
Foi durante a pandemia cando esta parella do lugar de O Coutiño, no concello ourensán de Parada de Sil, decidiu facerse cargo dunha explotación gandeira de vacún de carne. Nestes anos medrou exponencialmente tanto o número de cabezas de gando como os terreos que manexan para a produción de pastos e forraxes. Un crecemento obtido co esforzo físico e mental de ambos, sen outra axuda.
No tempo libre que lle deixa a explotación, Miguel adícase á súa empresa de servizos agroforestais, que desenvolve o seu labor na bisbarra. Son moitas horas de traballo todos os días do ano pero os resultados foron chegando e din estar orgullosos do logrado ata agora.
Características da explotación
Situada na beira occidental do macizo ourensán, a Gandería Rocío Prol manexa arredor de 40 nais reprodutoras e preto de 15 xatos. Para a recría dispoñen de dous exemplares. O modelo de negocio está orientado á cría e cebo de xatos.
Na cabana gandeira predominan as vacas casinas (tamén coñecidas como asturianas de montaña). E tamén hai exemplares limousine e rubia galega. “Temos maioría de casinas porque sempre nos pareceu que a súa alta rusticidade é ideal para estas zonas e a súa particular climatoloxía. Porque aguantan perfectamente as temperaturas moi baixas.”, di Rocío.
“Por outro lado, son animais con baixa propensión a contraer enfermidades como a mamite. É un gando duro, con boa dureza de patas, e facilidade de parto notable. Eso tamén permite aforrar custos veterinarios”, apunta Miguel. Para os cruzamentos combinan as tres razas, de xeito que os xatos que se venden son altamente híbridos.
Optamos por ter maioría de vacas da raza casina pola súa dureza e rusticidade. Adáptanse perfectamente ao clima e a orografía desta zona
Para o cultivo de pastos e forraxes, a parella manexa unha superficie dunhas 65 hectáreas, das que 6 son de titularidade propia e as outras arrendadas a particulares da zona. “Temos as parcelas divididas entre as que se empregan para pastoreo e as que son solo para sega e ensilaxe. E hai moito monte arborado.”

Na explotación de Rocío e Miguel predominan as vacas de raza casina e os cruzamentos con limousine e rubia galega
Precisamente a recuperación de montes foi un dos maiores traballos que tiveron que afrontar nos comezos da explotación. “Boa parte do terreo estaba moi abandonado, con moita maleza, moito monte baixo e moita árbore. A medida que desbrozamos e abonamos, imos gañando superficie. Pero leva o seu tempo polo abandono que había.”
Boa parte do terreo estaba abandonado e leva o seu tempo recuperalo
Nesta explotación, por diferentes motivos, non se cultiva cereal. Tampouco na maioría das que hai por esta parte do macizo ourensán. Así, diferentes variedades de pratenses e mesturas puntuais con trevo para ensilado son os únicos cultivos que manexan.
Ademais dos pastos que os animais consumen no verán e a primavera, a alimentación componse de silo de herba e trevo e con aportacións de herba seca. Os ensilados fanse durante a primavera en función da situación climática.
Cultivamos distintas variedades de herba, con mesturas puntuais con trevo para ensilaxe
Comercialización e traballo da terra
O mercado do gando da explotación ten dúas liñas claramente diferenciadas. Unha delas consiste en vender a particulares da zona. Pero a saída comercial máis importante é o matadoiro do Carballiño, que se encarga do sacrificio e distribución da carne que produce a granxa.
Polo de agora, a produción de xatos é a única vía de negocio que están a desenvolver dende a parte gandeira. Non desbotan no futuro criar algún boi ou vaca de desvelle debido á alta demanda e bos prezos que se están a pagar. E non ven na venda de animais para vida unha posibilidade a curto prazo.
Como outros proxectos gandeiros que logo acaban sendo referentes, a explotación naceu un pouco por casualidade. “Eu era peluqueira e durante a pandemia tiven que ir ao paro. Cadrou que había un gandeiro que empregaba terras nosas e que se xubilaba. Así que decidimos coller nós a granxa. Primeiro para que as terras non se deterioraran e despois xa como medio de vida.” Rocío e Miguel comezaron con 6 vacas e en cinco anos xa chegaron a 40, polo que a súa vontade de crecemento está clara.
Unha das principais vantaxes da explotación está no feito de que Miguel é tamén propietario dunha empresa de servizos agrícolas e forestais. “Así, non dependemos de man de obra externa para os laboreos nin temos que estar pendentes de que haxa maquinaria dispoñible. Xestionamos todo o proceso en cada unha das parcelas que manexamos.”
Polo de agora estamos centrados na cría e cebo de xatos, que van na maioría para o matadoiro do Carballiño. Máis adiante poderiamos diversificar
A única pega está no clima e a orografía desta zona montañosa. “Precisamos de moita maquinaria e moi especializada. Tanto para atender as necesidades da granxa como para poder dar o servizo en toda a bisbarra. Hai máquinas e apeiros que só se usan uns poucos días e que só valen para inverno ou para verán, pero é preciso telos.” aclara Miguel.

A orientación da zona de O Coutiño e a composición dos solos obriga a un intenso traballo de desbroce e abonado
A facilidade ou dificultade para acceder a novas terras é algo moi variable. “Aquí estamos nunha ladeira anortada, que da cara ao val de Lemos. Esa orientación norte fai que os solos non sexan altamente produtivos. Ademais a súa composición rochosa tamén lles resta fertilidade. Esas terras si que poden ser fáciles de arrendar pero son pouco interesantes.”
Por outro lado, as parcelas aquí soen ser moi pequenas e moitas delas levan moitos anos sen laborear polo que o seu rendemento é baixo e precisan dun forte abonado e rozado sostido no tempo. “Aparte de que hai xa moita masa arborada que proxecta sombra e tamén reduce a fertilidade.”
Eso si, Rocío e Miguel sempre se comprometen cos propietarios das terras que arrendan ou lles ceden a telas limpas durante todo o ano. “Así nós ampliamos a nosa base de produción de pastos e forraxes e eles quedan tranquilos sabendo que está todo limpo.”
A composición dos solos e a orientación dos terreos non axudan, de xeito que temos que laborear e abonar intensamente para que os terreos produzan
Convivencia coa fauna salvaxe
Como en toda Galicia agás nas áreas metropolitanas, a fauna salvaxe tamén supón un problema para esta explotación. “Xa tivemos tres ataques do lobo. Nun deles só quedou a cabeza do xato e nos outros dous chegamos a tempo de curar as feridas que causaran. Agora levamos tempo sen recibir ataques, pero temos visto lobos a pleno día, polo que a preocupación sempre está presente.”
Aínda que os animais atacados polo lobo eran xatos, estes gandeiros temen que se produzan ataques ás nais no momento dos partos. “Tamén estamos a ter bastantes problemas co xabaril. Sobre todo nos campos de sega. Chegas un día e atopas todo fozado. E o mesmo sucede en parcelas de pasto.”
Nas fincas de sega foi preciso arrincar e triturar toda a herba e volvela sementar. “Esto ven arrastrado, creo eu, porque o xabaril se sinte ameazado polo home e o lobo. E a súa reacción é criar durante todo o ano. Agora baixa ata as casas e as hortas. E tamén se mete nos prados cando están as vacas porque ven nelas unha defensa fronte ao lobo. Séntense amparados.”, di Miguel.

Rocío e Miguel aproveitan tamén as zonas de masa arborada para que as súas vacas vaian pacer
Visión do futuro
Malia o despoboamento e as dificultades que conleva calquera proxecto gandeiro, a parella ten unha visión positiva da gandería cárnica desta zona. “Vemos que naceron novos proxectos e que os que xa había se foron profesionalizando cada vez máis. Incluso hai máis variedade de razas.”
O relevo xeracional é un problema como en toda Galicia. Aínda que, a día de hoxe, as explotacións desta zona mantéñense e mesmo medran
Outra cousa é cando se fala de futuro, relevo xeneracional e man de obra. “Pois, como en todo o rural, hai un problema moi grave de relevo xeracional. Non hai elementos para o optimismo de aquí a uns cinco ou dez anos. Ademais, nós non podemos competir con outras zonas de Galicia que teñen terras e cultivos máis produtivos.”
Tanto a gandería como a empresa de servizos teñen o problema que afecta a todos os sectores: a falta de man de obra. “Nós poderiamos ter empregados na explotación. Pero non os atopamos e temos que facer nós todo. Bueno…todo ata onde chegamos. Porque sendo dous é imposible. E eso traballando fins de semana e horas e horas…”
Servizos agroforestais
A empresa Servicios Agrícolas Miguel naceu coa intención de abarcar todos os labores que se realizan ao longo do ano para ter actividade garantida no tempo. “Eu formeime como técnico forestal superior. Dende roturación de hortas a limpeza de montes, laboreo para cultivos, xardinería, corta de leña…todo o que se poida facer coas máquinas e que teña demanda entraba nos meus plans.”
Unha das actividades principais, pola tradición gandeira desta zona está na recollida de forraxes. “A campaña de herba é un momento de moito traballo porque nos especializamos en dar o servizo para rolos de herba ensilados e para herba seca. Facemos todo o proceso completo ou ben só algunhas partes en función do tipo de cliente.”
Tentamos abranguer todas as tarefas que se poden facer con maquinaria no mundo rural. Eso obriga a especializarse en traballos moi distintos
Tamén teñen unha liña de traballo importante no labor de poda e de retirada de restos de poda de masas arboradas. “Dende hai tres anos temos tamén moita demanda para traballar coa mini-retro (a coñecida como mini retroescavadora ou minicargadora con brazo posterior) e temos dúas máquinas.”

Entre os clientes dos servizos agroforestais destacan 42 explotacións de vacún desta parte do macizo ourensán para as que traballan coas forraxes
Outros traballos que desenvolven céntranse na xestión de faixas de biomasa nas contornas das aldeas -algo imprescindible ante os posibles incendios forestais- e na limpeza de beiras de estradas. “Todo vai cambiando un pouco e saen novas posibilidades cada ano.”
Dado o amplo espectro de servizos que ofrecen, o perfil dos clientes tamén é moi variado. “Temos dende empresas que nos solicitan as mini-retro para traballos en construción ata particulares que queren botar unha leira de patacas. Aínda que os clientes máis numerosos son as 42 ganderías ás que prestamos o servizo de forraxes.”
“E incluso traballamos puntualmente para a Xunta e para concellos. Ofrecer unha multiplicidade de servizos permite diversificar. Tanto podemos facer un pequeno traballo coma un grande. Eso si, toda a oferta obriga a que nos especialicemos en tarefas moi diferentes. Ten que ser así.”
Hoxe contan con sete tractores, un dos cales xa ten plena integración de novas tecnoloxías. “O que pasa é que nos talleres e concesionarios tamén teñen o problema da man de obra. Eso obriga a que teñamos que facer un pouco de todo. De forestais, de técnicos de mecánicos…cada día é unha aventura e hai que saír adiante como sexa.”
A principal actividade é o servizo de xestión de forraxes que ofrecemos a 42 ganderías da zona. Ben en todo o proceso, ben en parte
O radio de acción da empresa é de proximidade, Abrangue o concello de Parada de Sil e os lindeiros, chegando ás veces ata Ourense. “Por demanda poderiamos traballar moito máis lonxe, o que pasa é que non temos nin tempo nin persoal para facer máis. Porque tampouco queremos prestar un servizo que non sexa o mellor. Digamos que nos movemos nun radio de 50 quilómetros.”

O pequeno tamaño das fincas limita a súa produtividade e multiplica as horas de traballo
Por outro lado, o traballo nun espazo próximo permite ofrecer máis servizo a máis clientes no mesmo día ao non haber grandes tempos de desprazamento. “Hai veces en que acabamos antes do pensado e xa nos coordinamos para levar unha máquina ata o lugar próximo e cumprir outra tarefa. Trátase de organizar o tempo e os recursos para cubrir as necesidades dos clientes.”
Galego









Control OJD