A gandería de vacún de carne urxe apoios para enfrontar a crise

Cada granxa perderá arredor de 7.000 euros este exercicio, segundo cálculos de Unións Agrarias. A organización pide axudas directas e unha reprogramación dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural para apoiar ó sector

A gandería de vacún de carne urxe apoios para enfrontar a crise

Gando de vacún en extensivo nos Ancares lucenses. / Arquivo.

As granxas de vacún de carne atravesan por unha crise complicada a raíz do coronavirus. Os prezos dos becerros inscritos en Ternera Gallega Suprema caíron arredor dun 10-15%, un problema ó que hai que sumar a ralentización na saída dos animais, o que obriga a mantelos máis tempo do previsto, aumentando custos. Unións Agrarias calcula que este ano cada granxa perderá de media arredor de 7.000 euros.

“É un escenario que pode levar ó peche a centos de granxas, que xa estaban ó límite da súa rendibilidade”, advirte o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. En Galicia quedan arredor de 10.700 granxas de vacún de carne, segundo os cálculos de Unións, que contabiliza ás ganderías con vacas nodrizas perceptoras das axudas da PAC.

Estas granxas xestionan en conxunto máis de 200.000 hectáreas de territorio e “son vitais para manter a actividade e previr incendios” na maioría de comarcas do interior galego, en especial nas provincias de Lugo e Ourense, explican desde a organización agraria.

Unións pide aumentar os pagos por hectárea nas agroambientais e na liña de Zonas con Limitacións Naturais, algo que permitiría Bruxelas

Por iso, Unións demanda un plan público que inclúa axudas directas da Xunta e a reprogramación dos fondos europeos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). Sobre a reprogramación do PDR, Unións pide destinar 11 millóns de euros para que se aumente un 33% o pago por hectárea na liña Agroambiente e Clima e na liña de Zonas con Limitacións Naturais. En Portugal, unha das medidas que adoptaron foi precisamente aumentar a cantidade de fondos destinada a zonas desfavorecidas (con limitacións naturais).

“Ese aumento dos pagos sería un reforzo de renda para as ganderías de carne que se atopan nas zonas de montaña da Galicia interior”, destaca Unións. Tal reprogramación achegaría 1.500 euros a maiores a cada granxa, segundo calcula a organización agraria, que pide tamén unha axuda directa extraordinaria superior ós 5.000 euros por gandería, de xeito que entre ambos apoios se cubran as perdas de 7.000 euros por granxa que calcula a organización agraria.

Roberto García.

Roberto García.

Unións lembra que os custos de produción en vacún de carne sitúanse entre 5,05 e 5,37 euros / Kg., segundo os cálculos do Ministerio, en tanto que na actualidade os becerros estanse vendendo a arredor de 4,20 euros. “Estase vendendo moi por baixo dos custos de produción. Haberá recuperación, pero será lenta, e se non chegan apoios, podemos estar ante unha desfeita no sector primario”, cuestiona Roberto García.

O secretario xeral de Unións sinala, por último, que o prezo da Ternera Gallega non baixase na distribución, polo que considera que a crise estana pagando en exclusiva os gandeiros. “Hai partes nobles dos animais, como os chuleteros, que están almacenados á espera de que a hostalaría recupere o ritmo de actividade, polo que matadoiros e industrias rematarán por comercializar toda esa carne e tampouco se verán afectados. As perdas nesta crise concéntranse no campo”, cuestiona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información