“A gandería láctea terá unha intensa competencia pola man de obra co resto de sectores”

A evolución das granxas leva a que precisen cada vez máis man de obra, nun contexto no que a estrutura demográfica non axuda. Por iso, o veterinario Antonio Souto defende a necesidade de que as ganderías traballen cun plan de xestión do persoal

“A gandería láctea terá unha intensa competencia pola man de obra co resto de sectores”

“Nin o acordo con Mercosur, nin a Intelixencia Artificial (IA) nin as tendencias veganas e animalistas van acabar coa gandería. Ao contrario: a produción de leite entra nunha fase de esplendor porque a demanda medra e a capacidade produtiva con ela.” Así de taxante se expresou Antonio Souto, do Servizo Técnico de Rumiantes de HIPRA nunha xornada formativa organizada pola Cooperativa Central de Frades.

Nun contexto de crecemento, o técnico augurou que as explotacións grandes e medianas están abocadas a contratar persoal para manter a actividade e a profesionalización. E que o rendemento dos traballadores será un parámetro tan importante como, por exemplo, o muxido ou a sanidade animal.

Plan de xestión de persoal
Por eso, Souto considera imprescindible que as granxas conten cun Plan de Xestión de Persoal e que sexa deseñado tendo en conta todos os detalles da explotación. “O concepto de benestar do persoal é clave. Persoas felices significan vacas felices e, por tanto, maior produtividade e rendibilidade.”, dixo o veterinario.

Persoas felices significan vacas felices. E iso tradúcese nunha maior produtividade e rendibilidade na granxa (Antonio Souto, veterinario de HIPRA)

A falta de man de obra é un problema que está a afectar a todos os sectores económicos. Tamén a gandería. Pero Souto quixo aclarar que se debe á estrutura demográfica de España e de Galicia e non a factores “pouco contrastados e faltos de rigor, como é o de decir que as persoas mozas non queren traballar ou que a xente se conforma con pequenas pagas do Estado”.

Así, explicou que nos vindeiros 10 anos abandonarán a actividade laboral preto de 5 millóns de persoas. As cifras van aumentar a partir de 2027, cando comece a maior fase de xubilación dos chamados ‘babyboomers’, os nacidos entre 1958 e 1977.

Para toda esa xente que se retira non hai relevo físico. Porque os menores de 18 anos supoñen só o 15,3% da poboación mentres que as persoas de entre 45 e 65 anos son o 28% do total. É decir, a pirámide poboacional xa se converteu nun rombo, cunha poboación envellecida e, por tanto, sen relevo laboral.

Por eso, Souto ve imprescindible recorrer á inmigración para manter a actividade produtiva xeral e a gandeira láctea en particular. Aínda así, o técnico agoira un panorama a medio prazo no que haberá unha forte competencia intersectorial por facerse coa man de obra -local ou inmigrante-, especialmente para traballos físicos. “Por eso é imprescindible ofrecer bos salarios e boas condicións. Porque o traballador sempre pode atopar unha opción máis atractiva”, dixo.

A estrutura poboacional de España e, en xeral, de toda a UE conduce a unha escaseza de man de obra

A estrutura poboacional de España e, en xeral, de toda a UE conduce a unha escaseza de man de obra

O técnico mesmo asegurou que en poucos anos será difícil atopar en Galicia veterinarios especializados na produción de leite de vacún.

Antonio Souto, na charla ofrecida en Frades.

Antonio Souto, na charla ofrecida en Frades.

Proposta de modelo de xestión de persoal

Ante esta situación, Souto propón un método en tres pasos para desenvolver unha xestión de persoal eficaz:

1- Buscar e contratar

Tendo en conta as dificultades de contratación, o primeiro que se debe facer é definir o posto de traballo que precisamos cubrir. Cales son as funcións concretas que vai ter que desenvolver o empregado, en que quendas e con que ferramentas. Hai que ser moi preciso en determinar en que áreas é realmente necesaria a contratación (limpeza, muxido, recría, maquinaria…)

Cando sabemos que tarefas precisamos cubrir, o seguinte paso é a selección da persoa. Nese caso o habitual é ter en conta o seu currículum vitae (CV), as súas habilidades, o seu idioma ou a súa experiencia previa. Pero tamén hai que buscar adaptación. Por exemplo, Souto citou o caso de ganderías catalanas onde evitan que convivan hindús con paquistanís polo ancestral enfrontamento entre os dous países, que se pode trasladar á granxa.

Antes de contratar, é preciso ter moi claras as necesidades da explotación e as tarefas que vai desenvolver o traballador

A procura de novos traballadores será máis eficaz cantas máis fontes consultemos para atopalos. Podemos optar polas cauces tradicionais como as demandas no Servicio Público de Emprego (SEPE) ou ampliar o espectro acudindo a amigos, colectivos gandeiros, redes sociais…cantos máis contactos, mellor será a busca.

O seguinte paso é elaborar a entrevista de traballo que se vai facer aos aspirantes ao posto e definir os criterios da mesma. Hai que ser moi precisos nas preguntas para que estean claras as necesidades da explotación e o que pode ofrecer a persoa que se vaia contratar. E tamén é moi importante decidir quen vai realizar a entrevista.

E, finalmente, ten que quedar moi claro todo o relativo ao traballo. Souto sinalou que o incumprimento das condicións pactadas é o principal motivo de abandono do posto polos traballadores. En todos os sectores. Horarios, salario, funcións, libranzas…todo ten que estar especificado para evitar conflitos posteriores.

2- Formar e adestrar

Tendo en conta que moitos traballadores chegan ás granxas sen experiencia previa, é preciso formalos para que poidan ser efectivos. Cómpre ter claro quen se vai encargar desa formación e tamén saber que persoas alleas á explotación poden axudar nese labor. Veterinarios, nutriólogos, outros traballadores…todos poden axudar no proceso formativo.

Parte esencial é especificar onde e en que momentos se vai desenvolver a formación. Souto afirma que ten que ser en horario laboral porque resulta de máis proveito e non se obriga ao traballador a renunciar a tempo libre.

A formación dos traballadores é imprescindible e pódena realizala, ademais do gandeiro, os veterinarios, técnicos e outros traballadores

Tamén sería interesante que a actividade formativa se desenvolva por espazos, é decir, en cada zona da granxa na que o operario vaia traballar (sala de muxido, silos, cubículos, comedeiros…) para que a teoría e a práctica vaian da man.

Antes incluso de contratar é preciso establecer un calendario formativo deseñado por tarefas. Nese sentido, Souto calcula que a formación dos traballadores novatos require dun mínimo de seis meses. E que, para os traballadores veteranos e con experiencia hai que trazar un plan de formación continua dadas as novidades que aparecen ciclicamente nas granxas.

O técnico de HIPRA recomenda deseñar un plan de formación para os traballadores

O técnico de HIPRA recomenda deseñar un plan de formación para os traballadores

O técnico de HIPRA recomenda ter paciencia e non castigar con dureza os posibles erros que se poidan producir. “Ninguén nace aprendido e, berrar continuamente ou estar todo o día recriminando fallos só serve para que o ambiente de traballo se enrareza e a produtividade diminùa.”

3- Motivar e reter

Souto sinala que o actual contexto de falta de man de obra leva a que os traballadores formados teñan máis dunha opción laboral. Dese xeito, é preciso fidelizalos para que non marchen e deixen un oco difícil de cubrir nas explotacións.

O primeiro requisito é o cumprimento escrupuloso das condicións pactadas. Por condicións non só se entende o horario e o salario. Tamén poden intervir outros factores como a prestación de vivenda, o transporte, a comida…

O incumprimento das condicións pactadas é a principal causa de abandono do posto de traballo na gandería e no resto de sectores

O técnico aludiu á pirámide de Maslow, unha teoría psicolóxica que establece a xerarquía de necesidades humanas e di que conforme se satisfán as necesidades máis básicas (parte inferior da pirámide), os seres humanos desenvolven necesidades e desexos máis elevados (parte superior da pirámide).

Souto considera errónea a visión de que a cobertura das necesidades básicas é suficiente para fidelizar os traballadores. “Eso de que con cobrar 1.500 euros e ter libres os domingos e tres sábados xa se cumpren as necesidades é un erro. Para que o traballador estea contento e -o máis importante- que o seu rendemento sexa óptimo, hai que procurarlle a mellor contorna posible. Non só se trata de pagarlle e darlle tempo libre, hai que ir máis aló.”

Souto considera superada a etapa na que só era preciso cubrir as necesidades básicas dos traballadores

Souto considera superada a etapa na que só era preciso cubrir as necesidades básicas dos traballadores

Por exemplo, o técnico considera que algo tan sinxelo e gratuíto como o uso da linguaxe pode ser unha ferramenta de fidelización. “Simplemente empregando expresións como ´gracias´ou ´por favor´ xa estaremos creando un bon ambiente laboral.” Unha máxima que Souto pide aplicar é a de “trata aos teus traballadores como quixeras que trataran aos teus fillos.”

Semella difícil de crer, pero en poucos anos haberá escaseza de veterinarios para atender as granxas de vacún

Souto citou o exemplo de XL Roncero, unha das granxas máis produtivas da provincia de Zamora, na que dispoñen dunha sala de descanso para o persoal e contan con sistemas para evitar que os traballadores carguen pesos cando é evitable.

Os irmáns Roncero foron dos primeiros en deseñar un plan de xestión do persoal e agora contan con traballadores de alta eficacia, comprometidos coa granxa. Algo enormemente positivo nun contexto no que o traballo nas explotacións leiteiras segue sen ter a boa imaxe que debera.

A intervención de Antonio Souto tivo lugar no marco dunha xornada formativa organizada pola Cooperativa Central de Frades que contou coa colaboración das Agrupacións de Defensa Sanitaria de Vacún do propio Frades, de Mesía e de Boimorto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información