 hectáreas pero o resultado final non foi todo o bo que podía agardar. “Conseguín unha axuda para transformar monte de pinos a pastizal pero Tragsa subcontratou os traballos e en vez de rematar en xuño remataron en outubro, cando caeron unhas trombas de auga levaron a terra e a semente e deixaron regos”, explica. “Ademais, ao non rematar en maio non puiden incluír esa finca na solicitude da PAC, así que perdín esas 15 ha de agroambientais para todo o período da PAC até 2027”, lamenta.
“Decidín saír dun mercado que me está asfixiando, que non valora o meu produto e non o paga como é debido”
José é consciente das dificultades que conleva dar o paso de ser gandeiro produtor de becerros a decidirse a sacrificar e comercializar directamente a carne que produce. O proceso burocrático non é doado, a loxística necesaria tampouco, e despois hai que buscar os clientes a quen vender, pero considera que é o único xeito de valorizar un produto de máxima calidade como é a Ternera Gallega Suprema ecolóxica.
O novo selo foi presentado no mes de marzo en Barcelona polo Consello Regulador da IXP e Gandería Lanzán vai ser a primeira que faga uso desa dobre certificación para comercializar. “Vin unha oportunidade no mercado. Podemos competir coas mellores carnes do mundo e quero incentivar a outros produtores a que sigan este mesmo camiño que eu comezo”, di.
244 explotacións de carne de vacún galegas, que suman unhas 2.800 vacas, comparten o dobre selo de Ternera Gallega Suprema e do Craega
Despois de analizar explotacións de carne de vacún en ecolóxico de Andalucía, Extremadura, Castela-A Mancha ou Catañuña que fan venda directa José preguntouse se outras ganderías noutras zonas de España o fan, por que non el tamén?
Gandería Lanzán agarda poder competir en prezo e diferenciarse en calidade. “A carne ecolóxica en España está de media entre 23 e 25 euros o quilo e eu pretendo ter un prezo entre 20 e 22 euros IVE incluído, máis o porte, que variará dependendo da cantidade. A xente pregunta moito pola raza e que sexa rubia galega é moi ben valorado”, asegura.
Obxectivo: sacrificar un xato á semana
O obxectivo de José é poder ter unha produción escalonada durante todo o ano para poder sacrificar un xato cada semana. “O primeiro becerro mateino o martes e xa está na sala de despece. A partir deste domingo 1 de decembro xa se van poder facer os pedidos”, avanza.
É un proceso longo e laborioso e agardo que o cliente aprecie ese traballo meticuloso, igual que o proceso de cría en Suprema ecolóxico
A comercialización levarase a cabo a través dunha aplicación propia que se pode descargar na súa páxina web e que o manterá en contacto permanente cos seus clientes. “Non vou ter unha tenda online ou e-comerce, senón que deseñei unha app que me permite ter un feedback máis directo cos meus clientes para non estar supeditado a que a xente entre na páxina”, di.
José ten previsto sacrificar en Frilea, o matadoiro de Castro de Rei, e logo despezar e facer elaborados en Traloagro en Friol para finalmente preparar el directamente os envíos para mandar por transporte en frío. Da distribución por toda España encargarase Correos, con neveira individualizada e termómetro dixital incorporado a cada envío o que permite levar a cabo unha absoluta trazabilidade da temperatura durante todo o transporte.
Estou traballando para levar a miña carne a Canarias; alí hai pouca oferta e valórana moito
“É un pouco máis caro pero dáche maior garantía fronte a outras empresas de mensaxeiría e ademais reparten tamén polas tardes”, valora. Para cumprir cos pedidos é fundamental a planificación: “os domingos saco o produto á venda na aplicación, o martes sacrifico e o mércores o xato vai para a sala de despece e pasa alí 7 días en maduración. O xoves de cada semana será o último día para recibir pedidos (estará aberto 5 días, de domingo a xoves) e o mércores da seguinte semana despezarase a canal, envasarase ao baleiro, etiquetarase e mandarase ás casas”, detalla.
“Ao primeiro vou empezar vendendo pezas soltas para, en función da demanda, despois poder facer lotes. Vaise poder mercar desde medio quilo de carne, aínda que para abaratar os portes o normal é coller para todo o mes e conxelar ou senón mercar en conxunto con máis xente para que o porte che saia a 2€ o quilo”, calcula.