“A gandería extensiva vese moi tensionada, necesitamos un pastoreo de precisión””

Cambio climático, presión económica e sustentabilidade medioambiental condicionan os sistemas de pastoreo bovino. Un escenario complexo que se pode afrontar de xeito eficiente combinando a experiencia das granxas coas novas tecnoloxías. É a conclusión de Javier Álvarez, enxeñeiro técnico agrícola, que pon o foco na busca de posibilidades para o sector que aínda están sen explorar

JESUS ALVAREZ

Como xestionar mellor os recursos forraxeiros e as parcelas de pastoreo?. Ferramentas como o uso de satélites, sensores de actividade animal ou valados virtuais poden servir de apoio á experiencia das granxas e facilitar a toma de decisións nas explotacións extensivas de vacún. 

Así o explicou o Enxeñeiro Agrónomo e profesor da área de Produción Animal de Universidade de Zaragoza Javier Álvarez. Fíxoo durante a súa intervención no congreso da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE), que tivo lugar en Valladolid, onde destacou que as novas ferramentas permiten estimar a oferta real de herba, detectar áreas infrautilizadas e axustar dinamicamente a carga gandeira.

Contexto

O especialista comezou recalcando que “os casos prácticos nos que se traballou mostran como a combinación entre a medición obxectiva da oferta (a herba), a análise da estacionalidade e as tecnoloxías de apoio supoñen un marco integrado para avanzar cara a sistemas pastorais máis eficientes, resilientes e baseados en datos.”

O pastoreo tradicional ten que evolucionar a modelos baseados en análise de datos, modelos de crecemento e tecnoloxías de precisión

Para Álvarez, a importancia da gandería extensiva transcende a produción de alimentos, xa que contribúe ao mantemento de paisaxes culturais, á conservación da biodiversidade e a redución do risco de incendios mediante o control da biomasa.

O cambio climático e as tensións económicas condicionan o futuro da gandería bovina extensiva

O cambio climático e as tensións económicas condicionan o futuro da gandería bovina extensiva

“Pero os modelos tradicionais de manexo do pasto vense tensionados pola crecente variabilidade climática, a necesidade de reducir a dependencia de insumos externos e as novas normativas ambientais, como o ecorrexime de pastoreo extensivo recollido no Real Decreto 1048/2022.”, dixo.

Outros problemas que asoman no sector son a escaseza de man de obra e a irregular dispoñibilidade de ferramentas dixitais que permitirían monitorizar o pasto e o comportamento animal cunha precisión case total.

Así, a xestión do pastoreo require dunha transición dende enfoques baseados na experiencia cara sistemas apoiados en datos, modelos de crecemento do pasto e tecnoloxías de precisión. Por eso, na súa ponencia Álvarez combinou fundamentos ecolóxicos, caracterización de recursos forraxeiros, deseño de sistemas de pastoreo e innovacións tecnolóxicas aplicadas ao manexo.

Condicionantes biolóxicos e físicos

“O clima é o principal determinante da produtividade dos pastos. A precipitación anual e a súa distribución estacional condicionan a cantidade de biomasa, a duración do período de crecemento e a capacidade de rebrote.”, explicou Álvarez.

Os mapas de precipitación de Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) do ano pasado amosan claras diferencias entre zonas atlánticas húmidas, mediterráneas subhúmidas e mediterráneas secas. Cada unha con produtividades moi distintas.

O cambio climático e outros condicionantes obrigan a reaxustar as cargas gandeiras e a buscar reservas de pastos e forraxes

“Nas zonas mediterráneas secas, a limitación hídrica é tan marcada que a carga gandeira sustentable depende da capacidade de almacenar forraxes ou acceder a superficies comunais de maior altitude.” Por ese motivo, incluso con especies adaptadas e fertilización adecuada, as cargas gandeiras quedan en valores moi baixos se non se lles aportan concentrados.

Por outra banda, o solo regula a dispoñibilidade de nutrientes, a retención de auga e a aptitude das especies forraxeiras. “O pH condiciona a presenza de gramíneas ou leguminosas e determina a resposta á fertilización. A textura e a materia orgánica inflúen na capacidade de retención hídrica e na resiliencia do sistema.”

En prados de montaña -como as comarcas de Os Ancares e Fonsagrada- os valores elevados de materia orgánica favorecen a estabilidade do sistema, mentres que en zonas intensivas a súa redución limita a capacidade produtiva.

A "regla verde" é unha ferramenta visual para manexo de pastos desenvolvida polo Instituto Nacional de Investigación Agropecuaria de Uruguay

A “regra verde” é unha ferramenta visual para manexo de pastos desenvolvida polo Instituto Nacional de Investigación Agropecuaria de Uruguay

Álvarez falou tamén da radiación e a fisioloxía fotosintética. “As especies C3 (gramíneas e leguminosas que realizan unha fotosíntese eficiente en condicións de luz e temperaturas moderadas) dominan en climas temperados e ofrecen alta calidade nutritiva, aínda que son sensibles ao estrés térmico.”

As especies C4 (cereais e pastos moi eficientes no uso da auga) presentan maior eficiencia fotosintética e mellor tolerancia a altas temperaturas, o que as converte nun recurso estratéxico para manter a oferta de pasto durante o verán. En España, o número de meses de aproveitamento real do pasto oscila entre 4 e 10 meses ao ano, dependendo do clima e a altitude:

– Zonas atlánticas húmidas: O pastoreo pode manterse durante 8–10 meses

– Áreas mediterráneas secas: Redúcese a 4–5 meses, cunha forte dependencia da suplementación estival

– Sistemas de montaña: O aproveitamento de pasto estival concéntrase en 3–4 meses, complementándose con prados de val na primavera e no outono

“A composición do pasto tamén inflúe na calidade nutritiva, a taxa de rebrote e a biodiversidade. As leguminosas achegan proteína e fixan nitróxeno, pero son máis sensibles ao pastoreo intenso. Estudos recentes confirman esta maior sensibilidade e destacan a necesidade de manexar alturas residuais máis elevadas e tempos de descanso meirandes.”, constatou Álvarez.

A elevada variabilidade interanual dos pastos obriga a axustar a carga gandeira con marxes amplas e dispoñer de superficies complementarias, como montes comunais ou rastroxeiras. Por contra, os prados sementados ofrecen maior estabilidade e calidade, especialmente en zonas húmidas ou con regadío.

A produtividade e rendibilidade das explotacións son cada vez máis dispares en función de que zona climática se trate

Gramíneas como o raigrás inglés ou italiano e a festuca, xunto con leguminosas como a alfafa ou o trevo branco, permiten obter producións elevadas, aínda que requiren un manexo coidadoso do pastoreo para manter a persistencia das leguminosas. “E as leguminosas melloran a calidade proteica do pasto e reducen a necesidade de fertilización mineral nitroxenada.”

No tocante a cultivos herbáceos anuais (centeo, triticale ou mesturas de veza e avea) achegan flexibilidade e permiten cubrir déficits estacionais. A fixación de nitróxeno nestas mesturas pode acadar valores significativos, especialmente en regadío.

Os sistemas extensivos de montaña van precisar de lugares de reserva de pastos, segundo Álvarez

Os sistemas extensivos de montaña van precisar de lugares de reserva de pastos, segundo Álvarez

Por outra banda, as gramíneas C4 como teff, sorgo, pasto do Sudán e millo miúdo perla permiten manter a oferta de pasto durante o verán, cando as C3 entran en parada vexetativa. A súa eficiencia hídrica convérteas nun recurso clave en zonas mediterráneas.

Técnicas e ferramentas de pastoreo

“O pastoreo continuo caracterízase pola súa simplicidade, pero xera unha heteroxeneidade extrema no uso do pasto, reduce a capacidade de rebrote e diminúe drasticamente a calidade nutritiva a longo prazo”. Mentres que o pastoreo rotacional mellora a distribución do uso do pasto, a calidade nutritiva e a persistencia das leguminosas.

O pastoreo en celas representa a forma máis intensiva e controlada do pastoreo rotacional. “Estudos comparativos mostran que pode duplicar a produción anual de pasto respecto ao pastoreo continuo, sempre que exista unha capacidade de rebrote suficiente e unha correcta asignación dos tempos de descanso.”

Os paneis fotovoltaicos nos pastos aportan sombra, co cal mellora o benestar animal, redúcese a evaporación e aumenta a produtividade

Sexa cal sexa o modelo, a entrada en pasto das vacas recomendada sitúase arredor dos 10–12 cm de altura da vexetación e a saída nos 4–6 cm, seguindo criterios amplamente validados na literatura científica.

Álvarez mencionou tamén as innovacións tecnolóxicas aplicadas ao pastoreo . Por exemplo, a técnica agrivoltaica, é decir, a integración de paneis fotovoltaicos en áreas de pastoreo. “Achegan sombra artificial, melloran os parámetros de benestar animal e poden aumentar a persistencia do pasto en zonas especialmente secas grazas á redución da evapotranspiración.”

Os tradicionais peches e arames tenden a ser substituídos por sistemas dixitais de control

Os tradicionais peches e arames tenden a ser substituídos por sistemas dixitais de control

Respecto do valado virtual, o profesor sinalou que permite xestionar o espazo e a parcelación sen necesidade de recorrer a barreiras físicas. Son sistemas que funcionan mediante coleiras dotadas de GPS que emiten sinais acústicas disuasorias e, en última instancia, estímulos eléctricos leves.

“Ademais están en auxe os sensores de actividade e GPS. Os biosensores e crotais intelixentes permiten monitorizar o comportamento animal en tempo real, facilitando a detección precoz de problemas sanitarios e optimizando o deseño de parcelas dinámicas. E destaca a súa utilidade crítica para axustar cargas instantáneas e mellorar os índices de eficiencia do pastoreo”.

As novas tecnoloxías permiten superar dificultades como a falta de man de obra ou a imposibilidade de controlar o gando en extensións grandes ou de difícil acceso

Outra opción é a teledetección satelital, que se converteu nunha ferramenta estratéxica para monitorizar o vigor vexetal, estimar a biomasa dispoñible e anticipar déficits forraxeiros estruturais. “Permite identificar picos de crecemento, estrés hídrico latente e zonas infrautilizadas en superficies amplas.”

Tamén hai ferramentas comerciais como At-farm (Yara) que facilitan a interpretación de índices de clorofila e a planificación da fertilización nitroxenada variable. Ou modelos baseados en aprendizaxe automática que posibilitan predicir a produtividade e a calidade de prados de montaña con alta precisión, abrindo a porta a sistemas de manexo do territorio baseados en datos empíricos.

Casos prácticos en España

Os sistemas de pastoreo de vacún en España presentan unha gran diversidade en canto a superficie dispoñible, produtividade do territorio, acceso a montes comunais e estacionalidade do crecemento do pasto.

“Esa variabilidade obriga aos gandeiros a integrar información sobre oferta forraxeira, cargas gandeiras, cálculo de racións, autonomía alimentaria e estudos económicos para tomar decisións fundamentadas.”, subliñou Álvarez.

A carga gandeira global calcúlase en función do número de días de ocupación e do tamaño do rebaño. Na seguinte táboa detállase o comportamento da carga nun sistema base de 75 vacas:

TABOA PASTOREO

“Aínda que a carga gandeira global aumenta co número de días de ocupación, a produtividade do pasto non crece indefinidamente. Existe un limiar a partir do cal o incremento da carga non se traduce nun aumento proporcional da produción, senón nuhna maior dependencia de insumos externos.” Na práctica, esta dependencia volvese estrutural a partir de 0,5 vacas por hectárea en sistemas de pasto mediterráneo.

Non é posible ter unha carga gandeira superior a unha vaca por hectárea se non producimos 6 toneladas de materia seca nesa hectárea

O profesor sinalou que en moitas zonas de montaña, as explotacións de vacún de carne dispoñen dunha superficie propia limitada, pero contan con acceso a grandes extensións comunais de pasto nos portos estivais. As produtividades medias dos distintos tipos de superficie reflicten a forte heteroxeneidade do territorio:

– Zonas de val (prados): Rendementos elevados arredor das 6 t MS/ha·ano (toneladas de Materia Seca), constituíndo a base forraxeira máis estable e nutritiva

– Superficies forestais: Produtividade máis modesta, próxima ás 2 t MS/ha·ano

– Portos de montaña: Rendementos reducidos de arredor de 1,2 t MS/ha·ano, debido ás limitacións climáticas, a altitude e a curta duración do período vexetativo

“Un exemplo típico é unha explotación con 5 ha de prado de alta produtividade, 10 ha de superficie forestal e 135 ha de porto comunal. A combinación destes recursos xera unha oferta total anual próxima ás 212 toneladas de MS, o que permitiría soster teoricamente unhas 106 unidades de gando maior (UGM).”

Pero ao considerar a estacionalidade e a variabilidade climática, a capacidade sustentable real sitúase entre 70 e 80 vacas. “A clave do manexo consiste en aumentar a carga gandeira instantánea durante a primavera, cando o pasto de val acada o seu máximo vigor, e desprazar o rabaño cara ao porto no verán, cando os prados de fondo de val entran en parada vexetativa.

Álvarez puxo énfase na necesidade de reaxustar as cargas gandeiras nun contexto de cambio dos pastos

Álvarez puxo énfase na necesidade de reaxustar as cargas gandeiras nun contexto de cambio dos pastos

Outro aspecto fundamental para Álvarez é o cálculo de racións e tempos de repouso en pastoreo rotacional. Estímase que cada centímetro de altura do pasto equivale aproximadamente a 275 kg de MS por hectárea. Nun exemplo práctico, unha parcela cunha oferta inicial de 1.300 kg de MS por hectárea (equivalente a uns 8 cm de altura útil de pastoreo) ofrece as seguintes capacidades de mantemento:

– Vacas xestantes (Consumo 10,8 kg MS/día): Considerado un rexeitamento técnico do 30%, a oferta necesaria por vaca ascende a 17,2 kg diarios. Nestas condicións, un lote de 75 vacas consumiría a oferta dunha hectárea nun só día

– Vacas lactantes (Consumo 13,2 kg MS/día): Requiren asignacións maiores por xornada, acurtando os tempos de estancia por parcela

Os tempos de repouso das parcelas dependerán directamente da taxa de rebrote biótico: cun crecemento de 40 kg MS/ha·día, o repouso necesario é de 33 días. Cunha taxa de rebrote de 70 kg MS/ha·día, o repouso requirido baixa a 19 días. Nunha primavera húmida, os intervalos entre pastoreos sitúanse entre 21 e 28 días, mentres que nun verán seco poden alargarse ata os 60 días.

A “regra verde” establece que cada centímetro de altura do pasto equivale a 275 kilos de materia seca por hectárea

“En calquera caso, non é posible aumentar a carga gandeira global máis alá de 1 UGM por hectárea ao ano cando a produtividade xeral é inferior a 6 t MS/ha. Neste contexto, pasar de 0,1 a 0,5 vacas/ha·ano multiplica por catro os custos de alimentación, mentres que superar a barreira de 1 vaca/ha·ano só é viable en sistemas intensivos con fertilización severa do pasto e suplementación en pesebre continua.”

Conclusións

Así pois, o profesor Álvarez considera que “a xestión moderna do pastoreo na Península Ibérica require integrar coñecemento ecolóxico, ferramentas cuantitativas e tecnoloxías de precisión para afrontar un escenario marcado pola variabilidade climática, a presión económica e as exixencias ambientais.”

A teledetección satelital, os sensores de actividade, os colares GPS ou os valados virtuais permiten monitorizar o crecemento do pasto, identificar áreas subutilizadas ou degradadas e deseñar sistemas rotacionais baseados en datos reais. Esas tecnoloxías deben ser implementadas e aproveitadas ao máximo.

A intervención do profesor Álvarez tivo un amplo seguemento no congreso de ANEMBE

A intervención do profesor Álvarez tivo un amplo seguemento no congreso de ANEMBE

“Os casos prácticos analizados mostran que a capacidade de carga non depende só das hectáreas dispoñibles, senón da produtividade real do territorio, a súa estacionalidade, a composición botánica, a capacidade de rebrote e a eficiencia do manexo.”

A gandería extensiva está en retroceso en todo o mundo pero hai ferramentas para reverter esa situación

Así, en zonas húmidas, o reto é xestionar o exceso de crecemento primaveral que dá lugar a perdas de calidade. E en zonas mediterráneas secas, o desafío é meirande para asegurar a dispoñibilidade de pasto durante os críticos meses de verán e outono.

“A carga gandeira global é o indicador clave para a sustentabilidade económica e ambiental. Aumentala por riba da capacidade produtiva do territorio leva a unha dependencia estrutural de insumos externos, incrementando os custos de alimentación e reducindo a rendibilidade neta.”

Os sistemas de pastoreo rotacional intensivo, especialmente o pastoreo en celas, permiten aumentar a produción anual de materia seca, mellorar a calidade do forraxe e favorecer a biodiversidade, sempre e cando se respecte escrupulosamente o tempo de rebrote necesario antes do retorno dos animais.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información