Nos últimos tempos os gandeiros europeos están a asistir con incredulidade a unha campaña de linchamento da súa actividade ante a opinión pública. Hai unha clara fronte de intereses en contra da produción de leite e de carne para, entre outras cousas, substituílos no mercado da alimentación mundial por distintos derivados e sucedáneos vexetarianos. Fenómeno que vai mover miles de millóns de euros nos próximos anos e que para poder triunfar, precisa convencer á opinión pública, ao cidadán e consumidor, de que a actividade gandeira é mala e ata inmoral.
Aínda que nesta campaña mestúranse moitas mensaxes tendenciosas e medias verdades, hai unha delas que destaca por ser especialmente perniciosa, ao aludir á preocupación polo cambio climático: referímonos aos danos que supostamente estarían a causar ao clima as emisións de dióxido de carbono e metano que se orixinan no metabolismo do gando (especialmente o vacún). É este o aspecto que analizaremos neste artigo.
En concreto acúsase o gando de ser un factor fundamental para acumular na atmosfera de forma non sostible dióxido de carbono e metano, primeiro co seu metabolismo e despois na descomposición microbiana dos xurros do gando.
Esta acusación é insostible desde o punto de vista científico. Como veremos, aínda que non houbese nin unha soa cabeza de gando no planeta, a biomasa vexetal descomporíase igualmente pola acción microbiana (ou polo lume) para devolver á atmosfera dióxido de carbono e metano. Con gando ou sen gando, este carbono orgánico devólvese sempre á atmosfera cun balance neto cero. Fenómeno totalmente natural e necesario para a reciclaxe constante do carbono entre a biota e a atmosfera.
Obviamente, este escenario é coñecido pola comunidade científica, pero o grave é que non se ten en conta nas institucións políticas á hora de fixar axendas e medidas de control de emisións á atmosfera. Así en informes, estatísticas, normativas, e propostas de control preséntanse en pé de igualdade as emisións do metabolismo da gandería coas de calquera combustible fósil, cando as primeiras nunca teñen un efecto acumulativo de dióxido de carbono na atmosfera, e as outras si.
Iso presenta ante a sociedade de forma interesadamente torcida a actividade da gandería e dos gandeiros, cuxo papel na alimentación global e a conservación da contorna é insubstituíble e hai que reivindicar.
O caso do dióxido de carbono CO2
É fácil de entender que cando se queima un combustible fósil, ben sexa gas, carbón ou un derivado do petróleo, esta combustión, se é completa, producirá dióxido de carbono máis auga, como nos ensinaron na química elemental da escola. Isto si que certamente incrementa o balance neto de dióxido de carbono na atmosfera, pois carbono que non estaba na atmosfera, senón na cortiza terrestre como carbón, petróleo ou gas, pasa á atmosfera tras a súa combustión en forma de dióxido de carbono gaseoso.
E aumenta así a concentración neta de CO2 atmosférico, polo que tamén aumentarán en forma proporcional calquera dos efectos que poida ter este gas sobre o quecemento global e o cambio climático.
Calquera dióxido de carbono que emita unha res procede da degradación química dun vexetal que previamente inxeriu. E de onde obtivo o vexetal o carbono que pasou ó animal en forma de alimento?. Da atmósfera, de onde foi captado pola fotosíntese
Agora ben, calquera dióxido de carbono que poida emitir o metabolismo dunha res gandeira, procede da degradación química dun alimento que previamente inxeriu este animal na súa dieta. E de onde procedía este alimento?. Dun vexetal. E de onde obtivo o vexetal o carbono que pasou ao animal en forma de alimento?. Pois procedía da atmosfera, de onde foi captado pola fotosíntese.
A actividade metabólica do animal, por tanto, non fai máis que devolver á atmosfera o que previamente a planta quitara dela, nun circuíto pechado de balance neto cero. O mesmo vale para o carbono que é emitido á atmosfera na descomposición microbiana de dexeccións do gando, pois as dexeccións non son senón restos vexetais parcialmente metabolizados.
O gando só devolve á atmósfera un dióxido de carbono que xa estaba antes nela
Por tanto, é imposible, repitamos, imposible, que o metabolismo de calquera animal, ou a degradación microbiana das súas dexeccións aumenten o balance neto da concentración de CO2 na atmosfera: a gando vía metabolismo, ou pola degradación dos xurros polos microorganismos do chan, unicamente devolve á atmosfera un CO2 que xa estaba antes nela, e de onde o retirou provisionalmente a fotosíntese da planta que lle serviu como alimento ao animal.
O caso do metano
Acúsase os ruminantes domésticos de contribuír ao quecemento global mediante a acumulación irreversible na atmosfera do gas metano ou CH4, que se xeran tanto no metabolismo fermentativo do rume, como na degradación dos xurros. Que hai de certo nisto?
É certo que o metano se produce no rume dos ruminantes durante a pre dixestión microbiana da fibra vexetal inxerida, e tamén durante a degradación microbiana dos xurros do gando en ausencia de osíxeno (por exemplo en fosas sépticas de tratamento anaerobio de xurro, ou cando se aplican en solos encharcados sen osíxeno dispoñible).
E é tamén certo que desde o punto de vista de limitar un excesivo efecto invernadoiro, é preferible que o carbono volva á atmosfera en forma de CO2 e non de metano CH4, xa que unha molécula de metano ten ata 23 veces máis potencial de aumentar a temperatura da atmosfera que unha de dióxido de carbono (aínda que a súa concentración actual na atmosfera é 220 veces menor que a do dióxido de carbono).
Pero o que se adoita ocultar nestas informacións é que o metano na atmosfera non é máis que unha forma transitoria que adopta o carbono, pois como tamén aprendemos na química da escola, oxídase de forma espontánea reaccionando co osíxeno do aire, precisamente para dar CO2 e auga.
Co cal, non se pode acumular metano na atmosfera de forma indefinida, senón como moito durante o tempo que tarda en oxidarse de forma natural, que vén sendo, como nos din os químicos atmosféricos, duns 12 anos de media, pasados os cales ese carbono que estaba en forma de metano, volve estar en forma de CO2 na atmosfera, listo para ser captado novamente pola fotosíntese e comezar de novo un ciclo idéntico planta-animal-atmosfera, impulsado pola enerxía do sol.
Dito doutro xeito, o metano que produce a actividade gandeira nunca aumenta o balance neto da concentración de carbono na atmosfera. E nunca poderá acumularse na atmosfera un stock de metano superior ás emisións dos últimos 12 anos, xa que vai pasando paulatinamente por oxidación a CO2 e auga nese prazo, non existindo a suposta acumulación irreversible deste gas na atmosfera.
O metano, por tanto, é unha forma intermedia e transitoria do carbono na atmosfera, que finalmente se oxida a CO2. . Cando procede do gando, o balance neto atmosférico de concentración de carbono que xera é igual a cero.
A maiores destes argumentos, as fontes científicas consultables sobre emisión de metano á atmosfera recoñecen que só o 5% do mesmo estaría a ser emitido pola rumia dos aproximadamente 1.500 millóns de cabezas de ruminantes que se estima hai na actualidade no mundo. Reducir a cabana gandeira global actual, poñamos que nun drástico 50%, apenas reduciría as emisións deste tipo de metano á atmosfera un 2,5%. E iso supoñendo (que é moito supoñer) que na descomposición dos vexetais que deixasen de alimentar a este gando non se vai a producir ningún metano, o que é evidentemente falso, pois localmente no chan, sempre hai condicións anaerobias.
Impacto real da gandería nas emisións de carbono á atmosfera
De todo o exposto ata este momento, queda claro que unha planta que morra naturalmente e caia ao solo sen ser comida por un herbívoro, vai descompoñerse no chan pola actividade microbiana, de tal xeito que no medio prazo, o carbono dos seus tecidos e paredes vexetais vai volver á atmosfera en forma de CO2, ou de CH4 (dependendo das condicións de aireación do solo), cun balance neto de concentración de carbono na atmosfera, cero. Diferenza real, desde o punto de vista do balance neto do carbono atmosférico, en que esa descomposición vexetal fixérona os microorganismos do solo ou os do aparello dixestivo do gando? Cero. Ningunha.
É máis, é que é tal a potencia da fotosíntese a escala global no planeta que os ecosistemas terrestres e mariños, segundo nos ensinan os ciclos bioxeoquímicos dos científicos, retirarían todo o CO2 da atmosfera en apenas uns 10 anos, se o mecanismo de descomposición das plantas e resto de materia orgánica polos microorganismos, non o devolvese á atmosfera para iniciarse outro ciclo. Lonxe de estar ante un “problema”, estamos ante un mecanismo fundamental do funcionamento dos ecosistemas e do ciclo da reciclaxe dos nutrientes.
De feito, calcúlase que non hai agora máis ruminantes no planeta que fai apenas uns miles de anos, cando as mandas de herbívoros salvaxes enchían as planicies de América e África de xeito moito máis numeroso que hoxe en día. Antes os ruminantes eran animais salvaxes, hoxe fundamentalmente gando doméstico, pero cun número, de orde de magnitude, moi similar antes e agora.
Por tanto, o metano producido por rumia, veu sendo durante millóns de anos esencial para un correcto funcionamento do equilibrio térmico da atmosfera. O vilán haberá que buscalo no metano que proceda doutras actividades, non no que naturalmente leva circulando millóns de anos a partir do metabolismo dos ruminantes.
Repitamos a principal idea conceptual deste artigo: É absurdo, e conceptualmente falso, culpar á gandería de calquera incremento de carbono na atmosfera, xa que exactamente o mesmo dióxido de carbono captado previamente da atmosfera polas plantas na fotosíntese, volverá a ela a través do metabolismo animal cun balance neto cero: directamente como dióxido de carbono CO2, ou de forma transitoria como metano CH4, o tempo que tarda este último en oxidarse na atmosfera a CO2, periodo establecido polos científicos nuns 12 anos.
As emisións do gando teñen un balance neto cero. Querer facerlle crer á sociedade que o gando aumenta o carbono da atmósfera é unha falsidade que se divulga a propósito e que responde a intereses económicos e ideolóxicos
Se por impacto en emisións á atmosfera da gandería quérese indicar as emisións dos tractores, as fábricas de fertilizantes ou as dos camións ou barcos que transportan forraxes e produtos elaborados, estamos de acordo en que si existen, son reais e débense de minorar, como en calquera outro sector.
Pero querer facer crer á sociedade que o metabolismo dun animal incrementa a concentración de carbono na atmósfera, como si sucede coas emisións dun combustible fósil, cando as primeiras teñen balance neto cero e as segundas positivo, é unha falsidade, que se divulga a propósito, que marca inxustamente a axenda da loita contra o cambio climático, e que responde a intereses económicos e ideolóxicos moi concretos.