Gandería Fontixón SL, crecemento e relevo xeracional en feminino

María e Andrea Otero estudan Enxeñaría Agrónoma e estanse a incorporar á explotación familiar, situada en Ramil (Castro de Rei). Preparan unha ampliación para chegar ás 350 vacas en muxidura e queren aumentar a produción por vaca muxindo tres veces ao día

Juan, xunto a María e Andrea, na granxa familiar en Ramil (Castro de Rei)

Juan, xunto a María e Andrea, na granxa familiar en Ramil (Castro de Rei)

Formación e experiencia son as claves do éxito do relevo xeracional en moitas granxas leiteiras galegas, onde o papel feminino está a gañar protagonismo. Un exemplo é a Gandería Fontixón SL, situada en Ramil (Castro de Rei).

María e Andrea Otero son irmás, lévanse un ano e estudan as dúas Enxeñería Agrónoma no Campus de Lugo coa intención de incorporarse á granxa familiar xunto aos seus pais, Juan e Julia.

Moxen na actualidade 300 vacas e preparan unha ampliación para chegar a curto prazo ás 350 e traballan 130 hectáreas de terreo, das que botan 110 a millo en rotación con herba. O futuro da granxa pasa pola mellora produtiva, tanto do gando como das terras, mediante a incorporación do terceiro muxido e a adopción de técnicas de agricultura de precisión.

40 anos de crecemento continuo

Cimentos para a nova ampliación da nave de produción con capacidade para 100 vacas máis

Cimentos para a nova ampliación da nave de produción con capacidade para 100 vacas máis

A explotación fundárona os pais de Juan no ano 1975, coas primeiras vacas de leite, que estaban no establo pegado á casa familiar. Foi no ano 1996, cando Juan se incorporou, cando fixeron o establo novo, separado xa da casa.

A partir de entón o crecemento foi continuo e paulatino, con sucesivas ampliacións no ano 1998, 2002, 2020 e 2022 para acoller o aumento no número de cabezas. “Así lévalo cómodo, porque vas medrando pouco a pouco coa túa propia recría”, razoa Juan.

Apelotonar vacas xera sempre un problema moi gordo; iso é como mandar vacas ao matadoiro

Neste momento están a acometer unha nova ampliación con espazo para 100 animais, coa idea de trasladar a ela as vacas da primeira nave construída no ano 1996, na que teñen previsto acometer unha reforma integral, botando o piso de novo, modificando os pasillos e cambiando trabadizas, cubículos e limpezas.

“Queremos acabar primeiro a ampliación para traer as vacas para ela mentres amañamos o outro, porque apelotonar vacas é un problema moi gordo; iso acaba sempre mandando vacas ao matadoiro”, di.

Man de obra

As camas das vacas en produción son de area

As camas das vacas en produción son de area

Ademais de Juan e Julia, teñen 5 empregados contratados a tempo completo neste momento. A maiores está María José, que exerce as funcións de veterinaria da explotación. Encárgase tanto do papeleo da granxa e de levar o control dos animais.

Contan cunha veterinaria contratada que vén todos os días á explotación

Juan asegura que a xestión do persoal é un dos aspectos clave nunha granxa leiteira e considera que para ter bos empregados e lograr estabilidade na man de obra é necesario ofrecer boas condicións. “Nas fins de semana estamos nós aquí para que poidan librar eles”, di. “Isto é moi sujeto, pero unha granxa pequena aínda está peor nese aspecto”, considera. Queren implantar tamén a xornada continua para os traballadores.

Paso a tres muxidos

A sala de muxido é do ano 2012

Na actualidade están a muxir dúas veces ao día nunha sala de muxido traseiro de 2×16 puntos instalada no ano 2012, na que lles leva 3 horas muxir e lavar (empezan ás 6 e media da mañá e ás 6 e cuarto da tarde), pero a súa intención é pasar a tres muxiduras e converter en xornada continua, con dúas quendas de traballo, a xornada laboral dos empregados.

Require doutra organización, pero ao muxilas tres veces ao día as vacas están mellor

 “As vacas, cando son de alta produción, sempre están mellor muxíndose tres veces ao día, porque non tiran tanto leite, e os empregados tamén están máis contentos traballando seguido”, argumenta Juan, que recoñece que “dar con bos empregados é algo fundamental”.

A xestión do persoal das granxas leiteiras pasa por ofrecer boas condicións e xornada continua aos empregados

En canto á posibilidade de robotización, non a descarta, pero considera que para unha granxa do volume da súa o investimento é moi elevado e non reduce de xeito importante as necesidades de persoal. Neste momento, no muxido da mañá hai 3 persoas, dúas da sala e outra movendo lotes e facendo camas.

A produción media da granxa sitúase neste momento en 38,5 litros diarios por vaca, cun 4,20% de graxa e un 3,45% de proteína. Están entregando o leite a Lactalis.

Máis espazo para a recría

GANDERIA FONTIXON SL (Castro de Rei) recria2A reforma das instalacións contempla tamén a ampliación da zona de recría, cun novo espazo destinado á colocación de 4 boxes de amamantadora, xa que os 2 cos que contan na actualidade son antigos (foron instalados no ano 2012) e quedaron xa escasos para o número de animais que están a recriar neste momento.

Ocorre o mesmo coa zona de cama, que non permite contar co espazo necesario a cada becerra, o que incrementa o risco de contaxio de enfermidades e reduce o seu crecemento, polo que coa nova zona de recría buscan aumentar o espazo de cama por lote.

As xatas insemínanse con 13 meses e veñen parindo antes dos dous anos

As vacas secas e as xovencas xa preñadas teñen a posibilidade de saír fóra. “As xatas insemínanse con 13 meses e veñen parindo antes dos dous anos”, contan.

125 hectáreas de terreo

Utilizan técnicas de mínimo laboreo para labrar o millo

Utilizan técnicas de mínimo laboreo para labrar o millo

Traballan un total de 125 hectáreas de terreo, das que botan a millo en rotación con herba 110. “A terra empeza a estar buscada nesta zona e para poder aumentar ao número de cabezas temos que sacarlle o máximo rendemento á hora de producir forraxes”, aseguran.

Este ano estrearon unha nova máquina para sementar o millo, un strip till que permite facer todas as labores (arar, fresar, abonar e sementar) nunha soa pasada de tractor. Ao mesmo tempo, esta nova máquina, de fabricación italiana, non levanta todo o cultivo precedente, senón que laborea unicamente a faixa de terra que corresponde co rego do millo, o que permite conservar o solo en mellores condicións. 

Na parroquia de Ramil hai concentración parcelaria, polo que teñen a superficie pegada á explotación e en fincas grandes

Na parroquia de Ramil hai concentración parcelaria, polo que as fincas que teñen son grandes, a maioría de 10, 15 ou 20 hectáreas, e están preto da explotación, o que favorece o rendemento da maquinaria e a axilización das campañas de ensilado e sementeira tanto do millo como da herba.

Maquinaria de precisión

GANDERIA FONTIXON SL (Castro de Rei) maquinariaJuan é o que se encarga do traballo de campo. Foi sempre un entusiasta da maquinaria e conta cun parque moderno. “Temos boas máquinas. Aquí a maquinaria aquí aprovéitase pouco e cando se cambia un apero desfacémonos do vello. Eu o que non quero é ter chatarra aparcada na casa. A maquinaria que temos está toda en uso. Se tes unha máquina parada cando a vas usar sempre falla; aínda fallan as novas para canto máis as vellas se están paradas. As campañas son moi curtas e tes que estar cuberto”, di.

O que non quero é ter chatarra vella aparcada na casa; a campaña é moi curta e tes que estar cuberto

Fan eles todos os traballos agrarios, agás o picado do millo para ensilar, que contratan a empresas externas, polo que a explotación dispón dun amplo parque de maquinaria con máquinas de última xeración dotadas de tecnoloxía de agricultura de precisión.

O ano que vén teñen previsto cambiar, por exemplo, a sementadora por unha máis moderna, que poida aproveitar o guiado por GPS do tractor e que inxecte mellor o gran na terra, con corte de liñas para evitar os solapes nas cabeceiras.

Materias primas directamente desde o porto

GANDERIA FONTIXON SL (Castro de Rei) vacas en producionContan con carro mesturador propio para a elaboración das distintas racións de alimentación do gando, tanto das vacas en produción como das secas e a recría. A das vacas en lactación leva 30 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba e 11,5 kg de concentrado.

“A colza e a soia vén directa desde o porto para un silo que temos e despois facemos unha mestura coa fariña de millo e cos correctores”, explica Juan, que se encarga de elaborar as distintas racións diarias, unha única para as vacas en produción e outras diferentes para as vacas secas e a recría.

“Cada vez vemos máis xente nova interesada en continuar nas explotacións”

Andrea, cunha das vacas da explotación

Andrea, cunha das vacas da explotación

María ten 20 anos e Andrea 18. As dúas estudan Enxeñería agrónoma na Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo ao tempo que dan o paso á súa incorporación a explotación.

Aseguran que notan cada vez máis interese en mozos e mozas da súa idade por coller o relevo nas granxas, aínda que na súa carreira son minoría os alumnos e alumnas que teñen explotación na casa. “Dos 30 que somos no meu curso menos de 10 procedemos dunha gandería”, explica María.

María e Andrea son habituais dos concursos de preparadores e manexadores de gando

Están tamén a formarse como preparadoras e manexadoras de gando. A afección polos concursos veulles tras acudir aos encontros formativos de preparadores e manexadores que organiza o Clube de Xovenes Gandeiros de Galicia e logo ás Escolas de Conafe.

Iso abriulles as portas a participar en certames internacionais. “Levamos dous anos indo a Bélxica e tamén a Italia. A experiencia é moi boa”, destacan as dúas.

Mellorar patas, ubres e estrutura

GANDERIA FONTIXON SL (Castro de Rei) vacas en producion2Son xa María e Andrea as que se encargan xa de seleccionar os touros e a fixar os obxectivos da mellora xenética da granxa. “Buscamos touros que sexan bastante bos a tipo para mellorar patas, ubres e estrutura leiteira”, contan.

Aínda que teñen previsto medrar a curto prazo, non están a utilizar masivamente seme sexado este momento, xa que “nalgún momento que o usamos non nos ía ben de todo porque nos baixaba a fertilidade”, recoñece María. Por iso, están a utilizar case todo seme convencional.  

Do control reprodutivo encárgase a cooperativa Aira

Seguen facendo tamén algún cruzamento, seguindo o método de inseminación rotatorio Procross, que combina as razas frisoa, montbeliard e roja sueca. “Seguímolo facendo pero en menor medida ca antes”, di. Poñen tamén algo de carne nas vacas repetidoras.

A importancia de saber dirixir e saber delegar

Juan e Julia sempre animaron ás súas fillas a continuar na granxa e a formarse para tomar o relevo. “É máis imprescindible dirixir ca traballar e para os que vimos dunha granxa pequena que foi medrando saber mandar e delegar non é fácil, porque queres facer ti todo e non pode ser. Se estás a todo e andas ao tolo nin controlas unha cousa nin a outra. A organización do traballo nunha granxa é fundamental, máis aínda a medida que van medrando”, recoñece Juan.

“Se non tes quen saiba facer o carro, na campaña cando empezas a traballar son xa as 11 da mañá. E sacar purín, por exemplo, leva unha semana se non andas algo seguido”, exemplifica. “E sempre che pode pasar algo, por iso é importante estar cuberto en todas as áreas da explotación e ter a alguén que saiba facer ese traballo ”, defende.

A curto e medio prazo, din, o futuro da explotación pasa porque María e Andrea se incorporen plenamente á actividade tras finalizar os seus estudos. Logo da fase de crecemento sostido vivido nas últimas décadas, o obxectivo de Fontixón SL é agora incrementar a produción por vaca máis que aumentar o número de animais. Para iso, ademais de instaurar o terceiro muxido, pretenden gañar eficiencia tanto a nivel xenético como na produción forraxeira. “Nunha granxa como a nosa quizais sexa máis rendible aumentar a produción por vaca máis que o número de cabezas”, razoan María e Andrea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información