Gandería de precisión, cara a onde vai?: anticipar enfermidades e manexar recría

A incorporación da robotización e das tecnoloxías da información e a comunicación, especialmente con ferramentas como o big data e a intelixencia artificial, están a revolucionar a forma de traballar nas granxas. Analizamos o futuro dos avances aplicados a explotacións de produción de leite

Na primavera instalaron un robot de muxido da marca Delaval con porta selectora

A actividade diaria de moitas ganderías de leite non empeza xa diante dos seus animais senón diante dunha pantalla de computador. O robot de muxido substituíu ás salas convencionais en moitas delas e as alertas e a análise de datos á observación do gando. Moitas das decisións sobre que facer en materia de alimentación, muxido, tratamentos, secado, descartes, etc., veñen dadas xa a día de hoxe por algoritmos matemáticos.

É un cambio de paradigma no sistema de traballo de moitas granxas, onde o manexo en grupo deu paso ao tratamento individualizado das vacas e as tenreiras. Un recente webinar organizado por Cajamar baixo o título Cara á cuarta revolución agraria. Dixitalización en gando vacún leiteiro analizou o papel destas novas ferramentas cada vez máis implantadas nas explotacións lácteas intensivas.

A detección precoz de enfermidades tanto en vacas en produción como en tenreiras de recría é agora o gran reto, unha vez desenvolvidos e implantados métodos de automatización produtiva

“É incrible a velocidade de avance en materia de tecnoloxía no sector, polo que é aventurado dicir cara a onde imos”, asegura Fernando Estellés, investigador do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Animal da Universitat Politècnica de València, que considera que a detección precoz de enfermidades tanto en vacas en produción como en tenreiras de recría é agora o gran reto, unha vez desenvolvidos e implantados xa en moitas explotacións métodos de automatización produtiva.

Por iso, ademais dos sistemas de muxido robotizado, os arrimadores automáticos de comida, as unidades autónomas de elaboración de racións ou as amamantadoras nodriza para tenreiras, existen outros sistemas preditivos novidosos aplicados xa en granxas porcinas ou avícolas e que nos próximos anos poderían verse tamén en ganderías de vacún de leite.

Sería posible detectar enfermidades respiratorias en tenreiras lactantes a través de micrófonos que gravan a tose, como xa se fai en porcos

“Poderíanse detectar enfermidades respiratorias en tenreiras lactantes a través de micrófonos que gravan a tose, como xa se fai en porcos, saber como se distribúen os animais nas instalacións a través do control GPS, algo xa probado en polos e que funciona moi ben, ou contar con detectores en continuo de pH no rumen, que achegaría datos interesantes en materia de alimentación e detección de cambios metabólicos”, detalla Fernando.

Tratamento individualizado: a fin do concepto de rabaño

A obtención de datos en tempo real de cada animal permite a toma de decisións individualizadas e, en ocasións, adiantarse na prevención e tratamento de enfermidades que, doutro xeito, tardarían horas ou mesmo días en ser detectadas e tratadas, permitindo así lograr maior eficiencia produtiva e unha redución, por exemplo, no uso de antibióticos.

Esta individualización no manexo do gando en cuestións como alimentación, reprodución ou saúde conduce a poñer en cuestión prácticas estandarizadas aplicadas ao conxunto de animais. “Acabouse o rabaño, que pasa a ser unha suma de individuos, e as decisións non son de grupo, senón individuais de cada animal, dando a cada un unha resposta en función dos datos individuais obtidos”, explica Fernando.

Acabouse o rabaño, que pasa a ser unha suma de individuos, e as decisións non son de grupo, senón individuais de cada animal

Con todo, matiza, “gandería de precisión é coñecer unha a unha a cada unha das túas vacas e as súas necesidades, que é algo que xa viña facendo tradicionalmente nas explotacións, polo que a tecnoloxía o único que veu é a facilitar que se siga facendo a pesar do aumento do número de cabezas”, destaca. “Mirar ao ordenador é complementario a mirar ás vacas que temos no establo”, conclúe.

Toma de datos e monitoraxe

A implantación de sistemas automatizados, tanto de muxido como de alimentación, permite, ao mesmo tempo, implantar tecnoloxías complementarias de toma de datos e monitoraxe individualizada dos animais. “Cando robotizamos non é só poñer o robot, hai moito máis”, asegura David Sánchez, da empresa DeLaval.

O robot de muxido achega unha infinidade de datos sobre produción (que permiten dar prioridade nos permisos de muxido aos animais en pico de lactación, tomar decisións sobre cando proceder ao secado ou puntear o concentrado para premiar ás vacas que máis producen e evitar a sobrealimentación das menos produtivas) ou actividade (moi útiles para a detección de celos e a mellora nos índices reprodutivos), que poden complementarse con outros datos preditivos en materia de saúde, a través de cámaras de medición da condición corporal do animal (cámaras RGB que toman imaxes do animal cando este se atopa no robot) ou analíticas de aspectos como a concentración en leite de BHB (que permite detectar cetoses subclínicas para tratar precozmente con propilengilcol) ou LDH (útil para a detección de mamites).

Determinados modelos de robot de muxido permiten analizar a concentración de BHB, LDH e proxesterona en leite, o que permite diagnósticos precoces de cetoses, mamites e desordes reprodutivas

“Trátase de traballar en preventivo, detectando o maior número de mamites subclínicas ata 36 horas antes de que o poida facer o gandeiro”, defende David. O robot ten a opción de incorporar tamén un lector de células somáticas para saber en canto contribúe cada vaca ao conxunto de células do tanque, o que permite detectar e eliminar vía descartes aqueles animais máis problemáticos.

A nivel reprodutivo, a detección de celos mediante medición de actividade pódese complementar tamén con analíticas sobre a concentración de proxesterona en leite para determinar cando a vaca ovula. Desta forma, ademais de indicar os celos, pódese diagnosticar o estado de xestación do animal, os abortos e desordes reprodutivas como anoestros prolongados, quistes foliculares ou corpos lúteos persistentes.

A recría, o seguinte reto

A amamantadora para as becerras foi unha das últimas melloras na granxa

Tralos avances logrados en robotización e monitoraxe das vacas en produción, nos próximos anos tocará a quenda ás tenreiras, con especial relevancia non só na súa alimentación senón no aspecto de saúde. “Hai moita tecnoloxía que se está probando a nivel de investigación pero está aínda verde como para levar á granxa. Estes sistemas non están tan probados como en vacas adultas, onde levan máis tempo utilizándose, falta afinar en tenreiras”, afirma Fernando Estellés, que leva dous anos traballando nun proxecto de investigación sobre dixitalización e monitoraxe de recría.

As nodrizas aforran moito tempo ao gandeiro pero, a cambio, hai máis riscos sanitarios porque imos criar animais en grupo

Os tres obxectivos que persegue o proxecto son, en primeiro lugar, “que non morran as tenreiras e que estean saudables, reducindo os índices de mortandade actuais”, así como, “automatizar a alimentación controlando o seu desenvolvemento” e “detectar os celos para que empecen a traballar producindo leite na granxa canto antes”, explica.

Existen na actualidade distintas tecnoloxías dispoñibles para o manexo da recría entre as que se atoparían as amamantadoras nodriza, presentes xa en moitas explotacións, os acelerómetros 3D e as cámaras de monitoraxe física e fisiolóxica. “As nodrizas aforran moito tempo ao gandeiro pero, a cambio, hai máis riscos sanitarios porque imos criar animais en grupo. Este tipo de amamantadoras fomentan o consumo de lactoreemplazante ata o punto de que, se non se controlan as tomas, pode non resultar rendible, porque non está claro que iso permita que os animais medren moito máis e mellor, non hai datos concluíntes sobre iso”, asegura este investigador.

O custo de recría é o segundo ou terceiro gasto máis importante nas ganderías e pode supoñer até 5 céntimos por litro de leite producido

En canto aos detectores de actividade en tenreiras, “o seu funcionamento é fantástico para a detección de celo, e iso é diñeiro”, remarca Fernando, aínda que o seu nivel de fiabilidade descende até o 80% en canto á detección de rumia inicial entre as 6 e as 8 semanas de vida do animal, o que, de perfeccionarse o seu funcionamento, “pode servir para tomar decisións sobre cando destetar a cada tenreira lactante e non facelo a un día fixo, como se fai agora”, considera.

Aínda que varía considerablemente en función da taxa de reemprazo de cada granxa, a recría supón o segundo ou terceiro maior custo das explotacións, só por detrás da alimentación dos animais en produción. “É un custo bastante agochado e que non está ben cuantificado aínda en moitos casos, e está tamén pouco valorado o seu impacto a longo prazo, pero segundo algúns estudos pode supoñer até 5 céntimos por litro de leite producido na gandería”, asegura Fernando.

Datos de máis?

Ramiro Fouz, profesor da USC no campus de Lugo e até fai pouco xerente de Africor Lugo, considera que “a recollida de datos sempre é rendible nunha explotación”, aínda que a relación custo-beneficio vai depender do uso que o gandeiro dea a eses datos. “Os que buscan na tecnoloxía solucións para mellorar son os que lle van sacar moito máis rendemento fronte aos que só buscan aliviar a súa carga de traballo coa robotización”, afirma.

Por iso, argumenta: “É rendible poñer un podómetro ou unha cámara de condición corporal? Pois depende. Son ferramentas. Se vas usar esa información a diario é un investimento rendible, pero se non a vas a utilizar é un gasto carísimo. É coma mercar un taladro, por moi barato que sexa, é un malgasto se vas usalo unicamente para colgar un cadro ao ano”, compara.

Os que buscan na tecnoloxía solucións para mellorar son os que lle van sacar moito máis rendemento fronte aos que só buscan aliviar a súa carga de traballo coa robotización

“Investir en tecnoloxía promove unha mellor medición e brinda un maior acceso a datos, pero non garante automaticamente melloras na xestión ou a eficiencia da gandería. A falta de habilidades de interpretación e manexo de datos é unha barreira importante para que os gandeiros se dean conta do valor potencial de información que permite tomar mellores decisións”, asegura.

Os gandeiros teñen unha sobredose de información e de datos. Só se fai caso a un 3% das alertas de mamite dos programas de xestión

Neste sentido, indica, “moitas veces falas cos gandeiros e dinche ‘teño datos de máis’. E iso retrae ás veces ao gandeiro para adoptar novas ferramentas e aplicacións”, asegura. “A tecnoloxía permite a monitoraxe individual dos animais pero é necesario un labor de racionalizar eses datos para a toma de decisións”, engade.

Os datos están moi ben, pero a vaca hai que tocala tamén, porque se non estamos na granxa de pouco van servir os datos

Na mesma liña, Fernando Estellés recomenda: “A pregunta inicial é para que quero eses datos, se os vou utilizar ou non. Non compro o sistema e logo vexo que fago cos datos, é ao revés”, opina. E considera que “os gandeiros teñen unha sobredose de información e de datos que fai que lles sexan difíciles de dixerir”. “Estamos a ser atropelados pola tecnoloxía”, di, porque “temos unha capacidade limitada de absorber alertas e datos e só se fai caso a un 3% das alertas de mamite nos programas de xestión, segundo os estudos”, evidencia.

“Os datos están moi ben, pero a vaca hai que tocala tamén. Se non estamos na granxa de pouco van servir os datos”, matiza pola súa banda David Sánchez, que explica que “canto máis grandes se fan as explotacións máis valor teñen os datos porque contan con staff técnico para procesalos e sacar rendemento deles”.

Só o 3% das granxas españolas moxe con robot

A orixe dos robots de muxido atópase en Holanda ao redor dos anos 80, aínda que non foi ata 1992 cando se instalou o primeiro sistema automático de muxido nunha gandería convencional. A chegada a España tivo lugar no ano 2000 e en Galicia os primeiros robots instaláronse en Arzúa e Samos a finais do ano 2004. Desde entón, sobre todo nos últimos 5 anos, o seu avance foi considerable, aínda que a súa implantación segue estando moi por detrás doutros países.

De feito, Suecia, co 29% das súas ganderías robotizadas; os Países Baixos, co 25%; e Dinamarca e Noruega, co 24%, lideran a nivel mundial o ranking de tecnificación. Ségueos Finlandia (15%), Bielorrusia (13%), Bélxica (11%), Canadá (10%), Francia, Alemaña e República Checa (9%) e Reino Unido (8%).

Unha de cada catro granxas holandesas, suecas ou danesas moxe xa con robot, fronte ao 9% de Francia e Alemaña, ao 3% de España ou ao 2% dos EEUU

A robotización do muxido en España chegou ao 3% das granxas, aínda que as previsións das empresas instaladores son dun crecemento importante nos próximos anos. “Avanzará moito máis, isto é similar á implantación do tractor”, compara David Sánchez.

En niveis similares a España atópanse Rusia (4%), Austria (3%), Xapón (3%), Italia (2%), Polonia (2%) ou os EEUU (2%). A media a nivel mundial sitúase no 5% nestes momentos, con importantes países produtores, como Australia, Nova Zelandia, Arxentina, Irlanda, Portugal ou China aínda por baixo do 1%.

Moitas ganderías dos países nórdicos teñen tamén completamente automatizada a alimentación, unha tecnoloxía case anecdótica aínda en Galica

Os países nórdicos marcan tamén a tendencia en canto a automatización da alimentación en ganderías de leite, con instalación de unidades autónomas de confección e repartición de racións. En Galicia é unha tecnoloxía case anecdótica e apóstase máis por solucións intermedias, como arrimadores de comida en combinación cos robots de muxido para incentivar deste xeito que as vacas, sobre todo pola noite, se levanten das súas camas para iren a comer e, de paso, tamén a muxirse.

Custo de acceso á tecnoloxía

Entre as de 12.000 granxas que hai traballando con sistemas DeLaval en todo o mundo hai explotacións de todo tipo, desde ganderías familiares a macrogranxas de miles de vacas, como a chilena Ancali Farms, a explotación láctea robotizada máis grande do mundo, que conta con 64 robots para as súas 3.904 vacas en muxido, cunha produción diaria de 160.000 quilogramos de leite.

Segundo David Sánchez, a flexibilidade horaria e a redución das horas de traballo na granxa ao eliminar o muxido son os motivos principais para a introdución de robots en explotacións familiares, mentras a diminución dos custos en man de obra e a mellora da xestión da granxa con novas ferramentas de diagnóstico estarían entre as razóns esgrimidas polas ganderías de maior tamaño.

A granxa robotizada máis grande do mundo atópase en Chile, chámase Ancali Farms e conta con 64 robots para as súas 3.904 vacas en muxido

Estes sistemas, máis pensados nun inicio para ganderías de pequeno ou mediano tamaño, avanzan tamén en explotacións máis grandes e xa existen salas circulares robotizadas para grandes explotacións. Diante do tradicional dilema de sala ou robot, David defende que “hai que analizar cada caso, pero a fiabilidade e rutina do robot non a dá o operario”, asegura. “Canto diñeiro lle custa a Ancali un mal muxido por unha folga dos empregados?”, expón en relación ao maior custo de acceso á automatización. O aspecto social, de falta de man de obra ou usado como incentivo para facilitar o relevo xeracional na granxa, inclina a balanza en moitos casos cara ao robot en explotacións familiares. “O robot axuda a fixar poboación e a atraer a xente nova ao sector, ese é un modelo moi nórdico e holandés”, defende.

Falta de asesoramento técnico independente

Detrás do “baixo nivel de tecnificación e de dixitalización das ganderías de produción de leite da cornixa cantábrica” atoparíanse, segundo Ramiro Fouz, diversos factores, entre os que destacan o custo, as reticencias polo medo á complexidade da tecnoloxía e a falta de evidencias sobre o impacto positivo que esta terá na gandería.

A adopción de calquera innovación é lenta. Entre innovadores e atrasados transcorre un período de máis de 20 anos na incorporación da tecnoloxía no sector. Vímolo no caso dos robots

“Son tecnoloxías caras e hai que demostrar ao gandeiro o retorno que terá porque non son tecnoloxías que sexan doadas de probar previamente á súa adquisición”, asegura Ramiro. Por iso, di, “bótase en falta unha investigación independente sobre a eficacia das distintas ferramentas para cuantificar o rendemento económico potencial do investimento en tecnoloxía nas granxas”. “Bótase de menos un asesoramento independente neste campo, dado que a maioría dos técnicos están vinculados a empresas e casas comerciais”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información