Gandería Fonchave, diversificación na montaña lucense

A explotación de Amable Fernández e Begoña González, ubicada en Becerreá (Lugo), conxunta un cebadoiro de becerros, o manexo en extensivo de 200 vacas limusin coas súas crías e a produción de queixos do Cebreiro

Gandería Fonchave, diversificación na montaña lucense

O gando permanece nas praderías todo o ano, incluso durante as nevadas.

O cebadoiro que Amable Fernández xestiona en Becerreá (Lugo) naceu a comezos dos anos 80 como continuación dunha pequena explotación familiar de vacún. Amable lembra aínda cando meteu os primeiros becerros nunha corte que pouco máis grande era que un cuarto. “Cando vin os becerros alí metidos, pensei ‘A ver como damos saído adiante”, conta. A explotación dispón na actualidade de tres naves de cebo e produce arredor de 900 animais ó ano.

“Comecei na gandería porque gustábame traballar cos animais. A partir daí foron xurdindo cousas e sempre pensei en diversificar”

A actividade de cebo compleméntase cun rabaño de 200 vacas limusín manexadas en extensivo coas súas crías, así como coa produción de queixos do Cebreiro a partir dun pequeno rabaño de pardas alpinas. “Comecei na gandería porque tiña claro que me gustaba o traballo cos animais. A partir daí foron xurdindo cousas e fómonos adaptando ás circunstancias. Sempre pensei que era importante diversificar”, destaca Amable para explicar a evolución que experimentou a súa granxa.

Cebadoiro
O cebo dos becerros foi a primeira actividade da Gandería Fonchave e continúa a ser a súa orientación principal. O cebadoiro conta con tres naves, unha primeira de recepción, dividida en boxes individuais, na que entran os xatos mamóns e saen un par de semanas despois do destete, e outras dúas naves, divididas en corrais, nas que se reparten os animais por lotes o máis homoxéneos posibles en tamaño.

O coidado dos animais, tanto a nivel sanitario, coas correspondentes vacinas, como a nivel das condicións ambientais na granxa, é unha das claves de manexo nas que incide Amable. “Os animais son como as persoas. Agradecen moito que os trates ben”, compara.

Cebadoiro de Gandería Fonchave, durante unha visita organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Cebadoiro de Gandería Fonchave, durante unha visita organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Na nave de recepción, as condicións de temperatura e humidade están controladas, a fin de lograr o mellor ambiente. Procúrase non baixar de 14º e no caso de nevadas ou fríos extremos no exterior, actívase un sistema de calefacción. Os animais dispoñen ademais de cama de palla.

“As primeiras semanas dos animais son moi importantes e estes animais que nos chegan precisan de moito coidado. Non son como os becerros de vacas nodrizas, que están coa súa nai, toman o calostro e poden aguantar en campo peores condicións”, explica Amable.

As condicións de temperatura e humidade están controladas. En caso de fríos extremos, actívase a calefacción

En canto se destetan, os becerros pasan a algunha das outras dúas naves, onde se reparten en lotes inicialmente de 25 animais, que logo irán reducíndose. O chan das naves de ceba é emparrillado, a fin de reducir custos e facilitar o manexo.

“Non deixo de pensar que os becerros en cama están mellor, pero en Galicia temos o problema do transporte da palla. Hai campañas que está a prezo razonable, pero outros anos está moi cara. O problema vén do transporte desde a Meseta, que encarece moito. Nos cebadoiros de Castilla poden ter os animais en camas de palla porque o custo da palla é moito menor”, compara Amable.

Alimentación
A alimentación dos becerros faise a base de pensos, palla e herba seca, estando a distribución do penso automatizada a través dun sinfín que conecta os silos cos comedeiros.

Os animais sacrifícanse antes dos 10 meses, tal e como obriga o regulamento da IXP Ternera Gallega. “Os sacrificios concéntroos no verán e no outono. Do 15 de xaneiro ó 15 de maio practicamente non teño becerros para sacar, xa que é cando hai menos demanda”, destaca Amable.

Da comercialización encárgase a asociación de cebadoiros Proterga, que agrupa a explotacións da provincia de Lugo e que preside o propio Amable.

fonchave 4

Gando limusín en condicións de media montaña

A actividade do cebadoiro compleméntase coa cría de vacas en extensivo. Fonchave conta na actualidade cun rabaño de 200 limusinas, que manexa en oito grupos. O gran problema da zona é a excesiva parcelación do terreo. “A maioría das parcelas que temos están entre 1 e 3 hectáreas e as máis grandes non pasan das 5 hectáreas. Fomos agrupando algo entre veciños e melloramos, pero non é suficiente”, recoñece Amable.

As terras de Fonchave, que suman 90 hectáreas, destínanse ben a pastos, nas parcelas pechadas e con bebedoiros, ben a herba seca e silo de herba. Non se cultiva millo, se ben Amable considera que de dispoñer de máis superficie, podería ser interesante elaborar silo de millo para o acabado das vacas de desvelle.

Manexo dos partos
A explotación traballa desde os comezos coa raza limusín e foi crecendo pouco a pouco a partir da recría propia ata chegar ás 200 vacas actuais. “A raza limusín fai canais de boa conformación, sobre todo en perna e lomos. Son vacas ademais que se defenden ben en zona de montaña, a 900-1.000 metros, e que son moi boas nais. Teñen unha ubre moi fina e recollida que facilita que o becerro mame ben”, explica Amable. “Outro dos aspectos fundamentais é que trátase dunha das razas que máis facilidade de parto teñen. No 99% dos partos non hai problemas”.

As vacas, que están de xeito permanente nas praderías, revísanse alomenos dúas veces ó día e estase pendente dos partos, aínda que a maioría non precisan atención. “Ao principio metía touros limusíns de moi boa conformación e tiña problemas. Agora os touros elíxoos de menor conformación e os animais nacen máis pequenos, polo que en xeral non hai problemas”.

Tolva de alimentación.

Tolva de alimentación.

A gandería fai un manexo mixto da cubrición das vacas. Unha parte insemínase e outra parte cúbrese cos touros. “Cos lotes que manexamos con touros, metemos os touros tres meses, dous touros en cada grupo. En xeral, orientamos a maioría dos partos para a segunda metade do ano, a fin de que os becerros saian ó mercado cando hai máis demanda e mellores prezos”.

Cría nos pastos
Os animais pasan sete meses e medio nos pastos e cébanse os últimos dous meses, comercializándose co selo de Ternera Gallega Suprema. “Unha das cuestións importantes no manexo é que na finca os animais teñen todo o alimento que precisan. Sempre lles teño unha tolva con penso e a partir dos 3 meses os becerros xa se comezan a meter no comedeiro. Con sete meses están perfectos, non se sabe se o animal estivo dentro ou fóra. Logo, os dous últimos meses, fago un cebo semilibre. Teñen un cobertizo e cama, pero dispoñen dun patio grande para estar fóra”, describe Amable.

“Hai ás veces o comentario de que os xatos que están fóra engraxan pouco, pero con que se rematen dous meses, teñen suficiente graxa. Igual consumen algo máis de penso para coller o mesmo peso, pero compénsase coa calidade do animal. Non teñen case problemas, están vacinados e cando se meten para cebar xa están preciosos”.

fonchave 1

Precaucións no inverno
Na zona de Becerreá, caracterizada pola media montaña, os pastos escasean durante 4-5 meses ó ano, polo que a explotación fai eses meses unha distribución máis importante de alimento para vacas e becerros, con aporte de silo de herba e forraxes mercadas (avea, veza, palla de cebada, etc.), xa que a explotación carece de superficie para producir suficientes alimentos propios para o rabaño.

A granxa dispón dunha nave na que recoller ós animais con problemas ou, na invernía, ás vacas con crías tras o parto

Durante a invernía, a granxa tamén recolle para unha nave ós animais que presentan algún problema ou en ocasións, tamén a vaca e a súa cría tras un parto. “En xeral, os animais poden estar sempre fóra, pero se o parto coincide nunha época de inverno con moita neve ou temporais, desto que bota dúas semanas chovendo sen parar, intentas quitar a vaca e á cría, xa que temos os pastos moi ó descuberto e os animais quedan moi expostos”, sinala Amable. “Ter os animais no campo non quere dicir telos abandonados. Son seres vivos e hai que estar pendentes”, conclúe.

Vacas de desvelle
Con parte das vacas de desvelle, Fonchave practica un cebo intensivo, suministrándolles cereais, se ben Amable precisa que é unha actividade para a que se precisaría unha maior produción de forraxes propias, a fin de reducir custos. “O cebo de vacas ou bois ten uns custos e no caso dos bois, pensa que tes que estar como mínimo catro anos criando ó animal castrado antes de facer o cebo final e o sacrificio. Estás investindo uns cartos que tardan en ter retorno e hai que ter liquidez para aguantar”, advirte.

Amable incide na escasa rendibilidade da venda de carne. “Se as explotacións aguantan é polas axudas porque a venda de carne deixa menos marxe que hai 30 anos. Estamos vendendo igual que hai 30 anos e os gastos son maiores porque estamos máis profesionalizados. Tamén hai que pensar que os 60 euros de hoxe non son igual que as 10.000 pesetas de hai 30 anos”, valora.

O traballo que require a gandería é outra das cuestións sobre as que incide o gandeiro. “Nós temos un empregado e podemos organizarnos, pero as ganderías pequenas teñen que adicarlle tempo ós animais os 365 días do ano”, sinala.

Queixos do Cebreiro e de leite crú

queixos begoña

A explotación complétase cun pequeno rabaño de vacas pardo alpinas e cruces, orientadas á produción de queixo do Cebreiro, unha actividade da que se encarga Begoña González, que profesionalizou a tradición familiar de elaboración de queixos que herdou da súa avoa e da súa nai. “Fixemos unha fábrica pequena, con rexistro sanitario, e producimos 20-22 quilos de queixo ó día” -contan.-A maioría vendémolos aquí e o resto en establecementos da comarca e de municipios próximos como Ponferrada”.

Para a produción de queixos decantáronse pola raza pardo alpina e polos seus cruces. “É unha raza boa para zona de montaña e que dá por termo medio entre 12-14 litros ó día, entre os dous muxidos. É un leite bo, con graxa alta, que pode chegar ó 5%, e que dá moi boa calidade para facer queixos”, destacan.

A queixería produce o queixo da denominación de orixe Cebreiro, feito con leite pasteurizado e envasado ó baleiro, e tamén o que consideran o auténtico queixo do Cebreiro, elaborado con leite cru, sen envasar ó baleiro e curado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información