A gandería de vacún de carne bordea o K.O

Ourense acolle este mércores unha nova concentración de produtores, trala celebrada en Ortigueira o pasado venres. Os gandeiros reclaman medidas que enfronten a suba de custos e que permitan recuperar prezos dos becerros. Advirten ademais da necesidade de controlar a fauna salvaxe

A gandería de vacún de carne bordea o K.O

Gandería de vacún de carne. / Arquivo.

As granxas de vacún de carne acumulan unha sucesión de duros golpes nos últimos dous anos. Primeiro foi a Covid, no primeiro trimestre do 2020, que tirou cos prezos dos becerros. Logo, o aumento de custos, en especial dos pensos de ceba, sen que os prezos do gando se chegasen a recuperar, e a iso hai que sumarlle o aumento dos problemas coa fauna salvaxe. O diagnóstico é claro, pero a ausencia de medidas para enfrontar a situación deixa ás granxas ó borde do KO.

En demanda de medidas, Unións Agrarias está a promover unha campaña de concentracións comarcais. Tralos actos celebrados en Santiago, Lugo e Ortigueira, este último o pasado venres, Unións prevé este mércores unha nova concentración en Ourense. O obxectivo da organización agraria é que as Administracións poñan solucións enriba da mesa.

“Cebar e vender un becerro a final do 2021 supón para as granxas unha perda de 200 euros en comparación con hai 2 anos” (José Ramón González, Unións Agrarias)

“Cebar un becerro a final do 2021 representa para as granxas un custo engadido de 200 euros, en comparación con xaneiro do 2020” -explica José Ramón González, responsable de Gandería Extensiva na organización agraria-. “O aumento de custos, sobre todo penso, pero tamén gasóleo e outros, representan 150 euros máis por xato, en tanto que as granxas cobran a día de hoxe polos becerros 20 céntimos menos por Kg. canal en comparación con xaneiro do 2020. En conxunto, falamos dunha perda de 200 euros por animal”, calcula.

Para enfrontar a perda de rendabilidade das granxas de vacún de carne, Unións avoga por medidas das Administracións que fagan cumprir a Ley de la Cadena Alimentaria. “Non se poden vender os becerros por baixo dos custos de produción. As industrias e os consumidores teñen que ser conscientes de que a carne de calidade hai que pagala. A ninguén se lle ocorre que vaia atopar unha botella de Rías Baixas no supermercado por 1,80 euros”, compara José Ramón González.

Lobo e xabarín
Á situación de falta de rendabilidade, engádese o malestar das granxas pola escalada de danos que perciben na fauna salvaxe, coa “connivencia de Administracións e sociedade”: “O xabarín desfainos os prados un día si e outro non. Co lobo, ata o de agora non eramos unha comarca de moito problema de lobo, sabédelo coma min, eran uns casos pero máis nada, pero desde hai un ano isto é un desastre”, expuxo a gandeira local Rosa Carrodeguas na concentración realizada por Unións en Ortigueira.

“Nós temos que ter os becerros coma nun hotel de 5 estrelas, pero se me aparece un becerro cun cuarto de atrás comido polo lobo, iso non é un problema” (Rosa Carrodeguas, gandeira de Ortigueira)

A gandeira compara a protección que percibe sobre a fauna salvaxe coa indefensión que sofren as granxas. “Benestar animal, nós temos que ter os becerros como se estivesen nun hotel de cinco estrelas, pero se me aparece un becerro cun cuarto de atrás comido polo lobo, iso non é un problema”, critica Rosa Carrodeguas, que pide que se poñan solucións enriba da mesa.

Unións insiste na necesidade de controis poboacionais tanto de lobo como de xabarín. “O lobo non pode estar metido nas casas porque calquera día teremos unha desgracia” -cuestiona o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo-. “Xa tivemos ataques de xabaríns a persoas, como o que se viviu en Ferrol hai uns días, e antes ou despois pasará tamén co lobo”, pronosticou.

Jacobo Feijoo considera que deberá ser posible cazar o lobo, sexa unha especie de especial protección ou non. “Cando vexamos necesarias intervencións de caza, pedirémolas e actuaremos xuridicamente se é necesario”, avanzou.

“O lobo non pode estar metido nas casas porque calquera día teremos unha desgracia” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

En canto ós ataques de lobo sobre o gando, que se seguen sucedendo a diario, o responsable de Unións pediulle ós gandeiros que sigan dando aviso á Xunta. “A actual orde de axudas está caducada, pero séguense facendo as inspeccións para cubrir as indemnizacións coa seguinte orde. Temos o compromiso da Consellería de Medio Ambiente de que se publicará e non pararemos ata vela publicada”, sinalou Feijoo, que criticou o pasado venres en Ortigueira o amago que fixera Medio Ambiente de eliminar o pago de indemnizacións por ataques de lobo ó gando.

Mobilización de gandeiros de vacún de carne en Ortigueira. / Imaxe: Unións Agrarias.

Mobilización de gandeiros de vacún de carne en Ortigueira. / Imaxe: Unións Agrarias.

Veterinario en Ortigueira
A concentración de Ortigueira pechouse cunha cuestión local, “a ausencia dun veterinario na Oficina Comarcal Agraria desde hai máis de dous anos”, segundo expuxo o responsable de Acción Sindical de Unións, Félix Porto.

En tanto os concentrados lle entregaban o pasado venres á Oficina Agraria un novo escrito en demanda de solucións á falta de veterinario, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo estaba inaugurando esa mesma mañá no concello de Touro unha Oficina Agraria Móbil, que a Xunta sinala que completará os servizos da actual rede de oficinas comarcais, que asegura estar potenciando.

Debate no Parlamento sobre posibles axudas
Tamén o pasado venres, durante a concentración de Ortigueira, debatiuse na comisión de Agricultura do Parlamento unha proposta do grupo socialista para abrir unha nova liña de axudas para a gandería de vacún de carne. Os socialistas propuñan similares apoios ós lanzados o ano pasado para paliar os baixos prezos dos becerros a causa da Covid.

O grupo socialista advertiu de que os prezos non se recuperan a niveis pre-Covid, polo que consideraba preciso convocar novamente este ano axudas para as granxas, se ben o grupo popular opúxose e botoulle en cara ós socialistas a medida adoptada polo Ministerio de Transición Ecolóxica para aumentar a protección do lobo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información