O 2025 semella ser o ano da vaca Kergo Ozalid 6818, da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade. Fai dous meses gañou o certame internacional organizado na feira Gandagro e este sábado proclamouse Vaca Gran Campiona no Concurso da Moexmu.
O animal, de 6 anos, resultou designada tamén Vaca Adulta Campiona e Mellor Ubre da Moexmu 2025. “É unha vaca que mercamos en Francia cando tiña 2 anos e que leva 4 xa na nosa explotación”, explica Abel Carballo. Nacida o 27 de agosto do 2018, leva producidos 59.428 kg de leite nos 5 partos e ten unha cualificación morfolóxica de 93 puntos.
“É un animal que se mantén ben e que aínda pode estar uns anos máis a un bo nivel”, considera Abel, que xunto ao seu irmán Sergio está á fronte desta gandería familiar que está a muxir neste momento 140 vacas, das que catro reciben atención e coidados especiais para acudir aos concursos.
Petición de man na pista

O momento da petición de man de Abel a Nerea logo de gañar o Concurso de Gando
O certame da Moexmu deste ano rematou cun broche final moi especial, cando Abel aproveitou a ocasión para pedirlle para casar á súa moza, Nerea Iglesia Vila, en plena pista e con anel incluído, ante os aplausos do público.
Nerea e Abel coñecéronse fai dous anos na Moexmu. Abel traía as vacas da súa explotación ao concurso e Nerea viña axudarlle ao seu primo, Alberto Iglesia, da gandería Rey de Miñotelo, a preparar o gando tamén para o concurso.
Nerea é veterinaria e tamén ten vacas na casa, na explotación familiar gandería O Vilar, da Pastoriza
Nerea non agardaba esta sorpresa do seu mozo, pero Abel tíñao todo previsto: “Esta vaca é moi especial para nós os dous, porque desde que estamos xuntos sempre me axuda ela a preparala, así que que mellor sitio ca este, onde nos coñecimos, para pedirlle para casar. Como vin que estaba ben a vaca e que igual tiñamos posibilidades de chegar con ela á final, pensei en meter o anel no peto por se gañabamos o Concurso, e ao final saíu todo ben”, di. “Tiña que ser aquí”, recoñece Nerea, emocionada.
Rey de Miñotelo gaña en xatas e xovencas
Como Reserva Gran Campiona do Concurso da Moexmu deste ano quedou Rey 1066 Chief Bruna, da gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, que tamén se fixo cos galardóns de Xovenca Gran Campiona con Rey 1273 Haxl Bambi, Xata Campiona con Rey 1303 Fitters Yuvi e Mellor Criador de Xovencas nas seccións do Concurso celebradas pola mañá.
O título de Mellor Criador de Vacas foi para a a gandería Ponderosa e o de Segundo Mellor Criador para a gandería Gorrello, de Castropol. Un total de 18 explotacións da Coruña, Lugo, Pontevedra e Asturias participaron este ano no Concurso de Gando da Moexmu, con dúas ganderías de nova participación: Antelo, de Zas, e Queirugueira, de Val do Dubra.
O Concurso da Moexmu está a vivir un novo renacer nos últimos anos grazas á implicación da mocidade gandeira
O xuíz do Concurso, o asturiano Javier Feije, valorou o “grandísimo nivel” dos animais participantes e destacou que “a Moexmu é un certame no que tanto os participantes como o público é xente experta en vacas”. Tamén quixo salientar a remuda xeracional que se está a vivir nos Concursos de Gando e que na Moexmu é moi visible nos últimos anos. “O máis importante para min é ver a pasión que poñen os mozos e mozas nisto. Coñezo ben este Concurso e vexo que os mozos están empurrando moi forte por este certame”, dixo, logo de lembrar que el mesmo debutou como xuíz na Moexmu fai 21 anos e desde entón xulgou o concurso en 4 ocasións.
Os animais gañadores das distintas seccións a concurso foron os seguintes:
- Xatas de ata 8 meses: Rey 1346 Dani Negariel (Rey de Miñotelo)
- Xatas de 8 a 10 meses: Rey 1332 Haniko Sony (Rey de Miñotelo)
- Xatas de 11 a 14 meses: Rey 1303 Fitters Yuvi (Rey de Miñotelo)
- Xata Campiona: Rey 1303 Fitters Yuvi (Rey de Miñotelo)
- Xata Subcampiona: Rey 1332 Haniko Sony (Rey de Miñotelo)
- Xovencas de 15 a 18 meses: Rey 1273 Haxl Bambi (Rey de Miñotelo)
- Xovencas de 19 a 26 meses: Rey 1246 Dani Brahina (Rey de Miñotelo)
- Xovenca Campiona: Rey 1273 Haxl Bambi (Rey de Miñotelo)
- Xovenca Subcampiona: Rey 1246 Dani Brahina (Rey de Miñotelo)
- Mellor criador de xovencas: Rey de Miñotelo
- Segundo mellor criador de xovencas: Carballeiras
- XOVENCA GRAN CAMPIONA: Rey 1273 Haxl Bambi (Rey de Miñotelo)
- Vaca nova ata 28 meses: Casa-Nova Diana Fitters 1716 (Gaigo)
- Vaca nova de 29 a 35 meses: O Rubio Thunder Mascastrom ET (O Rubio)
- Vaca nova Campiona: O Rubio Thunder Mascastrom ET (O Rubio)
- Vaca nova Subcampiona: Casa-Nova Diana Fitters 1716 (Gaigo)
- Vaca intermedia de 3 anos: Rey 1066 Chief Bruna (Rey de Miñotelo)
- Vaca intermedia de 4 anos: Ponderosa Ridgeline Lorena (Rey de Miñotelo)
- Vaca intermedia Campiona: Rey 1066 Chief Bruna (Rey de Miñotelo)
- Vaca intermedia Subcampiona: Ponderosa Ridgeline Lorena (Rey de Miñotelo)
- Vaca adulta de 5 anos: Panama de L’Orangerie (Finca La Asunción)
- Vaca adulta de 6 anos ou máis: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
- Vaca adulta Campiona: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
- Vaca adulta Subcampiona: Panama de L’Orangerie (Finca La Asunción)
- Mellor criador de vacas: Ponderosa
- Segundo mellor criador de vacas: Gorrello
- Mellor ubre: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
- Vaca de maior produción: Gaigo Torrel Cobiña (Gaigo). Nacida o 13-08-16, 91.294 kg producidos (6 partos)
- Mellor gandería de nova participación: Antelo (Zas)
- Mellor rabaño: Rey de Miñotelo
- Mellor concello: A Pastoriza
- VACA GRAN CAMPIONA: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
- Reserva Gran Campiona: Rey 1066 Chief Bruna (Rey de Miñotelo)
Consulta aquí a acta completa do Concurso de Gando da Moexmu 2025.
Certames de Xóvenes Gandeiros
Andrea Otero, da gandería Fontixón, de Castro de Rei, foi designada mellor manexadora na 24 edición do Concurso de Xóvenes Manexadores, organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia.
Por segundo ano, a Moexmu puntuou para o Campionato Galego de Xóvenes Manexadores
No que respecta ao Concurso de Xóvenes Preparadores, o vencedor foi Simón Blanco, da gandería Queirugueira, do Val do Dubra. María Otero, da SAT Fontixón, de Castro de Rei, foi segunda e Íker García, da gandería O Rubio, de Santa Comba, terceiro.
Prezo medio de 3.322 euros na poxa de gando, cunha xovenca que acadou os 4.000 euros

Unha das novidades nos stands do recinto feiral Manuel Vila, presentada pola empresa Animalvit
A poxa de gando selecto que se leva a cabo dentro do programa da Moexmu incluíu este ano 11 animais, 7 vacas paridas e 4 xovencas preñadas, pertencentes a 10 ganderías da provincia de Lugo (As Cavadas, Granja Sara, Granxa Grilo, Lacpi, Marey Castro, Neiras, San Vicente, Tellado Andión, Tío Andrés e Toxeiro). Vendéronse todos os exemplares presentados, acadando un prezo medio de 3.322 euros.
O animal que logrou un maior prezo foi Marey Coach 4508 Fochiña, unha xovenca preñada o 24 de agosto propiedade da gandería Marey Castro SC, de Pol, que foi vendida en 4.000 euros. Foi adquirida pola gandería Casa Grande de Fente, de Monterroso.
Entre as vacas paridas, a que acadou un maior prezo foi Sara Caramelo 5090 Camba, un animal parido o pasado 18 de marzo propiedade da gandería Granja Sara, de Santa María de Muxa (Lugo), que foi vendida en 3.700 euros. Foi mercada por Ganados Silva, de Sarria.