Gandería Forno: “Para min a maior vantaxe do robot é que che facilita atopar man de obra”

“A esixencia de coñecementos non é a mesma para muxir que para facer camas”, afima José Manuel Díaz, que a comezos de ano instalou o muxido robotizado na súa explotación. Demanda prezos do leite estables para que as granxas poidan investir e modernizarse

José Manuel, xunto ao robot que instalou na súa granxa no mes de xaneiro

José Manuel, xunto ao robot que instalou na súa granxa no mes de xaneiro

Gañar calidade de vida é unha necesidade na maioría de granxas familiares. A atadura que supón ter que muxir e a dificultade para atopar man de obra obriga moitas veces aos seus titulares a non poderen librar.

A alternativa dos robots está a entrar de cheo no sector nos últimos anos e preséntase como unha ferramenta idónea sobre todo en explotacións de pequeno e mediano tamaño. Falamos con José Manuel Díaz López, da gandería Forno de Láncara, que instalou un hai 8 meses, para que nos conte a súa experiencia.

“Agora o traballo é máis levadeiro. Marchounos o empregado que tiñamos e custounos atopar outro. Foron tres semanas pero levámolo ben grazas ao robot. Se tiveramos que estar muxindo na sala tería sido distinto; sería comer, durmir e vir para aquí”, asegura.

A formación que ten que ter un traballador para muxir nunha sala é moito maior que para facer outro tipo de labores na explotación

José Manuel recoñece que as granxas grandes teñen normalmente máis empregados e poden facer turnos, pero nas granxas pequenas, que teñen un só traballador, “obrigalo a muxir pola mañá e pola noite é un castigo que fai que a xente non queira vir traballar a este tipo de granxas”.

Por iso, asegura, “o robot facilítache atopar man de obra, porque a esixencia de coñecementos que debe ter esa persoa non é a mesma para muxir que para facer camas”. “Nós agora temos un empregado paquistaní que viña de traballar nunha pizzería e non tiña nada que ver coas vacas e adaptouse perfectamente”, exemplifica.

O primeiro mes pásalo mal porque as vacas non están acostumadas e non entran ao robot, pero o balance final para min é moi positivo

José Manuel considera que o muxido robotizado “é o sistema ideal para ganderías familiares porque unha persoa é capaz de atender 2 ou 3 robots perfectamente”, di. “A partir de aí e sempre que se teña man de obra dabonda e estable, é cando a sala pode ser interesante”, opina.

25 anos “evolucionando”

Gandería Forno é unha granxa familiar situada no lugar de Mourillón, pertencente á parroquia de Toubille, no concello lugués de Láncara. Contan con 120 cabezas totais e están a muxir 60 vacas neste momento.

José Manuel incorporouse á gandería fai xa 25 anos tras estudar FP. “Os meus pais xa tiñan unha certa idade e había que tomar a decisión de continuar coa granxa ou buscar traballo fóra. Quedeime e desde entón fomos evolucionando e mellorando”, conta.

A explotación aténdea José Manuel coa axuda dun empregado

Tras solicitar un Plan de Mellora, fixeron a nave actual de produción no ano 2001 e máis tarde, no 2008, parideiras e zona de recría. No 2015 ampliaron a zona de produción, “porque hoxe necesitas medrar se queres vivir” e a finais do ano pasado decantáronse pola instalación do robot de muxido, o último investimento importante realizado.

Maior benestar para o gando

FORNO SC (Lancara) cubiculosJosé Manuel está satisfeito co resultado e destaca factores como o aforro de man de obra ou a mellora no control do rabaño mediante os datos aportados, o que lles permitiu unha detección de celos máis eficiente e un control precoz das enfermidades no gando, como cambios máis salientables aparellados á robotización do muxido.  

O robot supuxo para nós un cambio total na maneira de traballar na granxa

Unha vez superado o período de adaptación, o robot permíteche, di, “organizarte doutra maneira” porque “non tes que estar ás 7 e media da mañá e ás 7 e media da tarde muxindo”. “Ti tes que vir á granxa igual, si, pero o robot, se todo vai ben, está traballando por ti as 24 horas e os teus horarios vólvense moito máis flexibles”, asegura.

“O muxido robotizado supón un menor estrés para o gandeiro pero tamén para a vaca, porque pasa o día facendo o que quere: comendo, bebendo, descansando ou indo a muxirse, sen que teñas que obrigala e sen ter que pasar media hora ou unha hora na sala de espera. A liberdade de movementos para os animais é moito maior co robot”, asegura.

Menos doses por preñez grazas á monitorización do gando

Os datos aportados polo robot permiten ademais, destaca José Manuel, “un control individualizado de cada animal”. “Eu o que máis notei é que tes todo baixo control. Eu a sala que tiña era unha sala moi básica na que o único que facía era muxir, pero non dispoñía de ningún sistema de monitorización do gando; incorporeino ao poñer o robot”, explica.

Ao dispoñermos da ventá óptima de inseminación o número de doses de seme necesarias para que as vacas quedaran preñadas reduciuse moitísimo

Esa toma de datos permitiulle a esta gandería mellorar os aspectos reprodutivos. “Agora o sistema detéctame os celos e dime a que hora empezou e cando é o momento óptimo para a inseminación. O cambio foi bestial. No primeiro control reprodutivo despois de instalar o robot xa vimos que o número de doses por animal preñado se reducía moito”, salienta.

Ademais de afinar na detección de celos, outro factor que considera que inflúe na mellora reprodutiva é a alimentación personalizada que permite o robot, mediante o punteo individualizado de concentrado en función da produción do animal. “Cando a ración se subministra exclusivamente a través do carro no pesebre, unha vaca de 25 litros come o mesmo que unha de 60, polo que as vacas máis produtivas entran en ocasións en balances enerxéticos negativos, o que despois inflúe na reprodución, mentres que co robot podes axustar a alimentación e dispoñer de doses á carta”, indica.

Mellora da calidade hixiénica do leite

FORNO SC (Lancara) vacas producion2No aspecto sanitario, di, “tamén melloramos moito, sobre todo no tema de mamites e enfermidades da ubre. Eu vou á comercial veterinaria a metade do que ía antes. Facemos secado selectivo, poñendo tapóns na maioría das vacas e cánulas de secado unicamente nas que hai que tratar con antibiótico porque tiveron algún problema durante a lactación, pero as infeccións de ubre son agora algo case anecdótico”, asegura José Manuel.

Agora imos á comercial veterinaria a metade do que iamos antes; as mamites e infeccións da ubre son case anecdóticas

É algo que se trasladou tamén ás análises do LIGAL relativas á calidade hixiénica do leite. “Agora estamos por baixo dos 10.000 xermes e das 100.000 células somáticas, cando antes tiñamos picos na granxa por enriba das 250.000 células”, recoñece.

Iso supón un valor económico importante nesta explotación, xa que lles permite cobrar, por parte da empresa que lles recolle o leite, a prima super A de bacterioloxía. Pero a maiores do aspecto económico, está o da “tranquilidade”. “Unha mamite sabes cando empeza pero non cando acaba nin como acaba porque te pode levar a ter que mandar ao matadoiro á mellor vaca do establo”, di.

“O único cambio foi o sistema de muxido, ese foi o factor diferencial, porque as vacas móxense máis veces e teñen o ubre menos cargado, xa que o resto non cambiou, as camas son as mesmas, levamos tres anos coa mesma cama de carbonato con serrín”, explica.

Porta selectora que facilita o manexo do gando

Á saída do robot de muxido José Manuel instalou unha porta selectora que permite unha distribución automática do gando: “se a vaca se muxiu e todos os parámetros son correctos volve para a zona de cubículos e alimentación do establo, pero se o robot detecta un celo ou algún outro problema sepáraa e envíaa directamente á enfermería, mentres que se o muxido quedou incompleto por algún motivo faille volver a entrar a muxirse, o que reduce os atrasos e ao mesmo tempo minimiza os posibles problemas que poidan derivar por ter o leite no ubre tras un mal muxido”, detalla.

Á saída do robot hai unha manga de selección con tres posibilidades: volta ao establo, entrada de novo ao robot ou enfermería

Gandería Forno aproveitou os espazos que ocupaba a zona de muxido e parte da antiga sala de espera do establo é agora a enfermería, algo que José Manuel valora especialmente. “Ter unha área de separación a carón do robot é algo moi útil porque permíteche apartar vacas e inseminalas ou tratalas de xeito cómodo, para min é algo importante”, di.

Aproveitan normalmente a saída do robot para facer o baño de pezuñas un día á semana

Ten previsto instalar tamén un sistema de selección previa, de maneira que aquela vaca que non ten permisos para ir a muxirse “non entre xa a enredar ao robot”. Desta maneira a máquina dispón de máis tempo para muxir a aqueles animais que máis o precisan en función da configuración establecida para os catro lotes nos que neste momento ten distribuido o gando en produción. “É un sistema útil en establos moi saturados de animais e permíteche ter un maior número de vacas no robot”, explica.

4 litros máis por vaca e día

FORNO SC (Lancara) vacas producion1Gandería Forno logrou un incremento medio de produción de 4 litros por vaca e día co paso da sala de muxido ao robot, pasando de 33 a 37 litros de media. Como contrapartida, reducíronse as porcentaxes de graxa e proteína, que se sitúan en 3,7% de graxa e 3,4% de proteína. “É algo lóxico, porque ao haber máis litros dilúense un pouco os niveis de sólidos, pero no meu caso son máis importantes os litros debido a que a empresa que me recolle o leite prima en menor medida a graxa e a proteína”, di.

Pola empresa á que entrego o leite, compénsame máis producir litros que calidades

José Manuel agarda que o verdadeiro salto na produción se produza na seguinte lactación, cando as vacas completen o ciclo dun ano, porque “as vacas adultas están acostumadas a ir á sala e cústalles un pouquiño máis adaptarse ao robot”, recoñece.

No caso das primeirizas, a adaptación é moito máis rápida. Fan a recría na propia gandería, aproveitando tamén os pastos para abaratar os custos de alimentación das xovencas xa preñadas. As vacas secas, sen embargo, saen só en determinadas épocas do ano, para evitar que actúe a mosca de verán causante de mamites.

“A baixada de prezos do leite vai en contra das propias industrias e da súa dispoñibilidade futura de materia prima”

FORNO SC (Lancara) racion vacas producionJosé Manuel pide estabilidade nos prezos do leite para que as granxas como a súa poidan afrontar investimentos necesarios para a súa modernización e denuncia a actitude das empresas, tensionando o mercado á baixa nas renovacións de contrato producidas no último ano.

“Hai unha perversión total da Lei da Cadea. A oferta converteuse nun globo sonda sen valor de ningún tipo, é unha maneira que teñen as empresas de meter medo aos gandeiros e preparar o terreo para o contrato posterior, pois segue habendo unha indefensión absoluta dos produtores, que temos un produto perecedoiro e moi poucas opcións de cambiar de industria”, di.

Hai unha perversión total da Lei da Cadea: as ofertas convertéronse en globos sonda e os gandeiros seguimos indefensos porque hai poucas alternativas para cambiar de empresa

“Non hai neste momento razón ningunha para que o prezo do leite baixe. A cotización da manteiga está de novo en máximos históricos, superando os 7.000€ a tonelada, igual que fai 2 anos, pero nós estamos cobrando polo leite 15 céntimos menos que a finais do 2022. Non ten outra explicación máis que as industrias queren volver a facer caixa a costa dos gandeiros”, quéixase.

Esa estratexia das empresas, asegura José Manuel, vai en contra da supervivencia das explotacións pero tamén do propio futuro das industrias. “As empresas que nos compran o leite non se dan conta de que os beneficios que obtemos os gandeiros se reinvisten nas propias granxas e que iso contribúe á modernización do sector”, asegura.

Se as granxas cobramos o leite por debaixo dos 40 céntimos non nos podemos meter a comprar robots

No caso da gandería Forno, instalaron o robot de muxido fai 8 meses, animados por uns prezos do leite “aceptables” naquel momento. “Se as granxas cobramos o leite por debaixo dos 40 céntimos non nos podemos meter a comprar robots”, evidencia.

Novos investimentos

Por iso, di, “a baixada de prezos do leite vai en contra das propias industrias e da súa dispoñibilidade futura de materia prima”. “As empresas miran só a curto prazo pensando en facer caixa a costa dos gandeiros, pero iso ten consecuencias a longo prazo, tanto no peche de granxas como na súa capacidade produtiva”, asegura.

Neste momento no caso de Gandería Forno teñen en marcha unha ampliación da fosa de purín, para incrementar o seu tamaño nun millón de litros. “Tomamos a decisión por dúas razóns, unha medioambiental e outra económica, porque o purín é un recurso importante que temos que aproveitar as explotacións e moitas veces non temos capacidade de almacenamento e desaproveitámolo”, razoa.

Carro mesturador compartido

FORNO SC (Lancara) carro mesturador1Traballan arredor de 40 hectáreas, entre fincas en propiedade, arrendadas e monte comunal da parroquia, onde lles tocan unhas 7 hectáreas. Este ano sementaron 18 hectáreas de millo, nas que rotan con herba como cultivo de inverno se o tempo permite levar a cabo a sementeira, algo que na pasada campaña non foi posible en todas.

Na actualidade en Toubille quedan 4 ganderías de leite e todas fan uso do monte comunal da parroquia

“Facemos dobre cultivo porque nos fai falta a forraxe; aquí aumentar superficie é complicado”, asegura. A seca fixo que o ano pasado a colleita de millo se vise minguada entre un 30 e un 40%. Na actualidade a ración desta gandería está composta por 26 kg de silo de herba, 20 kg de silo de millo e 8,5 kg de concentrado, máis os 7 que puntea o robot como máximo.

A ración fana eles mesmos, xa que disponen dun carro mesturador autopropulsado que mercaron a medias con outra explotación veciña, Monarca SAT. “Temos moitas máquinas en común e facemos un uso compartido da maquinaria. É unha maneira de sacar proveito dun investimento que é importante e así, ademais, se imos uns días de vacacións, un fai as racións do outro e estamos cubertos”, explica.

Temos moita maquinaria a medias cunha granxa veciña; é unha maneira boa de rendibilizar estes investimentos

Ademais do carro mesturador actual, mercado no ano 2017, Monarca SAT e Gandería Forno teñen a medias a sementadora do millo, unha trituradora, unha rotoempacadora, un rolete, un remolque mixto grande e un estendedor da herba no silo.

FORNO SC (Lancara) millo“Ter maquinaria a medias permítenos aforrar custos porque non é o mesmo pagar a factura da compra un só que facelo entre dous”, evidencia José Manuel, que prefire facer el mesmo o traballo agrario antes que contratalo. “Non é por un tema de aforro económico, senón por facer as cousas no momento axeitado, porque cando veñen as campañas queremos sementar ou ensilar todos xuntos e as cooperativas e empresas de servizos non dan abasto”, di.

Se tes carro podes escoller cando facer a ración e incluso facela dúas veces ao día cando vai calor no verán; para min iso é moi importante

A gandería xa era socia de Cogasar e trala fusión no ano 2017 pasaron a pertencer a Aira, de quen botan man en caso de avaría puntual no carro da explotación. “Nós non temos carro de substitución pero estamos tranquilos porque estamos cubertos dese xeito”, recoñece. A maiores consumen o penso da cooperativa e desde o ano 2004 ao 2007 subministrábanlles tamén a mestura húmida para a alimentación das vacas en produción.

Pero malia o incremento do traballo, José Manuel prefire colleitar as súas propias forraxes porque “se ensilas calidade levas calidade ao pesebre” e elaborar tamén el mesmo o carro diariamente “xa que podes escoller o momento do día que mellor se adapta ao teu sistema de traballo”.

Tratamos de alimentar o gando o máximo posible con forraxes producidas por nós

No seu caso, fai a ración normalmente pola tardiña, algo ao que lle ve varias vantaxes: “Non teño arrimador e deste xeito garántome que durante toda a noite e a primeira hora da mañá hai comida no pesebre; despois durante o día xa arrimo eu varias veces. Ademais, en días de calor no verán as vacas comen máis pola noite porque fai máis fresco e subministrarlles a ración pola tardiña fai que a inxesta aumente”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información