Gandería Gado, máis de 2.000 cabezas de gando en Australia alimentadas 100% con pasto

Ana Pimenta e o seu marido Tom Perry crían o seu rabaño de vacas de carne a base do pasto producido nas máis 800 hectáreas de terra que xestionan en Tasmania. Coñecemos como traballan no día a día na gandería

Gandería Gado, máis de 2.000 cabezas de gando en Australia alimentadas 100% con pasto

Ana Pimenta atende xunto co seu marido Tom Perry a Gandería Gado, centrada na produción de carne de vacún alimentada a base de pasto. // Foto Gandería Gado.

Ana Pimenta chegou a Australia no 2008, dende Barcelos (Portugal) e xa quedou nestas terras onde hoxe ten unha destacada gandería de vacún de carne que atende xunto co seu marido Tom Perry. Comezaron de cero e foron medrando con paso firme e en pouco máis de 10 anos a Gandería Gado é popular no país e fóra das súas fronteiras.

Tanto Ana como Tom teñen formación agraria e antes de meterse de cheo neste proxecto persoal traballaran xa noutras ganderías, primeiro de leite e logo de carne no caso de Ana. Mentres, Tom foi xerente de varias ganderías en King Island, unha pequena illa pertencente a Tasmania, onde viven e teñen a gandería. “Comezamos coa gandería en outubro do 2009, nunha granxa alugada e con apenas 30 cabezas de gando”, recorda Pimenta. Ó pouco tempo alugaron unhas instalacións de maior tamaño e pediron un préstamo para poder comprar máis gando. “Pedimos o noso primeiro crédito de 165.000 euros para así mercar máis animais”, comenta a gandeira.

Comezaron cunhas 30 cabezas e pediron o seu primeiro crédito para poder medrar. Teñen xa máis de 800 hectáreas de terreo onde pace o seu gando

En menos de 10 anos, conseguiron mercar máis de 800 hectáreas de terra en King Island. Estes terreos son os pasteiros nos que crían o seu gando. “Criamos o noso gando a base 100% de pasto”, explica Pimenta. A gandeira amosou como traballan na súa granxa durante as VIII Jornadas Internacionais de Bovinicultura celebradas recentemente e organizadas pola Asociación Internacional de Estudantes de Agricultura (IAAS-UTAD) da Universidade de Trás os Montes e Alto Douro, en Vila Real (Portugal).

redis Ganderia GAdo

Na gandería tamén teñen curros onde trasladan ós animais puntualmente para acometer distintas labores para a súa cría. // Foto Gandería Gado.

Atender máis de 2.000 cabezas de gando

Hoxe, nesta gandería contan con máis de 2.000 cabezas de gando. Boa parte dos animais son da raza Angus, populares pola súa aptitude cárnica. Tamén crían animais da raza Hereford e teñen ademais outros cruzamentos. Contan cunhas 750 reprodutoras, as tenreiras críanas para reposición e os tenreiros véndenos cando acadan un peso duns 450 quilos, que adoita ser unha vez que teñen entre 12 e 16 meses.

Programan os partos para a primavera. Agardan a que as xovencas teñan os 15 meses para inseminalas de xeito que no momento do parto acadaran xa os 24 meses

Programan o ciclo reprodutivo das súas vacas para que os nacementos se produzan na primavera, que neste hemisferio coincide cos meses de agosto e setembro. Logo, en novembro habitualmente realizan a castración, vacinación e a identificación dos novos tenreiros e o descarte dos animais da gandería. Uns meses despois, en marzo, é tempo para o destete dos tenreiros, cando boa parte deles teñen xa entre 5 ou 6 meses. Neste momento do ano tamén comezan a detectar as vacas preñadas e é a quenda de vender os tenreiros máis vellos, que xa acadaron o peso adecuado para a súa comercialización.

tenreiros ganderia Gado

O destete dos tenreiros fano cando teñen entre 5 ou 6 meses. // Foto Gandería Gado.

Entre novembro e xaneiro prodúcese a inseminación das vacas do rabaño. Contan cun touro para cada 40 ou 50 vacas. As tenreiras insemínanas cando teñen entre 14 ou 15 meses, de xeito que pairen cando xa teñen arredor dos 24 meses. “As vacas mantémolas en produción ata aproximadamente os 8 anos”, concreta a gandeira. Tamén optan por descartar aquelas vacas reprodutoras con problemas de cascos, ubre ou comportamento.

Aposta polo pasto

Na gandería Gado apostan polo pasto como base da alimentación do seu gando. A maior parte dos seus predios son pradeiras permanentes con leguminosas e gramíneas e van cambiando o gando de parcelas para conseguir a rexeneración do pasto. A gandería está dividida en varias parcelas cunha superficie de entre 3 e 6 hectáreas onde pace o gando. “Adoitamos ter grupos de animais bastante numerosos, entre 200 cabezas ou máis”, apunta.

Gando pradeiras Ganderia Gado

Teñen a terra dividida en parcelas de ata 6 hectáreas nas que o gando pace a diario. // Foto Gandería Gado. 

Así, no día a día o traballo, na gandería céntrase en cambiar o gando de parcelas, así como en controlar o estado dos peches e en garantir que os animais teñan acceso á auga. Xunto con estes labores, e de xeito regular tamén levan a cabo desparasitación dos animais, ou o aporte de minerais. A fertilización dos prados e o control das herbas invasivas ou mantemento dos peches vexetais son outros dos traballos que tanto Ana coma o seu marido acometen de xeito regular. Tamén se encargan de temas como a contabilidade da granxa ou a venta e o pesado dos animais.

A carne dos seus animais está libre de antibióticos e de hormonas. Apostan por un manexo sostible e respectuoso co medio ambiente

Ademais dunha alimentación a base de pasto, Ana e Tom tamén reivindican un manexo sostible e respectuoso co medio. Así, non empregan antibióticos nin hormonas para a cría dos seus animais e contan con certificacións que así o acreditan. “Buscamos unha gandería sustentable e practicar unha agricultura rexenerativa”, defende Pimenta.

visitas ganderia GAdo

A gandería tamén ofrece estancias e visitas turísticas ás súas instalacións e degustación da carne que producen. // Foto Gandería Gado.

Á marxe da cría do gando, o matrimonio tamén está abriron unha ventá permanente á súa granxa a través das redes sociais e a páxina web Meat your Beaf,  nas que amosan o seu traballo diario na granxa, os seus animais e reivindican a calidade da súa carne, ó tempo que comercializan de xeito directo a carne que producen.

Á par destas visitas virtuais, tamén teñen un proxecto que combina o turismo coa gandería e deste xeito ofrecen estancias na súa granxa para coñecer de primeira man como crían o seu gando. Nun país como Australia, que produce preto do 2% da carne de vacún que se consume no mundo, cunha produción que en 2018-2019 acadou os 2,4 millóns de toneladas e que é o segundo maior exportador mundial de carne de vaca, só por detrás de Brasil, coñecer de forma directa e cercana estas ganderías é tamén un atractivo para moitos turistas. Esta iniciativa permite así coñecer non só como é o día a día da granxa, senón tamén degustar a carne que se produce nestas pradeiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información