Ao entrar no establo de José Manuel López e Susa Díaz, no lugar de Seteventos, respírase paz e tranquilidade. Non hai vacas de pé nin pelexas por un espazo para comer nas cornadizas. Os 40 animais en produción que hai na explotación teñen sitio de sobra. Aínda collían outros 20, pero este matrimonio non pensa en aumentar o número de cabezas, senón en sacar o máximo rendemento ás que teñen.
“Ao ser unha explotación pequena temos que buscar a produción máxima”
E á vista dos resultados semella que o logran. Herdeiro SC está nos últimos anos entre as ganderías con maior media de produción da provincia de Lugo. O pasado ano cada un dos seus animais produciu unha media de 13.742 litros, cunha porcentaxe de graxa do 3,68% e de proteína do 3,01%. O ano antes, no 2016, foran 14.202 litros de media, 3,79% de graxa e 3,04% de proteína.
Detrás destes números hai un sistema de alimentación intensivo e unha filosofía zen para o gando. “Eu son moi fanático do espazo, teño cubículos para 60 vacas pero teño só 40. Na maioría das granxas pasa ao revés, se teñen 60 cubículos hai 70 vacas. Pero a diferenza é que aquí sempre hai cubículos libres, así que unha vaca que sae de comer ten un lugar dispoñible para descansar a menos de 10 metros. Aquí non ves a dúas vacas pelexarse polo sitio nin recorrendo toda a cuadra en busca dun cubículo libre, aquí as vacas están tranquilas”, resume José Manuel.
“Moitas granxas están por enriba da súa capacidade, se teñen 60 cubículos hai 70 vacas. Aquí non, eu prefiro que haxa cubículos libres”
Nesta explotación téñeno claro e buscan a máxima comodidade para as vacas, ás que procuran un espazo para saír ao exterior e tamén un lugar confortable dentro porque “esas cousas son as que dan o leite, non as grandes obras nin o cemento”, di.
José Manuel chegou a esta conclusión por convencemento logo da súa experiencia desde que no ano 2000 se incorporou á explotación que tiña seu pai, Manuel, cando este se acolleu á xubilación cunha axuda por cese anticipado. Foi entón cando construiu a nave actual e reformou a sala de muxido que tiña seu pai para introducirlle máis puntos e no 2003 constituiu unha sociedade con outro gandeiro de Sarria que durou 7 anos.
“Cando desfixemos a sociedade tiñamos 60 vacas en muxido, a capacidade total da cuadra. Quedei coa metade das vacas e pasei de 26 litros de media diaria a 32 en cuestión dun par de semanas. Desde entón non volvín a ter as vacas amontoadas”, relata.
Buscan a máxima comodidade para as vacas. “Esas cousas son as que dan o leite, non as grandes obras e o cemento”, di José Manuel.
Desde aquela, pouco a pouco, José Manuel e a súa muller foron introducindo cambios tanto na alimentación como no manexo que acabaron dando resultados positivos tanto na produción como na saúde dos animais.
Un factor que ten incidencia sobre estes dous aspectos é desde logo a comodidade das zonas de descanso. As camas das vacas en produción nesta explotación son de area, aínda que só teñen 6 centímetros de alto. “Os cubículos non foron feitos para este material, senón para carbonato e cascarilla con rede, así que gastamos moita máis area porque se perde moita máis pero pensamos que merece a pena”, consideran.
Os ventiladores non están no corredor, senón enriba dos cubículos
No interior da provincia de Lugo as temperaturas son altas no verán e mesmo o termómetro estase a alongar cada vez máis cara os meses do outono, polo que outro dos factores relevantes é a ventilación do establo. Herdeiro SC conta cunha nave aberta e dispón de ventiladores. “Ao principio puxémolos nos corredores e as vacas no verán, que castiga moito nesta zona, non se deitaban nos cubículos, senón que estaban de pé debaixo dos ventiladores. Así que optamos por trasladar os ventiladores á zona de cubículos para fomentar que se vaian a esta zona a descansar”, conta.
José Manuel destaca tamén a mellora para o benestar animal que supón o feito de que as vacas en produción conten cun lugar exterior ao que sair. Nesta explotación non fan pastoreo pero teñen un patio de recreo duns 3.000 metros cadrados. “O patio é moi importante para as patas, pero se é moi pequeno tampouco vale”, considera José Manuel.
Medidas para a saúde das patas
En gandería Herdeiro limpan o chan 8 veces ao día e aumentaron a periodicidade das revisións de podoloxía. “Faciamos as revisións cada 6 meses e agora reducimos a 5 meses e sáenos máis barato ca antes, porque aparecen moitos menos problemas”, di. Fan o baño de patas cada 15 días e desde hai un ano empregan microorganismos para axudar a descompoñer o purín, que tamén teñen efectos beneficiosos na saúde dos animais. “Vai moi ben para as dermatites das vacas, aquí reducíronse á metade”, explica José Manuel.
Trátase dunha solución biolóxica da empresa galega Bioprana pensada para acelerar a descomposición da materia orgánica. Aplícase mediante pulverizadores situados nos corredores e son as propias vacas as que se encargan de distribuir os microorganismos por toda a explotación levándoos nas súas patas. “Nótase desde o primeiro momento no cheiro e na cor do purín, que fermenta moito antes, e evítanse moitos problemas de atascos de area ou herba nas canles de baleirado”, conta José Manuel.
Sistema de alimentación Kemper
Os últimos 5 anos supuxeron un punto de inflexión para Herdeiro SC, cunha serie de cambios radicais en materia de alimentación e manexo que se acabaron notando no aumento máis que notable na súa produción. “Ao ser unha explotación pequena temos que buscar a produción máxima”, argumenta.
A primeira das medidas foi pasar, no ano 2013, de dous a tres muxidos diarios. Muxen ás 4 da mañá, ás 12 do mediodía e ás 8 da tarde. José Manuel, que traballa para fóra con maquinaria nas campañas e fai as substitucións do carro mesturador nunha CUMA de Sarria de 14 gandeiros, fai sempre o turno das 4 da mañá (lévalle unha hora) e contrataron un empregado para os outros dous turnos. Prefire isto antes que un robot. “Os robots, igual que as salas de muxido, só sacan o leite, pero non o producen, producilo hai que producilo onde as vacas comen e pasan todo o día”, afirma.
“Os robots só sacan o leite pero non o producen, hai que producilo onde as vacas comen e pasan todo o día”
Por iso o seguinte dos cambios tivo lugar na zona de descanso dos animais, pasando no ano 2014 ás camas de area. “Foi outro factor a favor da produción”, asegura.
Pero, sen dúbida, a maior transformación foi a levada a cabo na alimentación do gando. “Desde o ano 2000 estabamos no sistema de mestura húmida que ofrece a cooperativa Cogasar- agora AIRA-, porque a superficie que temos é pequena, tan só 24 hectáreas, que non é suficiente para cubrir as necesidades de alimentación da explotación. No ano 2014 decidimos pasarnos á alimentación a base de penso, baseada no método Kempen, que ofrece Nanta”, conta.
Consiste en alimentar as vacas con concentrado, silo de herba e palla mesturada con alfalfa. Todos os elementos da ración son a discreción, segundo a demanda do animal, o penso mediante dispensacion nunha tolva e tanto o silo como a mestura de palla e alfanfa no pesebre. No cómputo total as vacas da gandería Herdeiro SC inxiren de media entre 20 e 21 quilos de penso, 10 quilos de silo de herba e entre 5 e 6 quilos de mestura de palla e alfalfa. “Neste sistema a calidade da forraxe é importantisimA, senón dá o mesmo que deas penso a discreción”, afirma José Manuel, que destina as súas 24 hectáreas de terreo a herba, que ensila na propia explotación.
Na zona de Sarria hai outra explotación que alimenta o seu gando con este método. “Hai 15 anos comezouse a implantar moito, pero só con penso e herba seca e así non funciona, porque aquí é difícil lograr herba seca de calidade”, afirma José Manuel.
En canto aos custos, a este gandeiro o penso sáelle a 24 céntimos e a mestura de palla e alfalfa a 19 céntimos. “En total o custo diario é de 6,05 euros por vaca, incluindo o silo, a palla, a alfalfa e o penso. Sáeme máis barato do que me saía a mestura húmida”, compara. “Eu non teño outra alternativa que mercar a ración, porque a superficie que teño non me permite ser autosuficiente e non depender de insumos externos, así que ou isto ou a mestura húmida, non teño outra solución”, xustifica.
Máis litros pero menos graxa
En relación ao sistema de mestura húmida que empregaba antes de 2014, José Manuel notou un descenso nos niveis de graxa. “Tés máis litros, pero menos calidades, nótase máis na graxa que na proteína”, di. Entrega a Larsa e é consciente de que “o meu leite non valería para entregar a Entrepinares”.
Porén, considera que “aínda é máis rendible ir a litros que a calidades” e por iso pensa que foron acertadas as decisións tomadas nos últimos 5 anos. “Notamos un incremento de produción duns 7 litros por vaca, ao pasar dunha media de 35 litros a 42 grazas ao cambio de alimentación e ao terceiro muxido”, explica.
Considera que “aínda é máis rendible ir a litros que a calidades”
As xovencas en recría e as vacas secas están con silo de herba, herba seca e dous quilos de penso nunha zona pegada á nave de produción onde se emprega cama quente de palla. A base xenética da granxa foi a que José Manuel herdou de seu pai pero gandería Herdeiro leva dous anos usando seme sexado de Xenética Fontao e está no programa de apareamentos de Africor Lugo para mellorar tamén este aspecto.
José Manuel tiña intención de incrementar tamén o número de cabezas, unha decisión que agora mantén parada. “No ano 2014 construin un pozo de xurro de 26 metros cúbicos pensando en aumentar porque con tres muxidos tes que ter un empregado igual con 30 vacas ou con 70, así que os gastos serían practicamente os mesmos. Solicitei para dobrar o número de vacas e gastei os cartos do proxecto e a licenza pero, cos criterios actuais da Xunta, non teño opción algunha de obter subvención e non dá hoxe o prezo do leite para poñerte a ampliar sen subvención”, di.
“Non hai dous modelos, hai tantos como gandeiros e cada un ten que mirar o sistema que mellor se lle adapte, aquel que lle permita obter maior beneficio da súa granxa”
Así que José Manuel confórmase con seguir sacando o máximo rendemento posible ás vacas que ten hoxe. O seu caso demostra que unha explotación pequena tamén pode traballar ben co seu gando nun sistema altamente intensivo e obter bos resultados de produción. E como conclusión afirma que “non existen só dous modelos, hai tantos como gandeiros, e cada un ten que mirar o sistema que mellor se lle adapte ás súas condicións particulares, aquel que lle permita obter a maior rendibilidade da súa granxa”.