A gandería de Navarra que gañou rendibilidade ó reducir o número de vacas á metade

Jauregia Esnekiak é a única granxa de vacas que produce e transforma leite ecolóxico en Navarra. Elaboran queixo, iogur e leite fresco e son un dos 70 produtores que integran a cooperativa Ekoalde, a través da cal venden en conxunto e participan en licitacións de compra pública

Mikel, a la izquierda, junto a otros miembros de la familia Azkarate en la granja en Aniz

Mikel, á esquerda, xunto a outros membros da familia Azkarate na granxa en Aniz

“Cando eu e o meu irmán nos incorporamos obrigábannos a meter máis vacas, pero decidimos cambiar de modelo e optamos por facer queixos”, explica Mikel Azkarate, que xunto ao seu irmán Aitor e outros membros da familia integran Lácteos Jauregia (Jauregia Esnekiak).

Situados en Aniz, no val do Baztán, ao norte de Navarra, manteñen unha granxa de 50 cabezas en ecolóxico e son a única gandería que produce e transforma leite de vaca ecolóxica en Nafarroa.

O proxecto, que se completa cunha casa de turismo rural e coa realización de visitas guiadas, dá emprego a 6 persoas. Pero o camiño para chegar a esta situación non foi doado e implicou, sobre todo, un cambio de mentalidade na forma de producir e valorizar esa produción.

“Para vivir da gandería fíxose necesario rachar coas barreiras dos baixos prezos que impoñen os grandes compradores, apostar pola diferenza e pola calidade, e diversificar actividades que xeren sinerxías”, defenden.

Medrar por imposición legal

A produción de leite na casa da familia Azkarate é unha tradición arraigada. “O meu pai sempre tivera vacas de leite herdadas xa do seu pai e eu incorporeime con el no ano 2000. Daquela dicíannos que tiñamos que chegar ás 100 vacas, porque estabamos a xerar dous postos de traballo e o cálculo era de 50 vacas por cada UTA”, lembra Mikel.

Joxe Joakin, o pai de Mikel e Aitor, foi, ata que lles cedeu o testemuño aos seus fillos, un gandeiro comprometido cos movementos asociativos e cooperativos no sector

“Daquela tivemos que facer un investimento para chegar a esas 100 vacas porque as instalacións antigas que tiñamos eran bastante deficientes. Pero no 2003, cando o meu irmán tamén se quixo instalar con nós, pedíannos outras 50 vacas máis, pero nós non estabamos nada convencidos, porque xa comezabamos a ver os problemas medioambientais de ter tantas vacas e tan pouco terreo, así que non víamos nada claro iso de seguir aumentando no número de cabezas”, explica.

Transformar en vez de producir máis

Elaboran queixo, iogur e leite fresca pasteurizada

Elaboran queixo, iogur e leite fresco pasteurizado

Entón plantexáronse transformar. “O problema era que en Navarra ninguén transformaba leite de vaca, as únicas granxas que elaboraban eran de ovella, e a Administración nin sequera tiña esa posibilidade contemplada. Había produción de leite de vaca, pero toda era vendida á industria, principalmente a Kaiku e Danone”, conta.

“Comezamos a informarnos por distintos países europeos e sobre todo polo sur de Francia, pola zona de Aquitania e Iparralde pola proximidade, e preparamos un proxecto. Os datos recollidos indicaban que se podía crear un novo posto de traballo se transformabamos o leite en queixo e producíamos nove toneladas de queixo”, detalla.

Jauregia defende o seu modelo e considérao viable para exportar a outras ganderías

Presentaron os datos ante o Goberno foral e aprobáronlles a creación da queixería. A inversión foi de 340.000 euros e subvencionáronlles o 40%. “Lanzámonos a fabricar no 2004. Deste xeito, o meu irmán instalouse con nós co proxecto da transformación do leite que producíamos”, lembra.

Aínda que cando comezaron só eran capaces de transformar unha parte do leite que muxían e o resto seguíano vendendo a Kaiku. “Comezamos co obxectivo de elaborar 10.000 quilos de queixo a partir de transformar uns 100.000 litros de leite, pero pouco a pouco vimos que cada vez se transformaba máis e se vendía menos leite á industria”, explica Mikel.

Máquina expendedora e paso a ecolóxico

Mikel, junto a la máquina expendedora de los productos de la granja

Mikel, xunto á máquina expendedora dos produtos da granxa

O proxecto dos irmáns Azkarate compaxina tradición e innovación, sobre todo na forma de vender os seus produtos. “Nunha viaxe que fixemos a Italia vimos unha expendedora de leite na granxa, pero nós optamos por montar algo similar en Elizondo, que é a localidade que funciona un pouco de cabeceira de todo o val”, explica.

Jauregia instalou no 2008 en Elizondo a primeira máquina expendedora de leite fresca do Estado español

Aquel punto de venda directa ao consumidor converteuse en xullo de 2008 na primeira máquina expendedora de leite fresca de todo o Estado español. “Iso deunos un boom mediático enorme, foi algo incrible. Nós xa elaborabamos tamén desde 2004 queixo e iogur, pero aquilo do leite axudounos a darnos a coñecer e subimos moito as vendas”, destaca.

“Antes de pasarnos á gandería ecolóxica, fomos visitar granxas galegas, como O Alle e Arqueixal”

“Aquilo impulsounos e axudounos a decidirnos a cambiar de modelo, que xa era algo ao que levabamos tempo dándolle voltas. Xa nos andaba a rondar a gandaría ecolóxica pola cabeza, o que pasa é que non tiñamos formación nin coñecementos e preto tampouco tiñamos ningunha experiencia. Así que fomos a Galicia a aprender. A primeira granxa que visitamos foi O Alle e despois tamén Arqueixal e no 2009 xa demos o paso á gandaría ecolóxica”, conta Mikel.

Ao pasarnos ao modelo ecolóxico decatámonos de que tanto os prados como as vacas gañaran en saúde e, polo tanto, tamén en calidade nos nosos produtos

Esa decisión obrigounos a reducir carga gandeira. “Para cumprir coa normativa de 2 UGM por hectárea tiñamos ou ben que conseguir máis terra ou sacar gando, e optamos por diminuír das 100 cabezas que tiñamos á metade, a 50, porque nós estabamos nese momento en 100 vacas e 22 hectáreas, mentres que agora temos 50 vacas e 40 hectáreas, porque seguimos alugando fincas a veciños do pobo que deixaron de ter vacas”, explica.

“Coa transformación, marcamos nós o noso prezo”

“Neste tempo fomos capaces de demostrar que con menos vacas pódense obter mellores resultados. Hoxe somos 6 persoas en nómina e vainos ben economicamente. Antes, cando estabamos meu pai e máis eu só, do 2000 ao 2004, os números non eran moi boyantes porque aquel sistema obrigábate a estar medrando continuamente e todo o que gañabas era para reinvestir na granxa”, recoñece Mikel.

A media de produción por vaca está en 20 litros diarios

“Coa transformación, porén, marcamos nós o noso prezo, o noso ritmo e as nosas prioridades”, contrapón. A media de produción por vaca está en 20 litros diarios e transforman a totalidade do leite que producen as súas vacas. “Transformamos o 100% da nosa produción durante todo o ano e teriamos a posibilidade de vender máis do que producimos”, insiste.

O 40% do leite vai a queixo, outro 40% a leite fresco e o 20% restante a iogur e batidos. “O noso forte é o leite e o iogur e estamos aumentando as vendas de iogur e baixando as de queixo. De feito, este ano por primeira vez en 20 anos tivemos que apagar as máquinas da cámara dos queixos porque non había queixo, non tiñamos leite suficiente para elaboralo”, conta.

Visitas guiadas

JAUREGIA ESNEKIAK (Navarra) vacas pastando valle del BatzanJauregia pon énfase na parte didáctica e de concienciación do consumidor. “Se temos excedente de produto facemos visitas guiadas, que se enchen, para dar saída ao stock. Publicámolo na nosa web e nas redes sociais e a xente vaise apuntando ata un máximo de 30 persoas. Tamén temos a opción de recibir grupos de 50 persoas que veñen en autobús. Pero se non temos produto dispoñible non facemos estas visitas, porque non ten sentido se despois a xente non pode probar e mercar os teus produtos. Temos tamén unha unidade didáctica preparada para colexios, que lles pasamos antes para que a traballen na clase e despois fan a visita”, detalla Mikel.

No verán, até un 40% da produción da gandería véndese na tenda da granxa tras as visitas guiadas

“Ensinámoslles o gando, as instalacións, ensinamos como elaboramos e dámoslles a probar o produto, pero á xente que vén interésalle sobre todo o contacto cos animais. Interésanos moito tamén que as persoas que se achegan a Jauregia saiban que hai detrás de cada produto e cal é a nosa filosofía de traballo”, indica.

Entre a granxa e a queixería hai unha distancia de 200 metros e nese percorrido, no que hai unha vista panorámica do val, Mikel aproveita para explicar a cultura local e as tradicións. “Iso engancha moito á xente, porque temos unha forma moi peculiar de xestionar o val, na que participa a poboación local”, describe.

Pastos comunais

JAUREGIA ESNEKIAK (Navarra) vacas pastoreo ecologico

Encravados nos Pireneos navarros, a 390 metros de altitude sobre o nivel do mar, o val do río Baztán (nome que recibe o Bidasoa nesta zona) ten un clima suave, aínda que húmido. “Estamos a 20 km en liña recta da costa e cando sopran ventos do mar instálanse as nubes no val e descargan”, explica Mikel.

A climatoloxía resultante é duns 2.000 litros ao ano de precipitacións e temperaturas máximas de 30 graos algún día puntual no verán e entre 0 e -2 graos uns 5 ou 6 días no inverno.

O val no seu conxunto conta cunha poboación total de 8.000 habitantes, dividida en 15 pobos, cada un co seu alcalde xurado e cun sistema propio de xestión dos pasteiros comunais.

Cada veciño con gando ten dereito a utilizar un máximo de 20 hectáreas de pasteiros comunais

“O 84% do terreo do noso val é comunal e hai ordenanzas de hai 500 anos, que fomos actualizando, para regular o seu aproveitamento. Cada pobo ten un voto e estamos representados os 15 alcaldes e alcaldesas, máis os 13 concelleiros do Concello e entre todos se decide”, explica.

“Temos os mesmos dereitos de ocupar o solo comunal tanto os que vivimos da gandería coma os que non. Agora hai moitísimas persoas ou familias que traballan noutras actividades pero por hobbie, por cultura ou por tradición teñen vacas, ovellas ou cabalos. Iso réstanos superficie aos que o temos como actividade principal”, indica.

Posúen 12 hectáreas en propiedade, 8 alugadas e 20 comunais

No caso de Jauregia, das 40 hectáreas totais que traballan, teñen en propiedade unhas 12 hectáreas. A maiores teñen outras 8 alugadas a veciños e 20 que aproveitan dos pasteiros comunais. “Tes que cumprir unha serie de condicións: primeiro tes que ter animais e despois tes que cercar e ter limpa a finca, e todo o pasto que dea esa finca ten que ser exclusivamente para os teus animais, non podes vender nin ceder a herba nin poden entrar os animais do veciño a pastar. Se rompes un só punto das ordenanzas automaticamente retírase esa finca e ábrese un período de publicación para que o resto solicite e, se hai máis dun solicitante, lévaa o que máis puntos teña. Puntúa, por exemplo, estar en ecolóxico, ser novo ou ser muller”, explica Mikel.

Suplementación con fenosilo

JAUREGIA ESNEKIAK (Navarra) vacas

A maioría das 40 hectáreas que dispoñen son de pradeiras naturais, agás unha finca a 10 km da granxa, no fondo do val, onde segan para facer forraxe conservado, en concreto fenosilo (silo cun baixo grao de humidade, con entre un 55% e un 65% de materia seca).

“O ano pasado, co clima que tivemos no verán, non tivemos a posibilidade de chegar a esas porcentaxes, pero nós non queremos alimentar as vacas con silos moi húmidos, por temas de butíricos, debido a que transformamos”, indica.

Ao transformar, temos que coidar moito o que comen as nosas vacas, porque iso pasa despois ao leite e ao produto final

“Temos que coidar moito o que comen as nosas vacas, porque iso pasa despois ao leite e ao produto final. Para ter boa calidade de forraxe nesa finca facemos sementeira directa cada 5 anos para renovar a pradeira”, conta.

A alimentación das vacas baséase en pasto fresco e suplementación con fenosilo. No inverno, durante dous meses, os animais permanecen estabulados e reciben un aporte de 2 kg de concentrado cunha proteína do 15%.

“Facemos unhas 450 bolas de fenosilo ao ano e todas as enumeramos por lotes en función da finca da que proceden e da calidade do forraxe e dependendo da porcentaxe de proteína ou de se é do primeiro ou segundo corte, destinámolas ás vacas secas ou ás de produción. Imos diferenciándoas porque senón ao final non sabes o que estás comendo”, razoa.

Instalacións sobredimensionadas

As instalacións da gandería están sobredimensionadas para o rabaño actual, como consecuencia daquela imposición inicial para medrar. Dispoñen, por exemplo, dunha nave para 100 vacas construída no ano 2000 e dunha sala con 14 puntos de muxido. “Dependendo do número de vacas que muxamos en cada momento, en 2 ou 3 quendas acabamos”, indica.

Os antigos silos de millo da granxa foron reconvertidos no almacén para as bolas de fenosilo

“A nós non se nos adaptaría, por exemplo, ter un robot, porque non podemos ir a calquera hora á granxa se te chama o robot, porque deste xeito muximos pola mañá, botamos as vacas ao pasto e esquecémonos delas ata a tarde que as volvemos traer para muxir, xa que entre medias temos que dedicarnos a elaborar e a facer repartos, non podemos estar pendentes de vir á granxa”, razoa.

En canto ao tipo de rabaño, a nivel xenético partían dunha base frisona, pero tras dar o paso á transformación e á conversión a ecolóxico foron inseminando con montbeliarde e fleckvieh. “Frisonas puras xa non temos, todo é gando cruzado, e despois temos tamén algunha jersey e algunha parda alpina”, describe.

Abonado orgánico

As vacas saen ao pasto entre marzo e decembro. Os dous meses que pasan estabuladas xeran xurro co que despois abonan as fincas destinadas á produción de forraxe e nas que non pastean os animais. “Cada 5 anos realizamos unha análise de solo das distintas parcelas para corrixir desequilibrios e, se nos sobra xurro, abonamos tamén aquelas que máis o precisan”, detalla Mikel.

O soro da elaboración do queixo mestúrase co xurro para enriquecer o pasto das vacas

“Todos os traballos de campo realizámolos nós, temos algo de maquinaria compartida con outro veciño do pobo pero facémolo todo nós. Aquí non dispoñemos dunha empresa de servizos agrícolas que nos resolva a vida”, di.

Agroturismo

JAUREGIA ESNEKIAK (Navarra) cercados

Ademais dunha gandería e unha pequena industria leiteira, Jauregia é tamén unha casa de turismo rural centrada no agroturismo. Joxe Joakin e Emma, os pais de Mikel e Aitor, rehabilitaron no ano 1993 a casa familiar, que hoxe xestiona a súa outra filla, Maider.

Jauregia Agroturismo foi unha das primeiras casas rurais de Navarra

Dispoñen de distintas estancias onde os seus hóspedes, ademais de aloxarse nun pazo baztanés do século XVI, poden integrarse na actividade gandeira da familia e gozar da gastronomía tradicional da zona.

O establecemento, que leva a outra irmá, Maider, está vencellado á actividade gandeira da familia

Hoxe a posibilidade de aloxarse neste pazo medieval (jauregia) complementa a actividade principal de produción e transformación de leite e permite diversificar ingresos e valorizar o territorio e a arquitectura tradicional desta zona rural.

A familia Azkarate habita o lugar desde hai 400 anos, seguindo a tradición segundo a cal o fillo maior herdaba a Casa (Etxea) cos seus dereitos e obrigas. Así foi xeración tras xeración.

A importancia da compra pública para a comercialización: “As nosas vendas subiron moito de setembro a xuño cos comedores escolares”

Mikel, junto a otros productores ecológicos que forman parte de la cooperativa Ekoalde

Mikel, xunto a outros produtores ecolóxicos que forman parte da cooperativa Ekoalde

Desde que comezaron a facer venda directa hai 20 anos, as vendas de Jauregia foron aumentando pouco a pouco ata acadar o 100 % na actualidade. “Nos últimos anos puxemos moita enerxía en estabilizar o noso mercado. Iso lográrono sobre todo coa compra pública. Entramos en comedores escolares e seguimos mantendo grupos de consumo”, detalla Mikel.

“Hoxe en día servimos a uns 10 grupos de consumo de Pamplona e comarca, subministrando produto a unhas 400 familias co noso plan de venda directa. Facemos dous repartos á semana en Pamplona e arredores, que está a uns 35-40 minutos en coche. A metade da poboación de Navarra concéntrase nesa zona e todos os produtores de ecolóxico imos vender alí, pero nós de Pamplona para abaixo non pasamos”, indica.

A venda directa a estes grupos de consumo condiciona a organización da produción da granxa. “Valoraramos a posibilidade de facer concentración de partos pero preferimos ter a produción repartida ao longo de todo o ano, para poder subministrar aos nosos clientes de maneira estable en todas as épocas”, razoa Mikel.

Ekoalde, cooperativa de produtores ecolóxicos de Navarra

Hai 6 anos os produtores de ecolóxico de Navarra crearon unha cooperativa, Ekoalde, da que Jauregia é socio, para vender en conxunto. Está formada hoxe por 70 produtores e produtoras de ecolóxico de Navarra de todo tipo de produtos, aínda que teñen moito peso os produtos da horta.

Mikel forma parte da xunta directiva da cooperativa Ekoalde

“Ekoalde serviunos a moitos pequenos produtores de ecolóxico para podérmonos presentar ás licitacións públicas, porque nós, os que producimos lácteos, por exemplo, non podemos ir sós, porque nesas licitacións inclúese tamén a subministración de verdura ou carne, pero por medio de Ekoalde podemos ofertar todos eses produtos”, recoñece.

Hai 8 persoas traballando na cooperativa, que ten unha facturación de 2 millóns de euros

O funcionamento de Ekoalde é sinxelo: “Todos os produtores depositamos os nosos produtos en Noain, que está no centro de Navarra, e desde alí Ekoalde distribúe. Marcamos os prezos dos nosos produtos os produtores e produtoras e de aí cárgase unha marxe para o funcionamento da cooperativa”, explica.

Comedores escolares

“Ekoalde é hoxe en día unha ferramenta esencial para os pequenos produtores porque che descarga dun traballo de comercialización para o que hai que ser tamén profesionais”, argumenta Mikel.

“A nós, a cooperativa abriunos as portas para entrar nos colexios en formatos de 5 litros e envase reutilizable, que en cliente particular é complicado, porque o discurso véndese, pero na práctica é difícil de xestionar”, recoñece. Jauregia reutiliza os envases, aínda que lles saíse máis barato tiralos e mercar outros novos, pero fano por convencemento persoal.

Ekoalde ten tres liñas básicas de distribución de produto: restauración, na que bares e restaurantes elixen o produtor ao que lle queren mercar; colectividades e licitacións públicas.

Grazas aos colexios, as nosas vendas aumentaron moito de setembro a xuño e no verán suplimos co turismo

O sistema fomenta a colaboración entre produtores. Por exemplo, describe Mikel, “en Navarra non existía moita tradición de transformación de leite de vaca, pero despois de comezar nós fixéronse outras 4 queixerías de leite de vaca. O que facemos nestes concursos é repartírmonos a torta en función da nosa capacidade de produción”, explica.

Grazas a estas compras públicas, recoñece, “as nosas vendas subiron moito de setembro a xuño cos comedores escolares”. O resto do ano, de xuño a setembro, céntranse na venda na propia granxa. “Nos meses de verán temos a venda directa ao turismo para suplir a caída de demanda dos comedores”, indica.

Convencer e presionar á Administración

Un dos grandes logros dos produtores ecolóxicos navarros foi poñerse de acordo para traballar en conxunto a través de Ekoalde e convencer á Administración para que saque convocatorias de concursos públicos adaptados á realidade produtiva dos pequenos produtores locais.

“Aos políticos éncheselles a boca co verde e co produto local e aproveitamos iso para apertarlles e dicirlles que non abonda con falar, que hai que levalo á práctica, que hai que aterrar o discurso da alimentación saudable, do produto de proximidade e sen pegada de carbono, e á Administración o que máis lle doe é que saias a criticar e esa é unha arma que hai que usar”, defende.

Aos políticos éncheselles a boca co verde e co produto local; pois hai que aplicalo

“En Navarra ou no País Vasco hai máis conciencia no consumidor e iso empurra ao noso favor porque hai máis presión á Administración. Ademais, iso axuda a que máis xente vexa neste sector unha alternativa, porque se hai demanda, haberá oferta”, razoa.

“Desde a Administración houbo vento a favor e aproveitamos a onda, pero ninguén nos regalou nada. Levamos toda a vida reivindicando isto e pouco a pouco vanse aterrando os proxectos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información