Gandería Iglesias Agra: Orgullo de ser gandeiros e de mellorar como profesionais

Esta gandería de Fontecada, no concello coruñés de Santa Comba, é un exemplo de aposta pola profesionalización no sector. Falamos con Manuel Iglesias Agra, o seu propietario, que tamén forma parte da directiva da Organización de Productores de Leche (OPL).

Gandería Iglesias Agra: Orgullo de ser gandeiros e de mellorar como profesionais

Manuel con Chelo e Damián

Gandería Iglesias Agra é un exemplo de transformación en moi poucos anos dunha explotación familiar a unha gandería xestionada cunha visión empresarial e con man de obra externa contratada, unha transición que están a experimentar moitas outras granxas en Galicia.

Situada no concello de Santa Comba, un dos máis gandeiros do país, con máis de 11.000 vacas censadas, o momento clave para o futuro desta gandería foi hai 17 anos, coa decisión de Manuel Iglesias Agra de cambiar de profesión e facerse cargo da gandería familiar dos seus pais.

 “Cambiei o trato coas persoas na hostalaría polo trato coas vacas, que son animais máis nobres”

“Estudei a rama de hostalaría e traballei no sector, pero cando tiven a oportunidade deixeino para dedicarme ao que realmente me gustaba e me gusta: as vacas de leite. Pode dicirse que cambiei o trato coas persoas polo trato coas vacas, uns animais máis nobres”, recoñece Manuel.

A explotación familiar da que partía era unha gandería con 30 vacas en muxido , que pacían durante o día e pola noite permanecían presas na corte. 17 anos despois, e tras sucesivas ampliacións, hoxe Gandería Iglesias Agra conta con 240 animais, dos que 120 son vacas en muxido.

“Abandonamos o pastoreo, aínda que nos gusta velas no prado e de feito sacamos fóra ás secas e algunha xovenca, e sobre todo somos moito máis eficientes, produtivos e profesionais”, valora.

Teñen moi bos resultados en herba cunha mestura de raigras inglés con festuca

A base territorial tamén aumentou: hoxe contan con 75 hectáreas, das que a metade son en propiedade e as outras arrendadas. Sen embargo, Manuel Iglesias subliña que “sen ben é certo que é importante ter superficie, esta ten que ser proporcional ás necesidades e, sobre todo, hai que medir os rendementos das fincas para ver se son rendibles”. Así, cita a situación na que se atopou no ano 2016: “Tiña demasiada base territorial que estaba sendo un lastre para a miña explotación, porque había parcelas que non eran eficientes e disparábanseme os custos, polo que decidín deixalas”.

A metade da superficie actual seméntaa a millo e a outra metade a herba. Neste último cultivo introduciu cambios no último ano, cunha mestura de raigráss inglés e de festuca, que valora moi positivamente. Está formada por un 10% de raigráss híbrido, un 35% de raigráss inglés diploide, outro 35% de raigráss inglés tetrapoloide e un 20% de festuca.

 “Con esta mestura o espigado é máis tardío e logro unha forraxe con moita folla e proteína”

“Esta mestura proporciona herba cun espigado moi tardío, un alto rendemento en cantidade, maior facilidade de manexo, porque non se pasa tanto dun día para outro, e un nivel máis alto de proteína no silo”, explica.

En concreto, no silo deste ano esta mestura permitiu obter unha media dun 15-16% de proteína e un 30-32% de materia seca. “Velo na forraxe, cunha baixa cantidade de palla e unha cantidade moi importante de follas, de brotes máis dixestibles, que son os que aportan rendemento leiteiro”, destaca.

E é que para este gandeiro a calidade das forraxes e a calidade da auga é o máis importante para as vacas. “Podes facer camas 4 veces ao día e ter ventiladores e aspersores, que como non teñas boa forraxe e auga non fas nada”, sentencia.

O cambio da soia por colza permitiulles baixar o custo da ración sen penalizar a produción

A ración para as vacas de leite en Gandería Iglesias Agra está composta por 30 kg de silo de millo, 16 kg de silo de  herba, 6 de colza e 5 kg de núcleo. Optaron pola colza hai algo máis dun ano por un motivo estritamente económico: negociaron un prezo para todo este 2018 de 224 euros a tonelada, uns 120 euros menos que a mesma tonelada de soia.

“A pesar de que tivemos que subir 900 gramos en penso para lograr as mesmas unidades proteicas que ca soia, o cambio compensounos de sobra pois abaratamos a ración, ata chegar a unha media de 4,5 a 4,7 euros a ración por vaca e día, e a produción de leite non se viu penalizada”, explica Manuel.

Polo demais, destaca o alto contido en fibra desta ración, en boa parte grazas ao silo de herba, cun resultado positivo na saúde das vacas: “As bostas están perfectas e os animais a nivel produtivo e reprodutivo funcionan moi ben”, destaca.

 “Na elección dos touros priman os que teñen a maior puntuación en sólidos e en lonxevidade”

Con esta ración a media de produción por vaca, normalizada a 305 días, é de 12.057 litros por lactación, cunhas calidades dun 3,7% de graxa e dun 3,2% de proteína, unhas calidades estándar que buscan mellorar. A media de mamites nesta explotación é de entre un 4 e un 5% ao mes e a media de reconto de células é de 155.000. O leite véndenllo a CAPSA Peñasanta.

Precisamente, a necesidade de adaptarse ás demandas da industria láctea está levando a esta gandería a facer unha intensa selección co obxectivo de mellorar a calidade do rabaño e do leite que producen.

“Fomos cambiando os criterios para inseminar e para descartar as vacas: ata o ano 2015 buscábamos produción en litros, patas e ubres. Hoxe temos en conta outros parámetros: que os touros sexan o máis altos posibles en sólidos, en lonxevidade e en saúde e que non sexan negativos en patas e en ubres. E as vacas que baixan das calidades de sólidos que nos pide a industria ou que non os mellora descartámolas”, explica.

Esta situación de mellora do rabaño leva a que a taxa de reposición sexa elevada, de entorno ao 35%, un proceso que Manuel Iglesias recoñece que “sae caro, pero considero que é a mellor maneira de mellorar a cabaña”. As necesidades de recría levan tamén a que só inseminen con razas de carne as vacas repetidoras. A media de partos é de 3,5 por animal.

“Os investimentos en maquinaria agrícola son unha lastre para as ganderías pequenas”

En canto á maquinaria agrícola, Manuel Iglesias presume de que “só temos dous tractores e algún apeiro”. O servizo de carro proporciónallo CUMADEIRA, unha CUMA na que levan 15 anos, e practicamente todos os traballos agrícolas e de recollida contrátanos a unha empresa externa de servizos agrarios.

“Para explotacións de pequeno tamaño é imprescindible non facer fortes investimentos en maquinaria, pois a experiencia ao final dinos que non son máis que un lastre para explotación. Ademais, contratando fóra fas as campañas ben, rápido e sen facer investimentos nunha maquinaria que axiña queda obsoleta”, destaca.

Unha nova ampliación en marcha para mellorar a recría e o benestar das vacas

Actualmente Gandería Iglesias Agra está realizando obras de ampliación, cunha nova nave na que albergarán toda a recría, actualmente repartida entre o establo e as cortes vellas.

“Cando fixemos a segunda nave sacamos unha parte importante das becerras das instalacións vellas e pasamos dunha idade ao parto de 27,5 a 24,5 meses. E iso en 40 xovencas supuxo xa unha redución de custos moi importante, unha mellor condición corporal, mellor detección de celos..etc. Con esta ampliación queremos traer toda a recría, arredor de 90 xovencas, para as novas instalacións, e así facer un importante aforro en custos”, destaca Manuel. Coa liberación de espazo tamén teñen previsto aumentar algunhas prazas máis para vacas en muxido.

O segundo obxectivo desta ampliación é mellorar o benestar dos animais en produción. “Imos facer unha redistribución dos lotes, dar máis espazo a cada vaca, modificando e facendo máis anchos os pasillos e reubicando os bebedeiros. Todo redundará en benestar ao aumentar os metros cadrados por animal”, avanza Manuel.

E a medio prazo outros investimentos que prevén son construír unha nova foxa de xurro cuberta e adquirir ou ben unha sala de muxido nova ou un robot.

Mestura que empregan nas pradeiras

Man de obra: “Temos que darlle aos asalariados as mesmas condicións de traballo que noutro sector”

En Gandería Iglesias Agra traballan Manuel, a súa muller, Chelo, e dous asalariados externos: Damián e Alberto.

O paso dunha gandería na que o traballo era realizado por membros da familia a ter que contratar persoal externo supuxo un cambio importante nesta explotación.

Neste sentido, Manuel Iglesias considera que é preciso que os gandeiros propietarios se formen e cambien a súa mentalidade para ser tamén xefes de persoal. “Debemos esquecernos que os traballadores son esa man de obra incondicional que nos traballaba de luns a domingo as horas que fixeran falta, e pensar que a persoa que ven á explotación busca unhas condicións laborais iguais que as de calquera outro traballo, tanto en horario, días libres, salario, previsións de futuro, conciliación coa vida familiar…etc”, subliña.

“Se somos capaces de ofrecer un traballo con condicións equiparables a calquera outro sector será un éxito para nós. Do contrario, seguiranos pasando pola explotación moita xente e sen formación. E creo que a ningún empresario lle interesa que pola súa empresa pase moita xente sen formación”, conclúe.

En primeira persoa: “Gústame vivir nunha comarca, a de Xallas, con gandeiros cada vez máis profesionais”

Que che gusta máis do teu traballo?
Globalmente gústame todo, principalmente o mellorar día a día, a sensación de que cada vez somos máis profesionais e de que facemos as cousas ben. Nunca tiven un día de dicir quen me mandaría a min meterme nisto.

Que valoras máis do sitio no que vives?
É moi importante vivir nun entorno no que haxa gandeiros, porque temos retos para os que nos temos que apoiar entre nós. Satisfaime vivir tamén nunha comarca na que hai moi boas ganderías e gandeiros cada vez máis profesionais.

Manuel Iglesias, no centro, nunha concentración da OPL en Santiago

Manuel Iglesias, no centro, nunha concentración da OPL en Santiago

 “O problema dos gandeiros é que non temos unha estratexia común”

Ademais de por mellorar a súa explotación, Manuel Iglesias Agra tamén deu a batalla para mellora a situación do sector: foi un dos impulsores das mobilizacións dos gandeiros durante a crise de prezos de 2015, como presidente da Organización de Productores de Leche (OPL), á que segue vinculado, agora como membro da súa directiva.

Neste sentido, considera que a principal eiva do sector “é que aos gandeiros nos falta unha estratexia de futuro, algo que non temos e non vexo que haxa intención de tela”.

Así resume a situación actual: “A distribución ten unha posición dominante na cadea de valor do sector lácteo e impón a súa estratexia á industria transformadora, que tamén ten estratexia. E os únicos que non a temos somos os gandeiros, que nos toca padecer a estratexia dos demais”.

Como aspectos que debería afrontar esa estratexia dos gandeiros, cita presionar á administración local e autonómica para mellorar a base territorial das explotacións, con novos procesos de concentración parcelaria; que a administración tamén se implique para formar persoal cualificado para traballar como asalariados nas ganderías, “algo -subliña- que si fai a Xunta con outros sectores, como o do naval”, ou uníndose para ter unha industria láctea propia e solvente.

Manuel Iglesias conclúe que “alégrome de que haxa concentración das cooperativas galegas pero sinto que tampouco teñen esa estratexia que precisamos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información