Visitamos a gandería de ovino San Salvador SC, en Lugo xunto con Amaia Santamarta, técnica da cooperativa Vélaro e da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), para charlar sobre o traballo desta cooperativa e o apoio que ofrecen ás ganderías. Tamén falamos con Javier Rodríguez, un dos integrantes desta granxa familiar ovina dedicada á produción de carne.
Amaia, explícanos o proxecto e como xurdiu…
Amaia Santamarta: Vélaro é unha coperativa que se constituiu no ano 2012 da man de Ovica, a Asociación de criadores de ovellas e cabras de Galicia. A idea principal é comercializar e facer compras de material en conxunto. Tamén poñer en valor o producto que estamos producindo en Galicia, en xeral en extensivo, que todos saen a pastos, maman da nai todo o que poden…É un produto moi diferente do que poda vir de fóra.
En qué fase se atopa agora ?
A.S. : Ata agora sempre tivemos unha baixa actividade, principalmente polas características do sector en Galicia, é moi dificil coordinar un número tan alto de granxas cun número tan baixo de animais, e ainda por riba unha variedade infinita de formas de traballar, tipos de explotación… Neste momento estamos intentando relanzar a cooperativa facendo un plan de viabilidade e empezar co proxecto piloto para ir comercializando.
Cales son as principais dificultades e apoios que estás atopando no proceso?
A.S. : As dificultades veñen da estructura do sector. Moitas granxas cunha media de animais que non chega a 9… Entón hai moi poucas granxas profesionais cunha produción continuada todo o ano e isto dificulta moitísimo a comercialización e o noso traballo. Por outra parte, estamos todos moi motivados en conseguir estes obxectivos de comercialización pois sería moi beneficioso.
O outro gran problema é a regulación do mercado. Non existe nin unha mesa de prezos da carne en xeral, e moito menos do sector ovino e cabrún…É un pouco a guerra.
Que obxectivos tedes a curto e longo prazo?
A.S. : O obxectivo principal é urxente é comercializar toda a produción dos socios da cooperativa mellorando o prezo. Secundariamente e a longo prazo tamén pór en valor o noso produto.
Que lle aporta aos gandeiros darse de alta en Vélaro? ten algún coste para o gandeiro?
A.S. : Para formar parte da cooperativa hai que aportar un capital social, que son 100€ que se devolven o día que se dean de baixa. Logo hai unha cota anual de 20€ que habería que ver se a reaxustamos en función dos servizos que ofrezamos pero de momento está así.
Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega e por que decidiches apuntarte?
A.S. : Xa coñecíamos a Fundación hai tempo e decidimos apuntarnos porque necesitabamos alguén que nos centrara un pouco no traballo de facer ese plan de viabilidade. Saber se esta cooperativa pode funcionar cos medios que temos ou que medios e ferramentas precisamos para poñela en marcha. A verdade é que nos axudou moito, cando vimos o programa de asesoramente pensamos que era ese apoio e guía que precisabamos, e así foi.
Como está a situación do ovino e caprino en Galicia?
A.S. : A situación non parece é fácil pero ten moitas potencialidades. A nivel comercialización está entrando moito produto de fóra, é dicir, a produción que hai en Galicia non chega para abastecer a demanda. O tema é organizar a produción e dirixila cara os clientes potenciais, e sobre todo facelo dun xeito no que se reduzan os gastos de produción ao mínimo, e en Galicia temos xeitos de facelo, temos pastos excelentes e abundantes…
Explícanos o número de gandeiros cos que vides traballando.
A.S. : A día de hoxe a cooperativa conta con 74 socios. En xeral o censo de ovino e cabrún está diminuindo a nivel galego e español. Queremos seguir ampliando o número de socios e dar garantías legais e sanitarias aos produtores.
“A lá neste momento converteuse nun resíduo e a administración ten que axudar a buscar unha solución canto antes”
Con que razas de ovellas e cabras traballades?
A.S. : A maioría de granxas non traballa cunha raza específica. Hai xente que si que está dirixida a ovella ou cabra galega pero en xeral non. Tradicionalmente existe o que lle chaman cabana ou rebaño mixto que consiste en femias que foron cruzando de diferentes razas, que están moi ben adaptadas ao lugar, pero non é unha raza concreta. O que sí que é dunha raza de aptitude cárnica son os machos, buscando uns cordeiros de boa conformación.
Cal é o mercado ao que vos dirixides?
A.S. : Inicialmente a nosa idea é dirixirnos ao pequeno comercio priorizando a cercanía: carnicerías, restauración, restauración colectiva…etc. Queremos pór en valor o produto diferente que temos. O volume de produción tense que ir incrementando para cubrir a demanda. O baixo volume de produción que temos agoramente probablemente non chegaría para cubrir as espectativas dunha grande superficie, e probablemente non saberían valorar e pór en valor o noso produto.
É obrigatorio ter o certificado ecolóxico ou algún tipo de etiquetado distintivo?
A.S. : Non é obrigatorio ter ningún certificado. Algúns traballan en ecolóxico e outros non…
O que si que temos incorporado é unha marca de calidade desde o ano 2015 que se chama Pastores de Galicia, que pretende pór en valor a maneira de cría tradicional dos cordeiros e cabritos de Galicia. Os socios que queran e paguen os custes de xestión pode adherirse á marca, pero lóxicamente non é obrigatorio.
A nivel de dixitalización e mecanización, cóntanos un pouco as vosas perspectivas.
A.S. : É algo que está chegando queiramos ou non a todos os niveis: comunicación coa administración, xestión das horas de traballo… Para min ten partes positivas e outras que non tanto. Levar unha boa xestión da granxa e ter datos e información de como van as cousas e como mellorarlas, está ben. Na medida en que a dixitalización axude niso xenial, agora, se serve para esclavizarnos, non.
Algunha cousa que queiras destacar?
A.S. : Queremos comercializar os produtos, e a lá tamén é parte deses produtos e actualmente existe un grave problema. Sempre foi un ingreso complementario nas granxas, pero agora mesmo non existe un sistema de recollida, e está considerado un residuo, quedando acumulado nas granxas e xerando problemas para os gandeiros. Pensamos que é un produto con moitos posibles usos e desde a asociación e a cooperativa estamos creando liñas de traballo para poder sacar este produto, pero sen o apoio da aministración non será posible, porque implica inversións en infraestructura como por exemplo un lavadeiro para poder lavar a lá, un paso imprescindible para a súa comercialización. Isto é un problema en Galicia, a nivel estatal e probablemente a nivel mundial, temos que buscar unha solución canto antes.
Javier Rodríguez: “O asesoramento que nos dá a cooperativa Vélaro non ten prezo”
Cóntanos Javier, como comezastes coa granxa e que características ten?
Javier Rodríguez: Orixinalmente, a granxa familiar tiña vacas e ovellas pero decidimos centrarnos nas ovellas para poder profesionalizarnos máis. Producimos case todo o cereal que consumen os nosos animais, deben de quedar poucos gandeiros na zona que traballen así.… Xa o facían así os nosos avós e pais e nós seguimos coa tradición. As fincas son todas familiares ou cedidas por vecinos pero tamén arrendamos algunha. Intentamos facer unha programación para evitar partos en inverno, pois son máis problemáticos. Despois co tema das razas, partindo das que tiñan os nosos pais, fomos facendo cruces, empregando machos de aptitudes cárnicas para conseguir mellores cordeiros. Cando facemos cría intentamos usar machos cruzados porque tampoco queremos animais moi grandes que demanden moita alimentación.
Cal é a vosa relación coa cooperativa Vélaro?
J.R. : Levamos desde o comezo, por momentos tiveron máis e menos actividade, dependendo das persoas e axudas que houbese en cada momento. Agora mesmo, con Amaia e unha serie de axudas que entraron, están cada vez máis activas e esperamos que vaian logrando os obxectivos marcados, pois sería algo moi bo para todos ter asegurada a venDa da produción a uns prezos de mercado ou mellores… Pero imos ver, oxalá Vélaro siga crecendo e traballando así. Quero destacar que o asesoramento que nos dan non ten prezo, pasamos todo o día chamando a Amaia e sen a súa axuda sería imposible manter isto.
Principales axudas e problemas no voso oficio?
J.R. : A principal axuda é a PAC, que non está mal, pero este ano imos ver…A cousa está rara.
O principalmente problema é a burocracia, teño que pasar moito máis tempo investigando leis e facendo papeis que na propia granxa traballando. Tes que ser un administrativo nivel avanzado e ainda así é imposible que te enteres de todo, terías que estar as 24h do día informándote. Nese sentido é fundamental a axuda de Amaia e da cooperativa Vélaro.
Outro problema é que cando necesitamos xente non atopamos a ninguén, non hai xente para traballar no mundo do campo en xeral e xusto no ovino menos.
A lá é outro grande problema pois témola amoreada, ocupando sitio… Ás ratas gústalle aniñar nelas e é un problema moi gordo ao que non lle vexo saída. Antes se a regalabas viñan buscala pero agora nin regalándoa veñen Non sei por que pasa isto pero imaxino que é polo consumo e produción da industria téxtil.