A gandería de vacún de carne reclama axudas polo coronavirus

O Sindicato Labrego solicítalle unha reunión á Consellería do Medio Rural para abordar as necesidades do sector. Pide tamén que a Consellería se pronuncie en contra do decreto ministerial sobre fertilización sostible, que prohibiría a aplicación de xurro co sistema de prato

A gandería de vacún de carne reclama axudas polo coronavirus

Concentración do Sindicato Labrego ante a Consellería do Medio Rural.

A Dirección de Vacún de Carne do Sindicato Labrego concentrouse hoxe ante a Consellería do Medio Rural en demanda de axudas para as ganderías. A organización agraria lembra que as arredor de 20.000 granxas de carne que hai censadas en Galicia veñen sufrindo desde hai meses unha seria caída dos prezos dos becerros, derivada das restriccións á hostelería polo coronavirus.

O Sindicato Labrego sinala que o problema xa foi abordado na reunión do Consello Agrario do pasado 16 de xuño, “pero tres meses despois a Xunta segue sen adoptar ningunha medida de apoio ó sector”, cuestionan.

En abril, maio e xuño, os prezos medios caeron arredor de 50 céntimos de media, sen que a penas se recuperasen nos meses de verán, segundo explica a organización agraria. “Entendemos que o peche e as restriccións da hostelaría influíu na baixada da demanda e, por tanto, no prezo da carne, pero tamén é certo que o consumo de carne dos fogares aumentou un 33% durante o peche da hostelaría, polo que pensamos que industria e distribución aproveitaron esta coxuntura para baixar os prezos máis do razonable”, critica o Sindicato Labrego.

As medidas propostas pola organización agraria para apoiar ás granxas pasan por axudas directas, ben por becerro sacrificado vinculado a vaca nutriz, ben un pago por granxa ou por vaca nutriz. De cara ó futuro, a organización pide ademais medidas de ordenamento do sector e apoio á venda directa do produtor ó consumidor.

Preocupación polo decreto de nutrición sostible dos cultivos
O coordinador de vacún de carne do Sindicato Labrego, Brais Álvarez, manifestou tamén hoxe a súa preocupación polo decreto sobre fertilización sostible que prepara o Ministerio. Álvarez pediu que a Consellería se pronuncie sobre o borrador do decreto, pois considera que a maioría das ganderías de carne de Galicia “non teñen viabilidade técnica nin económica para adaptarse ó decreto”.

O proxecto ministerial quere prohibir a aplicación de xurro polo sistema de prato, pero desde o Sindicato Labrego consideran absurdo que se lles queira impoñer a inxección de xurro ou sistemas similares a granxas que traballan principalmente con pasteiros, con frecuencia en zonas de orografía complicada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información